Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Galayos (Gredos, Ávila), agosto de 2015.

Galayos (Gredos, Ávila), agosto de 2015.

2015 Agosto 17

Fotos de Galayos (Gredos, Ávila) Os Galayos é un deses lugares máxicos que espertan a imaxinación de calquera que se interne no seu pétreo universo; sumerxirse na onírica visión das súas espectaculares murallas inzadas de torreóns, almenas e troneiras, é entrar no máxico mundo dos castelos de fantasía de calquera das belicosas razas do “Señor dos Aneis” de Tolkien.

Unha avantaxe de ir escalar ós Galayos para os non habituais da zona, é que hai tantas vías asequibles que aínda que un se achegue aló sen ter escollido previamente ningunha só ten que coller uns croquis e elixir cara a que agulla encamiñarse. Naturalmente sempre pódese preguntar ó garda do refuxio, ou falar con algunha das numerosas cordadas que ó atardecer van regresando das súas escaladas á ampla terraza para disfrutar da vista daqueles/as que aínda se esforzan en rematar calquera vía; así e todo, o mellor é, sen dúbida, contar con alguén que coñeza os accesos e descensos dalgunhas das súas agullas para non liarse…

Tarifas do refuxioNormas de uso do refuxioNesta ocasión, aínda que eu estivera aquí unha soa vez, con Víctor, exercería de Cicerone (todo un “profisional” grazas -como acabo de dicir- ó meu longo historial galayar…) coa Beni, para o que sería a súa estrea neste lugar de encantamento. O lóxico sería que houbéramos planificado un pouco que facer pero, polo que antes dicía, nos Galayos pódese improvisar facilmente, así que aló nos presentamos un día de verán, demasiado tarde como para subir inmediatamente ó refuxio, polo que esa noite durmimos no aparcadoiro de Nogal del Barranco. Xunto a este aparcadoiro hai unha edificación (coido que está/estaba destinada ós/ás gardas do Parque) que soe usarse para durmir -con discrección e respecto- e tamén hai unha boa fonte, así como un bar onde tamén serven comidas.

Ó día seguinte, xa no refuxio Victory, reservamos praza para 3 noites (además dunha fonte xunto ó refuxio, tamén hai numerosos sitios nos que acostuman a vivaquea-los montaraces asiduos do lugar) e inmediatamente buscamos unha vía fácil, que nos servese como primeira toma de contacto no granito do Galayar; escollemo-la Malagón ó Gran Galayo, máis que nada por iso de que ascendía a un “grande”… 😉

Malagón, Gran Galayo, Cara Oeste (IV+, 180 m)

Croquis de http://utopiavertikal.blogspot.com.es/2014/11/gran-galayo-via-malagon-v-los-galayos.html

No croquis debuxan un trazado no final do 1º longo pola esquerda da fenda, así como un xiro á esquerda no 3º longo; nós coido que seguimos sempre por fenda no 1º longo, e no 3º paréceme que fomos bastante rectos.

1ª ascensión:

Aberta o 17/08/1952 por Bonifacio Malagón, Manuel Lueches, Víctor M. Rodríguez, Emilio P. De la Vega e José Luis Gilabert.

Percorrido e dificultade:

4 longos de: IV+, IV+, IV+, IV

Empézase cunha trepada (III+) desencordados por bloques e gradas ata situarnos baixo a evidente fenda/diedro que da inicio á escalada.

1º longo. IV+: Súbese pola fenda/diedro ata acadar unha cómoda repisa baixo un novo diedro.

2º longo. IV+: Neste punto é posible seguir rectos polo diedro ou tomar sendas variantes, unha a cada lado, do mesmo. Nós seguimos rectos polo itinerario do medio e aínda que é posible montar unha reunión intermedia baixo un pequeno desplome continuamos ata acadar unha nova repisa cáseque no filo do espolón que separa a nosa cara da vertente pola que vai a vía Gran Diedro.

3º longo. IV+:  Sáese da reunión para gaña-lo fío do espolón e seguir polo bordo dereito, por placa, ata o ombreiro onde se xunta coa vía Gran Diedro.

4º longo. IV: Superamos un primeiro tramo fácil ata situarnos nunha ampla terraza baixo un gran diedro perfecto vertical, por riba do que xa se pode montar reunión lazando calquera bloque, e continuar camiñando ata o cume.

Descenso:

Báixase por unhas placas tumbadas cara ó Leste ata acada-la Brecha de la Aguja de la Portilla, e logo continúase pola Canal Trocha Palomo.

Data:
14/08/2015.

Cordada:

Beni e eu.

Material necesario:
2 cordas de uso en doble (60 m. c/u), unha ducia de cintas exprés, un xogo de friends ata o nº 3 de Camalot e empotradores de tamaño mediano e grande.

Croquis e reseñas:

 

Combinación das vías Underground (V+) e Diedro Malagón (6a) ó Torreón de los Galayos (140 m)

Durante a escalada do Gran Galayo da véspera puidemos observar a unha cordada rematando o espectacular diedro Malagón no Torreón de los Galayos, así que cando ó voltar ó refuxio vimos con sorpresa que o seu grado era asequible para nós, inmediatamente converteuse no noso seguinte obxectivo.

Como esta curta vía parte da Plataforma de las Flores, na cara NO, é preciso chegar a ela escalando algunha das vías que superan o zócalo inferior do Torreón; e enfronte mesmo da porta do refuxio podíamos ver unha evidente longuísima fenda rectilínea que nos confirmaron que se trataba da coñecida Underground, na cara Oeste, e que se soe recomendar combinar coa Malagón.

Así que… aló nos fomos… 😀

Underground (V+), cara Oeste do Torreón de los Galayos.

Fonte: http://www.viaclasica.com/seleccion_vias/muy_dificiles/muy_dificil_galayos.html1ª ascensión:

Aberta por Carlos Valladolid con outros 6 compañeiros máis (non atopei referencias a quenes eran) en 1970 .

Percorrido e dificultade:

3 longos de IV, V e V+ (logo hai que aproximarse á base do Torreón, III+). Parece que hai xente que fai dunha soa tirada os dous últimos longos (non sei se é que suben un pouco máis no 1º longo, ou é que a corda lles da, pero a min paréceme un pouco xusta a lonxitude para cordas de 60 m).

1º longo. IV, 30 m: A vía comeza nunha repisa evidente ascendendo por unhas gradas con tendencia á dereita, para logo facer algo de travesía horizontal (evitando así seguir pola fenda da Murma), rodeando uns bloques para mota-la reunión enriba deles, unha repisa baixo unhas fendas algo sucias.

2º longo. V, 50 m: Non hai perda; súbese recto por unha longa fenda ata, pouco despois de superar un pequeno desplome, montar reunión nun descanso baixo un gran bloque apoiado no lado dereito.

3º longo. V+ e III+, 20 m: Supérase o bloque e continúase uns poucos metros máis, cada vez máis tumbados, ata acada-la Plataforma de las Flores e facer reunión laceando calquera bloque.

Diedro Malagón (6a), cara Noroeste do Torreón de los Galayos.

1ª ascensión:

Aberta o 22/7/1950 por Bonifacio Malagón, Lorenzo Malagón, Antonio Romero e Frutos Sainz.

Percorrido e dificultade:

3 longos de: V, 6a, V+

1º longo. V: Dende a plataforma arrancamos por unha placa delicada de pequenas presas e fendas ata acada-lo noso diedro, nun curto tramo bastante exposto, que nos sitúa no comezo do mesmo. Séguese xa pola fenda ata acadar unha repisa cómoda.

2º longo. 6A: Séguese polo diedro ata superar (pola esquerda ou dereita -eu non lembro por onde o fixemos-) un bloque con cravos, por riba do que xa se pode ver un característico estilizado gendarme triangular conformado por dúas fendas no lado esquerdo do diedro, onde montamos reunión xusto debaixo del, aínda que non lembro se por comodidade ou por desconfianza…

3º longo. V+: O último longo segue pola fenda ata acadar unha repisa baixo unha cheminea curta pero penosa (disque é mellor ir por fora en vez de empotrarse nela…?) que non se pode protexer, e logo xa gaña o afiado fío polo que agatúñase ata acada-lo minúsculo impresionante cume do Torreón.

Descenso:

O descenso faise nun rápel de 55 m pola cara Norte e logo destrépase pola Canal Noroeste e en travesía á dereita acádase a Canal del Gran Galayo.

Data:
15/08/2015.

Cordada:

Beni e eu.

Material necesario:
2 cordas de uso en doble (60 m. c/u), unha ducia de cintas exprés, un xogo de friends ata o nº 3 de Camalot (repetido o nº 3 e algún máis, e tamén é recomendable un nº 4) e empotradores de tamaño mediano e grande.

Croquis e reseñas:

 

Gerardo-Rafa (6a+, 260 m), cara Oeste da Torre de Amezúa.

Logo do par de escaladas anteriores pensei que xa podíamos meternos nunha vía máis “esixente”, así que estabamos ollando cos croquis do refuxio cando falando coa xente do Grupo de Tecnificación en Alpinismo da Federación extremeña, que levaban varios días escalando por aquí, un deles contounos que acababa de face-la Gerardo-Rafa, que é unha das vías clásicas máis recomendables, pero que o pasara moi mal no 4º longo ó non ver un buril nunha placa que serve de referencia para desviarse á dereita: el seguiu recto pola fenda e logo viuse metido nun “fregado” no que pasouno moi mal.

Dado que era unha vía moi recomendable, e que contabamos con información de primeira man para non erra-lo percorrido, decidímonos pola Gerardo-Rafa; así que unha vez tomada boa nota das súas advertencias para acertar co itinerario,  suporedes que evitamo-los problemas, non si…? Pois non ;-(  -menudo ollo teño…-

1ª ascensión:

Aberta o 23/8/1968 por Gerardo Blázquez e Rafael de Miguel Cornejo.

Percorrido e dificultade:

Son 5 longos, precedidos dunha trepada de III+/IV, polo canle ata a base da vía, a media parede practicamente: 6a+, V+, 6a+, 6a, IV+

En realidade nós fixemos unha variante da vía, xa que para chegar á base da vía improvisamos 2 longos previos e no 4º longo da vía equivocámonos (pasámono-lo famoso buril que indica o desvío á dereita) e acabamos empatando co último longo da Ayuso-Rivas.

A vía comeza á dereita da explanada de vivacs que hai ós pés da Punta María Luísa, a un lado da Canal de la Aguja Negra, cunha longa trepada (III+/IV) polo Canalón del Risco del Puente, que acada (cáseque a media parede da Amezúa) unha zona máis aberta dende onde se aprecia un tramo de gradas escalonadas cara á esquerda que levan á base do 1º longo da nosa vía, nunha ampla repisa/plataforma, a apenas 5 m á dereita do comezo da vía Ayuso-Rivas.

Nós, sen embargo, abandoamo-la canle demasiado pronto e iso obrigounos a facer un longo por terreo exposto de difícil protección encadeando pequenas fendas con outras; pero, aínda que nos decatamos de que non estabamos na vía decidimos seguir un longo máis a ver se atopabamos algo que nos servise de referencia. Un segundo longo levounos, facendo algo de travesía á esquerda, a dobrar unha esquina pola que nos metimos nun diedro que nos deixou ós pés da plataforma na que se atopa o auténtico comezo da escalada da Gerardo-Rafa. Unha cordada que se atopaba facendo os primeiros longos da Oeste á Aguja Negra para logo empatar coa Ayuso-Rivas á Torre Amezúa, confirmounos aí que por fin nos atopabamos no lugar correcto e que efectivamente subíramos á aventura por onde non era.

Fonte: http://luichy-lanochedelloro2.blogspot.com.es/2012/08/torre-amezua-gerardo-rafa.html1º longo. 6a+, 35 m: O primeiro longo de escalada comeza nunha placa, primeiro verticalmente e logo en travesía á dereita de mala protección (expo) que da entrada a unha fenda pola que séguese ata que se anchea, montando reunión nun pequeno nicho baixo un vello cravo.

2º longo. V+, 30 m: Superamos o muro vertical continuando pola fenda ata o seu remate nunha cómoda ampla repisa baixo un pequeno teito (coido que a esta zona é á que lle chaman Plaza de Castilla). Á dereita dese teito vese a nova fenda pola que continúa o seguinte longo.

3º longo. 6a+, 45 m: A nova fenda empeza verticalmente ata que rodea pola esquerda un resalte en bavaresa. Seica moitos/as montan a reunión xusto baixo ese resalte (hai un par de boas fotos no blogue de tumbarral.blogspot.com.es, nas que se ve onde monta a reunión habitualmente a maioría), porque a reunión que se fai 3 ou 4 metros máis arriba (noutro pequeno resalte da fenda) usa 3 vellos cravos de realmente moi mala pinta…, ademais de tamén ser colgada… No noso caso cando cheguei ós cravos (coido que só vin 2) non estaba seguro de se era aí o lugar onde monta-la reunión, e como non sabía se me chegaría o material para seguir, e non me fiaba do sitio, baixeime un par de metros e montei unha reunión colgada onde remata a bavaresa do primeiro resalte. -A Beni non é que desfrutara moito neste sitio, pero asegúrovos que se algún de nós lle dese por tusir, aínda que a reunión aguantase, eu igualmente morrería do ataque ó corazón que sufriría…-. 😉

4º longo. 6a, 50 m: Supérase a laxe e continúase por un muro vertical con fenda ata atopar un buril a medio metro á nosa dereita que indica que nese punto hai que facer unha travesía á dereita para acadar unha terraza na que se fai a seguinte reunión. Naturalmente, nin vin o buril… así que seguín recto escamado da dificultade que me atopaba -paseino mal nalgún tramo expo- e mosqueado porque ía agotándoseme o material ata que cheguei a unha zona menos vertical e xa por entre bloques e fendas montei a reunión baixo o muro final xunto a un torreón que coido que é onde se monta a reunión da Ayuso-Rivas. Seica é bastante habitual pasarse o “recóndito” buril así que seguro que acabarán poñendo un indicador de desvío, ou pintarán dalgunha cor chamativa o buril, pero ata entón… abride ben os dous ollos porque do contrario váisevos quedar pechado con cadeado o terceiro ollo! 😉

5º longo. IV+, 45 m: Como dicía antes, coido que o último longo que nós fixemos era realmente da Ayuso-Rivas, pero debe ser do mesmo estilo, subindo por muro con fendas cómodas e escalonado ata o cume.

Descenso:

Debaixo do cume (non hai que destrepar nada) hai unha instalación de rápel duns 20 m pola cara Sur ata unha golada; nela, asomándonos á canle hai que facer outro rápel de 35 m para acadar dita canle. Continúase subindo por ela entre bloques soltos e algún fito para chegar ó Espaldar e logo busca-lo paso da Apretura para descender pola Canal de Trocha Palomo, pola que fixemos un curto rápel para salvar unha zona especialmente descomposta.

Data:
16/08/2015.

Cordada:

Beni e eu.

Material necesario:
2 cordas de uso en doble (60 m. c/u), unha ducia de cintas exprés, un xogo de friends ata o nº 3 de Camalot (repetido o nº 3 e algún máis) e empotradores de tamaño mediano e grande.

Croquis e reseñas:

 

Advertisements