Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > 2ª tentativa fallida á Rabadá-Navarro ó Firé, Riglos (Huesca), 28 de outubro de 2017.

2ª tentativa fallida á Rabadá-Navarro ó Firé, Riglos (Huesca), 28 de outubro de 2017.

Maqueta dos Mallos de Riglos, situada na mesma vila. 2 anos atrás tiveramos que retirarnos da nosa tentativa á Rabadá-Navarro no Firé, ó perde-la ruta, na 5ª ou 6ª reunión, así que tiñamos marcada esta vía entre as pendentes ás que obrigatoriamente había que volver. 🙂
Eu non é que estivese moi preocupado por seguir adiando o retorno, pero ó meu irmán xa lle tardaba remata-la gran triloxía de “Rabadá-Navarro”, que se completa coa da cara Oeste do Urriellu e coa da parede de El Gallinero en Ordesa, que xa tiña acadadas facía tempo. Así que tanto formiguillo sentía no cú o Manu, que saímos un venres ás 14:30h para percorrer cáseque 900 Km nunhas 10 horas de viaxe por estrada, escala-la vía o sábado e volve-lo domingo a repetir eses 900 Km de regreso… A típica escapada fanática á antiga usanza… 😉 Aló quedamos co Lucas, que recén instalado en Huesca, apuntouse á escalada connosco ó volver do traballo, e sen tempo para botar sequera unha soneca…

Desta volta, non podiamos equivocarnos, xa que tiñamo-la experiencia adquirida no noso anterior intento, o boísimo croquis de Xosé Otero, o tamén excelente croquis e descrición de Alex Puyó, e os 5 sentidos enfocados en non volver a mete-la zoca, pero… como disque non hai dous sen tres… volvimos trabucarnos. 😦

En canto á vila de, Riglos é unha pequena poboación moi visitada por escaladores/as e turistas, pero segue conservando o seu encanto grazas a que non está sobreexplotado; ten un Bar Restaurante El Puro e tamén pódese tomar algo no Refugio de Riglos, que dispón de aloxamento, ou nunha pequena tenda situada xusto diante do aparcadoiro (á que chámanlle a da francesa). Asemade hai unha boa fonte nunha das súas empinadas rúas, e un grifo na terraza do bar (foi instalada nese patio polo seu propietario precisamente para que a puidesen usa-los/as escaladores/as), e un aparcadoiro público.

Moi perto hai unha localidade maior, Ayerbe, na que hai bares, panaderías, tendas,… e incluso un camping.

Espolón Félix Méndez (máis coñecido como Rabadá-Navarro) ó Firé, 6b, 350 m.

Fotos da Rabadá-Navarro ó Firé (Riglos)1ª ascensión:

Alberto Rabadá e Ernesto Navarro, do 12 ó 16 de outubro de 1961.

Lonxitude/Desnivel:

350 m. 11 longos.

Material necesario:
2 cordas de clásica (60 m. c/u), algúns friends pequenos (semáforo de Aliens, un 0’75 e un 1) e entaladores e unha ducia de cintas longas para xestiona-lo rozamento, así como o material de autoaseguramento e descenso habitual.

Data:
28/10/2017.

Cordada:

Manu, Lucas e eu.

Croquis de Xosé e Toño (coido que para face-lo croquis repetiron a vía). Fonte: http://fendaseferralla.blogspot.com.es/2012/12/fire-rabada-navarro.html

Croquis de Xosé Otero e Toño Carasol (foron saneando os cordinos dalgunhas pontes de rocha e tomando nota do percorrido con idea de facer este croquis, así que debe ser dos máis exactos). Fonte: http://fendaseferralla.blogspot.com.es/2012/12/fire-rabada-navarro.html

O encadeamento de trabucadas 🙂

Comezo da vía, indicado polas letras O caso é que cando acadamo-la que -segundo os nosos cálculos- debía de se-la 6ª reunión, un tanto desconcertados pola inexistencia da chea de pontes de rocha que nos croquis se sinalaban no 5º longo, e porque tampouco viramo-lo arbusto da canle central das 3 fendas paralelas do 6º longo, resulta que o Manu topouse cunha reunión xusto enriba da nosa, polo que pensamos que estabamos no bo camiño, xa que isto coincidía coa nosa suposición de que se trataría da 7ª reunión e que, polo tanto, dende ela había que ir cara á esquerda; así que, confiado en que íamos ben encarrilados, decidiu pasarse esa reunión para empatar 2 longos…

Unha hora despois de sube-baixas, travesías a un lado e outro, varios sustos por roturas de presas de man e de apoios de pé, e desquiciado porque a única alternativa que finalmente atopou para continuar era algún seguro na vertical que non cadraba co que esperabamos e que podía levarnos a un embarque, Manu decidiu rapelar -abandonando un cordino e un mosquetón- ata a nosa reunión na repisa, e que nos retiraramos á espera dunha “investigación oficial que clarificase” onde carallo estabamos…

3 rápeles máis, nos que fomos deixando outro par de cordinos e un mallón, e durante os que xa tivemos que saca-los frontais, leváronnos ó chan e dende aí á vila onde inmediatamente empezamos a buscar fotos e croquis nos que atopa-la explicación ó noso novo fracaso.

Ó día seguinte o Xosé achegouse por xunto nosa con intención de escalar algo “rápido” antes de que marcharamos, pero preferimos non enredar máis e volvernos cedo para que a viaxe de volta fose máis tranquila; así que logo dun rato de tentar con el descubri-lo que fixeramos mal, o raposeiro do Xosé sentenciou que nesta vía, para non perderse, o que hai que facer é “segui-los seguros”: indubidable bo consello que dada a súa escasez non resulta tan sinxelo de aplicar. 😀

Croquis da Rabadá-Navarro ó Firé. Fonte: http://a0avista.blogspot.com/2011/11/rabada-navarro-al-fire-riglos-resena-y_21.html

Croquis actualizado de Alex Puyó (moi interesante a información histórica que aporta no seu blogue). Fonte: http://a0avista.blogspot.com/2011/11/rabada-navarro-al-fire-riglos-resena-y_21.html

Xa na casa, xuntei os croquis, descarguei as miñas 200 fotos da cámara, localicei as descricións e fotos que outras cordadas fixeron do seu percorrido da vía e, tras varias horas de minucioso análise e intercambio de whatsapps co meu irmán…, fíxose a luz entre as tebras! 😀

O primeiro erro tivémolo no 3º longo, e esta mesma falla xa a cometeramos no 1º intento, aínda que ata o de agora non nos decataramos delo; o devandito 3º longo sae da reunión cunha travesía cara á dereita ata o bordo do espolón antes de desaparecer da vista do/a asegurador/a, onde empeza a ascender con tendencia diagonal á dereita, antes de continuar xa máis verticalmente ata acada-la reunión a uns 25 m da anterior. Sen embargo, nas 2 ocasións, o Manu, unha vez acadado o tramo vertical sobre o espolón, colouse a 4ª reunión e continuou sen decatarse que empataba 2 longos (uns 50 m) para chegar á que realmente sería a 4ª reunión, aínda que nós criamos que se trataba da 3ª.

Como tanto o 4º longo, como o 5º longo comezan ascendendo cara á esquerda, nesta seguinte tirada non sospeitamos nada, pese a que ían aparecendo máis pontes de rocha dos que se indicaban no croquis. Si que xa nos pareceu máis raro que no que sería o noso teórico 5º longo (en realidade era o 6º longo da vía) non se atopaban esa morea de pontes de rocha que esperabamos, así que no intento de segui-la tendencia da ruta sinalada no croquis, o Manu, meteuse por terreo de aventura, saltándose a 6ª reunión e indo a parar -miragreiramente- á 7ª reunión, na creenza de que chegara á 5ª reunión e cagándose en tódolos debuxantes de croquis que tan mal os facían 😉

Recapitulemos pois: neste punto da escalada estabamos na 7ª reunión, pensando que era a 5ª, dado que empataramos -sen decatarnos- 2 longos ó saltarnos a 3ª reunión, e outros 2 longos máis ó saltarnos a 6ª reunión.

A 5ª reunión e a 7ª arrancan de xeito parecido: primeiro saen en vertical e logo vanse algo cara á esquerda; así que de novo os astros conxuráronse para que, pese a que non distinguisemos nin as 3 canles paralelas, nin pasasemos xunto o arbusto do que tódalas descricións falan, chegasemos felizmente á que realmente era a 8ª reunión (nunha inconfundible repisa tinguida de branco polas cagadas dos voitres). Dende aquí teriamos que saír cara á dereita para situarnos nun paso protexido con parabolts coñecido como a “Panza de la Francesa”, pero coma nós pensabamos que nos atopabamos na 6ª reunión, aínda que o Manu tamén comezou cara á dereita, en canto ascendeu un resalte volveu por unha repisa a situarse na vertical da nosa reunión, onde atopou outra instalación de reunión que creu que era a 7ª da nosa vía, xa que así parecía coincidir cos croquis. Sen embargo, esta nova reunión supoño que podería ser da variante de saída Assas-Hernández (da que non atopo ningunha descrición detallada para confirmalo), contribuiu decisivamente á nosa perda de rumbo, xa que tiñamo-la certeza de ter que seguir cara á esquerda, cando en realidade a ruta ía bastante máis á dereita…

Ufffff!…. Agora que xa temos todo claro, non podemos volver a fallar, non si?… Pois xa veremos se á 3ª cae, xa veremos… ;-D

 

Croquis e información:

 

Advertisements
  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s