Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Espolón de los Franceses, Peña Vieja (Picos de Europa), 20 de xuño de 2015.

Espolón de los Franceses, Peña Vieja (Picos de Europa), 20 de xuño de 2015.

2015 Xuño 20

Fotos do Espolón de los Franceses, Peña Vieja, na zona de Fuente Dé (Picos de Europa)O pasado verán, Mundi e eu foramos a escalar na zona de Fuente Dé e Áliva, e pese a durmir varios días ós pés do Espolón de los Franceses, na cara sudeste do Peña Vieja, non nos decatamos delo ata o último día (iso di moito da nosa capacidade de interpretación dos mapas, eh…). Agora, cáseque un ano despois achegabamonos Lucas, Antón, Aviño, Manu e eu ó comezo da vía, logo de coller El Cable, o teleférico que dende Fuente Dé substitúe por 5 minutos, as 2 horas de ascensión polo camiño de El Hachero (actualmente a mellor alternativa de subida a pé, grazas a que por el celébrase unha carreira de montaña: Km vertical Fuente Dé, aínda que o último cuarto do percorrido resulta difícil -incluso perigoso- especialmente se se vai cargado de material).

-A ruta clásica de ascensión pola Canal de la Jenduda seica resulta non recomendable debido a uns desprendementos que romperon as clavixas que facilitaban o paso por unha zona difícil e, o pasado verán, dixéronnos nun dos postos informativos do Parque, que a ruta está bastante descomposta e perigosa. Outra alternativa, moito máis cómoda é subir polos Tornos de Liordes, pero isto só é interesante se se vai cara á Vega de Liordes, máis ó Oeste da zona superior do teleférico.-

Desta volta, eu era o exemplo perfecto do montañeiro domingueiro, xa que aínda que Aviño avisárame un par de semanas antes de cando podería ser que nos achegaramos, entre que aínda andaba tratando a miña epicondilite e as moitas cousas que tiña na cachola, despisteime e chegado o día non tiña a man nada do material, nin da roupa axeitadas, agás -de casualidade- o equipamento básico de escalada deportiva. Así que, aínda que da quincalla e cordas xa se encargaban os meus compañeiros, o meu “attrezzo persoal” era o resultado duns apaños e préstamos de última hora: o pantalón e mochila de aproximación do meu irmán, o frontal do Lucas -cun perfecto círculo central de total escuridade-, uns calcetíns de paseo dominical, uns xa estragados tenis urbanos do Decathlon -que ó remate da xornada só servían de chanclas-, un chuvasqueiro deses de peto no peito tipo canguro -dos tempos de cando ía ó colexio-, unha esteira máis fina que o canto dun Euro, un saco de durmir para praia que refrescaba máis do que abrigaba, …-¡nenos e nenas, non fagades isto nunca; o “tito Ricardo” non é un bo exemplo a seguir, eh 😀 !-

Intendencia aparte, como o tempo foi moi bo e meu irmán lembraba algo da ruta a seguir de cando a fixera el fai anos, non tiven máis problemas que os derivados do inaxeitado do meu calzado -o que nas trepadas, destrepes e pasos polos neveiros no descenso, tampouco e que foran nimios…- 😦

En canto á actividade, como o primeiro teleférico saía as 10 mañá, e cando nós chegamos xa había cola, collémolo ás 10:30 h. aproximadamente; e logo do paseo ata a verde Áliva, parámonos a contempla-lo noso obxectivo e discerni-la ruta que seguiríamos, antes de encamiñarnos uns directamente á base do espolón, namentres Lucas e Antón achegábanse á fonte de El Resalao. Por último, para remata-lo achegamento tivemos que atravesar un tramo de neve, e xa volvimos a xuntarnos todos para inicia-las primeiras trepadas ó redor das 12 da mañá.

Espolón de los Franceses, Peña Vieja,  (MD inf, V-, 700 m. de escalada + 300 m. de crista).

  Croquis do Espolón de los Franceses (Peña Vieja) en http://www.guiasdelpicu.com/pena-vieja-espolon-de-los-franceses-2617-m/ Unha das grandes vías clásicas de Picos de Europa, especialmente apreciable por montañeiros/as, máis que por escaladores/as puros/as.

1ª ascensión: 18 de agosto de 1967, por B. Trouvé e P. Forn.

Comentarios: A ascensión está claramente diferenciada en dúas partes: a primeira parte de escalada polo pilar con dificultades máximas de V-, duns 600 ou 700 metros, que se poden repartir nunha decena de longos; e a segunda parte que a partir da parella de xendarmes do último longo de escalada continúa cunha longa trepada, primeiro por una longa e fácil canle, e logo xa por aresta ata o cume.

Percorrido e dificultade: A vía comeza trepando ata unha placa baixo a que xa nos encordamos, por un lado Antón e Lucas, e polo outro Aviño, Manu e eu, para ascendela con algo de flanqueo á esquerda cara á base dun gran diedro oculto á nosa vista.

Fixemo-los 3 ou 4 primeiros longos asegurándonos como é preceptivo, pero logo optamos por seguir en ensamble, asegurando só -coido lembrar- un par de longos máis que presentaban algún paso máis difícil, xa que do contrario botaríamos demasiado tempo e precisabamos ir máis rápido para que nos chegase o tempo no longo tramo de trepada superior.

A escalada, en si, tiña rocha en xeral boa, e ademais dalgúns cravos e cordinos, que axudaban a sinala-lo camiño, é bastante intuitiva de seguir -o croquis de Adrados está bastante ben-. Os longos e reunións pódense variar xa que aínda que hai algúns cravos no percorrido en lugares habituais de reunión -que igualmente haberá que reforzar ou montar-, sobre todo para os longos máis difíciles, no resto hai moitas posibilidades de montalas en distintos lugares. É por elo que optei por non indicar cada longo da nosa escalada, xa que máis que a lonxitude e dificultade dos longos, así como a ubicación das reunións -que se detalla en moitas guías e croquis- a min paréceme interesante salienta-la conveniencia de identifica-los elementos distintintivo que axudan a distingui-lo itinerario (cousa que xa fixeron bastante ben algún dos autores dos croquis que cito ó final deste artigo), e non subestima-lo tramo de trepada pola aresta, unha vez rematados eses 700 m. de escalada iniciais.

Nalgúns croquis indícanse uns 14 longos, pero eu non sabería calcula-los que fixemos nin onde situa-las reunións, xa que, como anteriormente dixen, progresamos en ensamble maioritariamente, ata acadar unha parella de característicos penedos onde remataba a parte de escalada. Dende aí, báixase á golada baixo a característica parede vermella, ben visible dende a distancia, cando un observa o espolón na súa integridade, e séguese por unha evidente canle que ascende ata acada-la longa aresta pola que se continúa ata o cume. O percorrido pola mesma nunca sobrepasa o III+, e hai algúns fitos e manchas de pintura branca para sinala-lo itinerario, pero hai que salvar 3 pequenos cortados que se acostuman a rapelar, aínda que nós -para o meu disgusto- destrepámolos. Xusto ó superar este 3º rápel, dende onde se observaba moi perto un característico estrato de cor roxizo arxiloso nas paredes próximas, abandoamo-la aresta para descender uns 50 m. por unha canle cara á dereita para flanquear un par de centos de metros antes de volver a gaña-la aresta. Eu coido que este descenso e flanqueo non debe ser habitual, xa que non atopei referencias delo en ningunha reseña, pero Manu, ó asomarse un pouco non viu xeito de seguir por mor dun cortado que había ó outro lado.

Finalmente, acadamo-lo cume do Peña Vieja sen problemas, algo antes das 19h. Pero aínda tivemos que enfrontarnos ó descenso polos neveiros da Canalona, que ó non levar crampóns, nin piolet, resultaban bastante perigosos. Pese a elo baixamos, sen máis contratempo que o de empapa-los pés na neve, ata a estación superior do teleférico, onde durmimos baixo a atenta vixiancia das cámaras de seguridade que controlan todo o que sucede baixo os voladizos do edificio secundario que usamos como lugar de vivac.

Data: 20/06/2015.

Cordada: Antón e Lucas, e Aviño, Manu e eu.

Lonxitude/Desnivel: 1.000 m., dos que uns 700 m. son de escalada e os restantes 300 m. son de trepada, primeiro por unha canle e logo fundamentalmente por aresta.

Descenso: A baixada faise prácticamente camiñando pola normal de Peña Vieja cara á Canalona, e logo, por por Covarrobles a Áliva, se se vai cara aló. A principios do verán pode ser necesario levar crampóns e un piolet para atravesa-los empinados neveiros que se manteñen na Canalona.

Material necesario: 2 cordas de uso en doble (60 m. c/u), un xogo de friends ata o Camalot nº 2 e outro de empotradores.

Croquis e descrición:

Advertisements