Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Ravier ó Tozal del Mallo, 7 de agosto de 2015.

Ravier ó Tozal del Mallo, 7 de agosto de 2015.

2015 Agosto 7

Fotos da escalada da vía Ravier no Tozal del MalloA escalada en Ordesa é sinónimo de verticalidade, de baleiro baixo os pés, de liñas estremecedoras, de dificultade, de inestabilidade, de malas eleccións de itinerario, de precario equilibrio entre precaución e determinación, de medo… en definitiva; Ordesa é sinónimo da auténtica aventura…

Aquí impera a escalada libre, no seu intimidante calcáreo fracturado e estratificado con abundancia de teitos e diedros, o ambiente aéreo está garantido; un terreo complicado coa aparencia de inmenso mar de bloques dun xogo de construcións no que sucédense duros longos de escalada atlética e alta exposición.

¿Asusta…? Si, a min asústame, e non é para menos…

Cara Sur do Tozal del Mallo, vía Ravier, MD, 350 m, 6a+ (V+ obrigado).

Mundi e eu escalamos habitualmente xuntos, así que esta vía non tería porqué ser especial respecto doutras moitas que temos feito, pero, non sei porqué, foino… Tal vez por se-la nosa primeira vía en Ordesa, ou porque levabamos algún tempo sen ir nolos dous a unha gran parede, ou polo incrible ambiente da ruta, ou porque logo da tensión rebosabamos de adrenalina…; o caso é que facía moito que non me emocionaba tanto -a punto estiven de que se me escapase algunha bágoa cando nos felicitabamos ó remate da vía-: que gran sabor me deixou! Houbéralle dado un bico, pero claro… é que somos uns machotes 😉

Croquis con anotacións a partir do orixinal de Luichy da web de lanochedelloro.com (http://lanochedelloro.com/reseespana/aragon_h_ordesa.html#). Fonte: https://i2.wp.com/www.nevasport.com/fotos/220712/458163.jpgCáseque exactamente un ano antes, Beni e eu fixeramos unha tentativa fallida á Ravier do Tozal del Mallo, que serviunos (especialmente a min) de cura de humildade, para non infravalora-la escalada en Ordesa. Sen embargo, coido que dende o momento en que puxen o pé no chan tra-lo último rápel da nosa retirada, inmediatamente pensei en volver a tentala… -non é que sexa un destemido, non… o que si son é cabezón…:-) -.

Desta volta, eramos 4, Manu, Antón, Mundi e eu, os que aproveitando que nos atopabamos no val de Tena, coa xente do noso Club Alpino Ourensán, decidimos achegarnos o último día da xuntanza, a despedirnos dos Pireneos cunha escalada clásica como a Ravier.

Como o primeiro autobús que sube ata Pradera sae ás 6 da mañá, achegámonos pola noite na furgoneta para durmir xa no parking de Torla, logo da enchenta dunha cea de Club, pensando que a viaxe facilitaríano-la dixestión 🙂 . Ó chegar buscamos un sitio con algunha árbore e valo que nos protexese do resío e aire nocturnos, pero non contabamos co sistema de rego automático, así que ó pouco de meternos nos sacos, a artificial humidade obrigounos a reubicarnos -tédeo en conta se no futuro pretendedes vivaquear no parking-.

Pola mañá subimos a paso lixeiro polo bosque, cunha mochila por cordada e todo o material xa colgado, pero un grupo de 5 mozos pasáronnos polo camiño e cando chegamos a pé de vía, xa estaban eles atacando a mesma ruta ca nós. Afortunadamente, en cabeza ía un que debía de coñecer ben a vía e xuntando longos e escalando as dúas cordadas pegadas, rapidamente se distanciaron de nós e non nos fixeron esperar máis que no longo sobre o zócalo.

  • 1º longo (IV) 25 m e 2º longo (III) 60 m.

Eu coñecía parte da vía por mor do meu intento do ano anterior, así que sen dúbidas trepamos con coidado polos bloques e arbustos do primeiro longo, sen poñe-los gatos nin usa-la corda, e seguimos camiñando no que é o segundo longo ata acada-la parede de rocha enriba do contraforte que lle serve de base. Aquí é onde realmente empeza a vía, e temos que esperar a que as dúas cordadas dos que nos adiantaron polo camiño rematen este longo (o terceiro da vía, aínda que realmente é o primeira de auténtica escalada).

  • 3º longo (IV+) 45 m.

Antón arranca o primeiro asegurado por Manu, namentres Mundi e eu agardamos a nosa quenda. Este terceiro longo consiste dunha sucesión de resaltes escalonados con algo de vexetación non demasiado difíciles, pero onde un non se pode confiar: levanto a cabeza xusto no mesmo intre en que o Antón sae disparado despegando da parede con esa característica axilidade que amosa na montaña 😉 e desaparece 6 ou 7 metros máis abaixo, detrás dun zócalo. Todos contemos a respiración uns segundos, ata que Antón di que se atopa ben e que volve a retoma-la escalada. O Mundi, que se estaba preparando para encabezar este longo mírame… eu quítolle importancia á caída pero o susto xa non hai quen o quite…

En canto Manu sae para reunirse con Antón na 3ª reunión, o Mundi non espera nin un segundo e sae detrás del “cheirándolle os peidos” 😀 , non sei se para gañar tempo ou para quitarse os nervios de enriba.

  • 4º longo (V+) 30 m.

O seguinte 4º longo acada unha reunión uns metros xusto na vertical da famosa cheminea do 5º longo e, antes de que Mundi e eu nos xuntemos nela, Manu e Antón, que empataron eses dous longos nun, xa se atopan enriba da cheminea e empezando o seguinte longo, polo que a partir de aquí, xa os perderemos de vista durante o resto da vía.

  • 5º longo (6b?) 30 m.

No 5º longo enfrontámonos á esvaradía cheminea coas ideas claras: aforrar forzas que máis adiante nos farán falta (unha valiosa lección que aprendín o ano anterior); así que non dubidamos en acerar dos cordinos e cravos do seu interior (por favor, que algunha alma caritativa anove alomenos un deses salvadores podres cordinos, porque xa está ó límite…).

  • 6º longo (6a) 30 m.

A partir de aquí entramos no reino da verticalidade… No 6º longo empezamos a senti-lo que é o baleiro baixo os pés e o que é escala-los resaltes desplomados característicos destas paredes. A reunión está nunha curiosa laxe claramente separada da parede dende a que impresiona tanto mirar cara abaixo, como cara arriba para ve-lo que nos espera a partir deste punto…

  • 7º longo (6a+) 50 m.

O 7º longo empeza por un diedro pero logo xa non resulta tan evidente o seu trazado, así que hai que “navegar” bastante e telo moi en conta, prolongando os seguros para minimiza-lo rozamento, máxime cando a lonxitude deste tramo ronda os 50 m. O ano anterior sufrira unha caída sen consecuencias neste longo, e lembraba que se me fixera moi duro -física e psicoloxicamente- así que afronteino con moito “respecto”. Pero, como ditan as leis de Murphy, xusto aquí empezaron a caer unhas pingas que precisamente deixaron a rocha empapada (incluso con algún charco) no resalte de saída que daba acceso á reunión, así que durante un bo rato estiven dubidando antes de atreverme a superar o último paso.
Esta reunión foi dende onde abandonaramos Beni e eu no anterior intento, así que a partir deste punto xa non coñecía o percorrido pero supuña que o seguinte longo sería máis difícil que o que acababamos de facer e… así foi…
Como o sol volveu a saír, coido que aproveitamos para tomarnos un descanso aquí, antes de ataca-lo seguinte longo.

  • 8º longo (6a+) 60m.

Esta 8ª tirada comezámola buscando a fenda á dereita da reunión e logo seguíamos facendo unha travesía a esquerdas e logo volvíamos a buscar pola dereita… en fin, que basicamente hai que ir dun lado a outro buscando por onde pasar. Non me lembro moito salvo da sensación de que foi difícil e que remataba baixo unha evidente cheminea ó límite da lonxitude das cordas (nós montamo-la reunión uns 6 ou 7 m antes da cheminea, pero coido que as cordas houberan dado para montala xusto no seu comezo). Segundo os croquis que levabamos era como se aquí houberamos empatado dous longos nun xa que agora só nos restaba o último, pero as lonxitudes indicadas non nos cadraban así que sospeito que estas estan mal nos croquis.

  • 9º longo (V+), 50 m.

Xa só nos quedaba un 9º longo, que empezaba por unha cheminea encaixoada para dar paso a un último tramo escalonado polo que acadábase a ampla chaira dun cume onde Manu e Antón xa levaban máis dunha hora agardando por nós.

Dámono-los parabéns e o Mundi disponse a paparse un bocata que introducira subrepticiamente -de contrabando- na nosa mochila cando lle dixen que era fundamental que leváramos estritamente o mínimo imprescindible. Pero para a súa desgracia -e a nosa xeral mofa-, co obxectivo de reducir peso só preparou medio bocadillo e ó facelo ás escuras a anterior noite, resulta que se equivocou e o que subiu na mochila foi a metade sen recheo… -se imaxinades a cara que se lle quedou, tamén podedes imaxinarvo-la que tiñamo-los demais cando nos explicou o seu erro, hahahahaha…-.

Hora e media despois xa estamos de novo na Pradera facendo cola para colle-lo autobús que nos levaría a Torla onde esperábanos Beni que aínda que tamén viñera connosco a véspera coa intención de subir ata o cume do Tozal pola senda das clavijas de Salaróns, dérase a volta cando o conato de choiva de media tarde a pillou de camiño.

¡Que gran día de escalada! 🙂

  • 1ªascensión: 1957 Blotti, Dufourmantelle, Jaccoux, Kahn e Ravier
  • Aproximación: 1 hora e media, aproximadamente. Dende a parada do autobús na Pradera retrocedemos 1 km pola estrada ata unha senda que hai xunto a un gran Centro de Interpretación/información pechado, e que leva ó Circo de Carriata; pouco despois dun pequeno refuxio-vivac, rematado o bosque, chégase a un cruce que por un lado vai cara ó circo de Cotatuero e a Faja Racón, e polo outro segue cara ás Clavijas de Carriata, nós seguiremos uns metros máis por este último camiño para facer ó pouco unha longa travesía á esquerda cara ó Tozal del Mallo e bordea-lo pola súa base, chegando así ó característico zócalo da base da vía.
  • Descenso: rematada a vía, unha senda sube un pouco cara á esquerda antes de xirar cara ó Este para flanquea-las terrazas superiores do circo. A senda lévanos ata as Clavijas de Carriata ou de Salaróns, e dende elas xa empata co camiño de aproximación.
  • Material: dúas cordas de dobre de 60 m, dous xogos de friends (ata o nº 3 de Camalot), 3 Allien, 1 xogo ben completo de empotradores e 15 cintas, ademais do equipo individual de escalada habitual.
  • Auga: fonte e bar na Pradera. Tamén pode haber auga no torrente que hai no cruce que por un lado vai cara ó circo de Cotatuero e a Faja Racón, e polo outro segue cara ás Clavijas de Carriata.
  • Croquis e info:
Advertisements