Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Directa Osborne, na parede de Cienfuens (Sierra de Guara, Huesca), 1 de novembro de 2015

Directa Osborne, na parede de Cienfuens (Sierra de Guara, Huesca), 1 de novembro de 2015

A nosa fallida tentativa á Rabadá/Navarro do Firé, nos Mallos de Riglos, non nos acovardou, así que esa mesma noite Manu e eu achegámonos a Huesca, a asalta-lo “zulo” do Xosé e ver que nos podía recomendar escalar polo seu territorio… E coma o Xosé quedara co seu colega Martin para ir ata Cienfuens a escalar a vía No Somos Nada, alá nos fomos todos ó día seguinte… en alegre compañía 🙂

Achegarse dende Huesca ata Cienfuens non leva moito, pero pareceume algo lioso -supoño que porque non coñecía absolutamente nada desta comarca- así que no apartado da aproximación á vía, inclúo tamén unhas referencias para chegar en coche ata a zona onde o deixaremos estacionado.

Parede de Cienfuens (fonte: http://www.campo4.com/es/climbing-spot/cienfuens)

A orientación das paredes de Cienfuens é Sur, Sur-Este, polo que desaconséllase a escalada durante o verán, pero seica hai tamén algunha regulación por nidificación que prohibe escalar do 1 de decembro ó 30 de xuño, así que o período posible para aproveitar estas paredes está bastante limitado.

Croquis Directa Osborne, parede de CienfuensÓ redor de 30 vías ascenden os cáseque 200 m de altura deste murallón de calizas grises e laranxas , con longos de placas, bloques e algunhas laxes soltas. A maioría delas son inasequibles, xa que hai que “bailar” co sétimo grao, pero hai outras máis… factibles.

O Xosé suxeriunos a Directa Osborne, coma unha recomendable vía coa que tomar contacto con este lugar. En xeral vai sobre boa rocha, agás parte do 3º longo e algún outro sitio puntal máis; a vía está semiequipada polo que tamén hai que leva-lo material de clásica.

O grao a min pareceume máis duro do que as reseñas indican, alomenos nos 3 longos máis difíciles: o primeiro, gradúano de 6a+, pero para min non baixa de 6b, o segundo tamén pareceume algo máis difícil de 6a+, e os primeiros metros do cuarto longo coido que merecen algo máis que ese 6a co que figura nos croquis. É por isto que na reseña que de seguido vai, os valores que indico non coinciden cos dos croquis feitos por outros e que vedes que acompañan a miña descrición: logo que cada quen xulgue por si mesmo… 😀

Directa Osborne. 6a+, 180 m.

Fotos da Directa Osborne, na parede de Cienfuens (Sierra de Guara, Huesca)
Apertura e 1ª ascensión:

David Brascó, Luis Alfonso “Luichy” e Armand Ballart, o 15 de febreiro de 1993.

Fonte: http://biblioteca.cec.cat/documents/CE_Catalunya/Hemeroteca/Muntanya/1993/MUNT_1993_04_0786.pdf

Achegamento:

Dende Huesca vaise pola estrada N-330/A23 en dirección Sabiñanigo e Jaca. Ó chegar é encoro de Arguis cóllese a saída cara á localidade do mesmo nome e continúase pola vella estrada cara ó tunel de Manzanera.  Xusto antes da entrada ó tunel desviámonos cara a Nocito e séguese, pasando xunto á localidade de Belsué, para continuar en dirección a Lúsera, aínda que non chegaremos ata este pobo, xa que poderemos aparcar nun lateral da estrada onde o río (se leva auga) desemboca no encoro de Santa María de Belsué.

Mapa captura dende o visor do IGN (http://www.ign.es/iberpix2/visor/)Do outro lado do río, está a senda do Dolmen de Belsué, que bordea dito encoro cara á súa cabeceira; hai que baixar cara ó cauce seco do río para atravesalo e internarse entre a maleza para empatar con esa senda e seguir por ela ata acadar nuns 20 minutos o encoro polo que se cruza á outra marxe. Séguese cara á esquerda atravesando varios túneles para desviarse da senda do dolmen, por unha vira ascendente á dereita sinalizada cun fito, que se vai aproximando á base da parede para logo percorre-la pegada á mesma. Ata a nosa vía tardaríamos cáseque unha hora desque deixamo-lo coche.

Comentario da vía:

Vía de 6 longos  cos tres primeiros e o último bastante desequipados, namentres que o outros dous teñen máis tramos de placa polo que teñen bastantes chapas. Tódalas reunións teñen un par de parabolts. Seica o 4º e 5º longos pódense empatar, pero no noso caso empatamos os dous últimos.

Croquis de Juan Korkuera (Fonte: http://laaventuraesmireino.blogspot.com.es/2015/10/escalada-en-cienfuens-directa-osborne.html)Percorrido e dificultade:

1º longo, 6b, 15 m: Fenda que extraploma algo, e esixe apretar. Só ten un par de parabolts, e a reunión queda á dereita nunha cómoda repisa.

2º longo, 6a+/b, 35 m: Sáese á esquerda da reunión para coller unha fenda protexida cun parabolt ó comezo, e outro, logo dun duro diedro cheminea, que sinala onde saírse da fenda cunha travesía á esquerda coa que acada-la cómoda reunión.

3º longo, V, 45 m: Un primeiro tramo fácil sobre rocha algo rota, lévanos a unha cheminea bastante estreita. Longo equipado con 3 parabolts; reunión á dereita do remate da cheminea sobre repisa moi cómoda.

4º longo, 6a/6a+, 25 m: Comézase pola dereita da reunión cun paso duro antes de poder chapa-lo primeiro parabolt. Os primeiros metros son os máis difíciles. Debe haber 5 ou 6 chapas e a reunión é unha estreita repisa xunto a un pequeno mato (¿boj?).

5º longo, V, 30 m: Sáese en dirección á entrada do evidente espolón que se ve sobre as nosas cabezas para chegar enseguida a unha pequena cheminea. Aquí pódese facer reunión algo incomoda sobre unhas zarzas.

6º longo, IV+, 30 m: Nós empatamos este longo co anterior, e vai por unha pequena cheminea pola que sáese ó cume da parede. Faise reunión nun único parabolt dunha rocha do chan, reforzable en calquera fenda próxima.

Data:

01/11/2015

Cordada:

Manu e eu

Descenso:

Camiñar en dirección á dereita alonxándose o menos posible do bordo da parede, por onde a maleza permita progresar o máis cómodo posible ata acada-lo refuxio de Peña Guara. Por embaixo do refuxio unhas escaleiras van cara ó encoro, con algúns tramos rotos que esixen ter coidado. Logo unha senda continúa ata o mesmo encoro dende onde voltaríamo polo mesmo sitio que viñemos.

Material:

Ademais dun par de cordas dobres de 60 m cada unha, nós levabamos o equivalente a 2 xogos de Camalots ata o nº 3 (non fai falta o nº 4, aínda que un quédase máis a gusto se o usa no 2º e 5º longos), 3 Allien, e un xogo de 4 ou 5 empotradores de tamaños variados. En canto ás cintas necesarias, é mellor levar unhas 16-18 e moitas delas longas porque no 2º e 3º longos consúmese bastante material e é preciso xestiona-lo rozamento.

Croquis e reseñas:

 

 

Advertisements
  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s