Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Queles, Escaleras al Cielo e 3ª Porta de Shambala. Meadinha, A Peneda (Portugal). 5 e 6 de decembro de 2015.

Queles, Escaleras al Cielo e 3ª Porta de Shambala. Meadinha, A Peneda (Portugal). 5 e 6 de decembro de 2015.


Dende Vigo tárdase menos en chegar á Peneda que ó Canón do Sil, así que, salvando as diferencias que ten o tipo de escalada dun e doutro lugar, non entendía porqué na actualidade hai tan pouca xente que se achegue dende a nosa comarca a este próximo lugar de Portugal.

A non ser que…

a súa sona de escalada exposta e esixente non fose esaxerada…

e abofé que non serei eu quen lle quite esa aura de compromiso… 🙂

Vaia por diante, que dende o meu humilde punto de vista, só recomendaría meterse nestas paredes a quen, ademais de escalar con solvencia alomenos 6b, o distanciado entre seguros non o poña nervioso/a…

Eu non cumpro con ningún destes dous requisitos, así que son un exemplo perfecto do que non deberiades facer, salvo que, coma min, tamén vos fagades acompañar de xente moito máis afouta e experta 🙂

Dende moito tempo atrás xa tiña referencias da dificultade e esixencia da escalada na Peneda, e tentaba imaxinar como serían esas longas fendas nas que auto-protexerse metendo cacharros en incómodos precarios empotramentos, ou esas placas con chapas tan distanciadas que tiñas que mira-lo croquis entre unha e outra para atopa-lo camiño, ou eses tramos enchoupados en auga ou cubertos de liques polos que patinaxe é un termo máis correcto que escalada para explicar en que consiste a actividade de pasar por eles. E non foi que o meu maxín superase á realidade, pero… non andaba moi lonxe 😀

Era o primeiro sábado de decembro cando, aproveitando o seco inverno deste ano, quedamos na explanada do Santuario Carducho, Manu, Mundi e eu. Faríamos dúas cordadas dirixidas por Manu e Carducho, respectivamente e nas que Mundi e eu estrearíamonos neste granito portugués.

A Queles, é unha das vías clásicas e tamén das máis factibles, así que aló me levou o Carducho, namentres que ó noso carón, os nosos compis optaron por combina-lo comezo da Escaleras al Cielo, coa Mutantes e rematar polo último longo da Cuellitropo.

Como sorpresa iniciática, teño que resaltar como o Carducho tivo que facerse os aproximadamente 25 metros finais da Queles cun só seguro intermedio, debido a un erro nos croquis que indicaban que ese tramo estaba equipado con 4 parabolts, en lugar do único solitario parabolt que atopamos; e claro como non subiu material de autoprotección podedes imaxinarvos con canta “ledicia” foi progresando namentres eu calculaba se en caso de esvarón que se rompería primeiro, a crisma ou a corda 😦

Afortunadamente non se deixou impresionar e rematou o longo para asegurarme e que así eu puidese empezar a tremer un pouco nesta pasaxe, non me fose a levar unha impresión equivocada do que supón escalar por aquí 🙂

Un perigoso destrepe entre arbustos e grandes pedrolos deixounos no camiño perto do pé de vía así que metémonos agora na Escaleras al Cielo, aínda que só fixemos os dous primeiros longos e rapelamos pola mesma vía; de abondo para corroborar que a adherencia non é fácil nesta rocha con propensión ós liques…

Á seguinte mañá achegouse Ernesto para facer con Manu a Directa de los Techos, así que o Carducho tivo que cargar cos dous paquetes que quedabamos e aínda por riba deixoume escoller a min a vía…, e se teño ollo na montaña, non vos digo nada de que ollo teño examinando croquis e planos 😉 -. Logo de revisar toda a documentación que traía comigo, pareceume que a vía máis asequible e atractiva era unha chamada 3ª Porta para Shambala no estremo dereito da parede, no sector Puerta Sur de los Dioses; con eses nomes tan exóticos non podía ser unha mala elección… -pero foino… ;-( -.

Debido á falta de perspectiva ó pé da parede e a abundancia de fendas similares á do 1º longo, non resulta fácil atopa-la vía, salvo que xa coñezas algunha outra dese sector para que che sirva de referencia. No noso caso non tivemos problemas grazas a que Carducho xa escalara algunha vía próxima -mellor nos tería sido non atopala…-.

O primeiro longo arranca cunha cheminea que primeiro obriga a empotrarse con todo o corpo e logo vaise estreitando ata rematar obrigando a pasarse á placa por onde continúa ata acada-la reunión. Silvas ó principio e perto do remate evidencian que facía moito que ninguén se metía neste longo que ademais de sucio e estresante pareceume máis difícil do que o grao indicado marcaba. Eu fun o primeiro en probar sorte, pero logo dun rato de sufrir no primeiro tramo da cheminea -que nin sequera é a parte máis difícil-, rendinme e tomou o relevo Carducho.

O segundo longo progresa polo fío dun sucio espolón improtexible con abondosos liques e mofo ata acadar un teito baixo o que facer unha esvaradía travesía por rocha pulida e mollada con escasez de apoios limpos e con un agarre de mans de rocha tan fráxil que temo que a alguén acabará por romperselle nos dedos.

O terceiro volveu resultar un terreo propicio máis para a horticultura que para a escalada, e pese a tratarse dunha boa fenda, a terra, mofo e liquens volveron a poñer a proba ó noso guía.

A estas alturas xa estaba facéndosenos tarde de máis e a noite aproximábase, así que cando dende a reunión observamos como os seguintes dous longos continuaban polo lado dereito da nosa posición, principalmente por entre a vexetación, decidimos probar a continuar rectos seguindo unha liña de parabolts que pensamos que se trataba da continuación do 3º longo da Edelweiss, aínda que non estou totalmente seguro.

O Mundi aceptou o reto de meterse a cegas seguindo as chapas en diagonal ascendente á dereita por unha rocha cada vez máis cuberta de liques e mofo ata rematar uns 20 ou 30 metros máis arriba por un tramo final de esvaradía placa tras atravesar terra e arbustos e conseguir, para o noso alivio, montar reunión coas últimas luces do día, nos troncos dun par de minúsculos carballiños. -¡Olé sus güevos!- que diría un cordobés 🙂

E namentres o Mundi e eu recollíamo-las cordas, Carducho buscaba a saída e metíanos presa, antes de que se fose totalmente a luz xa que aínda non estabamos en terreo cómodo e todavía tiñamos que trepar entre arbustos e algún peñasco, antes de acada-lo cume e, finalmente, empatar coa pouco visible senda de descenso.

En conclusión, e parafraseando a Manquiña na película Airbag: -¿Interesante…? Interesante, non…, ¡estresante! Isto é moi estresante… 😀

Así é que lección que aprendín nesta primeira experiencia é que se o pasas mal en Budiño, pódoche asegurar que na Peneda… tamén o pasarás mal,… incluso peor 😉

Así é todo… QUERO VOLVER… TEMO VOLVER 🙂

A información detallada dos itinerarios, dificultades e materiais necesarios están nos croquis das webs indicadas de seguido:

Queles (V/V+, 6b+), 65 m.

Aberta o 17 de xuño de 1973 por Lino Rodríguez e Santiago Suárez.

Info e croquis en: http://noroestetrad.blogspot.com.es/p/resenas-la-peneda.html

Nós só fixemos os 2 primeiros longos e logo rapelamos.

Croquis da Queles en: http://noroestetrad.blogspot.com.es/p/resenas-la-peneda.htmlL1. V/V+. 25 m. O primeiro longo ascende uns 20 m. por unha fenda-diedro de bo canto ata acadar unha repisa pola que progresar 5 ou 6 metros horizontalmente para chegar á reunión.

Croquis do L2 da Queles. Fonte: http://noroestetrad.blogspot.com.es/p/resenas-la-peneda.html

L2. 6b+, 40 m. O segundo longo empeza pola dereita da reunión apartando algunha silva para situarse na vertical da reunión, a uns 10 m., baixo un diedro de fenda fina protexido cun parabolt no que se concentra a dificultade do longo. Os seguintes 15 metros continúan en técnica de oposición por unha fenda continua protexible con friends medianos e pequenos -ollo co croquis de meadinha.com, porque nel indica que neste tramo debera de haber 4 parabolts e só hai 1!, así que non está equipado!-. A fenda déixanos nunha repisa sobre a que un pequeno muro de placa oculta a reunión situada por riba del, nunha gran terraza inclinada.

Escaleras al Cielo (6a, 6b, 6c A2, 6b+), 80 m.

Aberta en 1981 por Jose Antonio Martínez Novás (“Toni”), Miguel López Domínguez (“Miguelito Chandall”) e Jose Manuel Troncoso Rodríguez (“Oso”).

Info e croquis en: http://noroestetrad.blogspot.com.es/p/resenas-la-peneda.html

Croquis do L1 da Escaleras al Cielo, en http://noroestetrad.blogspot.com.es/p/resenas-la-peneda.htmlL1. 6a. 26 m. Empézase por unha fenda diagonal ascendente cara á dereita ata superar unha pequena repisa a uns 10 m, logo séguese por laxe e fenda ata un bloque que bordeamos pola dereita, acadando unha cómoda terraza con 2 parabolts separados un par de metros a modo de reunión.

Croquis do L2 da Escaleras al Cielo, en http://noroestetrad.blogspot.com.es/p/resenas-la-peneda.html

L2. 6b. 25 m. Hai 2 opcións para acada-la evidente fenda-laxe, ou pola rampa de placa que se encarama polo lateral esquerdo do pequeno espolón (variante en autoprotección), ou bordeándoo pola placa do lado dereito seguindo dous parabolts que sinalan o percorrido orixinal. Nesta segunda opción un paso duro e esvaradío da acceso á laxe pola que progresar, xa en autoprotección, en bavaresa e con empotres de dedos e man.

3ª Porta para Shambala (6a+, 6a+/6b, 6a, V), 160 m.

“Dende o meu humilde punto de vista, non é unha vía recomendable”

Aberta en decembro de 2015 por Miguel Silva e Filipe Sequeira.

Info e croquis en: http://meadinha.com/vias.html

Croquis en http://meadinha.com/vias.htmlL1. 6a+/6b. 40 m. Entrada chea de maleza, suxa e con silvas que da paso a unha cheminea na que empotrarse con todo o corpo ó principio e logo vaise estreitando ata rematar pasándose á difícil adherencia da placa da dereita, molestados por algunha xesta e silva que contribúen a aumenta-la dificultade deste longo.

L2. 6a+/6b. 25 m. Súbese un pouco por unha rampa de herba á esquerda da reunión para anudar unha pequena xesta a modo de quitamedos, dende a que se encabalga un sobre o espolón da dereita, aproveitando unha pequena fenda cega que da paso ó longo fío polo que continuar sen posibilidade de protección durante uns 15 metros, ata situarnos baixo un teito. Dende aquí só restan uns 5 metros de travesía por unha placa esvaradía debido á auga que corre por ela, e con abundancia de liques e mofo tamén. Un par de movementos antes da reunión hai un agarre de mans no teito que resulta moi fráxil debido ó quebradizo da rocha e que resulta expo ó ser dificilmente protexible con microempotradores.

L3. V+/6a. 35 m. Unha boa fenda moi suxa de liques e mofo, ascende durante uns 20 m. para rematar cunha travesía á dereita por un bordillo que leva á reunión.

L4, L5 e saída pola vía Puerta Sur de los Dioses. Nós non os fixemos ó pasarnos ó que pensamos era o 3º longo da vía Edelweiss.

Descenso. Non é fácil atopa-la senda se non se coñece, así que non está de mais darse un paseo de ascenso pola mesma, antes de escalar por primeira vez aquí. Só podo recomendar gaña-la zona alta do altiplano deste cume e logo seguir entre arbustos e peñas con algo de tendencia á esquerda ata que atopemos algúns fitos do paso doutras cordadas, que empatan coa pouco visible senda de descenso.

Edelweiss (6a/6a+, V+/6a, 6b, IV/V+, V+), 175 m.

Aberta en outubro de 2008 por Paulo Roxo e Daniela Teixeira.

Croquis en http://rppd.blogspot.com.es/2008/11/normal-0-21-false-false-false.html

Info e croquis en:

Croquis en http://meadinha.com/vias.html
Nós dende a 3ª reunión da 3ª Porta de Shambala, empatamos a liña de parabolts que pasaban pola esquerda da mesma, en diagonal ascendente cara á dereita, que pensamos que se trataba de parte do 3º longo desta vía Edelweiss, e ó chegar á seguinte reunión, xa saímos trepando entre arbustos e rocha ata o cume.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s