Inicio > Montañismo > Val de Tena (Pireneos), agosto de 2015.

Val de Tena (Pireneos), agosto de 2015.

2015 Agosto 6

Fotos de Val de Tena (Pireneos), agosto de 2015. Como a saída de verán do Club Alpino Ourensán deste ano era ó Val de Tena, á volta dos Alpes, Manu, Lucas e eu, quedamos en xuntarnos con eles no camping Escarra (situado no mesmo pobo é moi grande, con boas instalacións, pero pouco montañeiro 😉 ), en Escarrilla para facer algunha actividade conxunta -bueno…, o Lucas en realidade tería que facelas todas 🙂 -.

O Val de Tena está na bisbarra do Alto Gállego, en Huesca, comunicado co veciño val francés de Ossau polo paso do Portalet d’Aneu, así que dende aquí é posible facer ascensións a picos tan coñecidos como o Balaitous e o Midi d’Ossau.

O mellor de ir co Club é que son outros/as os/as que pasan o choio de prepara-la ruta, así que de cando en cando é xenial apuntarse ás súas saídas :-). Nesta ocasión eramos algo máis de 20 persoas as que confiamos no bo facer de Víctor e Lucas para atopa-las rutas escollidas.

Ascenso na cara Norte do Midi d’Ossau pola vira de l’Embarradère e a brecha des Deux Gendarmes, e descenso pola vía Normal, ou das chemineas, da cara Este.

Fonte: http://sebasaventura.blogspot.com.es/2010/09/cara-norte-midi-d-ossau-vira-de.htmlDende Escarrilla pasamos a Francia por Portalet, e ó pouco de empezar a descender xa se atopa unha zona nas marxes da estrada na que deixa-los coches. Ó outro lado do regato destaca a inmensa mole do Midi d’Ossau e son ben visibles as marcas da senda que ascende zigzagueando pola pradeira, cara á golada Col de Soum de Pombie. Dende aquí, o camiño descende suavemente ata o refuxio de Pombie (gardado e con bar, está situado xunto a un ibón e ten unha fonte e uns prados ó seu carón nos que é posible acampar), tra-lo que o camiño atravesa unha pedreira dende onde descubrimos a Manu e Ernesto escalando o 1º ou 2º longo da Sureste Directa ó Midi d’Ossau. Pero nós seguimos ata o Col de Suzon, onde nun cruce de camiños sae unha senda á esquerda cara á vía Normal de ascenso ó Midi d’Ossau -pola que regresaremos á volta-, e continuamos descendendo un pouco para logo atravesar sen perder altura ata a brecha superior de Moundelhs, pola que se pasa para dirixirse ata a seguinte, a Brèche des Austrichiens. Ascendemos con precaución polo diedro nunha longa ringleira cara a unha característica agulla na que se atopa a brecha du Gendarme. Superada esta, a ruta continúa pola vira de l’Embarradère ata a brecha de La Fourche, pero nós desviámonos antes da Fourche para dirixirnos á esquerda (coido que xa no ombreiro do espolón Norooeste), cara á brecha des Deux Gendarmes.

Seguimos ascendendo por fácil terreo rochoso bastante evidente, ata que descendimos uns poucos metros cara a outra pequena brecha con rocha solta pola que destrepamos primeiro uns 10 m moi expostos e logo xa seguimos flanqueando algo máis horizontalmente antes de volver a empezar a ascender por unha cheminea-diedro de bos agarres que desemboca nun terreo xa fácil ata o cume.

Para baixar, desandamos parte do camiño e logo seguimos os fitos por unha empinada pedreira cara ó Este, ata unha cruz de ferro, a Cruz del Portillón, que serve para situarnos sobre a 3ª cheminea da vía Normal, que se pode destrepar sen problema.

Seguimos descendendo e as primeiras gotas de auga empezan a caer cando preparamos o rápel da 2ª cheminea; nesta e na 1ª cheminea hai sendas instalacións de rápel que facilitan un descenso para o que é de abondo cunha corda duns 50 m.

Dende aquí xa só resta baixar camiñando ata o col de Suzon, dende onde retomaremo-la senda que vai cara ó refuxio de Pombie, así que como a choiva achegábase (colleunos algunha chuvascada de regreso) fumos dispersándonos, cada un ó seu ritmo por todo o camiño que nos levaba ata o aparcadoiro (a ruta foi fantástica pero bastante longa; hai que calcularlle unhas 10 horas).

Croquis e info:

Ascensión ao Balaitous pola Brecha Latour e descenso polos Picos de la Fondella (actividade con vivac).

Logo da estupenda ruta da véspera, a seguinte actividade preparada por Víctor e Lucas empezaría cun vivac xunto ós ibóns d’Arriel,ós que chégase nunhas 3 horas partindo do encoro de La Sarra, así que ese día non madrugamos, senón que despois de xantar achegámonos nos coches a Sallent de Gállego, dende onde proseguimos pola estrada que pasa pola central eléctrica ”A Sarra”, na marxe dereita do encoro do mesmo nome, ata o aparcadoiro onde empezamos a camiñar pola senda GR 11.

Cruzamo-la ponte de “Las Faxas” para segui-lo evidente camiño que vai paralelo ó río “Aguas Limpias”, ascendendo entre pastos e bosque, pasando pola estreitura do “Paso de L’Onso” e acadando o herboso “Plan Cheto”, onde o val xira ó Este. Uns 200 m despois de atravesa-lo torrenteArriel, en plena costa, abandónase a ruta principal que vai cara ó val de Respomuso, tomando unha senda á esquerda que ascende por placas de pedras nun bosque de faias e continúa ata acada-la pedreira do barranco d’Arriel.

Subimos uns metros por entre pedras antes de atravesa-la pendente cara á dereita, seguindo unha senda pouco evidente pola ladeira herbosa, que se dirixe a unha estreitura pola que cae o regato dos ibóns de Arriel.

Atravesada a angostura, bordeamos o ibón d’Arriel Baixo polo lado dereito (no noso sentido de avance) e como eramos cáseque 20 persoas e non había un espazo chan suficientemente grande para todos/as, desperdigámonos para vivaquear xusto por enriba deste ibón, perto dun manantial (no que aprovisionámonos de auga) que brotaba xusto onde a senda divídese en dúas: unha que seguía cara ó ibón superior e outra que ascendía pola ladeira dereita cara ós “Picos dera Frondiella”.

Logo do regalo dunha desas noites máxicas na montaña, puxémonos en marcha ó redor das 7 da mañá para acada-lo ibón d’Arriel Alto e empezar a ascender pola empinada ladeira -a tramos herbosa ou pedregosa-, con lixeira tendencia á esquerda para acada-lo barranco que baixa do ibón Chelau. Dende esta lagoa xa se distingue claramente a Gran Diagonal do Balaitús; arrodeámola polo noso lado esquerdo e continuamos ascendendo pola pedreira do seu extremo oposto seguindo algo de senda e fitos ocasionais. Seguimos progresando entre grandes bloques ata a cova Andre Michaud, un vivac do tamaño dunha habitación pequena xunto ó que fixemos un pequeno descanso, cando levabamos hora e media de ruta, aproximadamente.

Seguimos ascendendo co contraforte rochoso á nosa dereita ata gaña-la crista da esquerda e atravesala por unha vira que se vai empinando e lévanos á Gran Diagonal. Esta inclinada canle é moi evidente e percorre a parede de dereita a esquerda sen ser moi complicada, aínda que nalgúns puntos hai que bota-las mans.

Acadada a aresta, sae á dereita unha canle que se vai estreitando por entre rochas escalonadas nas que xa é preciso usa-las mans máis a miúdo. Chegamos a un encaixoamento que sube bastantes metros para volver a gaña-la aresta, deixándonos ver a xa próxima cume que acadaríamos pouco despois das 10:30 h.
Namentres os compañeiros pasaban o tempo identificando a Brecha Latour, a Aguja Cadier e os picos Frondiella, eu, que non sabía nin en que cume estaba, só era quen de distingui-la marcada senda que ía enfronte nosa pola explanada de pedras antes de xirar á dereita (Sur) e descender por terrazas rochosas cara á brecha. Seguimos por aí ata parar a xantar entre as pedras, antes do montículo que hai que subir xusto xunto á brecha. Enriba deste montículo hai un primeiro rápel que pódese evitar destrepando sen demasiadas dificultades ate a pequena repisa da instalación do 2º rápel (pode que duns 15 ou 20 m), que tamén pódese evitar por unhas clavixas no lado esquerdo da parede (en sentido descendente), aínda que esta opción é bastante delicada nalgún tramo.

Xa na angosta canle baixamos con precaución nun terreo descomposto que ás veces resultaba incluso perigoso debido á inconsistencia da rocha. Nalgún punto hai unha corda para axudarse pero en toda a canle segue sendo obrigado baixar coas máximas precaucións porque todo o que se pisa desmoróase…

Fora xa da canle, os últimos restos dun neveiro obrígannos a pasar entre este e a parede da nosa dereita ata que atopamos un paso polo que subir a ese muro e situarnos baixo as amplas canles que ascenden cara á “Aguja Cadier” e “Picos dera Frondella”. Neste punto (eran ó redor das 15 h) dividímonos en dous grupos: uns baixaron ó refuxio Respomuso para xuntarse cos nosos compañeiros/as do Club que estaban facendo facendo unha ruta de sendeirismo por esa zona, e o resto iniciamo-la trepada que nos levaría, primeiro por unha canle e logo por terreo máis complicado e aéreo ata o minúsculo cume da Aguja Cadier. Dende ela, volvimos a descender por onde subíramos ata algo máis abaixo da aresta que conduce ó Frondella Norte e logo arrodeamos este cume seguindo unhas evidentes placas e repisas polas que pasamos á outra vertente do contraforte pola esquerda. Gañamo-lo seu cume e seguimos cresteando ata acada-lo “Pico de la Frondella” ó redor das 15 h.

Continuamos xa comodamente pola ampla aresta ata o Frondiella Central, dende onde unha canle pedregosa e descomposta descende á dereita en paralelo ó contraforte Ledormeur, con vistas xa dos ibóns de Arriel. Seguimos baixando algo perdidos entre grandes bloques e terrazas xa que escasean as marcas e fitos neste tramo, ata que acadamos as herbosas pendentes nas que o rastro da senda que conduce ó ibón d’Arriel Baixo nos levou máis comodamente ata acadalo pouco antes das 18 h.

Algunha xente aproveitou para darse un chapuzón nos xélidos ibóns, namentres descansabamos un rato antes de emprende-lo regreso a La Sarra, onde rematamo-la camiñada e voltamos en coche ó camping cun gran sabor de boca :-).

Reseñas:

 

Advertisements