Inicio > Escalada deportiva > Mallos de Riglos (Huesca), do 24 ó 29 de agosto de 2017.

Mallos de Riglos (Huesca), do 24 ó 29 de agosto de 2017.

Luísa, Gene e outro escalador no 4º longo da Alberto Rabadá (máis coñecida como a Murciana).Riglos é o terreo ideal para esa escalada física de brazos fornidos, mans coma zarpas e técnica de bicicleta coas que supera-las constantes panzas que en calquera das súas moitas rutas aparecen. Con semellante premisa, non é que se trate dun destino devezado por min, pero, a cambio, ofrécenos un lugar insólito, marcado pola súa historia, inzado de extraordinarias vías e coa promesa de que se es capaz de adaptarte ás esixencias destas paredes, teraste convertido nun escalador con “oficio”, moito máis astuto, e cun carácter acorde coa dureza dos seus itinerarios.

Pero para chegar a iso, todavía hai que comerse moitos dos seus bolos 😉

Moitísima calor e probabilidade de tormentas eran as previsións que tiñamos para Riglos, pero o Carducho tiña este destino metido na cabeza dende facía tempo, así que Mundi e eu saímos para alá detrás del e Lola, cruzando os dedos para non face-la longa viaxe en balde: e houbo sorte… 🙂

A choiva respetounos e permitiunos 3 días de escalada, aínda que as abafantes temperaturas fixéronnolo pasar mal tanto de día coma de noite (no albergue Refugio de Riglos non se daba durmido nas habitacións salvo abrindo portas e fiestras de par en par e tumbándose en “pelota picada”), así que a nosa intención era a de escalar pola mañá e descansar pola tarde.

O ideal parecía escalar no chamado circo de verán, na cara Norte do Mallo Pisón, algunha vía recomendada polo Xosé, que ten escalado cáseque todo o que é humanamente posible neste lugar, como a Mi Padre Tiene Sed e a Tiempos Nuevos, Tiempos Salvajes; pero para empezar buscamos unha máis faciliña, o Espolón Adamello, na cara Sur, e para a despedida fixemo-la Normal do Puro xa que a inestabilidade meteorolóxica ó final acabou por instalarse…

A pequena vila de Riglos seica debe ter uns 50 habitantes, así que non conta con máis que co Bar Restaurante El Puro (que tamén ten habitacións para aloxarse), o albergue Refugio de Riglos (que dispón de aloxamento, bar e comidas), unha pequena tenda (que lle chaman “de la Francesa“) situada xusto diante dun aparcadoiro público, unha fonte na súa máis empinada rúa, e unha pequena piscina. Para calquera outra cousa hai que achegarse á próxima localidade de Ayerbe, que conta con bares, restaurantes, hoteis, panaderías, tendas,… e incluso un camping.

O que si que é frecuente é que se xunten varias furgonetas de escaladores/as no aparcadoiro, e que pernocten nelas varios días sen que ata o de agora houbese problemas por elo (discreción e educación garantirán que isto se siga podendo facer por moito máis tempo…).

Croquis:

Espolón Adamello, 6a, 190 m.

Fotos do Espolón Adamello, na cara Sur do Pisón (Riglos)Como hai que empezar por algún sitio, o lóxico é buscar unha vía fácil, e como non hai moitas case todo o mundo repite as mesmas; a cheminea Pany-Haus e o Espolón Adamello do seu carón son seguramente as vías máis frecuentadas, así que decidimos empezar por esta última. A idea inicial era que Carducho e Lola fosen por diante, e Mundi e eu os seguísemos nunha segunda cordada, pero ó final tivemos que facer cordada de 3, cando Lola non foi quen de supera-la primeira panza e decidiu baixarse.

Apertura:

Jesús Ibarzo e Ursi Abajo, o 22 de agosto de 1965.

Comentarios:

A vía está equipada de deportiva, con parabolts e reunións instaladas.

Percorrido e dificultade:

Croquis Espolón Adamello + Normal ó Pisón e descenso por Los Volaos. Fonte: http://www.viaclasica.com/foro/viewtopic.php?t=2897 O percorrido non ten perda xa que segue o espolón, agás no inicio do primeiro longo que agora no se fai pola ruta orixinal, senón que evitan unhas panzas entrando uns metros á esquerda para acceder ó espolón xusto embaixo da primera gran panza. A vía remata antes da golada, dende a que inicia-lo descenso ou pódese optar por continuar ata acada-la golada, para empatar coa normal ó Pisón para facer cume en 3 longos.

L1. V, 35m. Un pouco á esquerda do comezo do espolón, xunto a un nicho, xa se ven os primeiros parabolts da vía que conducen por terreo de ton roxo a unha panza durilla, á que seguen outras ata acada-la reunión de 2 amplas argolas nunha cómoda repisa.

L2. 6a, 35m. O longo empeza superando a “Panza del Pijo” enriba da reunión, e ós 15 m. hai unha reunión intermedia que nós ignoramos, para continuar por terreo de IV+ ata unha nova reunión tamén moi cómoda baixo unha nova panza, neste caso composta por 2 parabolts con anela.

L3. 6a, 25m. A “Panza del Cabrón” atacámola de fronte e pareceunos máis un 6b, así que sospeitamos que pódese arrodear algo pola esquerda para que non saia tan dura. A reunión novamente resulta moi cómoda e consta de 2 argolas.

L4. IV+, 30m. L5. IV, 30m. Empatamos ambos longos para chegar a unha nova ampla repisa cunha reunión de 2 argolas.

L6. IV+, 35m. Séguese cara arriba por rocha algo peor ata acadar unha repisa pola que desprazarse uns 3 ou 4 m. á dereita para afronta-lo muro final (hai un parabolt que nos indica o punto polo que atacalo, sen irnos demasiado á dereita). Unha vez acadada a reunión pódese continuar un último longo para chegar ata a golada, ou -como foi o noso caso- seguir un cable á nosa dereita para situarnos na instalación de rápel.

L7.III, 45m. Non o fixemos.

Data:
25/08/2017.

Cordada:

Carducho, Mundi e eu.

Lonxitude/Desnivel:

190 m. 5 longos (porque empatamos o L4 e o L5). Se se continúa ata a golada baixo o muro final do Pisón, hai que facer un longo máis duns 45 m.

Descenso:

Croquis descenso por Los Volaos. Fonte: http://anuestraputabolacroquis.blogspot.com.es/2013/05/via-espolon-adamelo-mallos-de-riglos.htmlÁ dereita da reunión sae unha vira cun cable a modo de pasamáns que nos leva camiñando horizontalmente ata a primeira instalación de rápel. En 30 m. acadamo-lo fondo dunha estreita canle pola que destrepar axudados duns cables e ferraxes, ou pódese optar por aproveitar que se usan cordas dobres para chegar no mesmo rápel ata a seguinte instalación.

O 2º rápel de 30 m. volve a situarnos nunha estreita canle, dende a que destrepar outro tramo axudados por cables e ferraxes, ou -se usamos cordas dobres de 60 m.- prolonga-lo rápel (55 m.) ata a seguinte instalación.

Un último rápel volado de 60 m, que lle da nome a este descenso (Los Volaos) deposítanos xa na base do Pisón; en caso de descender cunha soa corda, é preciso montar un rápel intermedio (e seica incómoda e colgada).

Material necesario:
2 cordas de dobre (60 m.) e unha ducia de cintas exprés. Pódese escalar cunha soa corda de deportiva, pero iso dificulta o descenso e obriga a máis rápeles.

Croquis:

Tiempos Nuevos, Tiempos Salvajes, 6c+, 160 m. Mi Padre Tiene Sed, 6c, 160 m.

Fotos de Mi Padre Tiene Sed e Tiempos Nuevos Tiempos Salvajes, Circo de Verano, cara Norte do Mallo Pisón (Riglos)Croquis de Tiempos Nuevos, Tiempos Salvajes, e Mi Padre Tiene Sed. Fonte: http://guaravertical.blogspot.com.es/2014/06/via-tiempos-nuevos-tiempos-salvajes.html?m=1Estas 2 vías sitúanse no bordo inferior da súa cara Norte, no chamado Circo de Verano, e rematan a metade da parede do Pisón, poidendo continuarse ata o cume polos longos superiores de varias outras vías como a Anglada-Guillamón, a Hechizos del Viento, a Tangerine Dream…

Coma foran recomendación do Xosé, había que facer algunha delas para non desairalo 😉 . Ó final, decidimos que as 2 cordadas, Mundi e Carducho por un lado, e Xosé e eu polo outro, subiramos cadansúa vía, aproveitando que van por itinerarios paralelos, para poder ir “chinchándonos” mutuamente 😀 e logo descender xuntos pola Tangerine Dream.

Escalamos cunha corda deportiva de 70 m, aínda que para baixar, xuntámonos -como dixen antes- para poder rapelar tiradas máis longas.

A Tiempos Nuevos, Tiempos Salvajes foi aberta en 1989 por Carlos Logroño “Citro”, Javier Oliván “Suli” e Guillermo Campo, e consta de 5 longos de 6a+ (30m), 6a+ (30m), 6b (30m), 6c/6c+ (30m) e 6c (35m) sobre rocha de moi boa calidade e cos tramos máis fáciles con distanciado entre chapas.

Croquis: http://guaravertical.blogspot.com.es/2014/06/via-tiempos-nuevos-tiempos-salvajes.html?m=1

Coma o Xosé levoume pola Mi Padre Tiene Sed, será desta vía da que detalle o seu percorrido.

Apertura:

F. Gutiérrez, J. Arnaudas, F. Caballé, L. Bujeda, J.G. Barcos e S. de Pedro. 1 de xuño de 1985.

Comentarios:

A vía está equipada con reunións e parabolts de métrica de 10 mm. que distancian “algo”, e tamén hai algún cravo e spit.

O cuarto longo é o máis protexido, xa que é onde desploma máis, e ben podería ser 7a…?

Percorrido e dificultade:

Croquis de Mi Padre Tiene Sed. Fonte: http://guaravertical.blogspot.com.es/2014/06/via-mi-padre-tiene-sed-185-m-6c-cara.htmlArranca na base do Pisón, inmediatamente á esquerda dunha vía que ten parabolts vermellos e permanece á sombra durante todo o día. Comparte a 2ª reunión coa vía Tiempos Nuevos, Tiempos Salvajes. Polo xeral o itinerario resulta bastante evidente, seguindo a traza deixada polo magnesio.

L1. 6a, 25m. Longo vertical de bo canto que xa avisa dos distanciados entre seguros e do que será a tónica da vía. A reunión atópase embaixo dun resalte.

L2. 6a+, 30m. Supérase o resalte para segui-la liña de parabolts que de forma recta nos leva a unha pimeira panza e inmediatamente despois a outra panza que da a unha ampla terraza na que se atopa o tinglado da reunión á esquerda (parabolts, e cable nunha ponte de rocha), xunto a un diedro-fenda. Seica antes desta reunión, hai outra que nos pode despistar, debaixo da terraza, xunto ó diedro característico: eu non a lembro, pero tédeo en conta.

L3. V+, 40m. Aquí non hai perda, só hai que segui-lo diedro-fenda ata a seguinte reunión situada no seu lado esquerdo.

L4. 6c, 30m. Continúase pola fenda que acaba por esmorecer e continúase por panzas cun lixeiro zig-zag á dereita primeiro e logo á esquerda, para rematar por un duro muro desplomado de continuidade que nos leva ata a incómoda reunión colgada, á esquerda dunha laxe que está pedindo a gritos separarse da parede e caer.

L5. 6a, 35m. Sáese en travesía á dereita pasando pola precaria laxe e logo de 3 parabolts o compañeiro desaparece da vista, continuando en travesía delicada ata unha repisa, dende onde xa se ascende máis en vertical superando varias panzas ata acada-la cómoda vira-repisa na que se atopa a reunión.

Data:
26/08/2017.

Cordada:

Xosé e eu.

Lonxitude/Desnivel:

160 m. 5 longos.

Descenso:

Dende a ultima reunión da vía, faise unha travesía cara ó lado dereito seguindo a vira que conta con algún parabolt para protexer esta camiñada pola cornisa duns 15 ou 20 metros ata un tinglado de reunión con anelas para rapelar, dende onde xa se pode ve-lo Puro. Desde aquí, pódese baixar en 3 rápeles pola Tangerine Dream (hai que ir metendo seguros para non separarse da parede e saber onde están as reunións), ou pódese facer un curto rápel para gañar unha nova cornisa pola que continuar en travesía horizontal cara ó Puro e facer un novo rápel co que acadar así os rápeles habituais de descenso do Puro.

Material necesario:
2 cordas de dobre (60 m.), dezaseis cintas exprés (varias delas longas). Pódese escalar cunha soa corda de deportiva, pero iso dificulta o descenso e obriga a máis rápeles.

Croquis:

Normal do Puro pola Entrada Directa, 6b (V/A0), 250 m.

Fotos da Normal ó Puro pola súa Entrada Directa (Riglos)Croquis de El Puro. Fonte: http://a0avista.blogspot.com.es/2009/03/la-normal-del-puro-riglos.htmlFai 3 anos xa fixera esta escalada xunto a Beni, Josele e Xosé, así que podedes consulta-la descrición detallada da vía e os correspondentes croquis neste mesmo blogue. Nesta ocasión conformamo-la cordada Carducho, Mundi e eu, que en contra do habitual, estivemos sós en toda a ruta, xa que a inestabilidade meteorolóxica vese que arredou a outras cordadas candidatas das moitas que acostuman a facer esta emblemática vía.

En todo caso si que engado o croquis adxunto que complementa e se solapa cos xa incluídos no seu día, e que ten a particularidade de sinala-la ruta orixinal pola que os aperturistas abriron a vía, aínda que na actualidade a opción habitual (e recomendable) é inicia-la escalada pola entrada directa.

Asemade, querría destaca-lo feito de que o paso que no croquis gradúan de 6a+ na cova do Puro, na maioría das descricións actuais normalmente dáselle 6b; así e todo, o devandito paso é, dende logo, bastante máis duro que o 6b da panza pola que arranca o último longo (supoño que todo depende de que tipo de terreo lle é máis propicio a cada persoa…).

Tamén decateime no primeiro rápel que hai unha vía que ascende ó Puro pola cara que da ó Mallo Pisón, co que o cume deste monolito pódese acadar totalmente á sombra. Coido que é a vía Cintero e aínda que me pareza incrible, vendo as panzas que ten que superar, seica está graduada de só 6b: interesante, moi interesante… 😉

Croquis:

 

 

 

Advertisements
  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s