Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Retirada no Espolón Fiz-Roi (Peñarubia, Covas, León), 11 de xullo de 2015

Retirada no Espolón Fiz-Roi (Peñarubia, Covas, León), 11 de xullo de 2015

2015 Xullo 11

Fotos de Espolón Fiz-Roi, (Peñarubia, Covas, León)

Espolón Fiz-Roi. ED-, 6c+ (6b obrigado), 170 m.

Fai agora ó redor dun ano que lle decía ó Xosé que, unha vez rematado o choio da súa apertura, eu xa non volvería a esta vía, non só porque estaba moi por riba das miñas posibilidades, senón porque logo de tantas horas vendo e sufrindo a pouca fiabilidade da rocha, e comprobado como de dorosas e cortantes resultaban as súas fendas, nada podía convencerme de que o resultado final era unha boa vía, e non esa parede intimidante na que o Xosé tivera a teima de sacar unha liña por onde eu non apostaba un peso que puidera saír nada aproveitable… 🙂

Pero xa coñecede-lo dito: “nunca digas nunca…”; e resultaba que agora de novo atopábame camiño de Covas, non pola miña vontade, senón por darlle o gusto a Carducho que desque coñecera a nova apertura quería ir a darlle unha “cata” -e, dende logo, non sería pola opinión que eu lle dera dela 😉 –

Saímos cedo de Vigo porque eu quería estar a pé de vía ás 10 da mañá (sabía que a partir das 13:30h., o sol empezaría polo cume a ir gañando terreo cara á base da parede e quería que alomenos tiveramos ascendido os 3 primeiros longos antes de sufri-lo seu castigo), sen embargo xa cáseque eran as 12h. da mañá cando atacabamo-lo primeiro longo -mal empezabamos…-.

Croquis do Espolón Fiz-Roi na web de Fendas e Ferralla: http://fendaseferralla.blogspot.com.esA estratexia era moi sinxela, o Carducho “paparíase” os 3 primeiros longos (os máis difíciles, e polos que eu o seguiría tirando de cintas, corda e canta axuda física ou química me facilitase), e eu probaría a encabeza-lo 4º e -se houbese unha conxunción estelar e os astros me fosen propicios- o 5º longos.

Hai que sinalar que a vía é bastante física e, alén dalgún paso máis delicado, esixe estar forte e ben de coco. Como está aberta dende abaixo hai bastantes parabolts e algúns cravos e cintas-cordinos no seu percorrido, pero segue sendo imprescindible usa-los friends e empotradores nas súas numerosas fendas.
O primeiro longo é o máis curto pero non nos permitirá quentar nel xa que enseguida amosa as razóns da súa gradación de 6c; conta con 3 ou 4 chapas e unha cinta prolongada xusto embaixo do paso máis duro. Carducho petou un brazo tentando o encadeamento nun primeiro intento, o que á postre sería un primeiro indicio claro de que algo non ía ben…. Pese a elo conseguiu resolve-lo paso nun segundo pegue e dispúxose a continua-lo noso periplo.
O segundo longo comeza en travesía ascendente cara á esquina dereita do teito que cobre a reunión, e logo de dobra-la, continúa por unha fenda tan rica en agarres e posibles proteccións, como dura. En todo este tramo non é posible que se vexan escalador e asegurador, así que non sei como o pasou o meu compañeiro, pero -contra o que eu lembraba- a min xa non pareceu tan “chunga” como da última vez que me “subiran” por ela, así que pode que haxa xente co nivel suficiente á que lle poida parecer divertida 😉 -sendo obxectivos, a verdade é que este é un longo moi bo-.
Fotos da apertura do Espolón Fiz-Roi, (Peñarubia, Covas, León)A nova reunión atópase baixo outro teito, no remate da fenda, e cando me xuntei nela co Carducho, o sol xa empezara a darnos duro, así que aí voaron as miñas esperanzas de ter superada-las máximas dificultades todavía á sombra. Pero iso non sería o problema principal; o meu compi empezaba a pensar que algo non funcionaba como debera no seu corpo xa que, ademais de que non se recuperara do apretón inicial no comezo da vía, agora incluso tiña a man acalambrada e non acababa de atoparse ben. O lóxico neste caso sería que eu acometese de primeiro este 3º longo de 6c+ (o máis duro da vía), pero a lóxica non pode obvia-las limitacións persoais, así que ata que lle poñan unha escada de 45 m. eu non me subo por aí sen unha corda ben tensa que tire por min dende arriba 🙂

Como este longo arrodea pola dereita o teito sobre a reunión, perderemos de vista ó/á noso/a compañeiro/a ata que acade a metade do percorrido, onde, máis ou menos, atópase o paso clave. Aí estivo pelexando o Carducho un bo rato antes de darse por vencido e saír del colocando un pedal. Nese intre eu aínda non o sabía, pero logo díxome que atopábase realmente mal e pese a que todavía tentou supera-lo teitiño que da paso ós últimos 8 m. do longo, xa non era capaz nin de aguantarse en movementos de Vº grao. Pasou unha das cordas polo parabolt de enriba do teitiño e mandoume que o fose descolgando, sen explicarme que pretendía facer xa que a lonxitude das cordas non daría para que chegase xunto a min. Sen embargo cando se ancorou a un dos parabolts para desencordarse dun dos cabos e recuperala corda xa entendín que quería facer…

Chegou xunto a min máis murcho cas leitugas logo dunha xeada, e cáseque incapaz de artellar manobras e palabras. Díxenlle que se ancorase antes de nada, pero non era quen nin de colle-lo cabo e localizar onde facelo, así que puxen cara de póker e procurei que non se notase a miña intranquilidade, sobre todo cando vin coma os dedos das mans contraíanselle de xeito espasmódico e agarrotábanselle sen que puidese evitalo… Ancoreino, dinlle auga e unha viseira e púxemonos de tal modo que o meu corpo lle ofrecese algo de sombra. Contoume que chegou un intre en que ademais de sufrir cambras e arcadas, pensou que se ía esvaecer e namentres bebía ós poucos e tomaba unha barriña de cereais, nalgúns momentos parecía que efectivamente estaba ó bordo dunha lipotimia.

Coma non somos ricos, e o meu compi é máis rexo que o ubre dun boi 😉 , logo duns minutos para que se fose recuperando, dispúxenme a subir pola corda ata o último punto acadado e recoller así o noso valioso material. Aínda que subir a pulso pola mesma corda na que Carducho me aseguraba en top-rope, resultaba máis fatigoso que difícil, non o fixen moi tranquilo dado o estado no que se atopaba o meu asegurador -non fose o demo que lle dese algo…-; así e todo, aínda que non poida dicir que gozase do percorrido, si que foime inevitable aprecia-la calidade deste fantástico longo e abraiarme coa tenacidade do Xosé na súa apertura.
Por fin tiña unha escusa para abandoa-lo ferrote de mallón que dende xa fai moitos anos sempre levo comigo ás escaladas; pero se alguén me fai o favor de ir buscarmo, que me avise, que non lle vou dicir que non o quero, eh 😉 Coloquei o mallón e rapelei xunto ó meu compi que todavía non andaba moi espelido, así que non lle quitei ollo durante tódalas súas manobras ata que se deslizou rápel abaixo.
E xa no chan, continuamos paseniñamente ata o coche onde elucubramos un bo rato sobre cal podía se-la causa do seu malestar: unha “pájara”, unha anemia, os triglicéridos, a crise grega,…
En todo caso, para outra vez seguro que se notamos que non nos atopamos ben, deixarémolo para outra ocasión…, ou… pode que non… 😉

Croquis:

Advertisements