Inicio > Escalada deportiva > Riglos (Huesca), 6 e 7 de agosto de 2014.

Riglos (Huesca), 6 e 7 de agosto de 2014.

2014 Agosto 7

Riglos é un deses lugares imprescindibles na escalada. A imaxe -na distancia- desas chamativas paredes avermelladas e -xa ó seu carón- dos seus característicos bolos, actúan como irresistibles requirimentos para aventurarse polas súas -aparentemente- descompostas rutas.

Na miña mente pululaban, ademais de relatos de amigos que contaban o agotadora que resultaba a escalada das súas desplomadas vías, as fotos do famoso só integral de Carlos García na Fiesta del Bíceps xa fai máis de 20 anos; a conxunción de todo elo intimidábame e atraíame a partes desiguais. 😉

O caso é que de regreso de Ordesa, achegámonos a Huesca invitados por Xosé para que nos fixese de cicerone por eses mallos, e poder así comprobar in situ a composición dese sospeitoso conglomerado. Pero resultou que o “probiño” do Xosé andaba “ciaticoso” así que só puido vir un día a levarnos polo Puro e logo tivo que paga-las consecuencias de facerno-lo favor… Afortunadamente, tamén nos presentou a todo un personaxe, ó Josele, un vallecano de pura raza co que, ademais de escalar, botamos unhas boas risadas e tomou o relevo do Xosé.

En canto ó pequeno pobo de Riglos, ademais do encanto do lugar no que se atopa, bótase de menos algún bar onde che atendan con máis dilixencia da que o fan no único que hai, Bar Restaurante El Puro. Tamén pódese tomar algo no Refugio de Riglos, que dispón de aloxamento, ou nunha pequena tenda situada xusto diante do aparcadoiro. Polo demais, conta cunha fonte nunha das súas empinadas rúas, e na terraza do bar (foi instalada nese patio polo seu propietario precisamente para que a puidesen usa-los/as escaladores/as, pero parece que ós que actualmente rexentan o bar non lles fai moita graza…), e un aparcadoiro público. Na próxima localidade de Ayerbe hai bares, panaderías, tendas,… e incluso un camping.

Croquis:

Normal do Puro pola Entrada Directa, 6b (V/A0), 250 m.

Fotos da Normal ó Puro pola súa Entrada Directa (Riglos)En verán hai que madrugar para escapar do sol, xa que non hai moitas vías á sombra. Pero esta ten unha orientación axeitada para evita-lo afogo da calor xa que, fanse dous longos pola cara SE, logo outro par deles en sombra polo interior da cheminea e os dous últimos pola cara SO.

1ª ascensión:

A Normal do Puro foi escalada por primeira vez do 12 ó 14 de xullo de 1953 por, Manuel Bescós, Alberto Rabadá e Ángel López Martínez “Cintero”.

Comentarios:

A Normal do Puro é unha das vías equipadas para deportiva máis repetidas de Riglos e iso nótase no esvaradizo das súas presas. Ademais, hai que ter en conta a posible “masificación” que se pode dar na reunión anterior á cova do Puro, xa que aí conflúen máis de media ducia de vías, e é lugar de paso nos rápeles de descenso. A vía soe facerse en 7 longos nun percorrido bastante evidente e variado (chemineas, resaltes, desplomes, tramos máis fáciles, presas bastante pulidas,…).

Percorrido e dificultade:
Croquis de El Puro. Fonte: http://buscandoelimite.blogspot.com.es/2011/12/normal-al-puro-entrada-directa-180m-6b.htmlA entrada clásica orixinal ía algo máis á dereita da Cueva Cirila cun par de longos en diagonal de dereita á esquerda ata xuntarse coa fenda por onde continuaba. Na actualidade non se soen facer eses dous longos, senón que faise unha entrada directa que nun só longo xa conecta co que sería o 3º longo orixinal. Non teño moi claro quen foi o 1º ascensionista da entrada directa pero coido que deberon de ser Alberto Rabadá e Ernesto Navarro o 10 de xullo de 1960, durante a apertura da Norte Directa.

L1. V+, 25m. No lado esquerdo da chamada Cueva Cirila iníciase a escalada por unha evidente rectilínea fenda-diedro. A reunión consiste nunha cadea con anela para rapelar que une dous parabolts, xunto a unha vella sirga de cable.

L2. V+, 30m. Séguese recto pola gran mesma fenda ata unha cómoda repisa.

L3. IV, 15m. En canto se supera o primeiro resalte xa se continua un pouco en travesía cara á dereita ata unha gran terraza na que a reunión está á esquerda da cova de entrada á cheminea formada polo oco entre o Puro e o Mallo Pisón.

L4. 6a+/A0, 20m. Un duro desplome enriba da cova da paso á fresca cheminea pola que seguir ata atopar unha nova reunión.

L5. IV+, 40m. Continúase cara arriba puidendo facer reunión perto do fin da cheminea, nun lugar onde só quedan uns metros de fácil trepada ou continuar ata remata-la cheminea e saír á outra vertente, onde atópase a reunión embaixo dunha pedra triangular empotrada en ameazador equilibrio.

L6. 6a, 40m. Séguense as chapas buscando o percorrido máis fácil superando un par de panzas e pásase unha reunión intermedia ata embaixo do resalte do paso de 6b do seguinte longo.

L7. 6b, 20m. O paso máis difícil consiste en supera-la panza do comezo do longo e pódese “acerar”.

Data:
06/08/2014.

Cordada:

Xosé e Beni, e Josele e eu.

Lonxitude/Desnivel:

250 m. 7 longos.

Bo croquis das reunións e rápeles de http://avigamo.blogspot.com.es/2012/03/el-puro-por-la-chimenea-directa-riglos.htmlDescenso:

A reunión do cume foi substituída non fai moito por unha nova instalación cunha longa cadea que facilita rapelar tanto pola súa cara SO como polo oco entre o Puro e o Mallo Pisón. Con dúas cordas de 60 m. pódese baixar en 4 rápeles. Nós escalamos cunha soa corda de deportiva, pero á hora de rapelar xuntámonos as dúas cordadas para baixar todos usando as dúas cordas.

O primeiro rápel faise dende unha instalación situada uns 5 m por embaixo do cume, polo lado do oco entre o Puro e o Mallo Pisón. Nós destrepamos un pouco con coidado polo lado contrario polo que acadamo-lo cume e logo atravesamos á esquerda ata chegar ó tinglado. O segundo rápel fixémolo dende a reunión do interior da cheminea que está a uns 15 m. do remate desta. Unha vez situados na ampla terraza da cova por embaixo da cheminea, utilizamo-lo cable-pasamáns para situarnos nas dúas anelas para rapelar instaladas xunto ó seu extremo e, dende aí, acada-la última reunión situada xunto a un resalte. E cun cuarto e último rápel, chégase a pé de vía, practicamente ó lado de por onde comezaramo-la vía. Estes dous últimos rápeles van en paralelo e á dereita da fenda pola que discurrían os dous primeiros longos.

Material necesario:
1 corda de deportiva (70 m.) e unha ducia de cintas exprés.

Croquis:

 

Mosquitos, La Visera (V+/6a, 170 m.).

Fotos da Mosquitos (Riglos)

Neste caso madrugamos para evita-la calor do mediodía coa intención de decidir sobre a marcha se rematariamo-la escalada polo rápel do Trono, ou se nos atreveríamos a tentar continuar polos longos que conducen ó cume. Lamentablemente, outra cordada estaba xa preparándose a pé de vía cando chegamos e, o seu lento ritmo -por unha vez non fun eu o factor limitante 😉 – non nos deu máis opción que saír polo rápel do Trono para evita-los calores do mediodía…

1ª ascensión:

27 de xuño de 1976, por Javier Oliván “El Flaco” e Antonio Sánchez “El Moskito”.

Con posterioridade, os aperturistas abriron os longos superiores que permitían culmina-la vía pola cima, en vez de utiliza-lo descenso dende o Trono., con tres longos máis que incrementan a dificultade  ata o 6b e a lonxitude ata os 250 m.

Comentarios:

En verán, hai que ter moi en conta que cando da o sol, a calor faise insoportable na parede: hai que madrugar!.

Percorrido e dificultade:

Fonte: http://pablovelasco73.blogspot.com.es/2010/11/chooper-zulu-demente-riglos-abril-2007.htmlA vía comeza onde nacen os dous visibles diedros (o da esquerda é o inicio da Fiesta del Bíceps) algo a esquerda do diedro central que percorre a parede e que faise máis visible máis arriba.

L1. V, 40 m. O primeiro seguro da vía é un cordino nunha ponte de rocha a uns 8 m. do chan e logo xa aparecen as chapas, que van guiando a escalada con tendencia á dereita ata acada-lo diedro polo que prosegue.

L2. V+, 30 m. Dende a reunión pódese seguir recto pola dificilísima Directa, pero a nosa vía continúa pola fenda-diedro da dereita ata unha cómoda repisa, na base onde o diedro faise algo máis tumbado.

L3. IV, 30 m. Un novo tramo máis fácil por diedro, sitúanos nunha ampla repisa cunha primeira reunión na que xa é posible remata-lo longo, ou pódese continuar uns 10 m. máis en lixeira travesía ascendente, ata outra próxima reunión situada na base do seguinte diedro.

L4. V+, 35 m. Percórrese a repisa cara á dereita para ascender pola nova fenda-diedro ata acadar unha nova repisa.

L5. 6a, 30 m. Séguese por unha fenda ata o comezo dunha travesía ascendente cara á dereita, duns 8-10 m., que nos leva ó Trono.

Data:
07/08/2014.

Cordada:

Josele e eu.

Lonxitude/Desnivel:

170 m. 5 longos ata o Trono e logo un rápel, e unha travesía de IV. Dende o Trono, pódense facer tres longos máis (dificultade máxima de 6b) para saír polo cume.

Descenso:
Dende a reunión do Trono, un rápel de apenas 8-10 m. cun pequeno péndulo ata unha reunión de parabolts á dereita que nos sitúa nunha vira. Dende aí hai que facer unha travesía de IV, ata pasar á seguinte parede (15 ou 20m.), dende onde xa é posible, continuar trepando por onde se vexa máis fácil ata acada-la senda marcada con fitos que ven do cume. Proséguese ata unha golada que da paso a un circo desde o que pódese ver algún tramo da senda que vai descendendo ata a base das paredes.

Material necesario:
1 corda de deportiva (70 m.) e unha ducia de cintas exprés.

Croquis:

Advertisements