Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Treboada. Meadinha, A Peneda (Portugal). 12 de decembro de 2015.

Treboada. Meadinha, A Peneda (Portugal). 12 de decembro de 2015.

Neste atípico inverno, achegabámonos a mediados do mes de decembro con outro prognóstico de bo tempo, que á fin e ó cabo resultaría se-la último antes de varios meses de choiva cáseque continua. Mundi e eu aínda estabamos “impactados” coa nosa estrea na Peneda da anterior fin de semana, pero tan acostumados estamos xa a tremer en calquera parte, que quixemos repetir experiencia por aqueles lares, a ver se nos curabamos de espantos 🙂
Naturalmente, fichamos ó Carducho, para que velase polos nosos cus, e, no último intre, uníusenos o Xosé, que pasaba uns días na nosa patria e buscaba calquera fenda que lle servise de adestramento para a súa próxima aventura patagónica.
Así que desta volta, no reparto de paquetes, a Carducho tocoulle o Mundi, e o Xosé saíu claramente prexudicado ó ter que cargar comigo 😉
Os nosos compis foron por diante e remataron a vía pola saída habitual na actualidade, nun último longo que vai bordeando por embaixo do gran bloque do cume cara ó lado esquerdo; este longo ven así marcado nuns croquis vellos feitos por Boni, polo que supoño que debía de se-la saída orixinal.

No 2º longo: ambientazo en toda a vía.

Nós en cambio optamos -en realidade aquí o que mandaba era o Xosé, así que non sería eu quen lle puxese pegas a iso de arrastrarnos por un angosto zulo de saída…- pola pouco recomendable alternativa de saír rectos cos estribos por un murete duns 4 metros para entrar nunha fenda horizontal que logo seguía pola dereita (esta saída directa aparece nos croquis de meadinha.com, e supoño que é unha variante aberta posteriormente, aínda que non sei se por distintos aperturistas ós da liña orixinal).

Un par de parabolts e unha fráxil laxe entre eles, permiten gaña-la ancha fenda horizontal, onde meter un friend grande (o número 4 serve se te das levantado de abondo como para chegar ó interior da fenda), pero eu nin cos estribos me apañei e tirei de friend, de corda, e ata de chequeira, para conseguir auparme.

Por último, hai que resaltar que no croquis que fixo o Xosé sinálase que no 3º longo pódese facer unha reunión intermedia desviándose uns metros ata a 3ª reunión da “S”, que é a opción que nós escollimos para evita-lo excesivo rozamento das cordas, de aí que nós detallemos 5 longos para esta vía, en vez dos 4 longos que figuran noutros croquis.

O Xosé protexendo o 3º longo da Treboada.

 

Treboada (V+, 6b, 6b, 6a+, 6c+(A1) / 7b+), 150 m.

A Treboada está situada no sector da “S”, e ten un comezo común con esa mesma vía que da nome ó sector, e que foi aberta por Francisco García, Pedro Bonifacio e Santi Suárez, o 16 e 17 de xuño de 1979.
Fonte: http://fendaseferralla.blogspot.com.es/2015/12/a-peneda-treboada.htmlApertura e 1ª ascensión. Aberta ó redor de 1983 por Manuel González Fernández, Alberto Sío González e Senén Cruces.

A vía está semiequipada, xa que conta con reunións e parabolts (distanciados) nos tramos de placa sen fenda.

Cordadas e data da escalada. Carducho e Mundi, e Xosé e eu. 12 de decembro de 2015

Itinerario e gradación:

Croquis en http://meadinha.com/vias.htmlL1. V+. 40 m. O primeiro longo é común co da “S”, ata uns 10 m. antes da súa reunión, desviándose cara á esquerda por unha repisiña que atravesa en diagonal ascendente a placa. Empézase por un fenda-diedro ata acadar unha cómoda repisa, dende onde continúa por unha nova fenda-diedro que estréitase ó acada-la placa, para converterse nunha fenda máis fina pola que ir de mans. Seguindo pola fenda pódese chegar á reunión da “S”, pero a nosa vía desvíase uns metros antes da mesma, en diagonal ascendente cara á dereita para acada-la reunión propia.

L2. 6b. 30 m. Empézase cun paso de confianza para pilla-la fina laxe de enriba da reunión e, dende aí continúase coidadosamente por placa ata acada-la fenda que en bavaresa leva á reunión.

L3. 6b. 30 m. Sáese cara un pequeno resalte polo que acada-la fenda que bordea en travesía cara á esquerda o teito común coa vía “S” -todo este tramo estaba bastante enchoupado, así que resultou bastante delicado-. Logo do resalte, continúase xa polo tramo en común da “S”, ata a reunión. Nos croquis, continúase ata a seguinte reunión evitando a que nós usamos, pero eu coido que é mellor a nosa opción.

L4. 6a+ 25 m. Saímos da reunión da “S” ascendendo diagonalmente por unha placa cara á fenda da nosa esquerda e por ela acadamo-la fenda-diedro que nos leva á seguinte reunión.

Fotomontaxe con 2 fotos do teito do último longo da Treboada.L5. 6c+, A1/7b+. 25 m. Dende aquí poderíamos seguir cara á esquerda pola saída orixinal (máis fácil), ou optar por continua-la liña marcada por un par de parabolts na vertical das nosas cabezas, que permiten superar en artificial, o muro (hai unha pequenísima laxe de dedos, rota que axuda neste tramo, pero acabará por romperse de todo) que nos separa dunha fenda horizontal. Xa nela, hai que seguila cara á dereita para arrastrarse verticalmente un par de metros ata onde se abre, e logo rematar por unha placa demasiado cuberta de liques e mofo como para permitir confiar na adherencia dos nosos gatos. En resumo, un longo en absoluto recomendable.

Material. 2 xogos de friends ata o número 3 (o número 4, e un par de estribos, son necesarios se se sae pola saída directa do último longo), 1 xogo de Alliens e un xogo completo de empotradores pequenos e medianos. Pódese escalar cunha corda simple de 60 m.

Descenso. Non é fácil atopa-la senda se non se coñece, así que non está de mais darse un paseo de ascenso pola mesma, antes de escalar por primeira vez aquí. Só podo recomendar gaña-la zona alta do altiplano deste cume e logo seguir entre arbustos e peñas con algo de tendencia á esquerda ata que atopemos algúns fitos do paso doutras cordadas, que empatan coa pouco visible senda de descenso.

Croquis e máis info en:

 

 

Advertisements
  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s