Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección, Sendeirismo / trekking > Reina Loba e La Historia Interminable (Peñas del Prado, Valle de Arbas, León), 30 e 31 de outubro de 2016.

Reina Loba e La Historia Interminable (Peñas del Prado, Valle de Arbas, León), 30 e 31 de outubro de 2016.

Aproximación á base da cara SO das Peñas del Prado. Fonte: http://lagarafa.blogspot.com.es/2016/08/penas-del-prado-reina-loba.htmlCáseque sen darme conta, resulta que unha das tapias nas que máis teño escalado son as Peñas del Prado, e iso que nunca me sentín moi cómodo nas súas adherencias… Supoño que a súa relativa proximidade a Galicia é o factor de atracción fundamental; de feito, moitas das aperturas nestas paredes débense a escaladores galegos.

En todo caso, poucos sitios coñezo tan fermosos como as comarcas de Babia e as súas colindantes; incluída, por suposto, a do Alto Bernesga no que se atopa esta montaña ó carón da localidade de Cubillas de Arbas. Así que aínda que só fose por darlle algo de descanso ó espírito ben vale a pena a viaxe a estas terras -dito sexa de paso- paraíso do sendeirismo.

Nesta ocasión démoslle tregua ó colexio -agora seica é ambulatorio- que na entrada do pobo, nos serviu moitas noites para vivaquear amparados polo seu soportal e probamos a comodidade do Albergue de Cubillas de Arbas, onde estivemos moi ben. Para enche-lo bandullo ceamos unha noite un menú do día no Hotel Rural Río Viejo, no mesmo pobo, pero basicamente foron pratos rápidos. Todo o contrario da suculenta cociña da Cantina El Cantón, ó carón do propio refuxio, onde nos sorprendeu gratamente a súa comida (sabrosísima e a bo prezo!). Tampouco estivo mal a comida do Hostal La Collada de Aralla, situado xusto no porto de Aralla, onde ceamos outra das noites.

Rutas polo Valle de Arbas. Fonte: http://www.cuatrovalles.es/CD/index.phpAdemais dun par de medias xornadas escalando deportiva por Cuatro Valles, Carducho, Mundi e eu fixemos unha vía cada día nas Peñas del Prado, e Beni, Lourdes e Marga aproveitaron para seguir un par de rutas moi recomendables: unha circular dende Casares de Arbas que pasa por Villadangos de Arbas, e outra medio-inventada sobre a marcha :-), que tamén fai unha circular partindo dende Cubillas de Arbas arrodeando a Barragana e subindo ó cume dunha de Las Tres Marías.

Reina Loba. MD sup (6b), 130 m.

Fotos de Reina Loba, Peñas del Prado (Valle de Arbas, León).Boa vía con tramos equipados con parabolts e cravos e o resto de autoprotección. Os dous longos finais son moi bos, especialmente o último, que esixe resistencia para superar un muro vertical de furados que vaise facendo máis duro a medida que se progresa. Ollo con pasarse a última reunión (6 ou 7 m. por debaixo do cume do pilar) se se quere descender pola mesma vía, xa que está situada nun  cómodo nicho que xa houbo quen nin viu do “lanzado” que ía cara arriba 😀 .

Máis aló do que o grao da vía poida indicar, a min pareceume unha escalada difícil na que coido que pasei máis tempo pedindo tensión na corda que sustentado por min mesmo; de feito non me atrevín a encabezar ningún longo, así que papounos todos o Carducho, agás un tramo que encabezou o Mundi.

O que máis lembro é que en ningún intre afíxenme á adherencia desta rocha, e que o último longo pareceume moi duro e esixente. -Haberá que insistir, porque de deixalo…, nada, eh 🙂 –

Aperturistas:
Juan José GoyanesManolo González,  Jose Manuel Granado (Pepe “Zamorano”)José Manuel Troncoso “Oso”, entre setembro e outubro do 2000.

Material necesario:

2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), un xogo de  friends (ata o Camalot número 3) e entaladores medianos e pequenos, unha ducia de cintas e demais equipo de escalada de autoprotección.

Cordada:
Carducho, Mundi e eu.

Data da ascensión:

30 de outubro de 2016.

Punto de partida:
Deixamo-lo coche, na cuneta da estrada que vai dende Cubillas de Arbas ó túnel polo que se comunica con Aralla. Dende a estrada séguese a senda que sube ás Peñas pasando por riba dunha fonte no cauce dun regato seco. Un pouco máis arriba a senda segue o tendido eléctrico ata atravesa-la Collada Aronga, dende onde xa se dirixe un directamente á base da parede suroeste. Dende a estrada ata o pé de vía leva uns 40 ou 50 minutos.

Noite intermedia:
Durmimos no Albergue de Cubillas de Arbas, aínda que habitualmente facíamolo no soportal do colexio que hai na entrada de Cubillas de Arbas, pequeno pobo con fonte e un par de restaurantes e hospedaxes.

Descenso:

Dende o cume do pilar (uns 6 ou 7 metros enriba da última reunión da vía) accédese a estreitura que da a ambas caras da parede.Tódalas reunións teñen 2 parabolts con anelas ou mallóns para rapelar, puidendo baixarse en 3 rápeles ata base da parede (R4, R2 e R0).

Outra alternativa -que a min non me parece moi lóxica- é acada-lo cume do noso pilar (escalando durante uns 6 ou 7 metros por bloques enriba da última reunión) e destrepar un par de metros á estreitura que da a ambas caras da parede, onde hai unha vella instalación de pontes de rocha con cordinos e algún fisureiro, para rapelar unos 12 metros cara a vertente Norte (a contraria á que subimos), xa que para continuar pola aresta habería que superar un muro liso que non parece posible salvar escalando.

Ese curto rápel déixanos sobre uns prados polos que ascender cara a parte alta da parede Suroeste, onde hai que busca-la liña de rápeles de Lobishome.

Dificultade:

6a+/6b, 6a, 6b+ ou 6a+/6b A0-A1, 6b.

Croquis da Reina Loba. Fonte: http://lagarafa.blogspot.com.es/2016/08/penas-del-prado-reina-loba.htmlL0. III+. 60 m. A base do espolón está uns 60 m. por riba da base da parede e precísase trepar por terreo que vai entre o II e III+, polo que non está de máis encordarse.

L1. 6a+/6b, 35 m. Comézase por unha placa de adherencia, cun primeiro paso expo (para min que de 6b…), protexida por dous parabolts e un cravo ata un pequeno resalte sobre o que hai outro par de parabolts. Séguese polo espolón ata unha terraza, e por riba dela hai unha repisa na que se atopa a reunión de dous parabolts cun mallón.

L2. 6a. 45 m. Unha placa protexida por un cravo e un parabolt lévannos de novo a un resalte sobre o que remontarnos á nosa esquerda sobre o espolón. Un ou dous cravos preceden a unha difícil fenda de autoprotección cun parabolt na entrada e outro na saída. A altura deste 2º parabolt sáese da fenda cun paso á esquerda cara a un curioso nicho onde se atopa a reunión sobre dous parabolts con anelas.

Croquis da apertura da Reina Loba. Fonte: libro de croquis do albergue de Cubillas de Arbas (fotocopia do croquis que había no vello bar do pobo que xa pechou).L3. 6b+ ou 6a+/6b A0-A1. 20 m. Séquese sobre o espolón por placa cara a un corto muro fisurado ben protexido e con boas presas, que é o máis duro da tirada. Logo, uns poucos metros por riba hai unha cómoda terraza cunha reunión de dous parabolts sen anela.

L4. 6b, 30 m. Seica este longo, xunto co 2º son os mellores, e a verdade é que é moi bo, pese á súa dureza -ou se cadra por ela 😉 -. Empézase por unha placa vertical con algunhas regretas que nos deixa ó pé do muro final que máis vale atacar ben descansado. É un muro de furados de moita continuidade que te bota cara ó baleiro e que vaite desgastando ata un último paso, o máis duro, que déixate nun cómodo nicho á esquerda, no que se atopa a última reunión de 2 parabolts con anelas.

Se se vai descender pola mesma vía aquí remata a escalada, pero se se quere acada-lo cume ou descender por outra vía -a Lobishome é a liña de rápeles máis aconsellable-, hai que continuar 6 ou 7 m por riba desta reunión, por terreo fácil de bloques, ate o cume do noso pilar para rapelar á vertente Norte, e subir cara o cume das Peñas del Prado. No noso caso, unha vez no cume do pilar, non nos gustou a idea de rapelar dende a estreitura na que unha reunión de cordinachos vellos e un fisureiro roñoso nos levarían a camiñar todavía por unha rampa ata a aresta e poñernos a adiviñar por onde remataría a Lobishome, así que lazamos un bloque no chan do cumio do pilar e rapelamos ata a última reunión da vía para descender pola mesma.

Croquis e reseñas:

 

La Historia Interminable. MD (6b, A1/ 6c+), 270 m.

Fotos de la Historia Interminable, Peñas del Prado (Valle de Arbas, León).A segunda xornada de escalada foi para min máis desfrutona xa que atopeime máis cómodo na rocha, ben fose porque a actividade da véspera serviume de posta a punto, ou porque esta vía resultase máis fácil globalmente -agás por suposto o para min imposible 5º longo, pero claro…, para iso levabamos ó Carducho connosco 😀 hehehehe-.

Iso si, tivemos unha boa lea ó remate da escalada cando non dimos recuperado as cordas logo do último rápel. O caso foi que como non acadabamo-lo chan, para evitar destrepa-lo máximo posible, colgueime das cordas ata o seu límite e soltei bruscamente un dos cabos estando moi tensos; o resultado foi que cruzáronse entre eles e non houbo xeito de recupera-las cordas, e nos intentos por conseguilo só empeoramos o problema; así que o teimudo do Carducho xogouse o tipo escalando ¡2 longos! por un dos cabos cun péndulo que como se lle fose unha presa, como mínimo convertiríase na pelota dunha partida de  pinball…

Ó final, coma sempre que te metes nun lío e analizas que pasou, queda algunha boa lección aprendida:

logo dun rápel nunca soltes o cabo estando as cordas tensas, porque subirá disparado e pode que se enreden entre elas, aínda que baixases mantendo separados ambos cabos.

Tomade nota, que eu xa o fixen 😉

Aperturistas:
Croquis de Historia Interminable. Fonte: http://lagarafa.blogspot.com.es/2014/08/penas-del-prado-la-historia-interminable.htmlMiguel Ángel Blanco, Andrés Montes e Cándido Álvarez “Cándi”, en maio de 1985.

Material necesario:

2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), un xogo de friends (ata o Camalot número 3) e entaladores medianos e pequenos, unha ducia de cintas e demais equipo de escalada de autoprotección.

Cordada:
Carducho, Mundi e eu.

Data da ascensión:

31 de outubro de 2016.

Punto de partida:
Deixamo-lo coche, na cuneta da estrada que vai dende Cubillas de Arbas ó túnel polo que se comunica con Aralla. Dende a estrada séguese a senda que sube ás Peñas pasando por riba dunha fonte no cauce dun regato seco. Un pouco máis arriba a senda segue o tendido eléctrico ata atravesa-la Collada Aronga, dende onde xa se dirixe un directamente á base da parede suroeste. Dende a estrada ata o pé de vía leva uns 40 ou 50 minutos.


Noite intermedia:

Durmimos no Albergue de Cubillas de Arbas, aínda que habitualmente facíamolo no soportal do colexio que hai na entrada de Cubillas de Arbas, pequeno pobo con fonte e un par de restaurantes e hospedaxes.


Descenso:

En 3 rápeles -a tope da lonxitude das cordas (60 m.)- pola Lobishome, que ten a súa última reunión apenas a 3 ou 4 metros á dereita (mirando cara á parede) da última reunión da nosa vía.

Dificultade:

V+, V-, V+, 6a+, 6c+ ou 6b/A1, V+, V+.
Inicio da vía La Historia Interminable pola característica laxe en forma de continente africán.A vía ten 2 variantes de entrada, e non queda moi claro en moitos croquis por onde comeza. A mellor referencia é localiza-la característica laxe con forma de continente africán, e subir polo seu lado esquerdo seguindo todo o seu contorno ata situarnos enriba dela. Polo lado dereito tamén pódese subir, pero está moito máis suxo de vexetación e ten a rocha máis quebradiza.

L1. V+. 30 m. Comézase polo lado esquerdo da laxe, seguindo a fenda que a contornea: primeiro rectos, logo á esquerda e logo volvendo á dereita ata situarnos sobre ela nunha repisa herbosa cunha reunión de parabolt con anela e un cravo.

Carducho no 4º longo.L2. V-. 25 m. Séguese pola fenda de enriba nosa para chegar por placa ata unha vira que ascende diagonalmente cara á esquerda por terreo fácil (III) ata acada-la reunión de dous parabolts con anelas.

L3. V+. 40 m. Ascéndese polo espolón, seguindo varios cravos e pontes de rocha ata chegar á reunión de dous parabolts con anelas.

L4. 6a+. 40 m. Empeza seguindo pequenas fendas con varias pontes de rocha e algún cravo, pásase por un parabolt e séguese recto ata acadar unha fenda á esquerda dende a que facer travesía á dereita en adherencia (hai un cravo nun furado) para chegar -cun paso de adherencia e estirándose a tope…- á reunión de dous parabolts con anelas. Por esta reunión pasa a vía Cirrosis (entra pola dereita e sae pola esquerda).

Carducho no 5º longo.L5. 6c+ ou 6b/A1. 45 m. Empézase por unha fenda protexida con cravos, cara a unha clara liña de varios parabolts e algún buril nos que a dificultade vai aumentando a medida que se progresa polo cada vez máis liso muro, con moi pouca presa e en adherencia. Un bó agarre logo do último parabolt aínda obríganos a un paso difícil para acada-lo nicho á dereita no que se atopa a reunión de 2 parabolts con anelas.
L6. V+. 35 m.
 Un cravo varios metros enriba da reunión indícano-lo camiño, aínda que é mellor meterlle unha cinta longa porque por riba hai que facer unha longa travesía á esquerda ata chegar a un parabolt baixo o teito, que ten outro máis para protexe-la súa superación. Logo, a reunión está á dereita de dous parabolts con anelas, xunto a outra antiga reunión.

Mundi no 6º longo.L7. V+. 40 m. Por riba nosa hai un desplome que atácase cara á esquerda por unha fenda con bos agarres de man, que nos leva ata unha fenda vertical pola que seguir ata un muro de canalizos de imposible protección, pero que é máis fácil superar por algún do lado esquerdo que nos leva ata a reunión nunha repisa de 2 parabolts con anelas (xusto enriba hai tamén un vello buril testimonial). Uns 3 ou 4 metros á dereita hai outra repisa coa reunión da Lobishome, por onde é mellor rapelar.

Croquis e reseñas:

Advertisements
  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s