Inicio > Denuncia, Medio ambiente > Refugio de la Vega de Urriellu, o peor refuxio de montaña do mundo; un pseudo-refuxio…

Refugio de la Vega de Urriellu, o peor refuxio de montaña do mundo; un pseudo-refuxio…

2016 Xullo 28

Fosa séptica do refuxio de Urriellu, desbordando augas fecais.Seguramente é unha esaxeración, pero permitídeme o exceso verbal do titular deste artigo para chama-la vosa atención, sobre a vergoñenta situación do que sen dúbida é un dos refuxios máis senlleiros da montaña española.

Acabo de regresar a casa logo de pasar 3 días na Vega de Urriellu, e o primeiro que fixen foi denuncia-lo flagrante delito ecolóxico e contra a saúde das persoas que o refuxio está cometendo en pleno centro dun espacio protexido como é o Parque Natural de los Picos de Europa.

Resulta que a fosa séptica do refuxio, está vertendo de forma ben visible e continuada ó longo deste verán, augas e residuos fecais a escasos 6 metros da fonte de auga potable situada no seu lateral, sen que se teña tomado a máis mínima medida correctora, nin por parte do refuxio, nin das institucións e autoridades competentes; e xa non é que non se faga absolutamente nada para evitar e corrixi-lo vertido, é que a actividade normal do refuxio non sufriu un mínimo cambio: nin se informa do feito en si ás persoas que se aloxan ou que transitan polas súas proximidades, ou ás que se surten de auga na fonte, pese ó nauseabundo fedor que se percibe, nin se advirte dos perigos que para a saúde supón permanecer nas súas inmediacións, ou que ditas augas se filtren e rematen contaminando as correntes subterráneas que val abaixo surten manantiais e regatos dos que fan uso as poboacións da comarca. Nada se fai, porque calquera acción conlevaría a suspensión inmediata da actividade do refuxio, e iso significaría paraliza-lo negocio… -O negocio! Esa é a clave.-

Este edificio xa fai tempo que deixou de ser un refuxio de montaña, para converterse nun mero establecemento de hostalaría, xestionado como se dun albergue turístico de 3ª se tratase, no que chegada a hora de deitarse, péchase con chave a porta impedindo o libre acceso de calquera persoa que aparecese de noite de improviso ou con dificultades, ou no que se venden latas de refresco caducadas sen que, unha vez que se lles advirte do feito, consideren que deben ser retiradas da venda ó público e continúan despachándoas sen ningún rubor.

Si, xa sei que haberá quen pense que tampouco é para tanto e que non hai que ser tan puntilloso, despois de todo estamos nun entorno complicado de montaña e hai que ser comprensivos…, pero resulta que sigo observando máis detalles e situacións reprobables, como que, pese a que esteamos nun centro neurálxico da actividade montañeira e escalatoria, no que a información meteorolóxica é fundamental, xa non se coloca o parte do tempo na entrada, ben visible para calquera que pase, senón que hai que preguntar en recepción por el para que cho canten escuetamente e á carreira; ou que en vez de que as comidas sexan o suficientemente abondosas e nutritivas -non digo sabrosas, sás ou de calidade,…- como para satisface-las necesidades desas persoas que necesitan recargar enerxías antes ou despois de duras, longas e -ás veces incluso- perigosas xornadas de pateo, escalada ou carreira, ofrezan unha mala comida da que non só non informan de en que vai consisti-lo menú do día, senón que non teñen ningún problema en darche un primeiro prato de sopa e un segundo de lentellas para que non che falten líquidos, xa que eles non che proporcionan os “sólidos”. Se aínda por riba resulta que non che permiten reserva-la cea para o seguinte día -con previo pago, eh!-, e dinche que ata á hora do almorzo do seguinte día non o podes facer, co que te obrigan a que non poidas empeza-la túa actividade antes desa hora se queres cear no refuxio… -pois… xa se van acumulando moitos malos detalles, eh…-.

Pero é que aínda non se acaba aí a cousa, porque se cando che din que hai que estar puntuais para cear e ti lle replicas que antes -anos atrás, cando un aínda era un mozo que practicamente podía estar só nesta mesma época en calquera das paredes do Picu- as cousas non eran así, aínda che espetan que todo cambia para mellor, e que se non te chega o tempo, se cadra o que tiñas que estar era xa na base da vía, en vez de no refuxio -obviando que é o seu propio protocolo o que te obriga a pasarte a face-la reserva da cea a esa hora, con plena desconsideración ás elementais necesidades horarias de escaladores e montañeiros en xeral-, quédaste con cara de parvo cavilando en que carallo de mellorías serán esas nas que estará pensando o fulano…

Caldeiriños cheos de papeis de cagar que rematan caendo polo furado da letrina, no refuxio da Vega de Urriellu.E nestes intres aínda haberá quen diga que pese a que no refuxio non lles importe a contaminación que causan, nin que a comida sexa mala e insuficiente, nin vender produtos caducados, nin adapta-lo horario do almorzo ás necesidades das actividades montañeiras, nin facilita-la reserva das ceas a quen o queira face-la véspera, nin dar a coñece-lo menú que vas pagar anticipadamente, nin deixar á vista a previsión meteorolóxica, nin que unha persoa que chegue intempestivamente se atope coa porta do refuxio pechada con chave, nin … o importante é que a cantina estea aberta e que colguen cada día no Facebook unha foto do mar de nubes ó amencer para que suban moitos turistas, aínda que logo teñan que facer pirámides cos papeis de cagar enriba do minicaldeiro que colocan en cada letrina e que irremediablemente desborda por ese furado cagadeiro, no que o refuxio advirte que non se boten xa que atascan e enchen a fosa séptica… -mira ti que tiña fácil solución con colocar unhas bolsas grandes para recolle-los papeis usados, ou con facer máis dunha quenda de recollida diaria deses caldeiriños…-.

A mostra final da deturpación da función orixinal que motivou a construción deste refuxio, e que tiña como obxectivo servir de abrigo e campo base para as actividades montañeiras, é a eliminación da posibilidade de que un poida cociñar no interior do mesmo. No ano 2011 acometéronse unha serie de reformas no refuxio para -segundo a Federación asturiana publicitou- resolver algúns problemas no sistema eléctrico e de calefacción, e que serviron de excusa para elimina-lo espazo no interior do comedor do que antes dispuñan os/as montañeiros/as para cociña-los seus propios alimentos. Lonxe de recoñecer este despropósito, dende Federación e Refuxio replicaban ás persoas que reclamábamos a restitución deste servizo, que estaban “buscando unha solución” -vese que debe de estar moi ben escondida porque ata o de agora aínda non a atoparon…-.

A estas alturas da miña descrición, conviredes comigo en que máis que refuxio, debería de cualificarse como “albergue” ou “aloxamento hostaleiro turístico”, xa que está claro que non responde ó significado do que é un “refuxio de montaña”, alomenos non en base ós usos e costumes asociados á comunidade montañeira, que os ven utilizando dende o nacemento do alpinismo aló polo século XIX. Neste senso, no refuxio gardado de media e alta montaña, ademais de contar con máis ou menos servizos (mantas, comida, bebida,…) pódese obter información das rutas, o tempo, estado da neve, horarios, vías de escalada,…; pero en todo caso, a súa finalidade e o seu funcionamento habitual ven estando supeditado ás necesidades de excursionistas, montañeiros e escaladores, algo que vai máis aló da pura definición formal que poderíamos atopar en calquera dicionario.

Evitando a polémica sobre as diferentes opinións enfrontadas entre as persoas que defenden uns refuxios con cada vez máis servizos e comodidades (tipo hotel) e as que optan pola austeridade e sobriedade, en todo caso está claro que na actualidade e no futuro, as intervencións neste tipo de construcións deben de contempla-la preservación da natureza e o impacto ambiental que poden supor, e non basear o seu modelo de xestión na simple matemática da capacidade de aloxamento e na masificación turística auspiciada pola mellora na accesibilidade á alta montaña: as diferencias entre hoteis e refuxios, xa non teñen porqué ser de índole de servizos, pero si que o son en termos do tipo de actividades que practican os/as seus/súas usuarios/as, e da xestión que se fai en base ás mesmas.

Para rematar, quédome coa definición que Agustín Faus, facía no seu Dicionario da Montaña (Ed. Juventud, 1963): “Os refuxios son construcións xeralmente toscas e reducidas que se atopan en sitios solitarios das montañas e que facilitan considerablemente as excursións montañeiras”. Seguro que actualmente poderíamos completala moito máis, pero a súa esencia, segue sendo a mesma, aínda que haxa quen se empeñe en deturpala…

Save

Save

Advertisements
Categorías:Denuncia, Medio ambiente