Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Relato erótico-escalatorio da Pachochiña (Faro de Budiño).

Relato erótico-escalatorio da Pachochiña (Faro de Budiño).

2014 Xuño 4

(só para persoas non facilmente escandalizables)

A primeira vez que a vira -non nos enganemos…-, non había quen se atrevera sequera en pensar en meterlle man. Falando claro e sen sutilezas, o certo é que daba asco meterse nela…, ou pena -segundo se mire-: sucia, escura, chea de terra e vexetación (seguro que ata tiña bechos!), rezumando líquidos e impracticable, esa Pachochiña era ignorada por todo o mundo, cando non directamente desprezada. -Sabe Deus canto tempo faría que non se lle arrimaba ninguén!

A primeira tentativa -ou de como un coitado coma min non foi quen ir máis aló dunha primeira metida de man…-

Xa vai para bastante máis dun ano que fixen un patético primeiro intento de “atacala” que resultou fracasado porque, pese ó seu lamentable aspecto, non se deixaba meter man facilmente e eu -ansioso como estaba- tampouco andei con moitas contemplacións…

Ataqueille de fronte e inmediatamente rexeitoume. Probei un pouco de lado agarrándoa con forza pero volvéuseme resistir e non me deixou seguir. Volvín probar logo dende o outro lado e apenas se conseguín avanzar  pouco máis a base de contorsións e posturas acrobáticas que puxeron en risco a miña integridade física. De novo repetín o intento dende o primeiro lado e metín a man todo o profundamente que puiden para tentar abrirme paso e dobrega-la súa resistencia, pero só conseguín mancarme e ela nin se inmutou…

Alporizado pola súa férrea resistencia colgueime dela e metinme a tope (coas debidas proteccións, por suposto) ata que logrei entrar, ¡ó fin!

A sensación non era cómoda; xa estaba dentro pero a Pachochiña non me deixaba colocarme como quixera; procuraba equilibrarme, pero botábame para fóra e temía que en calquera intre non fose capaz de seguir prendido a ela e acabase expelido contra ó chan.

Explorei coa vista que posibilidades tiña de situarme e suxeitarme de xeito que tivese un mellor equilibrio e control da Pachochiña, pero non vía opcións viables de mellora-la miña precaria situación, sen asumir máis riscos.

Finalmente, como eu non quería mancarme e estaba claro que a Pachochiña resistiríase ata o final, decidín desistir e deixala para outro día que parecese máis receptiva. Pero claro, agora que xa me metera, tampouco era tan fácil saírse sen o seu consentimento, así que en canto notou que pretendía dar marcha atrás, empezou a oporse visiblemente.

A situación non podía ser máis embarazosa; por un lado eu decidira non seguir para adiante ante o risco que supuña para a miña integridade física facelo, pero polo outro lado, a Pachochiña, unha vez que me tiña dentro dela, tampouco estaba disposta a que me fose así, sen máis…

Con moito coidado e delicadeza fun recuando -non sen esforzo- ata o seu bordo, co medo de que se non me mantiña ben agarrado a ela, me soltase de golpe e me mancase gravemente. Tiven sorte ou fíxeno ben -calquera sabe…- porque o caso é que logrei saír e incluso recupera-la protección que puxera (e custoume retirala porque estaba bastante metida dentro e a Pachochiña non a soltou facilmente). E a este respecto, seguro que haberá quen diga que a min que máis me daba e que iso sería problema dela -ben se ve que a vós sóbranvo-los cartos para andar mercando proteccións cada vez que saídes por aí- , pero eu sonvos pobre, así que teño que usa-las mesmas unha e outra vez -e non poñades cara de noxo, eh…; que eu cóidoas e límpoas despois de cada uso para evitar fallos e roturas…-.

O caso é que pese a que este conato non saíra moi ben, eu estaba encaprichado coa maldita Pachochiña, así que xa empecei inmediatamente a matinar en como podería facer para ter éxito con ela.

A segunda tentativa -ou de como se frustraron as miñas intencións antes sequera de empezar…-

Polo pronto, tiña claro que necesitaría dalgunha mellor protección das que eu tiña, así que inmediatamente pensei en Jose Juan.

Jose Juan é un especialista neste tipo de lides, aínda que moi modesto e, sobre todo, un perfecto cabaleiro, así que aínda que xa se ten metido en practicamente tódolos “furados” da zona -disculpade a miña zafiedade-, é tan discreto que non vai presumindo dilo por aí como fan outros… Naturalmente, con tanta experiencia está moi preparado e eu sabía que dispuña do material que eu precisaría para dobrega-la resistencia da Pachochiña.

Faleille aberta e francamente das miñas intencións e el, lonxe de escandalizarse pese a coñece-la miña torpeza neste eido, entendeu perfectamente o imperioso das miñas atávicas necesidades, así que ademais de prestarme a protección máis axeitada segundo a súa experiencia, incluso ofreceuse a darme uns consellos para facilitarme a consumación do meu… “obxectivo”; isto último agradecinllo, pero rexeiteino, posto que non me parecía honrado ter esa avantaxe fronte á Pachochiña. O meu reto consistía en conquistala limpamente -se é que logo de todo o que vos teño relatado, aínda se pode cualificar deste xeito-, sen información privilexiada.

Xa convenientemente provisto co material emprestado, funme achegando amodo ó meu obxectivo, pero polo camiño caín vítima da miña volubilidade e lieime -debo confesalo- con outra veciña que me recomendara Jose Juan. O malo foi que, unha vez satisfeita a miña lívido e aplacada a miña fogosidade inicial, dubidaba que me quedasen forzas suficientes para vence-la segura oposición coa que, a intimidante Pachochiña dos meus desexos, defendería a súa “virtude” e faltoume o pulo necesario para enfrontarme de novo á súa persistente resistencia nun novo intento de sometela. Así que coa escusa de que xa se fixera algo tarde e non eran horas decentes para segundo que mesteres, pasei ó seu carón sen determe, pero botándolle unha desas olladas que o din todo sen palabras, desas que veñen a dicir: -nena…, non me esquezo de ti; xa te meterei man na próxima…- E aí a deixei zumegando líquidos polo seu baixo, pero sen chiscarme sequera o ollo… -madialeva, como se fai de rogar a condenada…-

A terceira tentativa -ou de como unha vez metido a tope dentro dela, a falta de proteccións fiables fíxome dar marcha atrás…-

Xa pasara todo un longo inverno dende o último aborto da Pachochiña, e aínda que parecese o contrario dado o moito tempo transcorrido sen visitala, eu seguía igual de obsesionado con ela; o que pasaba era que eu esperaba que coa chegada do bo tempo mellorase o seu estado e aumentasen con elo as miñas posibilidades de éxito.
Pero non vaiades pensar que eu namentres estivera ocioso á espera duna nova oportunidade; todo o contrario: apliqueime moito e estiven dándolle duro a moitas das súas veciñas que, aínda que maioritariamente máis facilonas, resultaban un excelente “adestramento” para mellora-las miñas habilidades. De feito, apenas facía unha semana que, nuns deses raros momentos nos que me atopara nun punto álxido de confianza e seguridade en min mesmo, conseguira “ventilarme” limpamente á famosa “Carrapucheiriña”, unha cobizada peza á que moitos queríanlle tamén poder meter man.
Sendo honestos, hai que recoñecer que a bruta “razón dos meus desvelos” -por chamala dalgún outro xeito-, non ten comparanza posible coa elegante e distinguida Carrapucheiriña. Esta última caracterízase pola finura da súa liña, destacando a súa esvelteza, delicadeza e altura, namentres que a miña Pachochiña é máis ben ancha, ruda, baixa e todo o mundo repróchalle a súa pequena talla. Pero claro, a historia da sedución da Carrapucheiriña non resulta, nin de lonxe, tan interesante…; baste dicir que conseguín “cepillarma” ó segundo intento (iso si, hai que recoñecer que custoume moito). Gustaríame fachendar un pouco amosándovos unhas fotos en plena “acción”, pero é que aínda que eu sempre levo a cámara cando saio “ó monte” para gardar un recordo das miñas conquistas (¡e non vos escandalicedes, nin me veñades con beatarías! ¿Ídesme dicir agora que vós nunca gravastes un vídeo ou tomastes unhas fotiños cando estades “dalle-que-dalle”, para recrearvos outro día, ou incluso para motivarvos cando andedes liados con outras?. Xa, xa…), desgraciadamente xusto ese día quedeime sen batería -xa é mala sorte, porque a Carrapucheiriña éche para presumir ben…-.
Pero volvamos ó noso asunto principal. O caso é que chegou o día no que considerei que se daban as condicións necesarias para levar a cabo un novo ataque coas maiores posibilidades de éxito, así que aló me encamiñei sereno, confiado e seguro de min mesmo, iso si, acompañado desta volta por Carducho non se fose a torcer algo…
En canto chegamos xa me din conta que o seu aspecto era peor que o da última vez, non en van este inverno fora tan malo e longo que aínda facía pouco que se podía dicir que cambiaramos realmente de estación. Pero obsesionado como eu estaba, a súa aparencia era o que menos me preocupaba -canta razón teñen os que din que a paixón céganos-, así que en canto me preparei salteille enriba coma un poseso, facendo caso omiso dos consellos que o Carducho me dera para “entrarlle”.
Pese ó apresuramento inicial, enseguida ralenticei o meu ritmo e pouco a pouco, con precaución, fun progresando aproveitando as súas debilidades ata que acadei coas miñas mans un lugar ó que nunca antes chegara. Dende aí xa só me quedaba apenas un pequeno impulso final para vence-la súa obstinada resistencia, e superar ese punto de non retorno dende o que xa nada podería impedir que por fin consumase o que levaba desexando dende facía tanto tempo. Pero logo de varios infrutuosos intentos de colocar axeitadamente unha protección que me dese a seguridade necesaria para aplicarme nese definitivo esforzo, vinme nunha situación moi “embarazosa” e acabei por darme por vencido novamente, incapaz de convencerme a min mesmo de que sería capaz de remata-la faena sen correr un risco inasumíbel para min.
Enfadado comigo mesmo, máis que con ela, non puiden máis que observar con que mestría Carducho tomaba o meu relevo e sen apenas esforzo acadaba o premio tan longamente desexado por min. Acababa de asistir como espectador privilexiado a cuan facilmente se podía forza-la Pachochiña, con só un pouco de decisión e unhas mínimas proteccións… E non me tachedes de voyeur, pero é que púxose a facelo sen ningún disimulo, diante mesmo dos meus fociños. ¿Que ía facer eu…?, ¿mirar para outro lado…? ¿Sería iso o que vós fariades? -¡Anda xa!-

  

A cuarta tentativa -ou de como, por fin, conseguín cepillarma, non limpamente, pero case…-

Tardei 3 semanas en volver a decidirme… Aprendera a lección da vez pasada e agora sabía que as miñas posibilidades de éxito pasaban inevitablemente por saber coloca-la debida protección no intre axeitado.
Prepareime un pouco e sen máis contemplacións metinme de cheo na Pachochiña que, desta volta, xa non se resistiu tanto coma outras veces -coido que eu empezaba a gustarlle, despois de todo…-. Pero cando cheguei ó mesmo estreitamento da última vez onde non me collía a man, volvín a atoparme con que non había xeito de sometela… Gabeaba arriba e abaixo polo interior da Pachochiña, tentando cambia-la protección e alternando conatos de ataque e de descanso sen dar pasado do mesmo punto, ata que non puiden máis e deixeime pendurar dela durante un rato namentres avaliaba as miñas posibilidades.
-Chegados a este punto do relato gustaríame dicir que nunca antes me pasara con ningunha outra que tivera que tomarme un descanso en medio da “acción”, provocando a lóxica frustración por tan desconsiderada interrupción no preludio do clímax. Pero lamentablemente debo admitir que non era esta a primeira vez. Supoño que teño que empezar por recoñece-la existencia do problema e busca-la axuda dalgún especialista na materia para tentar recuperala normalidade neste eido…-
Enfadado comigo mesmo pola parada, volvín á acción colocando unha nova protección que anteriormente non fora capaz, por non ser quen de libera-las mans -tan ocupadas as tiña no meu desesperado aferramento á Pachochiña-, e con máis medo que vergoña impulseime nun intento final có que -¡por fin, agora si!- souben que xa era miña. Metín a man dereita tanto como puiden e pese a que aínda non era quen de equilibrarme completamente, coloquei os pés os suficiente como para que non me empezasen a treme-las pernas coa tensión. Sabía que agora xa non había posibilidade de marcha atrás, e que o resto tiña que ser pan comido, pero non me fiaba, así que en lugar de deixarme ir co gozo do que acababa de acadar, apertei un ovo contra outro e controlando a respiración prolonguei un rato máis a concentración ata que cheguei á “meta” e a Pachochiña sucumbiu, ficando rendida ós meus pés.

Nese intre, loxicamente, eu estaba bastante contento pero quedábame un certo amargor porque fora algo forzado, así que namentres me preparaba para marchar xa estaba pensando en volver de novo pronto a darlle outro “repaso”, pero iso si, agora esperarei a que sexa ela a que me chame antes de intentar pórlle de novo as mans enriba; espero que para entón xa con menos reticencias pola súa parte…
-¿Creedes vós que tardará moito en chamar…?- ;-D

 

Nota para despistados/as que a estas alturas do relato aínda estean pensando en chamar á Garda Civil: a Pachochiña, polo Diedro Brona, é unha fenda de 16 m. de escalada en autoprotección, graduada de 6b e situada na base do 1º Risco en Faro de Budiño.

 

 

 

Advertisements