Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección, Escalada deportiva > Escalada en Hoces de Vegacervera (León), agosto de 2015.

Escalada en Hoces de Vegacervera (León), agosto de 2015.

2015 Agosto 26

Fotos de Hoces de Vegacervera (León), agosto de 2015. As Hoces de Vegacervera é unha escola leonesa de escalada en parede xa coñecida dende fai moitos anos pero na que recentemente abríronse varios sectores de escalada puramente deportiva coñecidos como Hoces Free. Mundi e eu estiveramos aquí un ano antes, xunto con Víctor e Alfonso, pero daquela non sabíamos destas novas vías deportivas, así que nesta ocasión adicámoslles varios días a probalas, aproveitando que con nolos dous tamén viña Manu para montárnolas 😀

O tempo non estaba moi estable, así que aínda que algún día choveu algo e non puidemos escalar todo o día, a cambio librámonos da calor a maior parte do tempo.

Estivemos escalando nos sectores El Rincón, El Dorado e Belvedere, no meu caso con desigual fortuna, xa que aínda que non conseguín encadear moitas vías, o último día fixen, inesperadamente, o meu primeiro 6c, a Lolita’s nights unha curta vía do sector Belvedere coa que me estreei no penúltimo chanzo do meu longo camiño ó sétimo grado 🙂

Pero como o que realmente nos gusta é a escalada en parede, o penúltimo día, aproveitando que Manu tomouse unha xornada de tregua para os seus dedos, Mundi e eu escollemos na Guía de Adrados unha vía clásica coa que poder comprobar de primeira man as características atribuídas tradicionalmente á escalada nas Hoces: abundancia de fendas, placas de adherencia, alta exposición…

Escollemo-la Hernán Llanos, unha vía bautizada co nome do reputado escalador leonés máis coñecido como Nani, morto no Peña Santa de Castilla alcanzado por un lóstrego, e que tamén serve para darlle nome á parede. A nosa idea inicial era a de non completa-la vía orixinal senón continuar pola Salida Desmadre, unha variante de saída aberta polos mesmos aperturistas un pouco despois, para evita-la vexetación dos últimos longos. Sen embargo non fomos capaces de supera-lo segundo longo da variante, e tivemos que retoma-la vía orixinal para completa-la escalada da vía orixinal; e como non hai mal que por ben non veña, puidemos así comprobar porqué viron a necesidade de buscar unha alternativa: supoñemos que para non ter que incluír entre o material necesario o sacho… 😉

Hernán Llanos, V+, 230 m, MD inf.

Apertura e 1ª ascensión:

Aberta o 25 de agosto de 1974 por Vicente A. Hernández e Carlos Rodríguez.

Achegamento:

Pódese deixa-lo coche nun pequeno aparcadoiro con 6 ou 7 prazas, xunto a un caseto abandonado que seica en tempos foi un bar (La Roca), á altura da primeira ponte (vindo de Vegacervera), e no que hai un par de bancos e unha mesa para merendar desfrutando da paisaxe. A Pared de la Nani, está xusto enfronte do aparcadoiro, doutro lado do río que hai que atravesar mollando os pés (incluso os xeonllos) inevitablemente, aínda que na guía de Adrados dise que tamén pódese subir un pouco pola ruta de descenso para logo facer un par de rápeles ata a base da vía, sen ter que mollarse.

No noso caso subimos un pouco pola estrada ata atopar unha baixada ó río e logo vadeámolo diagonalmente cara ás árbores do outro lado por onde menos cubría; seica tamén hai unha escaleira de pedra fronte ó aparcadoiro para baixar ó río e coller un valo de formigón sumerxido que leva a pé de vía, pero nós non o vimos.

Descrición da vía:

A variante “Desmadre”, aberta polos mesmos escaladores pouco despois da Hernán Llanos, vai por unha zona máis limpa e de mellor roca, pero no 2º longo ten un tramo de artifo con varios vellos burís sen chapa, que non souben resolver; tenteino en libre por placa pero cheguei a un punto en que pareceume demasiado expo e non me atrevín a seguir: está claro que fai falta ser máis hábil… ;-(

Percorrido e dificultade:

No croquis de La Garafa, sinalan o percorrido pola Variante Desmadre, pero a vía Hernán Llanos continúa dende a R2, pola evidente fenda do espolón que se distingue do lado dereito da foto, ó final da longa terraza desta reunión.

lº longo, V+, 55 m: empézase no bordo esquerdo dunha cavidade para acada-la cheminea e continuar por ela ata o seu remate. Logo continúase uns metros máis por unha canle fácil ata monta-la reunión nun cáncamo e un spit unidos por unha cadea. Nós equivocámonos vendo unha liña de parabolts que empezaban uns poucos metros máis á esquerda da cavidade e resulta que metémonos no primeiro longo da vía Sangre, Sudor y Lágrimas que vai en paralelo por unha placa tan patinosa (especialmente no arranque) que non me explico como alguén pode subir por ela.

2º longo, III+, 60 m: séguese pola fácil canle, pasando por unha reunión de cordinos sobre un par de pequenos pontes de rocha ó pé dunha fenda diagonal con algo de tendencia á esquerda. Aquí nós equivocámonos pensando que estabamos na reunión de comezo da Salida Desmadre e tentamos subir por ela antes de decatarnos do noso erro e baixarnos, para continuar novamente un pouco máis pola canle herbosa ata á seguinte reunión formada por un par de boas pontes de rocha con cordinos.

1º longo da Variante Desmadre, 6a, 40 m: ascéndese verticalmente por un muro de pequenas fendas cun pequeno arbusto e varias pontes de rocha e cravos, rematando nunha reunión de 2 cravos logo dunha fenda en media lúa, algo máis abaixo doutro pequeno arbusto.

2º longo da Variante Desmadre, 6a+ ou A1, 20 m: comeza en travesía á esquerda cun paso chungo de adherencia (protexido cun par de cravos), logo todavía segue en travesía ata ver un par de cabezas de burís (A1), puidendo seguir por eles ou, ir máis verticalmente por unhas pequenas fendas, logo dun buril con chapa extraíble

Asegurando dende a reunión no delicado tramo de placa. Fonte: http://enlavertical.blogspot.com.es/2015/08/hernan-llanos-en-las-hoces-de.html

Atopei un par de fotos do comezo do 2º longo da variante desmadre e nos pasos de artificial que poden axudar a entender como resolver este tramo, e que incorporo xunto a este parágrafo.

No noso caso, eu estiven unha chea de tempo sen atreverme a ir por un lado ou outro ata que optei por seguir algo máis verticalmente uns poucos metros; sen embargo, ó acadar unha fenda algo por riba do buril con chapa, xa non me atrevín a continuar e destrepei (paréceme lembrar que con bastante dificultade) ata a reunión, onde rapelamos para volver a retoma-la canle da Hernán Llanos.

3º longo da Hernán Llanos, III, maís de 60 m: séguese pola canle/terraza entre algo de maleza ata acadar unha árbore na que pódese montar reunión. Coido que nese lugar comeza a Salida Doña Paranoia.

4º longo, V+/6a, 55 m: séguese un pouco máis pola canle que vai gañando pendente antes de encaixoarse, superar un paso difícil e seguir por terreo sucio e con maleza. Móntase reunión onde mellor se considere; no noso caso nunha ponte de rocha sinalada por unha vella cinta, reforzada en fendas próximas.

5º longo, V, 55 m: continúase pola sucia fenda (bastantes matos), ata acada-lo seu final, montando reunión baixo uns bloques en terreo xa máis aberto e con visión do outro lado da parede.

6º longo, IV, 40 m: súbese buscando o terreo máis favorable ata acada-la aresta e montar reunión lazando un bloque calquera, xa con vistas á canle de baixada.

Descenso:

Unha vez na aresta hai que subir andando uns 100 m ata atopar unha brecha ou algún paso á dereita polo que chegar á longa canle herbosa pola que descender ata a estrada; descenso delicado polo esvaradío da herba e pedreiras nalgún tramo.

Data:

25/08/2015

Cordada:

Mundi e eu

Material necesario:
2 cordas de uso en doble (60 m. c/u), unha ducia de cintas exprés, un xogo de friends ata o nº 3 de Camalot (3 números repetidos), 3 Allien e empotradores de tamaño mediano e grande.

Croquis e reseñas:

Para aloxarse hai quen aproveita un pequeno descampado xunto o río enfronte da senda que sube cara ós sectores de Hoces Free para durmir discretamente, pero moi perto está o camping municipal das Hoces de Vegacervera que é a opción que nós escollimos. Para comer hai varios bares/restaurantes no pobo (como o mesón La Cocinona) e hai tamén unha tenda de alimentación na estrada principal de Barrio Estación de Matallana de Torío.

Advertisements