Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Tentativa fallida á Rabadá/Navarro ó Firé, Riglos (Huesca), 31 de outubro de 2015.

Tentativa fallida á Rabadá/Navarro ó Firé, Riglos (Huesca), 31 de outubro de 2015.

Manu no 1º longo da Rabadá-Navarro ó Firé (Riglos)Festividade de Tódolos Santos!!! Isto traducido ó idioma segrar significa: “día non laborable dispoñible para o que me pete”. Chamádeme interesado, pero a verdade é que namentres a relixión católica siga entremeténdose na nosa sociedade para estas cousas… ¡que duren moito as procesións! 🙂 Nesta ocasión coincidía pegado á fin de semana, así que podíase aproveitar para ir escalar a algún sitio menos perto do habitual, como por exemplo… Huesca 😀

A verdade é que para 3 ou 4 días tampouco é que sexa un destino aconsellable tendo en conta que saímos dende Galicia, pero como a proposta era do meu irmán, tiña que aproveitala, -que logo se engancha cos de “primeira división” e xa non hai quen lle cheire o cu -hehehe….-. Así é que montei na furgo sen saber sequera cal era o seu plan -ás veces é mellor así, porque se te paras a pensalo un pouco dirías que non- contento de volver a escalar en Riglos, onde só estivera unha vez antes, precisamente un par de días no verán anterior.

De camiño a Riglos fixemos unha paradiña matutina en Valdehuesa coa intención de escalar un rato e que así a viaxe non se nos fixese tan pesada, pero estaba todo empapado e as paredes chorreaban, así que apenas faríamos 3 ou 4 vías curtas que estaban algo secas e xa nos puxemos a papear algo para volver de novo a poñernos en ruta.

Como no pobo de Riglos, hai un albergue bastante grande, Refugio de Riglos, nen sequera chamamos para ver se tiñan espazo para nós, pero ó chegar atopámonos con este pechado aínda que non era demasiado tarde, así que preparámonos para durmir na furgo pensando que tiñan un horario “á europea”. Sen embargo, namentras ceabamos no aparcadoiro, o balbordo dunha excursión de colexiais que se ía acumulando ás portas do albergue ata que o seu profesorado lles abriu, aclarounos que probablemente o tivesen reservado todo para eles, de aí que nos atoparamos coa porta pechada.

Manu buscando o 6º longo da Rabadá-Navarro ó Firé (Riglos)Namentres comprobabamos a consistencia e extensión da empanada 😉 Manu deixoume os croquis da vía e así entereime do noso obxectivo: a Rabadá-Navarro ó Firé!  -cajonaconabendita…-

Para el, esta era a última das grandes vías desta afouta parella que lle quedada para completa-la triloxía de Rabadá-Navarros, xa que as outras dúas célebres vías, a da cara Oeste do Urriellu e a da parede do El Gallinero en Ordesa, fixéraas tempo atrás; sen embargo para min, estas escaladas, todavía quédanme grandes de máis, así que ó organiza-lo material non olvidei mete-lo meu pano dos mocos en previsión da choradeira que seguro botaría ó seguinte día nesas paredes ;-(

En canto ó pobo, Riglos é unha pequena poboación moi visitado por escaladores/as e turistas, pero segue conservando o seu encanto grazas a que non está sobreexplotado; ten un Bar Restaurante El Puro e tamén pódese tomar algo no Refugio de Riglos, que dispón de aloxamento, ou nunha pequena tenda situada xusto diante do aparcadoiro. Asemade hai unha boa fonte nunha das súas empinadas rúas, e un grifo na terraza do bar (foi instalada nese patio polo seu propietario precisamente para que a puidesen usa-los/as escaladores/as), e un aparcadoiro público.

Moi perto hai unha localidade maior, Ayerbe, na que hai bares, panaderías, tendas,… e incluso un camping.

Rabadá-Navarro ó Firé, 6b, 350 m.

Fotos da Rabadá-Navarro ó Firé (Riglos)1ª ascensión:

Alberto Rabadá e Ernesto Navarro, do 12 ó 16 de outubro de 1961.

 

Lonxitude/Desnivel:

350 m. 11 longos.

Material necesario:
2 cordas de clásica (60 m. c/u), xogo completo de friends e empotradores e unha ducia de cintas longas para xestiona-lo rozamento, así como o material de autoaseguramento e descenso habitual.

Data:
31/10/2015.

Cordada:

Manu e eu.

Percorrido e dificultade:

Croquis de Xosé e Toño (coido que para face-lo croquis repetiron a vía). Fonte: http://fendaseferralla.blogspot.com.es/2012/12/fire-rabada-navarro.html

Croquis de Xosé e Toño (foron saneando os cordinos dalgunhas pontes de rocha e tomando nota do percorrido con idea de facer este croquis, así que debe ser dos máis exactos). Fonte: http://fendaseferralla.blogspot.com.es/2012/12/fire-rabada-navarro.html

A vía non é que sexa tecnicamente moi difícil xa que aínda que se trata de 11 longos, a maioría son de pouca lonxitude e os dous máis difíciles gradúanse de 6b, pero é unha escalada cun percorrido sinuoso, difícil de seguir e bastante exposto debido á dificultade (cando non imposibilidade) de colocar seguros en moitos tramos.

Manu levaba un croquis bastante detallado, pero aínda así, equivocámonos ó remata-lo 5º longo ou ó comenza-lo 6º, e tivemos que retirarnos. Xa en casa estiven buscando máis información sobre o itinerario, pero como non completamo-la ruta non sei cal das reseñas que atopei é a máis axeitada; en todo caso indiquei ó final deste artigo as que me pareceron máis detalladas e coincidentes co que lembraba deses primeiros longos (non pensedes que o fago por vós, eh… é simplemente por se volvo máis adiante 😉 …).

A mañá era fresca así que non madrugamos moito e ás 11 da mañá, Manu empezaba a vía. Por diante nosa non había ninguén, pero namentres Manu se preparaba para o 2º longo, unha cordada hispano-francesa (moza hispana residente en Francia e mozo franco visitante en España) empezou a mesma vía ca nós. Ben se vía que eran hábiles e rápidos, así que xa empezamos a compartir reunión dende o principio. Un pouco máis adiante, a rapaza contoume que estaba sacándose o título de guía en Francia e que esta ruta era unha das que lle contaban para a obtención de dito título; e logo, como íamos bastante lentos buscando o itinerario, acabou preguntándome se nos importaría cederlles o paso, -se eu estivese solteiro aínda podería ser que mo pensase, máis non era o caso…-, así que educadamente díxenlle que o máis interesante desta vía era precisamente atopa-lo percorrido, e non íamos renunciar á nosa oportunidade de facelo. Logo disto, non sei se por despiste ou tentando adiantarnos, en lugar de seguir por onde nós, fixeron un longo bastante máis á dereita ca nós pero acabaron novamente compartindo a nosa seguinte reunión.

Chegamos á R5 nunha cómoda plataforma que contaba con 2 instalacións de reunión próximas, pero non sei porqué pensabamos que en vez de saír rectos aínda tiñamos que seguir un pouco máis á dereita, así que fixemos unha travesía horizontal á dereita para cambiar de vertente, onde, ós poucos metros atopamos outra instalación de reunión baixo un pequeno desplome de rocha mala por riba, así que deprazamo-la nosa reunión a este novo emprazamento. Sen embargo coido que deberíamos de ter saído rectos cara arriba dende onde estabamos orixinalmente, porque logo dun bo rato de tentar busca-lo paso na nova ubicación, Manu deuse por vencido e vendo que xa eran cáseque as 18h e que polo tanto só nos quedaban un par de horas de luz decidimos baixarnos da vía, xunto coa outra cordada que tamén se retiraba.

Riglos mola, pero para triunfar hai que ir máis, eh…! 😀

Croquis e información:

 

Advertisements
  1. 2016 Febreiro 17 ás 15:16

    Pois aínda que levabamos o croquis e reseña de A0, equivocámonos… Tomo nota da indicación para continuar dende a R5, a ver se pra seguinte non metemo-la zoca meus 😀 . Grazas polos vosos comentarios Xosé e Luisa.

  2. luisa
    2016 Febreiro 16 ás 22:53

    sii concordo q os mellores o d xose e A0 a vista, na saida da r5 vai con tendencia a eskerda hasta pasar polo resto de sabina seca, é o punto + confuso, animo pa próximo intento!!! vémonos na rocha

  3. xosé
    2016 Febreiro 16 ás 22:10

    Os mellores son o noso, of course, e o de A0 a vista.

  1. 2016 Marzo 4 ás 10:34
  2. 2016 Marzo 3 ás 19:01

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s