Inicio > Alpinismo, Mixto, Neve, Rocha > Torre del Friero pola Canal Estrecha (Posada de Valdeón – León), 3 de abril de 2015.

Torre del Friero pola Canal Estrecha (Posada de Valdeón – León), 3 de abril de 2015.

2015 Abril 3

Canal Estrecha ou Corredor Central da cara Norte da Torre del Friero (D, IV/3).

Fotos da ascensión á Torre del Friero pola Canal EstrechaUn par de semanas antes destes días de Semana Santa achegárame á Escola de escalada de Segade (en Caldas de Reis), aproveitando que Aviñoá e Ernesto ofrecéranse para presentar ó Club Alpino Ourensán o seu traballo de reequipamento e apertura de vías neste lugar. Non andaba eu moi espilido por mor dunha incipiente gripallada que me tiña bastante aparvado, así que cando o Ernesto dixo algo de volver ó Friero, aínda que na miña oca cachola acendéuseme a lámpada de alarma, o meu adormentado cerebro non foi quen de procesa-la súa proposta… Chegados os días de vacacións sondeei a Juan para ver se se viña ó Friero porque tiñamos pendente facer algo xuntos, pero como non nos casaban ben as datas, rapidamente falei co Ernesto e Aviño a ver se me facían un oco nas súas mochilas 😉 Xa pasara un ano desque nos achegaramos á Vega de la Sotín (ou de Asotín) para tentar ascender á Torre del Friero pola Canal Estrecha; daquela tiveramos que cambiar de plan porque tiña pouca neve e subiramos a Canal Ancha aínda que cunha variante no tramo superior, que daba un arrodeo para evita-lo tramo de rocha superior. Desta volta repetíamos tentativa Ernesto, Aviñoá e eu, aínda que ó chegar a Cordiñanes atopámonos con Tino, que estaba disposto a subir en solitario, así que uniúsenos con idea de facer un par de cordadas. Nestas andabamos preparando o material cando apareceron o Lucas e mailo meu irmán, Manu, que quedaran con Antón para facer tamén a Canal Estrecha, aínda que con outra estratexia máis propia para “bestas pardas” coma eles 😉 -así, namentres que nolos catro tardamos unhas 5 horas en face-la vía, logo de pasa-la noite na Vega de la Sotín, eles saíron directamente dende Cordiñanes ó redor das 12 da madrugada, para face-la vía completamente de noite en 2 horas e 40 minutos, e estar de volta no pobo ás 7 da mañá -¡animaliños!- 😀

Pero polo de agora a nós aínda nos quedaban por diante cáseque 2 horas de camiñada que escomezaban pola Senda de la Rienda, pasaban polo Hayedo de La Sotín, e remataban na Vega da la Sotín, onde a neve xa cubría practicamente todo o chan, salvo algunhas calvas con herba. O gran bloque usado habitualmente como vivac tamén estaba cheo de neve así que decidimos monta-la tenda para tres e o Tino vivaqueou perto de nós. O solo non era especialmente chairo, polo que simplemente procuramos que os foxos coincidisen cos cus, e antes de prepara-lo material e a cea fomos buscar auga baixo a disimulada sima que hai a uns 300 m., dende onde acampamos, na parede do lado esquerdo da mesma veiga en dirección á Vega de Liordes. Ás 9 da noite estabamos dentro dos nosos sacos, porque dado que as condicións da canle eran moi boas (unha cordada que nos colleu ó seguinte día chegando ó cume díxonos que nunca a vira tan cuberta de neve -practicamente non atopamos ningún resalte ata o último cuarto da canle-), e que estabamos nunhas datas propicias para os tumultos (a mesma cordada nos dixera que adiantou 5 cordadas durante a escalada, e a véspera, outro escalador, dixéranos que el contara a 15 persoas facendo a vía…), queríamos saír ben cedo para tentar se-los primeiros en inicia-la escalada: con permiso dos nosos 3 colegas de Cordiñanes 😀 Ás 3 da madrugada soou o espertador e unha hora despois empezabamo-la aproximación ó pé da vía; polo camiño Tino dixo que dende o seu vivac vira varias luces de madrugada camiño da Canal, que pensabamos que poderían ser as de Manu, Lucas e Antón, pero por diante nosa non se vía rastro deles, así que non sabíamos se nós eramo-los primeiros ou se eles ían xa por diante nosa; como ademais, quedaran en subirnos unha frontal extra que nos faltaba pero non o fixeron (logo nos dixeron que non viran a nosa tenda), sospeitabamos que aínda non chegaran á Vega. Nunha hora percorremo-lo traxecto dende a nosa tenda ata a estreita entrada do noso Corredor Norte, logo de ter deixado atrás o cono de dexección da Canal Ancha, polo que ó redor das 5 da madrugada, iluminados pola luz dos nosos frontais, adentrabámonos no corredor seguindo unha cómoda pegada resultado das innumerables cordadas que deberon de precedernos durante as dúas semanas anteriores. Ascendimos facilmente durante un par de horas ata un primeiro resalte (protexido cun pequeno empotrador e un cravo do que colgaba unha vella cinta) que Ernesto superou polo xeo do lado dereito namentres eu tentábao pola rocha do lado esquerdo ata que me atei á corda dos meus compis e seguín os seus pasos. Unha excursión madrileña entre a Vega de Liordes e a Vega de la SotínA partir de aí non atopamos máis dificultades ata un novo resalte, onde a luz do día escomenzou a iluminarnos, uns metros por embaixo do famoso túnel. E logo deste resalte, dende a cova que hai enriba, na base do citado túnel, o resto do itinerario si que xa nos obrigou a seguir sempre coa corda por terreo mixto e con varios resaltes máis ou menos fáciles de superar (nalgún deles aínda bufei ben). Acadamo-lo ombreiro Nordeste no que remata o corredor ó redor das 9 da mañá, cunha cordada xa cheirándono-lo cu que pasounos neses 200 m. finais de palas que conducen ó cume do Friero (agás ó Tino que chegou diante deles para salvagarda da nosa honra 😀 ). Ó redor das 11 estabamos de novo no ombreiro tras descender cara á neve e despistarnos un poco ó baixar seguindo unha pegada distinta á nosa que, en sentido descendente ía máis á esquerda de por onde subiramos antes, e logo dun picoteo rápido seguimos descendendo pola vertente que vai cara á Collada de Chavida e á Vega de Liordes, para atopa-lo rápel que nos situou ás 12:30h. na rampa que descende cara á Vega de La Sotín. Dende aí, baixamos paseniñamente ata o noso campamento onde logo dun descanso continuamos ata Cordiñanes, onde Manu e Lucas nos confirmaron que antes de que nós chegaramos ó pé da vía, eles xa estaban descendendo do cume -se é que haiche xente para todo…-.

Canal Estrecha da cara Norte da Torre del Friero.

Dificultade: D, IV/3 (como en tódolos corredores, a dificultade é moi variable en función das condicións, pero, no noso caso, facíase moi ben)

Desnivel: 1000 metros. aprox.

1ª ascensión: Pedro Marcos Fierro e Juan José Iglesias Arrieta o 6 de Marzo de 1977.

Material: casco, crampóns, piolets técnicos, 2 cordas de 60 m., un par de cravos, 3 parafusos de xeo, xogo de empotradores e xogo de friends pequenos e medianos. (Ó respecto do material, este é moi variable dependendo precisamente das condicións da canle, por exemplo nós só chegamos a utilizar unha corda para os 4, pero aínda que só fose por se precisásemos rapelar dende o cumio ó ombreiro Nordeste -como nos pasara o anterior ano- convén leva-las dúas cordas).

Cordada: Tino, Ernesto, Aviñoá e eu.

Aproximación: Algo menos de 2 horas dende Cordiñanes, pola Senda de la Rienda, e pasando polo Hayedo de La Sotín, ata a Vega da la Sotín. onde durmimos. Dende aí séguese cara á Vega de Liordes deixando á nosa dereita o cono de dexección da Canal Ancha, e chégase á base da estreita entrada da canle nuns 40 ou 60 minutos.

Itinerario: A vía non ten posibilidade de perda xa que ó ser unha canle completamente pechada polos lados simplemente hai que seguir sempre cara arriba ata acada-lo Ombreiro Nordeste. Dende aí, só resta busca-las palas nevadas do lado dereito e continuar por elas ata o cume.

Descenso: Dende ó cume ó ombreiro Nordeste (ollo, que esta baixada pode ser bastante exposta en función do estado da neve, requirindo incluso de rapelarse) e dende aí polas palas de neve con tendencia ó lado dereito en dirección á Collada de Chavida. Cando nos atopemos perto desta, hai que salva-lo corte (apenas uns 20 m.) que ó final das palas da paso á canle que une a Collada de Chavida coa Vega de la Sotín. Hai un gran bloque lazado e a pouca distancia del, hai tamén outra instalación para rapelar (un parabolt e/ou cravo), puidendo rapelarse dende calquera deles para situarnos xa na canle pola que seguir camiñando facilmente cara á Vega de la Sotín.

Croquis e info: E como non podía ser doutro xeito, dado que este debe de se-lo corredor máis famoso da península, é fácil atopar reseñas e información del:

Advertisement
A %d blogueros les gusta esto: