Alegacións ó Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do parque natural do monte Aloia, presentadas pola Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro
A Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro ven de alegar ao Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do parque natural do monte Aloia sometido a información pública dende o pasado novembro ata o día 3 deste mes.
A alegación que a continuación expoñemos foi para pedir que o citado parque natural sexa ampliado ata abarcar a totalidade da serra de Galiñeiro, dado que eses son os límites fisiográficos da citada serra, e porque os valores de Galiñeiro son quen de merecer tal figura de protección. Hai que ter en conta que nesta parte norte da serra os elementos xeolóxicos e paisaxísticos, os hábitats, os valores botánicos e faunísticos, os elementos etnográficos e arqueolóxicos e o potencial científico, educativo e de esparcemento social son nalgúns casos superiores aos do propio monte Aloia.
Dende o ano 2010 esta plataforma loita pola protección da serra de Galiñeiro, denunciando diferentes atropelos aos que se ve sometida, nomeadamente o proxecto de parque eólico e a explotación mineira de Terras Raras. Dende entón, esta plataforma ten posto de manifesto os valores naturais, patrimoniais e sociais da serra, e así mesmo os distintos colectivos e persoas que a compoñen teñen debatido sobre a figura de protección máis acaída para este espazo natural chegando á conclusión de que a figura de parque natural é a adecuada, sen desbotar outras que tamén puidesen darlle a este territorio unha protección máis local dende os distintos concellos que a forman ou dende as comunidades parroquiais que teñen territorio nela.
MOTIVOS POLOS QUE SE SOLICITA A AMPLIACIÓN DO PARQUE NATURAL MONTE ALOIA
A) Valores xeolóxicos:
Existencia dunha grande e variada riqueza xeomorfolóxica, como exemplos os seguintes:
- Toda a serra é un notorio Monte Illa ou inselberg referencia no relevo do sur de Galicia.
- Existencia da cavidade granítica de orixe periglaciar, a “Cova da Becha”, na parte máis elevada da Serra do Galiñeiro.
- Presenza de cavidades graníticas de interese coma a “Lapa da Moura” en Vilas (Morgadáns, Gondomar), as existentes no Monte dos Arruído en Vincios (Gondomar), ou a formación xeolóxica dos “Milagres da Trapa” na aldea de Os Cabreiros na parroquia de Chenlo (O Porriño), considerada a segunda cova granítica de Europa en extensión.
Outros valores xeolóxicos.
- En canto á tectónica, a serra forma parte dunha gran estrutura xeolóxica coñecida tecnicamente como un prego sinclinal que testemuña os importantes acontecementos xeolóxicos que deron lugar á formación do Macizo Ibérico.
- A importancia petrolóxica e mineralóxica desta serra lévaa a ser considerada LIG (Lugar de Interés Geológico, código: 261001) polo “Instituto Geológico y Minero de España”. Isto é debido a que as rochas que a forman teñen una composición química moi significativa e pouco habitual na Península Ibérica, e incluso a nivel mundial.
- As súas rochas conteñen minerais ricos en Terras Raras, algúns deles son a monacita, a fergusonita e a dingdaoenxita. Este último, atopado recentemente nesta serra, é a segunda cita mundial.
B) Valores paisaxísticos:
- A serra de Galiñeiro está considerada como Área de Especial Interese Paisaxístico no Catálogo das Paisaxes de Galicia. AEIP_08_20 Serra do Galiñeiro. Na ficha correspondente do Catálogo sinálanse algúns dos valores da serra.
C) Hábitats de Interese Comunitario:
Unha gran parte do Parque Natural Monte Aloia está ocupada por repoboacións de especies exóticas, e pola contra a serra de Galiñeiro contén varios hábitats de Interese Comunitario amparados pola Directiva 92/43/CEE do Consellodo 21 de maio do 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. No seu Anexo I, a mencionada Directiva inclúe os Tipos de Hábitats Naturais de Interese Comunitario para cuia conservación é preciso designar zonas especiais de conservación.
A natureza predominantemente pétrea que caracteriza os relevos dominantes da serra de Galiñeiro ten a súa correspondencia vexetal nun amplo abano de comunidades florísticas, que van dende os hábitats rupícolas dos afloramentos de rocha ou os extensos mantos de xelifractos de orixe periglaciar, até as diversas variedades de matogueiras, onde se entrecruzan as influencias bioclimáticas atlántica e mediterránea. Dentro destas comunidades vexetais encóntranse un bo número de hábitats de Interese Comunitario.
Hábitats de Interese Comunitario ligados a ambientes áridos e rochosos segundo os código indicados pola normativa:
“Covas non explotadas polo turismo”. Código 8310.
“Desprendementos rochoso”. Código 8130.
“Rochas silíceas con vexetación pioneira”. Código 8220.
“Pendentes rochosas con vexetación casmofítica”. Código 8230.
“Carrasqueiras secas europeas, subtipo carrasqueiras atlánticas con Erica e Ulex”. Código 4030 (Subtipo 31.23).
“Carrasqueiras secas europeas, subtipo ibero-atlántico”. Código 4030 (Subtipo 31.24).
“Carrasqueiras oromediterráneas endémicas”. Código 4090.
En cotas máis baixas da serra de Galiñeiro danse outro tipo de hábitats igualmente protexidos: “As Carrasqueiras húmidas atlánticas de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix”, Código 4020 da citada directiva, coa consideración de Hábitat Natural Ameazado. Ademais a Decisión 2004/813/CE obriga ao Estado Español a aumentar a superficie protexida para este hábitat dentro do seu territorio.
A serra de Galiñeiro aparece representada nos distintos mapas de turbeiras de Galicia, estando incluída no sector serras litorais.Aquí atópanse turbeiras de fondo de val e de ladeira, esta última tipoloxía, pouco frecuente nesta área, está representada polo do Monte das Moutas (Prado, Morgadáns, Gondomar). Estes hábitats están igualmente protexidos pola Directiva 92/43/CEE e pola Decisión 2004/813/CE.
Atópase na serra de Galiñeiro unha corrente de augas oligotróficas con Ranunculus, hábitat de Interese Comunitario. Código 3110.
D) Valores botánicos:
Debido á orografía da serra e a situación xeográfica da mesma conflúen nela os ambientes mediterráneo e atlántico, polo que este espazo constitúe unha encrucillada fitoxeográfica onde se dan elementos montanos e continentais con elementos termófilos e litorais, así como elementos atlánticos con elementos mediterráneos, o que da lugar, incluso, á existencia de endemismos.
- Especies orófilas nas cotas máis altas da serra coma Avenula sulcata, Saxifraga spatularis, salientando a presenza de Ranunculus nigrescens e Gagea nevadensis.
- Comunidades rupícolas con abundantes endemismos nos cumios da serra tales como Stipa gigantea, Linaria saxatilis, Thymus caespititius, ou Silene unifolia.
- Presenza de Erica ciliaris e Erica tetralix nas breixeiras húmidas sobre depósitos de turba.
- Presenza de Arnica montana subesp. atlantica, Drosera intermedia, Drosera rotundifolia, Pinguicula lusitanica e Carex durieui, entres outras especies de interese, nas brañas e turbeiras.
- Existencia de Chamaespartium tridentatum e Erica australis na carrasqueira oromediterránea.
- Diversidade da flora autóctona, con elementos montanos (Betula celtiberica e Ilex aquifolium), mediterráneos (Quercus pyrenaica e Quercus suber) e atlánticos (Quercus robur).
- Existencia de Ranunculus no hábitat de Interese Comunitario da corrente de augas oligotróficas. Nesta mesma comunidade flotante atópase o endemismo Baldellia alpestris.
- Existencia de outros endemismos coma Erica umbellata, Ulex micranthus, Ulex minor, Viola lactea e Genista triacanthos na matogueira termófila.
- Importante poboación do endemismo galego-portugués de Narcissus cyclamineus (o mallo) en todos os curso de auga da serra, mesmo naqueles de carácter estacional. É unha especie que figura no Catálogo Galego de Especies Ameazadas coa categoría de Vulnerable. A Directiva 92/43/CEE do Consello do 21 de maio do 1992 recólleo no seu Anexo II de “Especies animais e Vexetais de Interese comunitario para cuxa conservación é preciso designar zonas especiais de conservación”, e está protexido tamén pola Decisión 2006.
- A Directiva 92/43/CEE cando establece os fundamentos para a declaración dun espazo como LIC ten en conta que este “contribúa de maneira apreciable ao mantemento da diversidade biolóxica na rexión ou rexións bioxeográficas de que se trate”. Pois ben, na extensa lista desas especies hai bastantes endemismos ibéricos que están presentes na serra de Galiñeiro ademais dos citados anteriormente. Habemos de citar os seguintes nomeados por ambientes:
Ligados a ambientes húmidos, como regueiros, turbeiras e fragas caducifolias: Anemone trifolia subsp. Albida, Omphalodes nitida, Genista berberidea, ademais do xa nomeado Baldellia alpestris.
Ligados a ambientes áridos ou de abrigueiros rochosos: Coyncia monensis, Agrostis delicatula, Festuca paniculata, Genista triacanthos, Hyacinthoides paivae, Ornitogalum broteroi, Thymus caespititius, Narcisus triandus, Saxifraga spathularis, Silene unifolia, Linaria saxatilis, Centaurea limbata. Ademais dos xa nomeados Stipa gigantea e Ulex micranthus
E) Valores faunísticos:
- Existencia dun núcleo de invernada habitual de azulenta papuda (Prunella collaris), especie de presenza moi escasa e localizada en Galicia, na zona máis septentrional da Serra do Galiñeiro.
- Presenza dun núcleo de cría de merlo azul (Monticola solitarius) nos cumios máis elevados da Serra do Galiñeiro.
- Presenza ocasional de abutre común (Gyps fulvus) na Serra do Galiñeiro.
- Presenza regular na Serra do Galiñeiro de avifauna de interese durante os períodos migratorios prenupcial e postnupcial, como é o caso do picanzo real (Lanius excubitor) ou do pedreiro cincento (Oenanthe oenanthe).
- Existencia na Serra de poboacións de saramaganta (Chioglossa lusitanica), endemismo considerado como a especie de anfibio máis ameazada da Península ibérica, incluído no Catálogo galego de especies ameazadas na categoría de “vulnerable”.
- Presenza dunha especies de anfibios endémicas na Serra, a rá patilonga (Rana iberica).
- Existencia de importantes poboacións de sapo común (Bufo bufo) na Serra do Galiñeiro.
- A serra de Galiñeiro acolle varias especies animais consideradas pola Directiva 92/43/CEE en dous dos seus anexos:
En canto ao Anexo II “Especies animais e vexetais de Interese comunitariopara cuia conservación é preciso designar zonas especiais de conservación” viven nesta serra: Rhinolophus ferrumequinum, Rhinolophus hipposideros, Myotis myotis e Discoglossus galganoi, ademáis da xa nomeada Chioglossa lusitanica.
En canto ao Anexo IV “Especies animais e vexetaisque requiren unha protección estricta” nesta serra viven o Lacerta schreiberi,Discoglossus galganoi, Alytes obstetricans e Bufo calamita,ademáis da xa nomeadas Chioglossa lusitanica e Rana iberica .
F) “O cabalo de Pura Raza Galega”:
Na serra de Galiñeiro vive unha poboación de cabalos en réxime de liberdade correspondente ao cabalo autóctono coa denominación de “Cabalo de Pura Raza Galega” que está incluído no catálogo Oficial de Razas de Ganado de España (Real Decreto 2129/2008, do 16 de decembro) incluído no Grupo de Razas Autóctonas en Perigo de Extinción. Ademais do valor intrínseco desta caste de cabalo, este animal exerce o papel de especie claveno mantemento dos hábitats naturais da serra e da súa biodiversidade.
G) Valores etnográficos e arqueolóxicos:
- Presenza na Serra do panel de armas de “Auga da Laxe”, petróglifo de características únicas no continente europeo.
- Existencia na Serra de campos de mámoas coma o de “Os Bromús” con tres mámoas, ou o do “Monte das Moutas” con sete.
- Presenza nos cumios da fortaleza altomedieval do Galiñeiro, declarada BIC, así como as estruturas defensivas -posiblemente vencelladas á mesma- que se localizan en cumios próximos e que representan unha oportunidade única para o estudo do primeiro medievo en Galicia, constituíndo unha das mellores representacións dos denominados “castella tutoria”, unha tipoloxía de fortificacións medievais pouco coñecida aínda no noso país.
H) Valores educativos e sociais
- Existencia de numerosos itinerarios de enorme valor educativo relacionados cos valores antes citados e coa organización de actividades de orientación (marchas ou carreiras), actividades en contacto coa natureza como marchas, sendeiros, montaña, escalada, deportivas,… así como lugar de descanso, lecer e deporte. Galiñeiro é un espazo rodeado por grandes núcleos de poboación galegos como os concellos de Vigo, Mos, O Porriño, Tui e Gondomar, así pois está chamado a ser no futuro un verdadeiro pulmón e lugar de lecer e aprendizaxe da bisbarra.
- Existen varias rutas oficiais de sendeirismo como o GR 53 Panorámico de Vigo, o PR-G1 Galiñeiro e o PR-G2 Aloia, que descorren pola serra de Galiñeiro, e son moi transitados.
Para máis información:
Centro Cultural de Vincios. Barrio de Piñeiro s/n, Vincios – GONDOMAR 36316 – Pontevedra
Correo: serradogalinheiro@gmail.com
Enderezo web: http://www.serradogalinheiro.org
http://www.facebook.com/Serra.do.Galinheiro