Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Cuélebre, El Vuelo del Dragón e Sagitario, Picu Urriellu (Picos de Europa), 25 ó 27 de xullo de 2016.

Cuélebre, El Vuelo del Dragón e Sagitario, Picu Urriellu (Picos de Europa), 25 ó 27 de xullo de 2016.

Néboas subindo a última hora da tarde pola Vega de Urriellu.Logo de máis de medio ano sen saír á montaña e practicamente 2 meses pechado na casa, tiña apenas 3 semanas para poñerme a ton a marchas forzadas, se quería cumprir co compromiso que adquirira con Carducho para acompañalo á cara Oeste do Picu Urriellu.

Con tan pouco tempo de prazo, aínda andaba eu sufrindo as maniotas froito das primeiras xornadas de retorno á escalada polo Galiñeiro, cando me chamou o Xosé para facerme unha desas propostas que un non pode rexeitar 🙂

O seu plan era o de subir á Vega de Urriellu, reserva-la cea de 2 noites no refuxio e vivaquear polos seus arredores, para escalar 3 días -bueno…, escalar…, o que se di escalar… iso faría ó Xosé, que eu fun a rastras del ata cando iamos polo senda (logo aínda se queixaba de que doíanlle os cadrís de tanto turrar da corda para izarme pola parede, pero así aprenderá e para outra vez, en vez de levarme a min de paquete, buscarase un rudo escalador de verdade, deses con barba e pelo no peito, aínda que non sexa tan doce e agarimoso coma min 😉 hehehehe…)-.

O caso é que non me deu tregua nin polo camiño de subida á Vega de Urriellu; en 2 horas plantábase o Xosé no noso destino e púñase á busca dun vivac, namentres eu aparecería 20 minutos por detrás del, botando o fígado pola boca… Ceamos do que levabamos no que foi a mellor comida deses días, porque as ceas que tomamos no refuxio as seguintes 2 noites… 😦

Eu xa subira ó Picu polas outras tres caras, así que facíame moita ilusión face-la miña primeira vía pola Oeste, pero hai que distinguir entre subir e que o suban a un, así que teño que recoñecer que, aínda que logramos completa-las escaladas, no zurrón dos meus proxectos todavía marco como pendente a inmensa muralla desta cara -a ver se dentro duns días, xa vou algo mellor co Carducho 😉 -.

Cuélebre, 600 m., 7b+ (6c+, A2).

Fotos da Cuélebre, cara Oeste do Picu Urriellu.

Apertura: o 17 de agosto de 1983, Luis Miguel Alonso, Jose Luis Rodríguez, Miguel Rodríguez e Jose Luis Villa, abriron ata 3 longos antes do cume, onde empalmaban cunha travesía á esquerda coa Excalibur. No ano 1996, Elías Díez, Miguel Rodríguez e Jose Luis Villa endereitaron a ruta abrindo os últimos 3 longos.

Material: 2 cordas dobres de 60 m., un xogo de Alliens e e outro de Camalots ata o nº 3, un xogo de entaladores, unhas 15 cintas longas, aros de cinta para pontes de rocha, estribo e unlla.

Descenso: pola cara Sur (escape en Tiros de la Torca).

Croquis da Cuélebre. Fonte: http://korkuerika.blogspot.com.es/2012/08/la-cuelebre-una-serpiente-que-no-hay.htmlNa primeira xornada fixemo-la Cuélebre, na cara Oeste do Picu, unha excelente vía que esixe navegar para ir atopando o percorrido, con moitos tramos de difícil protección que a fan bastante exposta, e máis dura do que a súa gradación puidera facernos pensar.

Nós saímos empatando co a Leiva nos dous últimos longos, que parece ser que é a saída máis recomendable (hai outras dúas alternativas máis: empatar coa Excalibur, coma fixeron os aperturistas, ou segui-los 3 longos que abriron posteriormente outros para endereita-la ruta orixinal), seguindo os croquis de Juan Korkuerika e a reseña de Fernando Zamora.

O longo máis duro (aínda que eu coido que no anterior xa tiven tirar arreo de cintas e chapas), ten un paso que se supera en artifo cun estribo sobre unha unlla (A1+/7b+) e logo segue cunha escalada de continuidade, resistencia (6c+) e distanciados entre seguros, no que eu din boas probas da miña habilidade escalatoria 😉 -xa tiven que usa-lo estribo, antes do paso sinalado, para dar chegado sequera a el, logo pilleime un dedo co mosquetón do estribo ó colgarme del sobre un spit e traballo me costou recupera-lo dedo entalado -menos mal que polo menos quedoume insensible…-, e despois, no resto do longo, aínda me fixo falta seguir usando arreo o estribo e maila unlla para seguir subindo coma un saco izado a tiróns do Xosé… todo un espectáculo circense! -.

Croquis e reseñas:

 

El Vuelo del Dragón, 150 m., 6a+.

Fotos de El Vuelo del Dragón, cara Leste do Picu Urriellu.

Apertura: Christian Marín e Francisco Sampedro, o 1 de agosto de 1982.

Material: 2 cordas dobres de 60 m., un xogo de Alliens e e outro de Camalots ata o nº 2, un xogo de entaladores, unha decena de cintas longas e aros de cinta para pontes de rocha.

Descenso: a vía é rapelable ou pódese empatar cos últimos longo da Nani, para saír polo anfiteatro Sur e descender así polos rápeles normais desta cara.

Croquis de El Vuelo del Dragón. Fonte: http://avigamo.blogspot.com.es/2011/09/el-vuelo-del-dragon-cara-este-de.htmlEl Vuelo del Dragón e a Cainejo. Fonte: http://fendaseferralla.blogspot.com.es/2016/08/picu-urriellu-leste-el-vuelo-del-dragon.htmlÓ seguinte día pasámonos á cara Leste para face-la combinación da El Vuelo del Dragón coa Nani, aínda que finalmente tivemos que rapelar pola mesma vía, ó toparnos cunha cordada bastante lenta xusto na reunión coa que teríamos que empatar. A vía ten bastantes tramos con distanciados importantes entre seguros e vai por placas nas que non se pode meter nada, así que pareceume tamén bastante exposta, amén de que tamén require de bastante navegación para segui-lo seu percorrido.

O máis destacable é que vai “demasiado” pegada á Cainejo nalgúns puntos (no 3º longo incluso é fácil despistarse e ó saír da reunión, logo de chapar un primeiro parabolt xa se ve outro que realmente é un spit da Cainejo, así que é mellor non ir a por ese spit senón a por un nicho situado bastante máis á esquerda, no que hai unha ponte de rocha que non se ve dende a nosa posición), e que algunhas chapas están postas… “peculiarmente” -por decilo dalgún xeito…-, xa que ou estaban innecesariamente baixas, ou -polo contrario- poderían haberse instalado para resultar menos extrema a súa chapaxe -é só unha opinión persoal, que conste, pero das críticas construtivas sempre se pode alomenos tomar nota-. Ó regreso da nosa escalada, o Xosé fixo un moi bo bosquexo coas dúas vías (El Vuelo del Dragón e a Cainejo), para axudar a aclara-las rutas e os puntos de “posible interferencia” :-).

Croquis e reseñas:

Sagitario, 200 m., 6b

Fotos da Sagitario, cara Oeste do Picu Urriellu.

Apertura: Higinio Giraldo e Andrés Villar, o18 de outubro de 1985, tras 3 días de escalada.

Material: 2 cordas dobres de 60 m., un xogo de Alliens e e outro de Camalots ata o nº 3, un xogo de entaladores, unha decena de cintas longas e aros de cinta para pontes de rocha.

Descenso: a vía é rapelable, aínda que en caso de choivas non se debe usar xa que é o desaugue natural do anfiteatro dos Tiros de la Torca.

Croquis da Sagitario. Fonte: http://www.fernandozamoraguiadepicos.com/2013/08/sagitario-leiva-y-rabada-en-la-cara.htmlCoa intención de aproveita-la mañá e volvernos ese mesmo día, deixamos esta vía para a nosa despedida, xa que só chega ata a metade da parede, e así regresariamos con tempo para empaqueta-las cousas, baixa-lo camiño ata Collado Pandébano, e xantar decentemente en Cabrales, logo das dúas noites de infraceas do refuxio do Urriellu.

A vía ten 7 longos, e aínda que hai quen dá como opcional a 4ª reunión, eu non recomendaría empatar eses dous longos xa que ademais de que a corda pesa moito polo rozamento en canto se sobrepasa a citada reunión, logo ven un tramo delicado no que o último seguro alonxa moito… Os que si que pódense empatar son os dous últimos longos, aínda que -ollo!- os 60 m. de lonxitude das cordas van resultar xustísimos.

Polo demais, resaltaría que ó 1º longo non lle sobraría unha chapa para protexerse nos primeiros metros de escalada, e o penúltimo longo -que empatamos co último- está graduado como de 6a+, pero o seu arranque pareceume durísimo, así que eu dáballe polo menos o 6b sen ningún complexo…

En resumo, unha moi boa vía ideal para cando só se dispoña de media xornada de escalada, con algo de exposición nalgúns puntos e que pese o seu relativo rectilíneo trazado, tamén require de algo de capacidade de navegación.

Croquis e reseñas:

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s