Inicio > Escalada deportiva > Verdon (Francia), xullo de 2015.

Verdon (Francia), xullo de 2015.

2015 Xullo 31

Gústame o vento… nota-lo aire na miña faciana… ve-la herba tupida ou as polas das árbores abaneándose a un lado ou outro baixo o seu empuxe… Gústame senti-la súa forza ó meu redor, incluso cando me zarandea ata cáseque desequilibrarme.

Se a trascendencia fose algo tanxible tería que ser vento…, aire que todo o envolvese e que, sen embargo, só se manifestase a través do efecto do seu contacto, do seu choque, da resistencia ou sometemento que os seres e obxectos lle ofreceran…

Metido no meu saco, ó raso, sinto o vento golpearme, ás veces con forza, outras amablemente, pero sempre agradezo a súa presenza…, a súa compaña; e imaxino como arrastra nas súas rachas o bo e o malo…, indiferentemente…, sen xuízo, entendemento, cordura nin criterio. Imaxino como algún día tamén a min me levará e como, ó igual que ocorre cando pasan os seus refachos, as súas rachas… nada del queda… nada tampouco de nós quedará… salvo o propio momento, o instante, o fugaz quantum deste preciso intre en que o vento da contra a nosa cara… Gústame o vento… Deuses, como me gusta o vento…!

E no Verdón, … sempre sopra o vento…

Fotos do Verdon (Francia).Como o tempo nos Alpes non acompañaba, e aínda tiñamos uns días antes de reunirnos coa xente do Club Alpino Ourensán nos Pireneos, decidimos achegarnos ó Verdon á busca dese apreciado bo tempo.
Ninguén de nós estivera aló antes, e a miña cáseque única referencia era un daqueles capítulos do programa de TVE “Al Filo de lo Imposible” que fai moitísimos anos lle adicaron a este mítico lugar, referencia da escalada deportiva europea.

A garganta do Verdon está formada por un río sobre o que se levantan uns inmensos paredóns con máis de 500 vías repartidas por numerosos sectores. Unha estrada percorre por riba destes paredóns un dos lados do canón, facilitando o acceso a numerosos miradores ós que moita xente achégase para contempla-las fantásticas e vertixinosas vistas que ofrece este marabilloso lugar. Xunto á mesma estrada hai varios lugares nos que as rochas e a maleza ofrecen espazo de abondo como para vivaquear así que, aprovisionándonos de auga e algún alimento no cercano pequeno pobo de La Palud, pasamos un par de noites “a pé de vía”; aínda que sería máis correcto dicir que “non remate das vías”, xa que para escalar aquí é imprescindible rapelar primeiro dende o bordo da estrada ata a base de calquera das vías.

De camiño ó canón do Verdon pasamos por unha espectacular vila chamada Moustiers Sainte-Marie, que é un exemplo perfecto de como un lugar encantador (de auténtico conto!), cuns marabillosos valores paisaxísticos e arquitectónicos, pódese converter nun gran centro comercial a ceo aberto pola sobreexplotación turística; así que non podo dicir que non vos invite a visitalo, pero tampouco esperedes que o recomende máis aló que para unha pasada rápida… 😦 Iso si, na súa oficina de turismo mercamos unha guía de escalada, “50 ans & 500 voies d’escalade au Verdon” que aínda era do ano anterior, xa que en La Palud vimos á venda a do ano 2015: “51 ans & 510 voies d’escalade au Verdon”; polo que se ve, cada ano abren unha media de 10 vías 🙂

"51 ans & 510 voies d'escalade au Verdon" (2015) Contacto para a venda da guía : faudou.pascal@wanadoo.frCoa nosa guía no peto e as coloristas mallas do escalador da súa portada deslumbrando as nosas pupilas, achegámonos ata o primeiro mirador do canón, xa ben altos, para recupera-la vista de súpeto coa impresionante vértixe que causa asomarse ó seu baleiro -buá neno…!-

A escalada no Verdon ofrece vías de grande variedade, tanto de fendas como sobre placas, curtas e longas, ben equipadas e de escalada tradicional sobre terreo de aventura, duras e fáciles,… É pois un lugar de referencia ó que deberíamos de “peregrinar” cada ano… 🙂

Nós durmimos entre os matos na beira da estrada nalgún dos seus sectores, pero ademais dun camping próximo, en La Palud hai tamén bares, restaurantes, algunha tenda de alimentación, fonte,… A última noite ceamos no restaurante “de La Place”, pero nel “coláronnos” unha botellas de auga por ¡7 €!, así que non volo recomendaría; de tódolos xeitos na mesma praza do pobo hai outros bares/restaurantes alternativos, algún deles visiblemente decorado para atrae-los/as escaladores/as.

Volvendo de novo ó asunto da escalada, o vento que adoita soprar no canón pode ser determinante á hora de escolle facer algunhas vías, xa que non simplemente é molesto, senón que pode chegar a ser un problema debido tanto á súa intensidade, como ó frío que pode causarnos, así como porque parece que é bastante frecuente que se monten tormentas moi rapidamente -tédeo en conta…-.

Lucas e Manu non se deixaron impresionar pola altura das paredes e escolleron como primeira vía unha gran clásica da escalada tradicional, a Ula, 300 m e 6b (6a obrigado) no sector Les Marches du Temps, na que un par de amigos nosos, Víctor e Ernesto, o anterior ano tiveran que vivaquear na súa última reunión ó chega-la noite e non ver na escuridade que se atopaban no último paso que daba fin á vía -todos nos imaxinamos o que deberon (mal)dicir á mañá seguinte cando viron o que lles quedara… 😀 -.

Como xa comentara anteriormente, o normal sería rapelar toda a parede para inicia-la escalada, pero neste caso contaban connosco para que os levásemos en coche ata o comezo da senda que se adentra no canón xunto ó río, e aproximarse así camiñando comodamente ate o pé da vía. Así que logo de deixalos suxeríndolles que fosen vendo en que reunión poderían pasar mellor a noite, o Aviño e eu volvimos no coche ata o sector Jardin des Ecureils, para facer un par de vías moito máis modestas.

Pero unha das peculiaridades da escalada no  Verdon é que antes de nada hai que rapelar ata o pé das vías, o que non deixa a opción de abandoa-la escalada descolgándose por onde un subiu -só pódese saír por arriba…-; e iso nos/as primerizos/as neste lugar pesa… E cando un se asoma ó baleiro colgado da corda para inicia-lo descenso, é cando nota un estremecemento polas costas, e empeza a pensar en que pasará se a escalada fose máis difícil que a propia habilidade… ¿e se non fose capaz de subir…? ¿E se …? -¡Veñaaaaaaaa pra abaixo!- ;-D

croquis de Jardin des Ecureuils en http://www.topo-grandesvoies-verdon.frPara baixar a este sector son necesarios 4 rápeles pola vía “Dalles Grises” e aínda que o equipamento é de deportiva o normal é escalar con cordas dobres, para poder rapelar, como tamén se fai no resto de sectores.

A primeira foi a Chlorochose (V+, 150 m, aberta en 1976 por M. e C. Guyomar), unha vía moi ben equipada, ideal para empezar, que en 6 longos (V+, V+, V, V, V+, V ) fáciles e desfrutóns deunos suficiente confianza como para volver a baixar a por outra…

A seguinte foi a Cocoluche (6a+, 150 m, aberta en 1987 por M. Suhubiette), que con outros fáciles 6 longos (6a, 6a, V, V+, 6a+, V+), tamén resulta moi recomendable para familiarizarse coa escalada do Verdon.

Como xa non quedaba moito día, recollemo-lo noso material namentres observabamos como descolgaban pola parede ós/as escaladores/as para só facer últimos longos asegurados dende arriba, no que supoño que é un costume deste lugar; e achegámonos ó sector polo que os nosos compis deberían de aparecer se remataban a Ula no día 🙂 . Ó pouco de andar buscando o lugar polo que sairía a vía sentimo-las súas voces e vímolos xuntándose nunha reunión para ataca-lo último longo, así que apostados sobre eles fomos espectadores privilexiados do final da súa escalada.

Croquis do sector Dent d'Aire en http://www.topo-grandesvoies-verdon.frÓ día seguinte, como Lucas tiña molestias nun pé, xuntámono-los outros tres nunha única cordada para facer un par de vías no sector Dent’ d’Aire. Como Manu quería face-la Atelier Clandestine (6c+, 100 m) no resalte inferior (Mur Bleu), que é unha vía de 4 longos (6b+/6c, 6a+, 6b e 6c) que te deixa nun xardín a metade de parede (Gringo Loco), logo remataríamos polos 3 longos (V+, 6a+ e 6a+) da moito máis asequible Dolce Vita (6a+, 30 m).

A Atelier Clandestine é unha vía boísima pero demasiado difícil para min de non ser porque o Manu ía en cabeza (aínda véxome xirando colgado coma un chourizo no desplome do 1º longo incapaz de chegar sequera ás cintas…), así é todo hai que recoñecerlle a súa beleza e destacar especialmente o segundo e cuarto longos.

A vía remata no xardín intermedio deste sector, dende o que hai que camiñar ata situarse ó pé do resalte rochoso superior, polo que continuamos escalando pola moito máis amable Dolce Vita que tamén deixounos un gran sabor de boca cando rematamo-lo seu sorprendente sostido último boísimo longo :-).

O día remataba e a choiva que xa levaba algún tempo ameazando con chegar non aparecía, así que deitámonos novamente no monte, para pasa-la noite baixo unhas árbores; pero cando estabamos durmindo empezamos a nota-las primeiras pingas nos nosos sacos, así que o Aviño saltou do seu vivac coma un resorte para montar unha tenda, namentres eu procuraba cubrirme por riba cunha segunda esteriña esperando que a choiva pasase pronto -ó final tiven que rendirme e acomodarme na tenda-.

Á mañá seguinte xa só restaba coller de novo a estrada cara a España, así que cunha parada para xantar nun turístico lago de Sainte-Croix, onde nos dimos un chapuzón, volvimos a internarnos nas carísimas autopistas francesas para sufri-las súas inevitables retencións de tráfico (pagar para estar parado nas interminables colas que se montan nas peaxes, a min non me parece de recibo…) e conducir todo o día ata que paramos para facer un último vivac nunha gasolineira abandonada xa en territorio hispánico: ¡isto é vida! hahahaha…

Croquis e máis info en:

Advertisements