Nani-Marisi (V+), 225 m, cara SE do Picu Urriellu, 6 de agosto de 2016.
A comezos do inverno o Carducho propuxérame ir este verán ó Urriellu a facer unha vía que sería a miña primeira na cara Oeste. Daquela eu pensáramo un pouco porque quería estar ben preparado para enfrontarme a unha escalada tan longa, pero como había tempo de abondo ata entón, apunteime ó proxecto. Sen embargo, debido ó traballo, ós poucos días tiven que renunciar a saír á montaña ata finais de xullo e conformarme con ir a Budiño de cando en cando para alomenos manterme minimamente activo escalando. Así que chegado o momento de poñernos en marcha, non me atopaba nin de lonxe nas mellores condicións para afronta-la vía, pero confiando no poderío do meu compi, e cunha posta a punto exprés que involuntariamente me proporcionou o Xosé a semana anterior 😉 , xuntámonos un venres pola tarde en Collado Pandébano, con intención de face-la vía ó seguinte día.
Xunto con Lola subimos ata a Vega de Urriellu onde vivaqueamos esa noite con intención de comeza-la escalada ás 8 da mañá (demasiado tarde para o meu gusto, pero con marxe horaria de abondo para face-la vía sobradamente segundo os cálculos do Carducho). Desgrazadamente xa namentres almorzabamos observaramos na nosa ruta a unha cordada de 3 que ían moi lentos (botaron entre 40 e 50 minutos para face-lo 2º longo, que non é especialmente complicado!), e ó chegar a pé de vía atopámonos con outra cordada máis á espera…
Buscamos alternativas e como non traíamos un plan B, baixámonos a polo libro de piadas do refuxio e fotografiamo-los croquis dun par de vías da cara Este para escoller aquela que tivese menos xente, confiando en que ó ir tan tarde, non nos atoparíamos con atascos. Finalmente, ás 10:30h. empezamos a subir pola Nani-Marisi, cunha cordada dous longos por riba nosa que non nos freou en toda a escalada, e que deixara o seu can a pé de vía, vixiando as súas mochilas, sinalando xusto a canle de inicio da escalada.
Ó final, pese á decepción de ter que renunciar ó noso obxectivo, desfrutamos moita desta outra bonita vía na que unha vez chegados ó paso ó anfiteatro da cara Sur, o Carducho sinaloume o longo que abrira superando o chamado “corazón de lija” máis de 20 anos atrás, cando tras face-la Me Refugio en la Bebida, chegados a un característico nicho no lado esquerdo da visible placa sobre a vía, progresou pola mesma sen posibilidades de protección nun tramo expo polo que acadou a evidente fenda vertical na que xa puido ir metendo seguros namentres ascendía por ela. Daquela, tras comprobar no refuxio que non constaba que ninguén a fixera antes ca el, fixo un croquis no reverso dunha das follas que usan para os recibos que entregan ás persoas coas contas cando van pagar, xa que ó pedirlles un folio, suxeríronlle que se subise o seu propio papel se non querían que llo cobrasen (vese que xa daquela non eran tampouco moi simpáticos…). O caso foi que chamoulle ó seu novo itinerario Variante Mutante, graduouno de 6b+ expo e deixouno no libro de piadas, só para comprobar coma algún tempo despois, desaparecera de dito libro: seguramente ós gardas non lles pareceu unha ruta digna de abondo como para merecer unha reseña…
Nani – Marisi (V+), 225 m.
1ª ascensión: Hernán Llanos Balsas “Nani” e Alfredo Díaz o 23 de agosto de 1974.
Material necesario: 2 cordas en dobre de 60 m., un xogo de friends ata o nº 3 de Camalot (útil levar repetido este último número), 3 Allien, e unha ducia de cintas exprés longas.
Aproximación: nunha hora pola Canal de la Celada.
Descenso: a ruta non é rapelable, baixándose en 2 ou 3 rápeles pola liña de descenso da cara Sur, ou máis directamente en 3 rápeles pola Teógenes (non usar en caso de choiva).
Cordada: Carducho e eu, o 6 de agosto de 2016.
- L1. IV, 45 m. A vía comeza a escasos metros por embaixo da de El Paso Horizontal, na primeira (en sentido ascendente) das dúas grandes cicatrices diagonais que van de esquerda a dereita na cara Sur-Leste. Remóntase o evidente diedro-cheminea ata o seu empalme por placa co comezo dun seguinte diedro. A reunión móntase sobre dous cravos reforzables.
- L2. IV+, 55 m. Ascéndese este novo curto diedro-cheminea, algo máis vertical, que unha vez superado empata coa continuación da canle ata montar reunión ó límite da lonxitude das cordas, nunha cómoda repisa cun par de cravos reforzables xunto a un gran bloque. Segundo os croquis de www.guiaspicos.com e fernandozamoraguiadepicos.com, empatamos dous longos, xa que a nosa 2ª reunión coincide coas súas 3ª.
- L3. V+, 55 m. Saímos da cheminea para atoparnos cun muro vertical de furados de difícil protección, polo que acádase un nicho con ata 3 pontes de rocha; neste furado resultaría incómodo montar reunión, pero seica xusto uns 2 ou 3 metros en liña recta por enriba vese outro nicho moito máis cómodo onde montala sobre un Camalot amarelo, unha ponte de rocha e un cravo. No noso caso tamén ignoramos esta reunión e empatamo-los dous longos correspondentes do croquis, saíndo do nicho pola dereita para afrontar un muro de travesía ascendente no que un cravo protexe un tramo de placa cara á dereita duns 3 metros, que nos sitúa baixo o gran bloque alaranxado; aquí pódese ver que hai quen monta reunión, aínda que nós seguimos para supera-lo diedro do gran bloque pola esquerda e monta-la reunión sobre 3 cravos, na cómoda terraza enriba del.
L4. IV, 30 m. Saímos pola esquerda da reunión ata o pé dun novo muro uns tres metros por riba, que superamos con tendencia á dereita sen poder protexer ata atoparnos xa nun terreo máis fácil, polo que acádase unha especie de nicho repisa onde se monta a reunión sobre dúas pontes de rocha reforzables.
- L5. IV+, 30 m. Dende aquí seica pódese facer unha travesía de III+ cara á dereita para empalmar coa última reunión da Cepeda e saír por ela (V+), pero nós continuamos pola vía saíndo da reunión verticalmente para toparnos cun novo muro que resolvemos un pouco polo seu lado dereito antes de dirixirnos en diagonal ascendente á esquerda, rodeando o desplome que hai sobre as nosas cabezas pola evidente canle que nos leva á reunión situada no ombreiro dende o que xa podemos pasarnos ó anfiteatro Sur.
- L6, III+, 10 m. A uns 10 m. de distancia, polo lado esquerdo da reunión, que da ó anfiteatro, xa se ve un gran bloque con múltiples lazos, un pouco máis alto que a nosa posición. Non ten sentido tentar empatar esta longo co anterior, xa que dificultaría moitísimo o aseguramento, e é mellor facer este pequeno percorrido de rocha moi descomposta partindo da reunión máis cercana. Unha vez acadado o bloque pódese facer un rápel duns 20 m., cunha soa corda que nos deposita no anfiteatro Sur, xusto na última reunión da vía Teógenes, pola que pódese rapelar ata o pé da cara Sur.
Reseñas e croquis:
- http://www.fernandozamoraguiadepicos.com/2011/09/escalada-via-nani-marisi-en-la-cara-sur.html
- http://www.guiaspicos.com/blog/nani-marisi-al-naranjo-de-bulnes/
- http://entretenimientovertical.blogspot.com.es/2010/12/picu-urriellu-nani.html