O primeiro 7a: unha fenda no muro…
Tardou, pero chegou…
E non era sen tempo… 😉
O meu primeiro 7a; non supón apenas máis que unha anécdota, pero o seu valor é o de crebar por fin ese muro que servía tanto de límite fronte ó que parar, como de horizonte cara ó que camiñar.
Non foi por afouteza,
foi por pura teimosía…
Este verán tentei por primeira vez varias vías deste grao, e aínda que o meu cortexo non foi nada constante -fiel ó meu estilo de non asedialas para que non caesen por pura repetición-, empecei a ver que en varias delas os agarres que ata ben pouco, parecíanme imposibles, agora… resultaba que era quen de suxeitarme deles! 😮
Así que tra-la sorpresa inicial, xa me decatei de que antes de que rematase o verán caería algunha delas, polo que sen teimar moito en ningunha en concreto, seguín probando de cando en cando os 6c e os 7a que había en cada sector no que parabamos: na Bismark, no Centinela, no Espolón do Vento, no Mangani, na Cuesta e no Callejón.
Como este verán uns problemas laborais me limitaran a liberdade de movemento e a miña capacidade mental -que non intelectual 😉 -, non puiden viaxar fóra máis que un par de veces, fixen do defecto virtude, e dado que adiqueime a escalar cáseque exclusivamente no Galiñeiro, paseniñamente fun mellorando sobre todo a forza de dedos -que me abriu un mundo novo totalmente para min-, a continuidade -aí se notaron as esgotadoras travesías do Carducho, e o tentar destrepar canta vía faciamos-, e a colocación dos pés -que por moito que se queixe o Carducho que non lle fago caso, está claro que llo debo precisamente a observa-lo seu extraordinario xeito de bailar na rocha-.
O resultado de todo isto foi que onte achegueime con Mundi ó Callejón e decidinme a proba-la Estrella del Norte, que o verán pasado cheirara en top un par de veces con Miguel e alomenos outra vez con Carducho; daquela, tiven claro que eu non podía subir por aí, pero como agora me sentía bastante máis forte de dedos pensei que podía darlle unha tentativa. O caso é que aínda que desta volta abortei sen chegar á segunda chapa sequera, pareceume que indo un pouco máis fresco de antebrazos…
Así que un día despois volvimos cos brazos máis descansados e as xemas todavía intactas a probar. Desta volta houbo 2 cambios fundamentais: o primeiro foi que pedinlle a bolsa de magnesio ó Mundi (a este nivel de presión dixital, si que xa se me fai imprescindible) e a segunda foi que ocupouse a Sabela do meu aseguramento (está claro que faino moitísimo mellor que o Mundi -onde vai parar… hahahaha…-).
O caso foi que no primeiro intento, aínda que non amarrei ben a fenda da man esquerda, din rectificado o amarre e, sorprendentemente, aguantei de abondo como para acertar a coloca-los pés nalgunha invisible protuberancia -que aínda non sei de onde saiu e que non me imaxino como poderei atopar nunha eventual seguinte tentativa-. Dende aí… a apretar un chisco máis para poder chegar á segunda chapa, e sabendo que o peor xa pasara só quedaba aguantar e persistir para aproveita-la oportunidade…
O muro segue aí diante miña, pero agora xa ten unha fenda pola que ir introducindo o corpo. Só metín a cabeza polo oco, pero está roto… podo crebalo máis 🙂