Inicio > Difusión/Divulgación, Montañismo > Modalidades de seguro da licenza federativa de montaña 2015

Modalidades de seguro da licenza federativa de montaña 2015

2015 Xaneiro 25

licenzaFGM2015-300x205Un ano máis, a Federación Galega de Montañismo volveu a pecar de falta de previsión e no foi quen de empezar tramita-las licencias federativas para o ano 2015 ata o día 29 de decembro, cargando ós clubes coa responsabilidade de divulga-la apertura do prazo de solicitude das licenzas, tramitalas e distribuilas -unha vez que llas remita a propia FGM-, entre os seus socios e socias, en só 3 días, que aínda por riba son dun periodo tipicamente vacacional, como son as datas do Fin de ano.

-Queda claro que por parte da FGM todo son facilidades para fomentar que a xente acuda á montaña co seguro en vigor…- 😦  Naturalmente este despropósito nunca se lle podería achacar á FGM, porque como sinala o seu recén elixido Presidente, Adolfo Puch, entre as virtudes do seu mandato está a “maior axilidade na xestión da licencia federativa para os Clubes, grazas a una aplicación informática que permite a tramitación on line dende o ano 2012“, resaltando ademais “e todo grazas a preocupación dun equipo multidisciplinar para a dirección federativa, con ampla experiencia en xestión deportiva, a sua dedicación, dispoñibilidade e esforzo continuado“. Dende aquí recomendo botarlle un vistazo ó blogue da súa candidatura como exemplo de típico discurso baleiro de concreción e falto de datos e feitos que poidan sustentar cada unha das cousas das que presume para -como eles mesmos din- “seguir avanzando nunha Federación áxil, moderna e transparente.”

E críticas “destructivas” aparte -as constructivas xa llas expusen á Federación en varias ocasións e a súa resposta foi sempre nula, de aí a miña animadversión por este ente anacrónico-, boteille unha ollada ós prezos e ás coberturas da nova licenza, para avaliala, alomenos sobre o papel, porque para facelo na práctica haberá que esperar ó remate da súa vixencia e coñece-los datos sobre o seu funcionamento real -se é que algún ano a FGM se digna a facer un seguimento dos casos e os fai públicos ou valora-.

comparativa prezos coberturas seguro fgm 2015

  • En vermello aparecen as cotas que sufren un incremento con respecto ó anterior ano, e en verde as que se ven reducidas.
  • Como a FGM non facilita cifras das licenzas emitidas no ano anterior por cada disciplina deportiva non é posible calcular quen sae beneficiado ou perxudicado en cada caso e o impacto e relevancia que cuantitativa e cualitativamente ten cada disciplina.
  • En canto ás cláusulas da póliza, repítese a restricción existente na anterior póliza, respecto de que a asistencia sanitaria como consecuencia dun accidente deportivo, logo das primeiras 24 horas “dende a ocorrencia do accidente”, só correrá a cargo da compañía aseguradora, se se efectúa por “profesionais ou provedores designados pola Compañía”, polo que pasado ese prazo durante o que se pode acudir a calquera centro médico, a compañía aseguradora non se faría cargo dos custes salvo que se traslade a un centro concertado. Entendo que naqueles casos nos que non sexa posible contactar coa Compañía ou que o/a accidentado/a se atope nalgún lugar remoto, a limitación das primeiras 24 horas non se debera de te en conta, pero resulta que no apartado 5 das Normas de actuación en caso de accidente, volve a reincidirse nesta limitación ó respecto das primeiras 24 horas; sen embargo, neste caso, de seguido, utiliza una expresión un tanto ambigüa, en tanto que non me queda claro se se refire a esas primeiras 24 horas do parágrafo anterior ou ó tempo necesario para que o/a accidentado/a “estabilice” o seu estado: “unha vez superada a primeira asistencia de urxencia”.
    Coido que sería necesario que a Federación nos aclarase que ocurriría no caso dun accidente nun lugar remoto no que transcurrisen bastante máis de 24 horas dende que este sucedese ata que fose posible derivar á vítima a un dos centros concertados…

asistencia sanitaria 24h

  • Asemade, boto en falta que non se facilite a listaxe de Centros Concertados para os casos de desprazamentos, ós que se alude na póliza, pese a que nela indícase que dita listaxe acompaña á propia póliza.
  • Por último, no apartado de Autorizacións, indícase que é necesaria a autorización previa por parte da Compañía pra poder realizar unha serie de probas e tratamentos, entre as que se atopan as intervencións quirúrxicas e probas diagnósticas. Supoño que nos casos de urxencia vital non sería preceptiva dita autorización, pero tamén sería convinte que a Federación o aclarase.

autorizacións tratamentos médicos

 

Advertisements