Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Tentativa á Water Wall, Cueto Agero (Cillorigo Castro, Liébana, Cantabria, Picos de Europa), 4 de abril de 2015

Tentativa á Water Wall, Cueto Agero (Cillorigo Castro, Liébana, Cantabria, Picos de Europa), 4 de abril de 2015

2015 Abril 4

Fotos da tentativa ó Cueto Agero pola Water Wall.Á dereita da Water Wall (ED inf (6b), 350 m.)… por aló fomos nós… 😀

Viñamos do Friero coa intención de facer algo de “tapia” pola zona aproveitando a viaxe, así que sabedores de que coñece-lo Cueto Agero valía a pena, o Ernesto e mailo Aviño sacaron a nosa Biblia (a guía “Cordillera Cantábrica. Escaladas selectas en roca” de Adrados) e escolleron unha das súas vías: a Water Wall. Así que para aló tiramos con só o croquis do libro como única referencia, cousa que á postre resultaría insuficiente para orientarnos nesa magnífica parede.  😦

O Cueto Agero está enriba de Allende (Cantabria), un pequeno pobo no desfiladeiro de La Hermida, que se atopa situado entre as poboacións de La Hermida e Potes. Nós, logo dalgunha liada polo Desfiladero de la Hermida chegamos a un pequeno pobo chamado Lebeña, ó carón (doutro lado da estrada) de Allende que é a aldea da que parte a senda que leva á base do Cueto Agero.
En Lebeña hai un parking frecuentado por caravanas e furgonetas que conta cunhas mesas de merendeiro á sombra xunto un regato, e que supomos que se debeu de construír para as visitas turísticas á igrexa mozárabe de Santa María de Lebeña, que está ó lado deste aparcadoiro. Tamén ten uns baños (xa moi deteriorados) e aínda que non se pode acampar (ollo, que polos foros de Internet vin comentarios de xente á que multaron por pernoctar nas súas furgonetas aí) nós montamos discretamente a nosa tenda ben de noite e non fixemos barullo, non fósemos a chama-la atención demasiado… 😉

Confiados nas nosas “habilidades escalatorias” non nos apuramos demasiado pola mañá, así que entre o preguizoso que se envolve no saco, a visita ó bar para toma-lo café e descarga-las acumulacións do recto, a pateada dende Allende á parede (que pensabamos que era cousa de 20 minutos pero logo ben nos levou unha hora polo menos), e que, unha vez na base do inmenso penedo non había xeito de identificar por onde ía a vía, non dimos empezado a escalar antes das 12 da mañá -mal empezamos hehehehe…-.

Croquis do noso itinerario (en cor vermello) e da ruta aproximada da Water Wall (en cor laranxa), no Cueto Agero

Sen embargo o auténtico problema era que non nos cadraba o croquis do Adrados coas liñas que víamos na parede: no libro apenas se esbozaban un par de teitos e fendas, pero na realidade atopabamonos cunha parede dunha orografía complicada na que aparecían teitos e fendas relevantes por todas partes, polo que non conseguimos acha-la vía. Pese a isto escollemos empezar por unha fenda herbosa que ascendía cara a unha liña que sospeitabamos que se trataba do longo off-width característico desta vía (posteriormente comprobaríamos que subíramos ata ese longo, máis á dereita de por onde realmente vai a ruta da Water Wall).

O Ernesto, non contento coa nosa incerteza, aínda baixou uns metros á dereita de por onde pensabamos que ía a vía, para gañar algo máis de escalada, escomezando por un diedro inicial que lle parecía “apetecible” para ir quentando. 😀

E, ¿a cantos de vós non vos pasou que crendo que íades por unha vía, íades cotexando co croquis o terreno polo que escalábades e vos parecía que coincidía -máis ou menos- incluso ata na gradación? Pois a nós,… tamén! 😉

Comentarios:
Perdidos na parede só fixemo-lo longo de off-width orixinal da vía, o resto fumos por algunha outra vía que descoñecemos e rematamos sobre unha laxe que pensábamos que era a punta de frecha característica -pero que posteriormente decataríamonos de que non o era- onde á vista de que o non casaba o que se nos presentaba por diante co que o croquis dicía e que facíasenos de noite, decidimos abandoar e baixámonos (en 3 rápeles) ata a base da parede, que acadamos xa ás escuras.

Aperturistas:
Javier Sáenz e José M de la Fuente, en maio de 1988 por

Material necesario: 

2 Cordas de uso en dobre (60 m. c/u), xogo completo de friends pequenos e medianos (incluír un par de Camalot nº 4)  e empotradores e demáis equipo de escalada de autoprotección.

Cordada:
Ernesto, Aviñoá e eu

Data da ascensión:

4 de abril de 2015.

Punto de partida:
Deixamo-lo coche, nun pequeno aparcadoiro que hai en Allende. Dende aí séguese ascendendo ata o remate da aldea e logo por unha pista rural de cemento que logo pasa a ser de terra e grava, ata chegar a unha curva cunhas antenas e torreta onde xírase á esquerda en vez de continuar rectos. Pásase xunto a unha finca cunha pequena casa e logo, máis arriba xa se ve o tellado dun refuxio libre da Federación cántabra, onde pódese pernoctar ou usar como campamento base para pasar máis dun día no Cueto. Coido que nós abandoamo-lo camiño nunha curva na que xa se vía claramente a base do Cueto Agero, perto do refuxio e por onde víase algo de pegada internándose no medio da arboreda. Dende aí xa non hai perda ata a base da parede, á que chegamos en aproximadamente unha hora de camiñada desque saíramos do aparcadoiro.


Descenso:

Para regresar dende o cume -cousa que nós non fixemos ó retirarnos rapelando-, a baixada faise camiñando dende o cume. Hai que descender cara unha cabana nun pequeno prado e dende aín coller unha canle á nosa esquerda pola que seguir ata a base da parede pola que iniciamo-la escalada. Seica hai que ter coidado para non desorientarse, sobre todo en caso de néboa, xa que o terreo despista facilmente.

Dificultade:

O grao aproximado do noso itinerario, non da vía Water Wall, eh!: IV/IV+, V+, 6a, 6b, 6a, ¿/A1?

L1. IV/IV+, 30 m: fixemos unha primeira tirada subindo por un pequeno diedro e logo seguimos con tendencia á dereita por terreo “mixto” bastante herboso e con pedras soltas, ata monta-la reunión nunha cómoda repisa herbosa cun pequeño arbusto no que reforzamos os cacharros que metimos nas fendas.

L2. V+, 45 m: continuamos verticalmente por terreo con bastantes matos herbosos ata acadar unha pequena árbore raquítica con vellos cordinos na que fixemo-la reunión reforzándoa nas fendas do seu lado dereito. A reunión non era moi incómoda pero facíase pequena para mocetóns coma nós. 😀

L3. 6a, 40 m: outra tirada vertical similar en canto ó terreo (rocha e matos) pero algo máis dura que a anterior. A incómoda reunión montámola xunto a un vello cravo con cordino, uns 10 m. por embaixo do característico off-width da Water Wall.

L4. 6b, 35m: este longo si que pertence á Water Wall e non ten perda posible: hai que tirar polo off-width, bufar coma un xabarín e “perrear” coma un macarra para supera-lo e montar reunión anudando un gran bloque enriba da laxe. Na fenda mellor ir con 2 camalot do nº 4 que con só un…

L5. 6a, 50m: aquí liámola… 🙂 porque a ruta correcta debe de saír xa pola placa e nós seguimos por terreo de fendas ata unha terraciña ós poucos metros na que un spit e cravo conformaban unha reunión que non sabíamos a que vía correspondería. O caso é que de frente pola placa parecía pouco protexible, así que seguimos polas rochas e matos, á dereita desta instalación, ata a base dunha laxe duns 8 ou 10 m. de alto cunha fenda tipo off-width na súa bisectriz e 3 cravos metidos na placa da dereita. Ó chegar a este punto non tiña claro se a corda me daría para acada-lo curuto da laxe, así que logo dun par de miradas dubitativas arriba e abaixo, e vendo o chungo que parecía ese tramo, decidín que o mellor sería que o “disfrutase” outro 😉 e montei reunión xunto á súa base.

L6. ¿?/A1, 10m: ante nós un diedro cunha fenda demasiado estreita para ir por dentro e ancha de máis para protexela coa nosa cacharrada, así que a base de pedais nos cravos do lado dereito e de malos empotres na fenda o Ernesto superouna logo dunha boa pelexa para monta-la reunión xusto no seu remate, sobre a laxe, aproveitando un cravo que aló había.

Croquis e reseñas:

Advertisements