Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección, Escalada deportiva > Pincuejo, Peña los Llanos e Rabanal de Luna (Babia e Luna, León), 6, 7 e 8 de xullo de 2015

Pincuejo, Peña los Llanos e Rabanal de Luna (Babia e Luna, León), 6, 7 e 8 de xullo de 2015

2015 Xullo 8

Fotos de Pincuejo, Peña los Llanos e Rabanal de Luna (Babia e Luna, León), 6, 7 e 8 de xullo de 2015.Coas vacacións de verán chega a posibilidade de viaxar alén do noso terruño para coñecer outros lugares e poñernos a proba fora do noso ambiente habitual, así que entanto non chegaban as datas que tiña reservadas para visita-los Pireneos e mailos Alpes, dimos unha volta pola comarca de Babia (León), na que poder ir “poñéndono-las pilas” dun xeito máis amable do que se estila noutras zonas máis esixentes.

Co Mundi e comigo, viñeron André e Miguel “Chamonix”, que nunca andiveran pola zona, así que en 3 días fixemos unha pequena “turné de mínimo desprazamento”: empezamos pola Peña del Pincuejo para disfrutar da súa escalada semideportiva de parede (ou “pracer” -como tamén a chaman-), logo achegámonos (apenas a 4 km) ata a Peña Los Llanos a facer unha vía que resultou do mesmo estilo, e rematamos escalando deportiva en Rabanal de Luna.

Como os tres lugares están moi próximos entre si, e ademais perto de Torrebarrio, o normal sería reservar no refuxio da Federación Galega de Montañismo en Torrebarrio, pero para nós, a mellor opción é utiliza-lo noso vello “cuberto” de Villasecino no que tantas noites temos pasado -chamádeme romántico ou cutre, o que prefirades 😉 e que espero sigamos disfrutando, namentras sexamos discretos e respetuosos como ata o de agora…

Los Nichos (MD, 6b ou 6a/A0, 80 m) e Luna de Octubre (MD, 6a, A1, 90 m), Peña del Pincuejo, Caldas de Luna, León.

Croquis Pincuejo. Fonte: http://www.foropicos.net/foro/viewtopic.php?t=10465

Croquis Pincuejo A. El Placer. MD B. La linea Blanca. MD inf. C. Los Nichos. MD D. Luna de Octubre. MD E. Espolón Pioneros. MD inf.

Chegamos pola tarde ó Picuejo, pero demasiado cedo xa que o sol aínda estaba alto e a calor era moita; así que sen ningunha presa desentumecémonos da viaxe en coche e collemo-los bártulos de escalada para facer en dúas cordadas cadansúas vías: André e Chamo empezaron pola Línea Blanca e logo fixeron a Espolón Pioneros, namentres que Mundi e eu fomos á Los Nichos, e logo metémonos na Luna de Octubre.

Para o André era practicamente a súa estrea en parede fora da nosa comarca, e para o Chamo, en cambio, era unha apacible escalada máis, logo do seu retorno a este mundillo tras varios anos de parón por un accidente. Con estes condicionantes, o normal houbera sido que o tomaran con máis calma ca nós, pero… diso nada! Así, namentres que Mundi e eu facíamo-los 3 longos da Los Nichos, eles remataron os 4 longos da Línea Blanca, e logo, cando aproveitando a aparicion da sombra proporcionada pola parede do outro lado do regato, nos metimos a face-las nosas respectivas segundas vías, novamente fixeron eles os 4 longos do Espolón Pioneros, no tempo que nós empregamos en escala-los 2 longos da Luna de Octubre, deixando claro que cordada era a máis hábil 🙂

Información de vías na Peña del Pincuejo:

Los Nichos (MD, 6b ou 6a/A0, 80 m)

Los Nichos foi aberta dende arriba por Jorge Malgor e Miguel Ángel Adrados, o 15 de agosto de 2003. Está semiequipada con parabolts, e recoméndase levar algún friend pequeno e mediano, e un xogo de empotradores. As reunións teñen dous parabolts con anelas e cadea, puidendo rapelar pola mesma vía. Nós empatamo-los dous últimos longos.

  • O 1º longo debe ser de menos de 40 metros, de V/V+ e un paso de 6b sobre placa que se pode facer en A0.
  • O 2º longo terá uns 25 metros, empezando cun 6a que da paso a unha zona máis plaqueira cun paso que dan de 6a+ antes de virar á dereita para rematar ascendendo ata a reunión.
  • O 3º longo apenas terá uns 15 metros, de V/V+ polo que pódese empalmar sen problema co anterior.
  • Rapélase pola mesma vía en 2 tiradas.

Luna de Octubre (MD, 6a, A1, 90 m)

A anterior vía é moi recomendable, pero a que a min máis me gustou foi esta; e iso pese a ese paso de artificial que non sei como resolverán aquelas persoas de menos de 1’68 m, porque eu só cheguei á chapa de casualidade…. -uffff-.

Luna de Octubre foi aberta dende arriba por Eloy Santín e Miguel Ángel Adrados, o 17 de outubro de 2003. Está totalmente equipada con parabolts en estilo deportivo (é moi plaqueira), agás o 3º longo común con Los Nichos, para o que recoméndase levar algún friend pequeno e mediano, e un xogo de empotradores. As reunións teñen dous parabolts con anelas e cadea, puidendo rapelar pola mesma vía.

  • O 1º longo debe ser dun 40 metros, de V+ totalmente protexido con parabolts.
  • O 2º longo terá uns 30 metros, e ten un paso obrigado artificial de A1 non apto para xente baixa, como comentei antes.
  • O 3º longo é común con Los Nichos, así que como xa o fixéramos antes decidimos non repetir eses apenas 15 metros.
  • Rapélase pola mesma vía en 2 tiradas, aínda que coma nós non fixemo-lo curto 3º longo, rapelamos dunha sóa vez dende a 2ª reunión.

La Feriona del Pilar, Peña los Llanos (MD inf, V+/6a, 400 m.), Caldas de Luna, León.

Croquis da Feriona del Pilar. Fonte: http://www.foropicos.net/viewtopic.php?f=8&t=24512Souben desta vía por casualidade, cando Juan Lozano me preguntara se sabía algo dela, e cunhas rápidas búsquedas por Internet atopeime con que estaba moi perto do Pincuejo, e que ademais había varias vías máis na mesma Peña los Llanos; así que tíñaa reservada para proporlle a Juan achegarnos ata ela, pero ó andar pola zona nesta saída pareceume que non podía desaproveita-la ocasión de ir cheirar 🙂

Foi aberta o 12 de outubro do 2007 (o día do Pilar -de aí o seu nome-) por Carlinos e Fernando Delguayo. Na web de El Maquis hai unha moi boa reseña, así que simplemente sinalarei uns detalles que corrixen algún dato dos croquis e demais reseñas que cito máis abaixo.

  • Esta entretida vía vai buscando a dificultade polas zonas de placas, que protexe con parabolts -algo distanciados- para acadar así un itinerario longo e practicamente equipado na súa totalidade (incluídas as reunións), polo que cun xogo de empotradores e algún friend iremos sobrados de material.
  • Na 2ª reunión a vía presenta unha variante de dous longos pola esquerda que debe ser algo máis fácil (variante de IV+ aberta en maio do 2009 por Antonio Suárez Ramón e David Barrientos, que teoricamente non debera de estar equipada, pero vimos unha liña de parabolts en paralelo ós nosos longos que supoñemos debe corresponder a esta variante).
  • Nós seguimos o itinerario orixinal pola liña da dereita e atopámonos que o 3º longo é duns 40 m. (en lugar dos 55 m. indicados no croquis), pero dame a impresión de que correxiron a ubicación da súa reunión xa que aínda que segue sendo colgada e en placa, está ó carón dun pequeno nicho e uns metros por embaixo dunha instalación que se eliminou, e que si que podería corresponder ós 55 m. que lle dan nos croquis.
  • Na 4ª reunión hai que achegarse camiñando ata a base dun espolón a uns 20 m. ou 30 m. enriba e á nosa esquerda, que conta cun par de parabolts para guiarnos, aínda que nós só vimos un, ata a 5ª reunión constituída dun só parabolt con anela de rapelar xunto a unha pequena fenda con cordino.
  • Á 7ª reunión chégase camiñando e está composta por un único parabolt xunto a unha árbore, na base dun torreón final e presenta a máxima dificultade da vía nunha delicada placa de adherencia protexida por varios parabolts que distancian máis do que me gustaría 😉 -este longo poderíase resolver tamén pola fenda que ascende directamente dende a reunión (iso si, está limpa de material).
  • Por último, para o descenso tiñamos entendido que se podía facer andando pola vertiente contraria, pero André e Chamo seguiron ascendendo pola crista ata onde viron que podían descender pola mesma vertente e chegaron comodamente á estrada cáseque unha hora antes ca Mundi e eu, que baixamos pola outra vertente con algún destrepe inicial e logo entre “pinchudos” arbustos -cun percorrido bastante máis incómodo-.

Máis información da Feriona del Pilar e doutras vías na Peña los Llanos:

Escalada deportiva en Villafeliz e Rabanal de Luna, na comarca de Luna.

Sector La Terraza, Villafeliz. Guía de escalada publicada pola Asociación Cuatro Valles. Fonte: http://www.cuatrovalles.es/librosflash/escuelaescalada/Logo da escalada da Feriona del Pilar facía demasiada calor como para animarnos a tentar outra das vías que hai na Peña los Llanos, así que logo de xantar algo e deixar que a tarde avanzase, achegámonos a probar algunha vía no sector La Terraza en Villafeliz. Así, namentres Mundi e eu subíamo-los 10 minutos de costa ata a base das vías, André e Chamo tumbáronse na herba, a medio camiño, para cronometrar quen de nolos dous era o máis lento; e cuns 22′ fronte a 7′, eu resultei indiscutible vencedor -como cabía esperar- e leveime o premio Caracol 😉

Sector La Mandrágora, Rabanal de Luna. Guía de escalada publicada pola Asociación Cuatro Valles. Fonte: http://www.cuatrovalles.es/librosflash/escuelaescalada/Para remata-la nosa viaxe, ó día seguinte achegámonos a Rabanal de Luna, onde estivemos escalando no sector Mandrágora.

A Asociación Cuatro Valles adicada á promoción turística das 7 comarcas leonesas máis montañosas editou no 2007 unha guía das vías de escalada equipadas nestas comarcas, de tal xeito que pódense pasar varios días pola zona probando as distintas escolas. A guía está moi ben feita, aínda que ten algúns erros de graduación dalgunhas vías, e podedes descargala aquí: Guía de escalada Cuatro Valles.

Advertisements