Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > De volta a polo maillón abandonado, no Espolón Fiz-Roi (Peñarubia, Covas, León), 26 de setembro de 2015

De volta a polo maillón abandonado, no Espolón Fiz-Roi (Peñarubia, Covas, León), 26 de setembro de 2015

2015 Setembro 26

Carducho rematando o 4º longo da vía.En vez de casco, Carducho levaba posto un sombreiro de palla de ala ancha, a medio camiño entre o de usos agrícolas e o de cabalgar polo “Far West”; non era dende logo unha protección que a min me entusiasmase nesta rocha por veces mediocre, pero apliqueime o conto ese que di que “onde hai patrón non manda mariñeiro” e limiteime a conxeturar en que longo lle caería 🙂 (ó final vooulle xa no cume preparándose para empezar a rapelar, así só podo dicir que duroulle moito máis do previsible).

A principios de verán retirarámonos no 3º longo desta vía, cando ó Carducho lle dera unha… ¿paxara?… ¿insolación?… ¿lipotimia?… ¡que sei eu!; o caso fora que puxérase “chungo” sen explicación, aínda que posteriormente el chegara á conclusión de que fora debido a algún problema de desnutrición ou anemia nun experimento vexetariano que seguro que non volve retomar, porque xa o dicían tamén os nosos vellos: “ceba o porco dende agosto, se queres que teña bo lombo” 🙂 -hoxe estou refraneiro… hehehe-

O mallón recuperado ;-)Estabamos agora outra vez a pé de vía dispostos a non volver a fallar; o Carducho sen dúbida concentrado e recordando as seccións máis duras de escalada, que xa superara da outra vez, e eu, en cambio, cavilaba nos prezos dos maillóns e en se algunha outra cordada tería levado o que deixaramos abandonado na nosa imprevista retirada -3€ dan cáseque para un quilo de mortadela. 😉 ñam, ñam,…-. Ó principio, eu aínda aspiraba a darlle o relevo nun par de longos, pero para cando cheguei á primeira reunión xa se me pasara o ataque de afouteza e dérame outro de educación, así que, consecuentemente, cedinlle o meu posto ó Carducho, que é máis vello ca min 😀 -Que lle queredes, son todo galantería e bos modais…!-

Nesta ocasión todo foi como a seda e con temperanza, cáseque diría que sosegadamente, o Carducho foi resolvendo con solvencia as dificultades da vía ata rematala sen outra incidencia sinalable que a tráxica perda do seu sombreiro -se alguén o atopa que avise, eh, que xa non hai palla coma a de antes-. 🙂

Por certo, recuperamo-lo maillón 🙂 -ben se ve que non pasan moitas cordadas por aquí, así que aqueles/as que non queirades aglomeracións e vías trilladas, xa sabedes onde podedes poñervos a proba…

Espolón Fiz-Roi. ED-, 6c+ (6b obrigado), 170 m.

Fotos de Espolón Fiz-Roi, (Peñarubia, Covas, León)
Apertura e 1ª ascensión:

Xosé M. Otero e Ricardo Veiga, no verán de 2014.

Achegamento:

O achegamento dende o aparcadoiro leva uns 20 minutos e está sinalizado con fitos, empezando na estrada uns 50 m antes do túnel, para subi-la ribada (talude) e arrodea-lo balado de ferro polo lado esquerdo; nese punto a senda máis evidente lévate á esquerda cara un sector onde están abrindo vías de deportiva moito máis á esquerda do espolón, pero no noso caso hai que continuar pola pendente cara arriba seguindo os fitos pola senda menos marcada ata coller unha vira ó lado dereito pola que acádase un pedreiro. Ascendémolo polo seu centro ata a súa metade por onde o abandonamos cara á dereita. Os fitos indícannos que agora o camiño continúa en diagonal ascendente máis á dereita ata que onde se pecha algo máis o bosque, remontamos cara a base do noso espolón por unhas curtas zetas que nos deixan xunto a un par de cordas fixas que nos axudarán a acada-lo pé da vía.

Comentario da vía:

Vía moi física, semiequipada, e cun itinerario evidente seguindo os parabolts.

Nota: As rochas soltas que ó sanea-la vía, tra-la súa apertura, quedaron na ruta de escalada fixáronse cun cemento-cola para evitar que se poidesen soltar, pero non é para que nos agarremos a elas; tede en conta que non é sika, así que onde vexades pegotes de cemento-cola, non usedes eses posibles agarres: seguro que vos sobrarán presas sen necesidade de andar a comproba-la calidade da cola … hahaha…!

Percorrido e dificultade:

Croquis do Espolón Fiz-Roi na web de Fendas e Ferralla: http://fendaseferralla.blogspot.com.es

1º longo, 6c, 20 m: Longo curto equipado con pitóns e parabolts por un muro de rocha dubidosa que pasa por unha evidente fenda que ascende diagonalmente cara á dereita. Hai un paso de aguantar para saír da zona fracturada, pola que atravesa a fenda o muro, que resulta duro (especialmente porque arrancamos aínda fríos…). Unha vez superado o paso, a dificultade mingua e cara á dereita xa se verá a reunión.

Non é necesario máis que cintas e un par de friends e empotradores a maiores para protexe-lo tramo final sen chapas ou cravos. Reunión incómoda.

2º longo, 6b+, 35 m: Aquí si que se precisan moitas cintas e friends/empotradores. Empézase cunha travesía por placa ata para acadar un paso técnico (o Carducho di que é “de pés finos e visión periférica”, pero a min non me preguntedes que significa iso -hehehe-, eu só lembro que era un paso duro) e algo aéreo co que supera-lo pequeno desplome que nos sitúa nunha fenda de bo canto pola que continúase; hai outro paso difícil onde se anchea, ó seu final.

Reunión incómoda (o Xosé debe pensar que aquí podíase ata toma-la sesta, pero vese ben que é bastante máis recio ca min…).

3º longo, 6c+, 45 m: Novamente fai falla moito material, pero así como no anterior longo emprazábanse moitos seguros flotantes, neste úsanse moitos menos porque xa hai 13 parabolts instalados no longo.

Sáese en placa para supera-los bloques de enriba da reunión polo seu extremo dereito e continúase por unha zona fácil de rocha mediocre con chapas que leva ata un diedro cego que tira do corpo cara ó lado dereito no que hai que andar finos de pés (paso chave), primeiro pola esquina da dereita e logo por placa (porque o diedro é cego), ata pillar unha fenda que remata nun teitiño de canto no que hai que aguantar (os agarres son bos, pero a min pareceume moi duro). Ó saír do resalte hai un diedro roto con algún bloque solto, pero as chapas permiten ir por placa con cantos, ata a reunión situada na vertente esquerda da parede.

Reunión algo incómoda (o Xosé tamén discrepa da miña percepción desta reunión -xa me contaredes vós-…).

4º longo, 6a, 30 m: Non fai falta máis que unha decena de cintas (toda a ruta está protexida con parabolts e un pitón ó final).

Sáese pola placa do lado esquerdo da reunión cara a unha chapa enriba das nosas cabezas e logo xa se retorna á cara dereita da parede por unha pequena travesía, para continuar seguindo sempre as chapas por un fácil muro ata a reunión.

A reunión está nunha cómoda terraza, xunto a unha chamativa árbore seca ben visible a medida que se ascende.

5º longo, 6b+, 40 m: Súbese a placa vertical á dereita da reunión por unha fina fenda con buracos que se pode protexer cun friend ou cun empotrador. Unha placa fácil lévanos a unha pequena vira cara á dereita con bloques inestables. Ascéndese polo diedro ata un desplome que supérase inicialmente para seguir cunha curta travesía aérea espectacular cara á esquerda (difícil, con agarres pequenos de mans, e con pés delicados) que nos deixa baixo unha zona algo desplomada pero con canto pola que remátase atacándoa de fronte (é mellor ir cos brazos ben descansados 😉 ).

Carducho no último longo da vía.Data:

26/09/2015

Cordada:

Carducho e eu

Descenso:

En 3 rápeles, pola propia vía (hai unha instalación específica para o primeiro rápel, 3 m á esquerda da R5). Tódalas reunións teñen 2 anelas.

1º rápel: A reunión para empezar a rapelar está no lado esquerdo (mirando cara á parede) a 3 m da R5.

¡A lonxitude está no límite dos 60 m das cordas! (dependendo da marca/modelo de corda pode que sobren 3 ou 4 metros, pero ás miñas -que deben ser do baratillo- non lles sobraba nin 1 metro).

Chégase á R3, tamén situada neste mesmo lado esquerdo do espolón, polo que pódese baixar verticalmente para acadala.

2º rápel: Da R3 á R2. Tede en conta que primeiro hai que botarse cara ó lado dereito da parede, pero cando nos acheguemos á R2, esta quedaranos uns metros á nosa esquerda, así que non nos despistemos e procuremos acadala antes de baixar demasiado.

3º rápel: Da R2 ó chan

Material:

Ademais dun par de cordas dobres de 60 m cada unha, nós levabamos o equivalente a 2 xogos de Camalots ata o nº 3 (non fai falta o nº 4, aínda que un quédase máis a gusto se o usa no 2º e 5º longos), 3 Allien, e un xogo de 4 ou 5 empotradores de tamaños variados. En canto ás cintas necesarias, é mellor levar unhas 16-18 e moitas delas longas porque no 2º e 3º longos consúmese bastante material e é preciso xestiona-lo rozamento.

Croquis e reseñas:

Advertisements