Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección, Sendeirismo / trekking > Ordesa (Pireneos aragoneses), xullo e agosto de 2014.

Ordesa (Pireneos aragoneses), xullo e agosto de 2014.

2014 Agosto 5

Fotos de Ordesa (Pireneo aragonés)O Parque Nacional de Ordesa y Monte Perdido é o segundo máis antigo de España, e foi recoñecido como tal en agosto de 1918, poucas semanas despois do de Picos de Europa (en realidade foi o primeiro proposto, pero daquela o responsable político disto era Pedro Pidal, o marqués de Villaviciosa que xunto ó Cainejo acadou o cume do Urriellu por primeira vez, e dado que por riba de todo era un orgulloso asturiano manobrou para adiantar no tempo a declaración dun Parque sobre outro). En todo caso, o feito de que xa se admirasen os seus valores dende esa primeira época, pódenos dar unha idea do interese natural e paisaxístico deste lugar que, por ende, foi declarado Patrimonio Mundial da Unesco en 1997.

Torla é a vila na que decidimos afincarnos durante a nosa visita a estes lares, acampando no Camping Río Ara, que se atopa a apenas 10 minutos de camiñada por unha senda que o une co casco urbano. Hai, outros dous campings máis de camiño ó val de Ordesa, pero este é o que se atopa máis perto da vila. O turismo é, claramente, o principal sustento económico desta fermosa poboación que conta con múltiples aloxamentos (hotel, hostais, vivendas rurais, albergues,…), bares, restaurantes, un par de tendas de material deportivo e de montaña, varios comercios de venta de souvenirs, carnizaría, un par de tendas de alimentación (ou de calquera outra cousa…), farmacia, un par de caixeiros, oficina de información turística, guías de montaña,…

Da nosa experiencia, recomendaríamos pasarse a xantar (cáseque tódolos locais de restauración ofrecen un menú de 15€) polo refuxio-bar-restaurante L´Atalaya que conta, ademais de cun moi amable e afable propietario, con habitacións e zona albergue (12€/noite, 15€ se se inclúe o almorzo e 28€ en réxime de media pensión); a opción máis barata para comer algo é a Pizzería Santa Elena; e é moi interesante visita-la exposición permanente do Centro de Visitantes do Parque, que está ubicado en Torla, xunto ó aparcadoiro onde se collen os autobuses para o val de Ordesa.

Pola contra, podedes evitar coller un polo ó “Estilo Agustín” para levar por 10€ no Bar Restaurante El Taillón, porque veredes que non se parece nin remotamente ó da fotografía no que se anuncia; e, dende logo, salvo que non vos importe que vos dean unha táboa de embutidos de supermercado en lugar dos artesanais prometidos, non pasedes polo Bar El Rebeco, onde unha vez esgotados estes últimos non terán ningún reparo en substituílos polos primeiros, pero iso si, pagarédelos  ó mesmo prezo de delicatessen

En canto ós vehículos, hai que ter en conta que non se permite o seu uso para acceder á Pradera de Ordesa durante os meses do verán e na Semana Santa, debendo de utilizarse un servizo de transporte público de autobuses que saen dende Torla (3€ a ida ou a volta e 4´5€ ida e volta). Os vehículos poden estacionarse nun gran aparcadoiro que hai na entrada de Torla. ¡Atención ós horarios (en verán o primeiro bus sube ás 6 da mañá e regresa ás 22h., e pasan cun intervalo de 15´ a partir das 8 da mañá) e ós que queiran colle-lo dende os campings que hai xunto á estrada, porque o billete (de subida) hai que mercalo no posto que teñen en Torla xunto ó aparcadoiro e Centro de Visitantes (xa vimos a un grupo ás 6 da mañá que tiveron que colle-lo coche e baixar fostiados a merca-los billetes a Torla, namentres o autobús esperaba por eles na entrada do camping Ordesa)!

A escalada.

Xa estivera polo val de Ordesa alomenos noutro par de ocasións, pero nunca escalara en rocha nel, así que desta volta achegábame coa intención de facer algunha vía nas impresionantes paredes do Gallinero e arredores -¡inocente de min!- 🙂

Con tantas vías abertas nestas inmensas murallas, supuña que só tería que escoller un par delas de entre as moitas posibilidades que seguro habería, pero en canto empecei a buscar xa me decatei que non tería tantas opcións dentro do meu grao (por debaixo do 6b). De feito eu traía en mente un par delas no mítico Tozal del Mallo e ó poñerme a indagar con algo máis de profundidade, non atopei candidatas máis asequibles, así que fácil, o que se di fácil, non había nada…

Hai unha boa guía bilingüe (español e francés) de vías de escalada en Ordesa, basicamente de croquis, publicada no 2011, da que sinalaría que, ó meu modesto entender, paréceme que ben poderían darlle medio grao máis ós valores que asignan ós longos (os V+ para min eran 6a e os 6a podían ser 6a+ tranquilamente): Escaladas en Ordesa, de Christian Ravier e Rémi Thivel, editada por Pin à Crochets.

Unha vez escollidos os obxectivos, antes de nada hai que recoñece-lo terreo -a min gústame tantea-la rocha e coñece-las rutas de acceso e descenso-, así que achegámonos un día ó Tozal para exploralo e contemplar de preto o aspecto da parede. A cara Sur, vista dende a súa base é un caos vertical de bloques e fendas que conforman unha superficie poliédrica e policromática que desacouga… A vía elixida foi a Ravier, a clásica máis frecuentada por se-la máis asequible da cara Sur, así que logo de escudriña-lo posible itinerario decidimos tomarnos un día de descanso (que tiveron que ser máis por mor das choivas) para ir coas nosas forzas intactas.

Compre dicir que a escalada é bastante esixente tanto física como psicoloxicamente, xa que constantemente hai que ir superando un resalte tras outro (non o parece, pero a parede desploma, como comprobamos cando rapelamos por ela…), a rocha non sempre é boa, a sensación de verticalidade é constante dende o 3º longo, e, ademais, o itinerario non é moi evidente, aínda que nalgún longo hai bastantes vellos cravos. Pero todo isto aprendémolo, xa na vía… 🙂

Cara Sur do Tozal del Mallo, vía Ravier, MD, 350 m, 6a+ (V+ obrigado).

Fotos da escalada da vía Ravier no Tozal del Mallo

Collemo-lo primeiro autobús á Pradera de Ordesa, ás 6 da mañá, e nel xa coincidimos cunha cordada de 3 mozos que tamén ían co mesmo obxectivo. Logo, a camiñada ata a base da vía levounos algo máis de hora e media, atopándonos na cabana que hai preto do cruce coa Faja Racón, cun trío de franceses que pernoctaran pensando en ser así os primeiros en meterse na vía, pero que confiáronse de máis e aínda estaban almorzando cando pasamos por xunto eles.

O caso é que cando chegamos a pé de vía, os do autobús xa ían por diante nosa, e o trío francés (non pensedes mal…) pisábano-los talóns. A primeira cordada estaba fora da nosa vista, iniciando o 1º longo por onde, posteriormente comprobamos, debe de i-la ruta, xa que nós optamos por empeza-la escalada moi á dereita, xusto onde se une o característico contraforte coa parede do Tozal.

No noso caso a trepada deste longo repartíase entre escalóns de bloques e arbustos e pasaba xunto a un piñeiro que tiña algún vello cordino ó redor do seu tronco. Estiramo-la tirada ata remonta-lo espolón onde xa perdía verticalidade e montamo-la reunión con friends aproveitando uns bloques fisurados entre a maleza. Este longo rondaría os 50 m de III/IV.

Pola contra, os franceses optaron por irse máis á esquerda e subir por onde o fixo a cordada que nos precedía, nun tramo escalonado de arbustos e bloques, duns 30 m. que empeza xunto a un piñeiro na base dunha canle e que remata xusto ó acada-lo ombreiro do contraforte por riba dunha maraña de cordinos que permiten rapelar este longo en caso necesario.

O seguinte longo, tanto para nós como para as outras cordadas, consistía en ascender camiñando por entre matos de arbustos “pinchudos” de flores amarelas (chámanlles Erizón) ata acada-la base da parede, practicamente na vertical da evidente famosa cheminea “lavada” do 5º longo. Neste caso a reunión montámolo nun spit reforzable nunha fenda próxima. Ata aquí chegamos sen calzarno-los pés de gato, xa que con tanto arbusto, era preferible o calzado normal.

Neste punto, apareceu un guía (seica debía ser Rémi Thivel, o coautor da guía Escaladas en Ordesa) seguido por dous clientes, que nun longo en ensamble saltouse a R1 dos cordinos sobre o contraforte, ascendeu a pendente deste, e superou a R2 na que eu estaba, pasando bastante á dereita da miña posición, e ascendendo de forma directa xa pola parede para montar a súa primeira reunión máis arriba ca nós. Namentres, a outra cordada que ía por diante nosa, montou a súa R3, demasiado á esquerda o que a obrigou logo a facer un longo con algo de travesía para volver a situarse na vía e facilitou ó guía que nos adiantase limpamente ás 3 cordadas. 🙂

Croquis con anotacións a partir do orixinal de Luichy da web de lanochedelloro.com (http://lanochedelloro.com/reseespana/aragon_h_ordesa.html#)No 3º longo -xa con gatos- empezamo-la escalada en rocha propiamente dita e aproveitamo-lo paso do guía e dos seus clientes para monta-la nosa R3 no mesmo lugar ca eles, nunha repisa cun par de cravos baixo uns bloques ó pé dun diedro (en realidade, montamos primeiro a reunión aproveitando un par de cravos e cordinos algo máis abaixo, ata que liberaron o sitio e entón cambiámonos), e observar como superaban a famosa cheminea esvaradía que nos esperaba algo máis arriba. Eles empalmaron os dous seguintes longos (o L4 e o L5), pero nós, escalamo-lo 4º longo ata que atopamos unha reunión conformada por un spit novo unido a un par de cravos por un cordino, algo máis abaixo da cheminea da seguinte tirada.

O 5º longo é o da famosa cheminea que aínda que difícil polo pulida e esvaradía das súas paredes, pódese acerar bastante ben aproveitando os cravos e cordinos que protexen os seus 4 ou 5 metros de percorrido. Inmediatamente tra-la súa superación, móntase a reunión sobre ela nun par de cravos situados un enriba doutro e reforzables cun terceiro dunha fenda algo á súa esquerda.

No seguinte longo a parede xa se amosa máis vertical e a escalada gaña en ambiente e dificultade, montándose a reunión en 3 cravos sobre un alto bloque prominente culminado cunha pequena repisa na que apenas cabiamo-los dous. Este peculiar púlpito é inconfundible unha vez que se chega a el, xa que está unido á parede pola súa base, pero logo elévase uns 2 metros totalmente separado da mesma por un oco duns 25 cm -que resultou providencial cando máis tarde volvemos a pasar por el ó rapelar-, conformado un pequeno obelisco.

O 7º longo resulta algo confuso, pese ó gran número de cravos que se atopan, xa que zigzaguea bastante e os resaltes non permiten ter unha perspectiva do percorrido. Neste longo, unha mala xestión dos seguros polos que pasei as cordas fíxome pasar apuros, xa que chegou un intre en que o rozamento das mesmas non me permitía progresar con normalidade. Para máis INRI, aínda que a distancia non era moita, Beni e eu non podíamos entendernos por moito que gritaramos; tanto foi así que incluso nin se decatou cando sufrín unha caída de 2 ou 3 metros na que quedei sentado sobre unha repisa e tras recuperarme do susto e comprobar que -incriblemente- non sufrira ningún dano relevante, lle berrei unhas cantas lindezas por non terme freado 😉 -logo díxome que ela simplemente notou un leve tirón na corda e que pensou que era unha petición de corda normal.

Seguín avanzando uns metros máis ata que o roce da corda me fixo imposible a progresión e montei a reunión en 2 cravos reforzables noutra fenda paralela, sobre unha repisa facilmente identificable por un característico gran bloque lazable, co volume dun baúl, situado no lado esquerdo da nosa posición. Neste punto -calculo agora que- aínda debían de faltar uns 10 m ata a reunión sinalada nos croquis para este longo.

Beni reuniuse comigo con moito esforzo e díxome que xa non podía máis e que tiñamos que baixarnos porque non se vía capaz doutros 3 longos máis; eu tamén notábame canso logo de ter que escalar coa mochila e a pelexa co rozamento da corda deste último tramo, así que, como a cordada que nos seguía xa se dera a volta un par de longos antes, decidimos -con fondo pesadume pola miña parte…- rapelar.

Pero ó tira-las cordas foi cando nos decatamos do desplomada que resultaba a parede: ó mirar cara abaixo viamos como as cordas colgaban do aire sen toca-la rocha en todo o seu percorrido, e aí, nun exceso de confianza, cometín un erro que -como mínimo- puido ternos feito perder moito tempo. Nunca antes rapelara varios longos desplomados, pero sabía que o método para facelo consiste en ir metendo seguros intermedios a medida que se descende para asegurar que en calquera intre se poida un achegar á parede; sen embargo, ocurriúseme que se non o facía así, podería balancearme coma se estivese nun columpio e así… ¡craso erro! 😦

Está claro que non era nin o lugar nin o intre máis axeitado para inventar nada, pero sempre podo aducir que estaba hipóxico debido a altitude na que nos atopabamos. 😉  O caso é que cando cheguei a altura do gran bloque da R6, tentei bambearme para achegarme a el e logo de varios minutos de só conseguir xirar sobre min mesmo coma unha buxaina, empecei a pensar que menuda metedura de pata acababa de ter e a buscar alternativas: montar un pedal e ascender penosamente uns 30 m polas cordas -uffff…-, chamar ó 112 -non facía moito desque lera un artigo sobre uns sendeiristas que a metade dunha ruta, como se sentiron algo cansados decidiran chamar para que os rescataran, para evitarse o pateo que lles restaba…-, deixarnos morrer pendurados das cordas -na miña fantasiosa mente aparecía a mítica imaxe do corpo de Toni Kurz colgando do extremo da súa corda no Eiger…-.

Como ningunha desas opcións me convenceu, optei por recoller algo da corda por debaixo miña e tentar laza-la pilastra da reunión, así que imbuínme do espíritu de John Wayne e logo dunhas tentativas fallidas, conseguín rodea-lo bloque cunha das cordas e arrimarme á reunión tirando dela.

No seguinte rápel non se vía ben se as cordas chegaban ata a zona de maleza da parte superior do contraforte polo que discorrían os dous primeiros longos, así que fun baixando uns metros a saltos ata que comprobei, aliviado, que era posible chegar sen problemas a unha vira un pouco máis arriba de onde se atopaba a R2. Aquí vin un tinglado de reunión que aproveitamos para rapela-los últimos metros que nos separaban da zona de arbustos pola que xa baixamos camiñando ata os cordinos que conformaban a R1, dende onde fixemos un último rápel polo contraforte ata o inicio da vía. Pero cando estabamos celebrando que apurando un pouco poderíamos chegar a tempo para colle-lo último autobús -o das 22h.- que sairía da Pradera, a corda… ¡*^¨$%&@=+…! E claro, entre que subín a desengancha-la e volvín a baixar, a nosa marxe de tempo esvaeuse e, pese a que baixamos todo o a présa que puidemos (coido que tardamos pouco máis de 40 minutos en descender pola senda), só chegamos a tempo de ver como nos cruzabamos co autobús de baixada na estrada a apenas 300 m. da parada… ¡*^¨$%&@=+…!

Pero non vos lamentedes coa nosa sorte, eh; ó final zafamos grazas a que un coche do Parque subiu a buscar a unha familia que debido á lesión dun dos seus membros non chegou a tempo para o bus: unha de cal… e outra de area… 🙂

Sendeirismo.

En vista de que a escalada facíasenos demasiado grande para nós, adicámonos a percorrer algunhas das moitas rutas de sendeirismo que hai pola zona.

Empezamos pola cómoda senda que nun par horas une Torla coa Pradera por Turieto Bajo. Ademais de evita-lo paso pola estrada, é interesante coñecer por se un día pérdese o autobús de regreso.

Tamén fixemos un par de rutas para coñece-lo camiño de descenso a usar no caso de escalar vías no Tozal de Mallo e no Espolón del Gallinero. Para o primeiro caso, hai que segui-la ruta que sae dende a Casa Olibán, perto da Pradera, e ascender polas Clavijas de Salaróns ó Circo de Carriata (as Clavijas, pódense evitar indo pola próxima Fajeta). Este percorrido utilízase tamén no descenso das escaladas en Salarón, Pared Concava e Libro Abierto.

En canto ó resto de sectores do Espolón del Gallinero hai unha travesía, con pasos delicados por pedreiras que vai pola parte superior dos pilares destas paredes, e que leva ás Clavijas de Cotatuero e dende aí a senda xa é evidente ata a Pradera.

Faja Racón pódese utilizar para un percorrido circular que dende a Pradera permite uni-lo Circo de Carriata co de Cotatuero, bordeando as paredes do Gallinero; nós fixémolo un día logo dunha tentativa fallida de escalar unha vía chamada No Hay Quinto Pino na Pared del Libro Abierto, na que logo de ascender 3 selváticos longos nos que nada cadraba cos croquis, atopámonos con cara de parvos no que resultaba se-lo auténtico pé de vía… 🙂

Unha longa ruta que non se fai moito, sobre todo porque está bastante mal sinalizada (xa teño un escrito preparado para enviar á federación aragonesa cos lugares onde deberían mellora-las indicacións), é o Circuito del Cebollar por Articafiasta. Nós perdémonos e rematamos baixando por un barranco ata o seu remate nun precipicio, onde tivemos que recuar ata que atopamos de novo a senda correcta (unhas 5 horas máis tarde…).

Por último, outra longa e interesante senda é a combinación da que sae dende o Puente de la Glera pasa pola Ermita de Santa Ana e un pouco antes de acada-la Punta Acuta enlaza coa Faja de Pelay dende onde se continúa ata a fervenza Cola de Caballo no Circo de Soaso e proséguese por xunto ó río Arazas ata a Pradera pola senda máis frecuentada do val.

Advertisements