Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Galayos (Gredos, Ávila), 7 e 8 de xuño de 2014.

Galayos (Gredos, Ávila), 7 e 8 de xuño de 2014.

2014 Xuño 12

Fotos de Galayos (Gredos, Ávila) No macizo central de Gredos (na provincia de Ávila), atópase un dos lugares de escalada clásica máis coñecido de España chamado Galayos ou El Galayar, no que as murallas e agullas graníticas que o conforman, ofrecen un ambiente e terreo para a escalada de autoprotección ideal. Longas fendas, chemineas e diedros a esgalla ofrecen infinitas rutas nas que fisureiros e friends encaixan tan perfectamente que parecera que foran inventados para este prodixioso lugar.

Eu nunca estivera nos Galayos, así que cando Víctor e Alfonso me contaron a súa intención de achegarse aló unha fin de semana, a envexa corroíame ante a imposibilidade de poder apuntarme á viaxe por mor do moito choio que tiña nesas datas. Pero dado que non quería perderme esta oportunidade, de inmediato empecei a argallar como podería organizarme e finalmente, a costa de renunciar a algunhas horas de sono e de anticipar moito traballo… O caso é que acabei recollendo o Venres a Víctor en Arenas de San Pedro (Alfonso tivo que renunciar á viaxe por motivos laborais) e, xa xuntos, achegámonos a Guisando para deixa-lo coche na plataforma de Nogal del Barranco. Un parque forestal no que remata a estrada e ademais dalgunhas prazas de aparcadoiro, hai unha fonte e un refuxio aberto (coido que debe ser da garda do parque pero non o utilizan) no que habitualmente vivaquéase no seu soportal ou incluso no seu interior (a porta non se pecha).

Tiñamos reservada praza no refuxio Victory, situado en pleno Galayar, e ó que se chega en pouco menos de 2 horas dende o aparcadoiro seguindo un camiño empedrado que nalgún momento transfórmase en senda e que pasa por un par de fontes (a de Macario, a metade de camiño aproximadamente) antes de pasar ó tramo de maior pendente coñecido como La Apretura, que nos leva ó pequeno edificio que nos acollerá durante un par de días.

Tarifas do Refugio VictoryO refuxio está ó carón dunha fonte da que se acumula a auga nun bidón, ó que se conecta unha tubería da que obte-la auga cun grifo, instalado nun fregadeiro de cociña situado xunto ó mesmo cauce do afloramento. Conta con 8 ou 9 prazas no faiado que pódense incrementar, en caso de necesidade, con outras 8 prazas máis no nivel inferior, se se apartan as mesas e bancadas da estancia. Durante o inverno o refuxio non conta con garda pero está a disposición dos poucas persoas que se atreven a desafia-las súas neves. O resto do ano xa conta con garda e é necesario reservar praza xa que, segundo nos contou Pablo “Palan”, un dos seus gardas, durante os meses de verán está sempre cheo e poden pasar por el 80 ou 90 persoas diariamente, entre escaladores que enchen as torres e paredes de enfronte por todas partes e sendeiristas que se achegan tanto ó propio Galayar, como o cercano mirador de La Mira.

En Guisando hai un camping, ademais doutros aloxamentos, bares restaurantes e tendas de alimentación, pero é unha poboación moi pequena, polo que se se precisan outros servizos, como caixeiros ou comercios, hai que ir á turística vila de Arenas de San Pedro.

Portada da Miniguía Desnivel GalayosCroquis:

La Gran Fisura, Punta Margarita (6a, 50 m.).

La Gran Fisura, Punta Margarita. Fonte: http://www.viaclasica.com/croquis/LaGranFisura_PuntaMargarita.pdfO día amenceu húmido, con algo de vento e cuberto dunha néboa que ocultaba as agullas do Galayar, logo dunha noite na que chovera algo, así que erguémonos sen presa e agardamos a que mellorase o tempo para decidir cal sería o noso primeiro obxectivo.

Víctor, que xa estivera nun par de ocasións pola zona, propuxo que, dado que o tempo non era propicio, fixeramos unha vía curta coa que ir entrando en ambiente e pasa-lo tempo namentres este non melloraba.

O itinerario escollido na Punta Margarita (á esquerda do Torreón), non debe chegar ós 60 metros polo que somentes ten dous longos, pero primeiro o frío e logo un intermitente orballo, non nos permitiron disfrutar dunha vía que noutras condicións sería moi recomendable.

1ª ascensión:

Pedro Mejías, Manuel Oronoz e Carlos Soria en 1969.

Resumo:
A vía non ten perda xa que a fenda que a percorre de arriba a abaixo faina evidente. O tempo era malo, así que pasamos bastante frío e tivemos que escalar con forro polar e chuvasqueiro; ás veces incluso facían falta as luvas porque os dedos quedábansenos tesos co frío, coma se estiveramos escalando en xeo…

Percorrido e dificultade:
6a e V+. Son 2 longos completamente protexibles con friends e fisureiros ata o nº 3 de Camalot. Hai 4 ou 5 cravos en toda a ruta.

L1. 6a, 25m. Súbese recto cara un pequeno desplome que da paso a unha curta cheminea que acaba estreitándose para convertirse na fenda rectilínea que destaca na parede dende o lonxe. Nós montamos reunión nun bloque algo solto xunto a un cravo -tamén pouco fiable-, pero pode que houbese sido mellor face-lo nunha pequena plataforma algo máis arriba.

L2. V+, 25m. Séguese recto pola gran fenda ata o seu remate xusto embaixo do penedo somital. Uns 7 metros máis abaixo e á nosa esquerda xa se ve o tinglado para rapelar. Pódese montar reunion embaixo do cumio e logo ascender facilmente, pero con coidado no destrepe, os 3 metros que nos separan do punto máis alto.

Data:
07/06/2014.

Cordada:

Víctor e eu.

Lonxitude/Desnivel:

50 m. 2 longos.

Descenso:

Hai dous rápeles con parabolts, na canle-diedro da vertente da nosa esquerda, que nos deixan na base da agulla.

Material necesario:
2 cordas de uso en doble (60 m. c/u), unha ducia de cintas exprés, un xogo de friends ata o nº 3 de Camalot (un nº 4 pode ser interesante no 2º longo) e empotradores de tamaño pequeno e medio.

 

Sur de la Apretura, Pequeño Galayo (V/V+, 130 m.).

Sur de la Apretura, Pequeño Galayo, miniguía Desnivel.De regreso do noso primeiro contacto co Galayar, decidimos comer algo e esperar a que mellorase o tempo antes de volver a tentar escalar nada máis. A néboa ía e viña, pero só aparecía o sol no fondo do val, ata que finalmente o ceo despexouse o suficiente como para permitirnos unha nova saída. Como xa pasaban da 6 da tarde, achegámonos ó próximo Pequeño Galayo, no que unha curta e fácil vía permitiríanos remata-lo día dun xeito máis compracente do que o comezaramos.

1ª ascensión:

Agustín faus e José Barroeta, en 1952.

Resumo:
Vía de baixa dificultade  (IV), agás o último longo (V/V+) que non é necesario realizar salvo se se quere facer cume, xa que o descenso faise seguindo uns fitos que hai dende a penúltima reunión.

A aproximación é moi evidente dada a súa proximidade co refuxio (apenas 5 minutos) e para localiza-lo comezo da vía pódese usar como referencia uns visibles vivacs que hay un poco máis abaixo e á esquerda.

Percorrido e dificultade:
IV-, IV, IV, III e V/V+. Son 5 longos completamente protexibles con friends e fisureiros ata o nº 3 de Camalot.

L1. IV-. Súbese por terrazas e un diedro, ata unha ampla repisa baixo unha cheminea e diedro.

L2. IV. Sáese un pouco pola dereita para seguir verticalmente polo camiño máis evidente ata acadar unha nova cómoda repisa baixo uns teitos.

L3. IV. Evítanse os teitos saíndo polo lado esquerdo e cun paso bastante aéreo séguese remontando unha cheminea que nos sitúa nunha nova cómoda terraza.

L4. III. Séguese por un fácil e rectilíneo diedro ata  o seu remate nun ombreiro con grandes bloques baixo o inicio dunha atractiva fenda final que se divide en dous ramais, un máis vertical cara o cumio e outro con tendencia á dereita. A reunión faise baixo estas fendas e xa se pode ver á nosa dereita algún fito que sinala a ruta de descenso destrepando.

L5. V+, 20 m. Pódese escoller entre ataca-la fenda que nos leva en vertical ata o cumio -algo máis difícil- , ou toma-lo ramal da dereita, que tamén acada o cumio pola chamada Placa Rivas. A reunión móntase nun tinglado de rápel baixo o gran bloque polo que facilmente pódese un empoleirar no cume.

Data:

07/06/2014.

Cordada:

Víctor e eu.

Lonxitude/Desnivel:

130 m. 5 longos.

Descenso:

Dende o cumio báixase ata o ombreiro de comezo do último longo, no que uns fitos sinalan a ruta de destrepe por bloques e repisas ata acada-la Canal de Trocha Palomo.

Material necesario:
2 cordas de uso en doble (60 m. c/u), unha ducia de cintas exprés, un xogo de friends ata o nº 3 de Camalot e empotradores de tamaño pequeno e medio.

Travesía da Punta Mª Luísa ó Torreón.

Logo do mal tempo da vespera prevíase un bo día e, afortunadamente, o pronóstico cumpriuse, así que ás 10 da mañá estabamos preparados no arranque dun percorrido no que, ó final, botaríamos todo o día.

A nosa intención era realiza-la escalada da Punta Mª Luísa pola vía do Gran Diedro, tamén coñecida como Diedro Ayuso-Espías, e logo continuar facendo unha travesía que pasase polos cumes da Punta Conchita, Punta Lirios, Punta Innominada e Torreón. Un percorrido que tiña a súa máxima dificultade no famoso diedro do 3º longo da vía pola que ascenderíamos á Punta Mª Luísa, graduado de 6a+ ou de 6b, en diferentes croquis, pero que a nós pareceunos máis difícil do que se lle da 😦 .

Como non pensabamos que nos levaría tanto tempo (ó final botamos 10 horas desque empezamos ata que acadamo-lo cume do Torreón), decidimos non levar mochila, o que obrigounos a ir todo o traxecto vestidos co forro e a chaqueta e a só levar un botellín de auga e varias barritas para os dous. Afortunadamente, a maior parte do tempo estivemos á sombra ou deunos algo o aire, así que non o pasamos demasiado mal pola calor nin a sede. Iso si, coma eu tiña a man dereita hinchada coma unha pelota por mor dalgún becho que debera de picarme a véspera, ás veces fíxoseme longa a xornada por mor da dor e cando chegaba a miña quenda de ir por diante… maldita a gaña que tiña… 😉

Pero a xornada empezou cun primeiro longo de trámite (nós guiámonos por un croquis que sinalaba un ascenso de III ata a primeira reunión, pero posteriormente vin que tamén é posible subir máis directamente, IV+, empezando un dende pouco máis abaixo de onde nós o fixemos), ó que seguiu un segundo longo que pensabamos sería de V, pero que pareceunos notablemente máis duro, o que fíxonos temer que o que nos toparíamos no seguinte tramo podería supera-las nosas “expectativas”… -e así foi!-.

O terceiro longo… superounos… Antes de nada aclararei que eu gradueino de 6c neste artigo, non porque non pense que incluso poida ser aínda máis difícil, senón porque, dado que eu non escalei nin unha decena de 6b (e case todos de deportiva), non me atrevo a sobrecotalo máis: a ver que opinan os que xa o escalaron… O caso é que, desque Víctor arrancou encabezando este longo, tardamos ¡1 hora e media! en volver a xuntarnos na seguinte reunión. O tramo final tivemos que superalo en artificial, porque en libre… -eu ía colgado da corda e nin así lle vín a cor…-.

Travesía da Punta Mª Luísa ó Torreón. Fonte: http://paredesdelmundo.blogspot.com.es/2008/08/galayos-cresta-maria-luisa-torren-una.htmlUn par de longos máis deixáronnos no cumio da Punta Mª Luísa, cunha enganosa perspectiva do que nos quedaba por diante, xa que o noso percorrido quedaba oculto tra-la Punta Conchita, na que víamos como unha cordada ascendía cara ó seu cumio. Por riba dela só podíamos ve-la cara Oeste do prominente Torreón, pero como a nosa ruta ascendía polo diedro da cara Sur do Torreón, tampouco podíamos aproveitar para facernos unha idea do que nos esperaba.

Atravesamo-la brecha para situarnos no cumio Norte e iniciamo-los 30 m. de destrepe por bloques e terrazas (III) ata a golada entre a Punta Mª Luísa e a Punta Conchita. Dende aí ascendimos desencordados directamente por entre fendas e bloques buscando o camiño máis fácil (III+ ou IV, dependendo de se se acerta ou non coa mellor ruta) ata acada-lo noso seguinte cumio, polo que coido que se considera o final da vía Normal Sur.

Do seguinte tramo para acada-la Punta Lirios non lembro nada o que faime supor que debeu de ser un fácil destrepe (II) en dirección ó Torreon para acada-la seguinte brecha, e logo escalamos un longo pola Vía del Diedro (IV) ata chegar ó novo cume, dende onde xa podíanse ver unha maraña de vellos cordinos e cintas para rapelar, situadas uns 8 m. por embaixo, en dirección ó Torreón. Para chegar a eses cordinos hai que destrepar con moito coidado (III+/IV) e logo faise un rápel duns 15 m ata a base da brecha que nos separa da Punta Innominada. Na brecha, cara ó Sur vese un característico gran bloque empotrado fendido horizontalmente pola metade, pero nós trepamos en dirección oposta, cara ó Norte, para situarnos baixo a gran “proa” que conforma o atlético e estreito diedro da Vía de los Polinizadores (IV+). A escalada deste diedro sitúanos no cumio da Punta Innominada, pero non temos moi claro por onde seguir xa que segundo o noso croquis deberíamos de arrodea-la cara Oeste do Torreón que temos en fronte, por unhas viras que non vemos.

Parécenos factible escalar por uns bloques e fendas da parede do Torreón, directamente enfronte nosa para acadar unha prometedora plataforma, así que cun corto rápel (15 m.) situámonos no comezo do nosa última ascensión da xornada. Este longo (IV+) sitúanos nunha terraza xa no lado Sur do Torreón, baixo un novo diedro que escalamos nun curto longo (IV) que nos deixa sobre unha cómoda repisa dende a que xa só nos resta o último longo coincidente co diedro final da vía Sur Clásica do Torreón (V/V+).

Víctor no cume do Torreón. Foto cortesía de https://www.facebook.com/JorgeBarbaPirata

O último longo rematámolo en canto saímos do diedro final, nun tinglado de reunión dende o que xa podemos camiña-los escasos 8 m. sobre a placa que conduce ó estreito cume do Torreón. ¡¡¡¡Impresionante bancada!!!!

Eran as 8 da tarde e un sol radiante non acababa de convencerme de que en calquera momento unha tormenta lanzaría os seus raios contra nós, ou que aparecería un vento furacanado que nos lanzaría parede abaixo… -é o que ten prestar oídos ás historias que contas os “Galayeiros”-, así que namentres Víctor preparaba o rápel pola intimidante cara Norte, eu non movía nin unha orella e só desexaba poñe-lo pé na ampla superficie da Plataforma de las Flores canto antes.

Afortunadamente cun só rápel chegamos ó chan e en menos de media hora, pola Canal del Torreón, xa estabamos organizando o material no refuxio para marchar. Iso si, antes de liscar dimos conta dunha latiña de sardiñas e un cacho de fuet, que acompañados do resto de pan de Lugo que nos quedaba, alomenos tapounos o furado estomacal que nos causou o estar todo o día sen comer.

E rematamo-la xornada baixando, co comezo da noite, ata a Plataforma de Nogal del Barranco, onde durmimos no soportal do refuxio que aló hai, para poder así regresa-lo luns o suficientemente cedo como para, alomenos, tomar unha ducha antes de ir ó traballo: -que unha cousa é andar polo monte e outra leva-lo monte ó choio…-

 

Gran Diedro ou Diedro Ayuso-Espías (ED inf, 6c ou C1, 160 m.).

Gran Diedro Ayuso-Espías á Punta María Luisa. Fonte: http://paredesdelmundo.blogspot.com.es/2008/08/galayos-5-vas-5-un-paseo-por-algunos-de.html1ª ascensión:

Antonio Pérez Ayuso e Antonio Espías, o 13 de abril de 1960. En 1980, Manolo Martínez e Marisa M0ntes fixeron a súa primeira escalada en libre.

Resumo:
Vía caracterizada polo sostido diedro do 3º longo, pero da que tampouco hai que subestima-la esixencia dos restantes longos.

Percorrido e dificultade:

IV+ ou III, V+, 6c ou C1, 6a e V+. Son 5 longos completamente protexibles con friends e fisureiros ata o nº 3 de Camalot.

L1. III. Pódese optar por subir por unhas gradas á esquerda do itinierario que se ve no croquis, co que a dificultade non pasa do III (no croquis que nós levabamos, ese era o percorrido sinalado), ou ascender máis directamente dende algo máis abaixo (é o trazado de IV+ que se aprecia na imaxe). A reunión móntase comodamente lazando algún bloque nunha repisa onde comeza o primeiro tramo do gran diedro.

L2. V+. O gran diedro aínda ten apoios e unha fenda ancha de abondo como para que sirva de axeitado prolegómeno para o que nos espera máis arriba. O longo remata nunha moi pequena repisa cun cravo, xusto no punto onde a fenda pola que ascendemos convértese nun perfecto diedro.

L3. 6c ou C1. (Sendo estritos, de facerse en artificial, en realidade é C1 en vez de A1 xa que se durante a escalada non utilizamo-la maza para colocar cravos ou chumbos, é dicir, que só utilizamos sistemas de expansión por levas, empotradores, unlla, cravos ou parabolts xa colocados na rocha, a escalada cualifícase como “limpa” e a gradación represéntase coa C -do inglés clean- seguida do número correspondente). Este é un longo cun diedro-bavaresa duro e mantido, facilmente protexible con friends (é necesario levar tallas medianas repetidas), que no tramo final arrodea un desplome para acada-la repisa da reunión. Ese tramo final é o máis duro, ten un par de cravos protexéndoo e os agarres de pés e mans están bastante esbaradizos. A reunión faise cun par de buriles reforzables en fendas laterais.

L4. 6a. Tirada rectilínea ata un gran bloque que rodeamos con dificultades pola esquerda e que unha vez superado, da paso a unha cómoda plataforma na que monta-la reunión baixo unha cheminea.

L5. V+. Ascéndese pola física cheminea, difícil de protexer, e logo continúase ata unha cómoda repisa entre os bloques cimeiros.

Data:

08/06/2014.

Cordada:

Víctor e eu.

Lonxitude/Desnivel:

160 m. 5 longos.

Descenso:

Atravésase a brecha para situarse no cumio Norte e inícianse os 30 m. de destrepe por bloques e terrazas (III) para acada-la golada visible entre a Punta Mª Luísa e a Punta Conchita. O tinglado do rápel está situado no lado esquerdo, segundo se mira cara ó refuxio. Cun rápel de 60 m. é preciso rematar cun fácil destrepe (II), ou se se prefire, pódese utilizar algunha ancoraxe intermedia para facer dous rápeles.

Material necesario:
2 cordas de uso en doble (60 m. c/u), unha ducia de cintas exprés, un par de xogos de friends ata o nº 3 de Camalot e empotradores de tamaño pequeno e medio (no 3º longo é preciso repetir varios números).

Advertisements