Torre del Friero pola Canal Ancha (Posada de Valdeón – León), 17 e 18 de abril de 2014.
Canal Ancha da cara Norte da Torre del Friero (AD, III/2).
Ascender á Torre del Friero pola Canal Estrecha é un deses plans que tiña bosquexados e na recámara dende facía varios anos (as notas que recuperei do itinerario para esta ocasión xa as tiña preparadas dende o 2010), así que cando Víctor me dixera que durante estes días de vacacións de Semana Santa pensaban achegarse ata aló, inmediatamente subinme ó carro…
Mundi, Alfonso, Víctor e eu chegamos a Cordiñanes (Posada de Valdeón) ó redor das 18 h., con só un par de horas de atraso con respecto ó acordado con Maite e Antón 😉 , que xa nos estaban esperando, pero sen noticias de por onde andaban Ernesto e Aviñoá, que tamén pretendían face-la ascensión e que, logo dun rato chamáronnos para decirnos que xa subiran á Vega de Sotín pola mañá. Dende entón fixeran unha inspección previa subindo polas paredes de enfronte á cara Norte do Friero e apreciaron na canle varios resaltes sen neve, así que non estaba claro que o noso obxectivo estivese en condicións axeitadas. Asemade tamén observaran algún resalte sen cubrir pola neve na Canal Ancha.
Pese as novas que nos deron, decidimos subir ata a Vega de La Sotín, xa que -alomenos eu pensaba isto- sempre poderíamos facer algunha outra actividade pola zona e recoñece-lo terreo para outra ocasión.
No meu caso só estivera unha vez na Vega de Sotín, no 2006, cando pasara por ela camiño do refuxio de Collado Jermoso, nunha inesquecible travesía de Cordiñanes a Caín que fixeramos Lurdes, Beni e eu, así que apetecíame moito volver a ascender pola vertixinosa Senda de la Rienda, atravesa-lo paso de Alfredo para entrar no Hayedo de La Sotín, e continuar subindo ata acada-la Vega da la Sotín, onde, o cabo, chegaríamos nun par de horas aproximadamente, xusto a tempo para monta-las tendas antes de que caese a escuridade sobre nós.
Nesta chaira hai zonas herbosas nas que acampar comodamente (ollo coas vacas e as normas do Parque), algúns vivacs sobre pedras e -alomenos nestas datas próximas ó final do inverno- é posible obter auga dun regueiro que nace froito da desconxelación da neve e do xeo, ó fondo e perto do lado esquerdo da mesma veiga seguindo, dende onde acampamos, uns centos de metros en dirección á Vega de Liordes.
Ernesto e Aviñoá estaban acomodados nun vivac baixo un gran bloque perto do comezo da Vega, así que nós acampamos perto deles namentres nos puñan ó tanto das súas pesquisas e plantexaban a alternativa de ascender ó Friero pola Canal Ancha. Non sen pesar pola miña parte, decantámonos tamén por esta opción, considerándoa a mellor, dada-las dúbidas que tiñamos sobre o estado da Canal Estrecha. E como Víctor estaba aínda algo enfermo, e Maite non tiña intención de realizar esta ascensión, finalmente quedamos en saí-los restantes seis (Aviñoá e Ernesto, Antón e Alfonso, e Mundi e eu) ó redor das 5 da madrugada, así que logo dunha rápida cea, metémonos inmediatamente nos nosos sacos para tentar descansar unhas poucas horas.
Vista da estreita forcada ata a que chegaba a canle e por onde pasamos á outra vertente.
Ás 5:30h. xa estabamos metidos nos primeiros metros da canle e pouco a pouco progresamos bastante comodamente e sen máis complicacións que un primeiro resalte rochoso que non cubría a neve e unha fractura da pala de neve algo máis arriba; polo demais, o ascenso ata a forcada formada pola Aguja María Luísa e o propio Friero fixémolo en apenas 3 horas. Esta forcada ten uns 50 últimos metros que discurren por unha angosta pendente de rochas rotas e inestables, encerrada entre as paredes das citadas dúas elevacións, e da paso á cara Sur.
Aquí xurdiu a nosa gran dúbida: -¿e agora… por onde carallo seguimos?-
Na escueta referencia que eu levaba deste itinerario, deberíamos de seguir ascendendo dende o outro lado da forcada, pero atopámonos cun pequeno circo no que por riba nosa a rocha non estaba cuberta pola neve e non víamos claro por onde continuar. Nun primeiro intre, eu apostaba por subir un pouco por rocha para gañar algo de altura e ver se aparecía algunha canle prometedora, pero o máis fácil parecía unha vira en fronte nosa que logo duns primeiros metros sobre terreo pedregoso e terroso continuaba por neve arrodeando o Friero pola cara Sur, e como Antón estaba bastante seguro de que se seguíamos circunvalando empataríamos coa Normal desa cara, xa que víamos no val a curva da estrada na que se soe deixa-lo coche cando se ascende pola Normal da cara Sur, decidímonos por esta opción en vez de buscar un itinerario por rocha máis directo e vertical, que non víamos claro.
Paseniñamente fomos avanzando sen gañar altura, á busca dalgún paso que ascendese de forma fácil cara ó cumio, ata que demos cunha pala de neve que nos permitía subir bastantes metros e que logo remataba cuns últimos metros fáciles de rochas. Por ela chegamos a un ombreiro que pensabamos que debía formar parte da vía Normal da cara Sur, xa que ó seu carón pasaba unha gran pala de neve que, cara abaixo, caía por esa vertente con aspecto de ter continuidade ata a base e, cara arriba continuaba ata o cume. Tomámonos aquí un descanso ó redor da 11h. e logo, en apenas 15 minutos de fácil camiñada pola neve acadamo-lo cume do Friero.
Do outro lado da forcada había un pequeno circo, e no lado esquerdo da foto apréciase a vira pola que nós proseguimos circunvalando á busca dun paso para ascender.
Tra-las fotos e parabéns de rigor, e o percorrido visual dende o noso privilexiado mirador tocaba inicia-lo descenso cara ó ombreiro Nordeste. Xa eran as 12 do mediodía, e eu sabía que o tramo máis perigoso da nosa ruta eran eses 150 m. de descenso pola inclinada pala de neve que conducía ó citado ombreiro, así que non me gustaba a idea de que lle dese máis o sol… En canto nos asomamos ó vertixinoso descenso, a idea de baixa-los 6 sen asegurarnos esvaeceuse de inmediato -menudo cague…-. Como ademais ningún de nós percorrera anteriormente este itinerario, non estabamos certos de ir polo lugar axeitado, así que sacamo-las cordas e fomos montando rápeles ata que atopamo-lo ombreiro por onde abandonamo-la pala que continuaba caendo pola Canal Estrecha, e nós pasámonos ó lado dereito -no sentido descendente- para situarnos ó outro lado do ombreiro xa na vertente cara á Vega de Liordes.
Tivemos que facer 3 rápeles ó límite dos 60 m. da lonxitude das cordas, para chegar a este punto, ó que nos levou un par de horas aproximadamente. Pare elo deixamos unha cinta de 240 cm. en cadanseu bloque de inicio de rápel, así que espero que se alguén pasa pronto por aí, poida disfrutar deste material tan dispendiosamente abandonado 😀
O que si que me parece interesante recomendar é levar entre o material unha estaca e/ou áncora, aínda que só sexa para asegurar este tramo.
Dende aí xa só nos restaba descender facilmente por neve cara a parte baixa da Vega de Liordes (supoño que en dirección ó Llagu Bajero) para, dende o fondo do val, xirar á esquerda e chegar á Vega de La Sotín. Pero despistámonos seguido unhas pegadas e metémonos á esquerda demasiado pronto, polo que para non ter que desanda-lo camiñado aínda tivemos que montar un novo rápel para salvar un cortado que nos depositou na parte alta da Vega de La Sotín.
O caso é que ás 18h., aprox., estabamos de volta no noso campamento onde nos reunimos con Víctor e Maite que, pola súa banda, déranse un “paseo” ata o refuxio de Collado Jermoso, pola Vega de Liordes.
Un descansiño, recollida das nosas cousas e de novo en marcha cara a Cordiñanes, onde collemo-los coches para achegarnos á próxima Posada de Valdeón e tomar esa mesma noite unha excelente cea de fabas e carne no recomendable Restaurante Begoña (tamén é hostal) por 13€ maravillosamente invertidos 🙂
E aínda que pareza mentira, dado que estabamos en plena Semana Santa, botámonos a durmir no soportal da igrexa de Posada de Valdeón, que está en pleno casco urbano, sen que ningún fregués ou freguesa interrumpise o noso sono; iso si -moi a pesar do dormilón de Mundi-, erguémonos ás 8 da mañá non fosen a vir cedo a prepara-la misa que tiñan programada para ese día.
Canal Ancha da cara Norte da Torre del Friero.
Dificultade: AD, III/2
Desnivel: 1000 metros.
1ª ascensión: Juan José Iglesias Arrieta e Javier Mayayo o 26 de febreiro de 1978.
Material: casco, crampóns, piolets técnicos, 2 cordas de 60 m., un par de cravos, 3 parafusos de xeo, xogo de empotradores e xogo de friends pequenos e medianos. (Ó respecto do material, este é moi variable dependendo precisamente das condicións da canle, por exemplo nós non tivemos que usa-la corda para a escalada (salvo para botarlla a un enriscado despistado) pero logo fóronnos necesarias 2 cordas para rapelar dende o cumio ó ombreiro Nordeste por mor do mal estado da neve).
Cordada: Ernesto, Aviñoá, Mundi, Alfonso, Antón e eu.
Aproximación: Algo menos de 2 horas dende Cordiñanes, pola Senda de la Rienda, e pasando polo Hayedo de La Sotín, ata a Vega da la Sotín. onde durmimos. Dende aí séguese cara á Vega de Liordes buscando á nosa dereita o evidente cono de dexección da Canal Ancha, ó que chégase nuns 20 ou 30 minutos.
Descenso: Dende ó cume ó ombreiro Nordeste (ollo, que esta baixada pode ser bastante exposta en función do estado da neve, requirindo incluso de rapelarse) e dende aí polas palas de neve con tendencia ó lado dereito en dirección á Collada de Chavida. Cando nos atopemos perto desta, hai que salva-lo corte (apenas uns 20 m.) que ó final das palas da paso á canle que une a Collada de Chavida coa Vega de la Sotín. Hai un gran bloque lazado e a pouca distancia del, hai tamén outra instalación para rapelar (un parabolt e/ou cravo), puidendo rapelarse dende calquera deles para situarnos xa na canle pola que seguir camiñando facilmente cara á Vega de la Sotín.
Observacións: Corredor máis ancho e sinxelo que o seu famoso veciño Canal Norte Central (Canal Estrecha). Na súa parte superior pasa entre a Aguja Mª Luísa e a propia Torre del Friero.
Croquis e información:
- Para pinta-lo trazado do itinerario que nós seguimos ata a forcada entre o Friero e a Aguja María Luísa usei a foto de: http://adlamilana.blogspot.com.es/2012/04/friero-canal-ancha-ultimos-guitarrazos.html
- Outra boa foto é a de: http://www.elrincondeltrotamundos.com/2007/04/24/una-noche-de-aventura-en-la-senda-de-asotin/
- O mellor croquis e imaxe que atopei por Internet: http://www.foropicos.net/foro/viewtopic.php?f=5&t=16300
- Un par de reseñas de interese:
- En Posada de Valdeón hai numerosos hostais, restaurantes e todo tipo de servizos como panaderías, tendas, caixeiro, …
-
2016 Agosto 16 ás 15:44Por los Clavos de Cristo (Gilbo), Riaño – León, 19 de abril de 2014. | Trepadas: alpinismo, montañismo, escalada e aventura
-
2015 Abril 9 ás 13:57Torre del Friero pola Canal Estrecha (Posada de Valdeón – León), 3 de abril de 2015. | Trepadas: alpinismo, montañismo, escalada e aventura