Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección, Montañismo, Sendeirismo / trekking > Torre de los Horcados Rojos e Picos de Santa Ana, Fuente Dé (Picos de Europa), agosto de 2014.

Torre de los Horcados Rojos e Picos de Santa Ana, Fuente Dé (Picos de Europa), agosto de 2014.

2014 Agosto 25

Fotos da Torre de los Horcados Rojos e dos Picos de Santa Ana, na zona de Fuente Dé (Picos de Europa)Moi probablemente a zona de Picos de Europa con maior número de vías de escalada abertas sexa a de Fuente Dé e Áliva, sen dúbida grazas a que tamén é a de máis fácil acceso. O Peña Vieja e a Torre de los Horcados Rojos son as montañas máis senlleiras deste sector así que eran os lóxicos obxectivos das nosas ambicións. 🙂

Fai unha chea de anos -tantos, que nin me lembro- Miguelito e eu botaramos uns días facendo unhas travesías por Picos de Europa, e empezaramos precisamente dende Fuente Dé; dende entón coido que non volvín pasar por aí, e moito menos escalar algunha das súas paredes, así que recopilei uns cantos croquis de vías “asequibles” e saímos cara aló, Mundi e eu, con intención de aproveitar un par de días que se prevían de bo tempo.

Pretendíamos acampar nos verdes pastos de Áliva, onde se atopa a única fonte que sabíamos localizar, El Resalao, pero dado que non está permitida a acampada, teríamos que monta-la tenda ó solpor e volver a desmontala ó amencer. Moi preto desta fonte e, ós pés do Espolón de los Franceses, na cara sudeste do Peña Vieja, hai unha zona habitualmente utilizada para vivaquear así que ese foi o lugar escollido como campo base das nosas actividades; e dado que está a apenas 15 minutos do Hotel de Áliva, tamén dispuñamos dun bar no que alternar con xente máis refinada ca nós 😉

Dende Fuente Dé pódese subir utilizando El Cable, un teleférico que en menos de 5 minutos salva máis de 700 m. de desnivel, ou optar por subir a pé, nunha hora e media aproximadamente, utilizando a Canal de la Jenduda (opción pouco recomendable porque uns desprendementos romperon as clavixas que facilitaban o paso por unha zona difícil e dixéronnos que a ruta está bastante descomposta e perigosa) ou  polo camiño de El Hachero (actualmente en bo estado porque por el celébrase unha carreira de montaña: Km vertical Fuente Dé).

Dende a estación superior do teleférico un bo camiño  leva ó lugar escollido para vivaquear xunto á fonte anteriormente citada; dende aquí ata o desvío da Canalona chégase en pouco máis dunha hora, e se o noso destino é a base de Horcados Rojos basta con, aproximadamente, un cuarto de hora máis.

 

Sur clásica pola Variante Régil, Horcados Rojos,  (MD, V+, 400 m.).

Croquis da Sur clásica da Torre de Horcados Rojos. Fonte: http://www.viaclasica.com/croquis/picos/sur_clasica_HorcadosRojos.pdf

A primeira vía que quería tentar era esta clásica na Torre de los Horcados Rojos, pero polo que lera pensei que sería máis interesante realiza-la primeira parte da escalada pola variante Régil que lle engade un pouco máis de dificultade ó percorrido ó ascender por unha “atractiva” cheminea… -craso erro: o grao das chemineas resulta bastante enganoso para aqueles que non están acostumados a este tipo de escalada-

O caso é que aínda no 1º longo da cheminea da Variante cheguei ata un cravo que non sei se protexía o paso pola placa da dereita, ou o avance pola fenda da esquerda… Por riba miña só acertei a ver un gordo cordino a uns 6 ou 7 m. da miña posición, pero bastante no interior da ancha cheminea, así que non sabía se unha vez superado o cravo tería algún seguro intermedio antes. Pola cheminea non me atrevía a continuar desconfiando das miñas forzas para aguantarme en X ou, mesmo con empotre de corpo, e pola placa tampouco tiña valor de abondo para arriscarme a levantarme un metro máis aproveitando un “decente” agarre de dedos ó que chegaba. Pensei incluso se non habería que entrar completamente no interior da fenda-cheminea, un pouco máis abaixo, para subir totalmente por dentro, pero nese caso este cravo do que agora penduraba non tería sentido, ¿non?…

Logo duns minutos de cavilacións e “sube-baixa” do cravo decidín rendirme e baixarme del ata a reunión onde Mundi me aseguraba -xa viremos a tentalo cando nos sintamos máis seguros… ou máis fortes… ou… cando toque 😉 –

Un par de rápeles pola vía, deixáronnos de novo ó seu pé, filosofando sobre se isto supuña un fracaso, unha lección, ou que aprendizaxe poderíamos obter para xustificar que ¡acababamos de retirarnos dun longo de IV+! ;-(

1ª ascensión:

A Sur Clásica foi ascendida por Ángel Landa, Jose María Régil e Pedro Udaondo o 27 de setembro de 1958 e Variante Régil abrírona Carlos García e Jose María Régil o 30 de xuño de 1962.

Comentarios:

O pilar central da lugar a ambas variantes que se unen logo duns 4 ou 5 primeiros longos sobre o seu ombreiro superior. A vía clásica supera o espolón pola esquerda, namentres que pola máis difícil cheminea do lado dereito vai a variante Régil.

Hai un par de vivacs na base da parede pero hai que ter en conta a falta de auga -supoño que os que vivaquean derretiran neve dalgún dos últimos restos de neveiros próximos.

Percorrido e dificultade:

III, IV, III+, IV+ e V-. Dende o ombreiro continúa pola Sur Clásica en 5 ou 6 longos máis de V+, IV, 6a, IV, IV+ e III+.

O espolón coas dúas posibilidades de inicio da ascensión está enfronte da Cabaña Verónica e a medida que un se achega dende o camiño que ven da Vueltona, pódese observar a cheminea da Variante Régil.

Data:

24/08/2014.

Cordada:

Mundi e eu.

Lonxitude/Desnivel:

400 m. 10 ou 11 longos.

Descenso:

A vía remata a poucos metros á esquerda do cume da Torre de Horcados Rojos, facéndose a última reunión nalgún bloque da aresta ó remate dunha canle que se vai abrindo. Apenas 20 metros andando restan para acada-lo cume e logo hai que volver cara ó Oeste sobre os propios pasos para continua-lo descenso -fácil e marcado, aínda que por terreo de grava e terra- pola ruta Normal ata acada-lo Collado de Horcados Rojos.

Material necesario:

2 cordas de uso en doble (60 m. c/u), unhas quince cintas exprés, un xogo de friends e outro de empotradores.

Croquis e descrición:

 

Espolón Rojizo, Picos de Santa Ana (AD, V-, 190 m.).

Aproximación Picos de Santa Ana. Fonte: http://www.manerasdeescalar.com/2013/09/pico-santa-ana-via-noroeste-180m-iv.htmlLogo da decepción que supuxo a imprevista retirada do día anterior, decidimos buscar un obxectivo ben sinxelo para non marcharnos a casa sen ningunha trepada completada 🙂 , así que escollimos esta fácil vía nos Picos de Santa Ana, que nalgúns sitios aparece como Espolón Rojo, en vez de Espolón Rojizo.

Pero así como a escalada en si non ofrece dificultades, o seu achegamento e retorno convertiuse en toda unha ruta de montañismo que en si mesmo xa supuña unha completa actividade. O noso descoñecemento do itinerario xogounos unha mala pasada ó acada-lo Collado de la Canalona, xa que dende aí simplemente resta arrodear cara á esquerda un curto tramo de -calculo- uns 15 minutiños, para acada-lo Collado de Santa Ana, dende onde só nos quedaría baixar por unha marcada senda para situarse baixo o característico espolón (ollo con non equivocarse, porque antes pásase por outro espolón coa mesma característica cor). Pero nós empezamos a baixar unha vez saímos da Canalona pensando que tiñamos que arrodear as paredes que apareceron á nosa esquerda (que en realidade eran dos Tiros Navarro) e pasamos ó Jou del Infanzón e, dende aí, remontamos pola Horcada del Infanzon, dende onde por fin vimos os característicos Picos de Santa Ana e conseguimos ubicarnos. Así, unha aproximación que debera de levarnos un par de horas e media dende o noso vivac en Áliva, supúxonos cáseque o dobre… E se a iso lle sumamos as dúas horas e media que logo da escalada da vía -e de aproveitar para subir tamén ó cume oriental-, nos levou volver pola Canal del Vidrio (descenso nada recomendable polo perigoso dalgúns tramos: esvaradizos, con rochas soltas e rotas,…) cargados nos arneses con todo o material de escalada… -pois iso, que fixemos unha pateada con máis desnivel que algunha etapa ciclista de montaña-. 😀

1ª ascensión:

O 7 de outubro de 1965, por Ángel Benito, Rafael Fernández e Pedro Udaondo.

Comentarios:

Escalada fácil de percorrido evidente xa que discurre pola evidente franxa colorada do espolón. Na parte central, dende a reunión do 2º nicho a vía presenta dúas variantes que logo dun par de longos volven a xuntarse.

Na senda que vai do Collado de la Canalona ó de Santa Ana, hai un manantial de auga ben marcado cunhas pequenas pedras, que debe proceder do desxeo dun neveiro situado uns 100 m. por riba.

Percorrido e dificultade:

IV, III+, IV+ (pola variante da esquerda) ou V (pola variante da dereita), III+ e II.

Croquis da Vía del Espolón Rojo, no Pico Santa Ana. Fonte: http://www.elmaquis.net/escaladas/webesroca/santana-espolonrojo.htmO comezo da vía é unha fácil trepada (II) ata uns metros por embaixo dun primeiro visible resalte.

L1, IV, 50m.

A escalada propiamente dita comeza superando ese primeiro resalte e logo sigue por terreo máis fácil ata unha terraza baixo un novo resalte no que se monta reunión aproveitando un cordino nunha fina ponte de rocha.

L2, III+, 45 m.

Supérase facilmente o resalte e continúase polo filo do espolón ata un gran nicho onde montar reunión nun cordino nunha ponte de rocha polo lado esquerdo, ou noutra ponte de rocha no extremo dereito desa mesma terraza.

L3, IV+/V, 50m.

Das dúas variantes, a opción orixinal sae á esquerda do nicho cun paso aéreo de IV+ e logo continúa polo diedro, pero nós saímos pola dereita para seguir por un muro vertical (IV+/V) onde algúns cravos guiaránnos. A reunión montámolo aproveitando un cravo con argolla máis gordo do normal, nunha pequena repisa desque un podíase asomar e observa-la canle que discurría á esquerda da ruta que nos seguíamos.

L4, III+, 45 m.

Continuamos recto polo hombreiro á dereita da canle antes citada ata montar reunión onde remata o espolón.

L5, II, 30 m.

O último tramo é unha fácil trepada que nos deixa ó lado do cume.

Data:

25/08/2014.

Cordada:

Mundi e eu.

Lonxitude/Desnivel:

190 m. 5 longos.

Descenso:

Para baixar débense descender uns poucos pasos cara ó Este (de fronte ó cume Oriental) e torcer cara á esquerda por unha vira que nuns 10 m. lévanos ata un cordino nunha ponte de rocha desque o facer un rápel duns 35 m. que nos deixa nun terreo máis fácil polo que proseguir camiñando. Tamén pódese destrepar ata este punto en lugar de face-lo rápel, pero ó principio hai un tramo por placas sen agarres polo que eu non me atrevín a pasar…

Logo séguese destrepando diagonalmente por terreo pedregoso ata o Collado de Santa Ana.

Material necesario:

2 cordas de uso en doble (60 m. c/u), unhas quince cintas exprés, un xogo de friends e outro de empotradores.

Croquis e descrición:

 

Advertisements