Sobre a “transparencia” da Federación Galega de Montañismo
Parece que foi onte, pero xa pasaron uns 5 anos desque lle reclamara á FGM unha maior transparencia e información das súa actividades e funcionamento; indicáralles daquela unha serie de suxerencias e eivas que deberían subsanar, e que estimaba que mellorarían as relacións coas persoas federadas, así como o propio funcionamento da Federación; nada extraordinario, senón máis ben peticións que se corresponden coa actual demanda social de máis democracia, máis transparencia, máis eficicacia e eficiencia na xestión dos intereses e recursos públicos, e menos impunidade coa corrupción.
Lamentablemente, apenas nada se fixo dende entón por parte da FGM, que continúa a ser unha institución opaca, inoperante e de prácticas caciquís e represivas como se exemplifica con toda plenitude no caso do intento de expulsión dun membro da EGAM (precisamente o candidato que se presentou como alternativa nas pasadas eleccións á FGM do ano 2014), saltándose a independenza dese órgano e causando un conflicto que aínda se mantén e non ten visos de solución, o que levou a que os cursos de montañismo, escalada e alpinismo previstos para este ano non se convocasen dende o mes de xullo. Iso si, na web da FGM, nin unha sóa nota informativa ou explicativa… Os federados e federadas a enterarse polo boca a boca, non vaia ser que se se fai público o conflicto a xente empece a preguntarse se ese é o proceder que se corresponde cunha institución federativa sufragada co erario público…
O exemplo ven moi acaído por mor da recén aprobada Lei de transparencia e bo goberno de Galicia (aínda que en Galicia xa tiñamos dende o 2006 unha lei semellante, a entrada en vigor este ano da lei estatal provocou a adaptación da lexislación galega á mesma) que pretende establecer mecanismos de rendición de contas que garantan a protección da cidadanía fronte a eventuais arbitrariedades do poder.
Entre os obxectivos desta lei están a democratización das administracións -e por extensión, dos organismos, dependentes ou sufragadas por estas-, obrigando ós/ás responsables a informar á cidadanía, da súa acción de goberno; o que supón o punto de partida básico para atacar un dos piares que sustentan a corrupción política e administrativa que dende sempre vimos sufrindo, aínda que nos últimos anos é mais percibida pola xente en xeral.
E todo isto ven a conto de que a finais de setembro chamoume a atención, entre o galimatías da web da FGM, a aparición dunha nova icona que co epígrafe de “TRANSPARENCIA” enlaza cunha nova sección destinada ó cumprimento da anteriormente referida Lei de Transparencia, e que, polo de agora, permite alomenos consulta-los estatutos desta, teoricamente, nosa Federación.
Así é que non é que tardasen 5 anos en escanea-lo Estatutos da FGM para a súa publicación na web, dando satisfacción a unha demanda básica dun membro desta Federación, senón que agora fanno porque a Lei que proximamente entrará en vigor, obríga á FGM a facelos accesibles a todo o mundo. A aparición desta informacion non responde pois a un sinceiro desexo de mellora-lo funcionamento da Federación, cumprindo co seu deber de acceso á información pública e coas regras da boa gobernanza, senón ó simple cumprimento dunha obriga legal.
Extracto do preámbulo da Lei do Estado español 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno:
”
A transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os piares de calquera acción política. Só cando as accións dos funcionarios públicos son sometidos ao escrutinio, cando os cidadáns poden entender como as decisións son tomadas que afectan-los, como os fondos públicos ou baixo acto que criterios son tratadas as nosas institucións poden discutir o inicio dun proceso no que as autoridades están empezando a responder a unha sociedade que é crítico, esixente e esixindo a participación de autoridades públicas […] permitindo […] un mellor control da vida pública contribúe á necesaria rexeneración democrática, eficiencia e efectividade do Estado promove e anima o crecemento económico.
”
Nota: vale a pena tamén pararse a le-la acta da asamblea xeral de abril deste ano 2015, que aínda agora acaban de publicar (véxoo o 28 de outubro, e a primeiros de mes aínda non estaba) neste novo apartado de “transparencia”, para ver se nas vindeiras actas, se teñen en conta as peticións dos/as membros desa asamblea ou se ignoran, como veñen facendo coas que presentan os/as federados/as “non coleguillas”.