Inicio > Denuncia, Escalada en xeo > Os parafusos de xeo KLAU de e-climb e as puntas intercambiables que non hai Cristo que as cambie… :-(

Os parafusos de xeo KLAU de e-climb e as puntas intercambiables que non hai Cristo que as cambie… :-(

2015 Febreiro 17

Parafuso de punta intercambiable KLAU de e-climb Na súa páxina web, e-climb, presume de que “Los tornillos de hielo KLAU de e-climb.com son los más ligeros del mercado y los únicos con la punta intercambiable”. Con semellantes dous argumentos é natural que un se decida a probalos, así que xa fai 6 anos desque merquei un pack composto por media ducia parafusos de xeo e un xogo de 4 puntas extra.

Cos parafusos habituais o normal é que estes desbótense cando as puntas se estragan, así que se se ten a posibilidade de substituí-la punta danada por outra, é evidente que prolongaríamo-la vida deses parafusos co conseguinte aforro.

Pois ben, chegou o día no que dous dos meus parafusos necesitaron dun cambio de punta, así que tentei segui-las indicacións da web do fabricante, no seu apartado “¿Cómo puedo cambiar la punta?”. Aló, as instrucións escomenzaban resaltando o fácil que resultaría o mencionado cambio, así que dispúxenme para a tarefa coa tranquilidade de quen non terá dificultades.

Reproduzo de seguido o extracto correspondente ás citadas instrucións de e-climb:
¿Cómo puedo cambiar la punta?
Muy fácil, la palanca de todos los tornillos de hielo, lleva un encaje que actúa de destornillador. Sujeta firmemente el tornillo dañado en una mano y con la otra, presionando hacia el interior del tubo para evitar que se escape, gira con un golpe seco de forma contraria al reloj. Al colocar la punta nueva debes apretarla con un par mínimo de 10Nm (Unos 10kg de fuerza si lo haces con otro tornillo)“.

Panca dun parafuxo de xeo colocado no encaixe para actúar de desaparafusador

Nunha primeira tentativa xa me quedou claro que de fácil… nada! Unha vez colocada a panca dun parafuso nos encaixes do outro, mantela na posición axeitada namentres se exerce a forza necesaria resultaba imposible. Así e todo chamei ó meu veciño que co seu metro noventa se cadra sería quen de intimidar a ese pequeno parafuso e afrouxa-la súa punta, ben por forza bruta, ben por medo…; pero nin por esas… probamos logo entre os dous: un aguantando o parafuso e o outro facendo panca a dúas mans, e incluso protexémonos con panos para suxeitar de forma máis rexa, pero non houbo xeito, así que logo de que o meu veciño apañase un bo corte nunha das nosas tentativas, tivemos que rendernos ante a evidencia de que co método proposto por e-climb non chegaríamos a ningún lado (así que a iso non se lle pode chamar publicidade responsable…).

Fíxosenos evidente pois, porqué no vídeo demostrativo da operación de afrouxamento e apertado das puntas, se presentaban unha pavera animación en vez dunha gravación práctica -aínda que fose “preparada”- de ditas accións. ¡Esas puntas non as afrouxa nin Cristo!

(mira-lo vídeo a partir do segundo 66)

Desesperado, decidín dar por perdido un parafuso e probar a fixalo mediante un sarxento para así poder utilizar ambas mans na aplicación da forza, pero o encaixe na muesca do parafuso resultaba tan feble ó utilizar un segundo parafuso como panca, que unha e outra vez escapabáseme e danaba as puntas das súas beiras e as miñas propias mans.
Optei entón por buscar unha platina metálica dunhas dimensións e resistencia axeitadas para utilizalo como panca namentres mantiña o parafuso fixado cun sarxento, e así foi como ó fin conseguín quita-la punta danada; sen embargo, para aperta-la nova punta, dado que tiña que utiliza-los mesmos instrumentos (sarxento e platina), o encaixe non era o axeitado e así, pese ó coidado co que o fixen, varias veces escapóuseme a muesca da platina e foime imposible non dana-las puntas interiores próximas.
En definitiva, o sistema non resulta, en absoluto moi fácil -como presumían os de e-climb-, e dana-la nova punta durante o proceso resulta practicamente inevitable, así que teño claro que as puntas intercambiables dos parafusos KLAU de e-climb non son unha boa alternativa.
Por último, só sinalarei que envieilles un correo ós fabricantes destes parafusos para contarlles as miñas dificultades e pedíndolles unha explicación, suxerencia ou vídeo demostrativo que aclarase mellor como realiza-la substitución das puntas; pero a día de hoxe non recibín resposta. Supoño que a clientela esixente non lles interesa…

 

Advertisement
Categorías:Denuncia, Escalada en xeo
A %d blogueros les gusta esto: