Inicio > Esquí, Montañismo, Neve > Esquí de travesía con Celtas, Manzaneda, 3 de febreiro de 2019, e Peña Orniz, 9 de febreiro de 2019.

Esquí de travesía con Celtas, Manzaneda, 3 de febreiro de 2019, e Peña Orniz, 9 de febreiro de 2019.

Iniciación ó esquí de travesía co Club Montañeiros Celtas, Cabeza de Manzaneda, 3 de febreiro de 2019.

Fotos da xornada de iniciación ó esquí de travesía con Celtas, 3 de febreiro de 2019.Un ano despois, continúo coa aproximación ó esquí de travesía co Club Montañeiros Celtas, repetindo a saída a Manzaneda para unha segunda práctica nun pequeno percorrido por neve que aproveita a primeira boa nevarada da tempada, para achegarnos á única estación de esquí que temos operativa (aínda que durante moi poucas xornadas ó longo do ano) en Galicia.

Desta volta, contaba con máis confianza, xa que en marzo do pasado ano pasara 4 días “reaprendendo” a esquiar en Andorra, así que pensaba que xa non tería os problemas para descender, da anterior vez. Sen embargo, aínda que no ascenso non tiven ningunha dificultade, chegado o intre de baixar, si que me costou controla-los esquís: está claro que logo dun ano, hai que volver a collerlle o puntiño…

Antes de remata-la xornada, detivémonos xunto ó refuxio Pena do Caldeiro do meu Club Alpino Ourensán, para realizar unhas moi interesantes prácticas sobre o uso do ARVA e o protocolo de rescate de vítimas en caso de avalancha. Recomendabilísimo realizar tódolos anos unha pequena práctica de busca e localización de vítimas, para saber reaccionar con seguridade e axilidade chegado o caso.

Para xantar:

  • O Restaurante Casa Gerardo en Chandrexa de Queixa.

O tempo en Manzaneda:

O tempo na Pobra de Trives:

 

Xornada de esquí de montaña co Club Montañeiros Celtas, Peña Orniz, 9 de febreiro de 2019.

Fotos da ascensión ó Peña Orniz en esquí de montaña con Celtas, 9 de febreiro de 2019.A xornada de iniciación, serviume de quencemento, para unha saída que o Club Montañeiros Celtas organizaba para a Federación Galega de Montañismo, na que se realizaría unha ascensión ó Peña Orniz (no Valle del Sil, Babia), pola senda de Las Fuentes del Sil, partindo da localidade de La Cueta, no concello de Cabrillanes, León.

A actividade realizámola paralelamente, un grupo de esquí de montaña, e outro de raquetas de neve, que dado o moi distinto ritmo dos dous, só coincidiriamos na saída e na volta. De feito non ten moito senso facer conxuntamente a actividade, xa que ademais de ir a ritmos completamente diferentes, as raquetas cando pasan polo mesmo sitio, estragan as marcas dos esquís o que dificulta o retorno xa que non queda un bo carreiro para avanzar máis comodamente. Eu non pensara nisto, pero logo de que llo lembrasen un par de veces ós/ás raqueteiros/as, fixeime que pegado ó cú do último esquiador que pechaba o noso grupo ía un raqueteiro pisando con total tranquilidade sobre o noso rastro (por un oído me entra…), e, efectivamente, á volta si que me din conta do útil que terían sido te-lo carreiro marcado da nosa trazada matinal, para poder deslizarnos moito máis comodamente.

Cando saímos os/as 16 integrantes do grupo de esquí, o tempo non era moi bo, e segundo ascendiamos ía empeorando, primeiro cunha néboa que dificultaba a orientación e logo cunha forte ventisca que finalmente obrigounos a retirarnos preto do cume (ou alomenos así mo dixeron os que coñecían a ruta, porque coa néboa e a ventisca que facía, eu ía practicamente a cegas e non cheguei a albiscar nada). O vento, nalgúns intres era tan forte, que cáseque nos tiraba, xa que os esquís ás nosas costas actuaban como velas. Así as cousas, só fixeron cume o grupo de raquetas, xa que o de esquí retirámonos ante as malas condicións do tempo.

O ascenso non foi difícil, ata que a pendente fíxose máis forte e o xeo da mesma obrigounos a quita-los esquís e continuar con botas. Xa de retirada, e unha vez sobre pendentes menos pronunciadas, volvimos a poñe-los esquís, e aí foi cando me topei coas auténticas dificultades: por un lado, era incapaz de avanzar mantendo a cota, xa que ó estar en pendente non tiña ambos esquís á mesma altura e só era quen de avanzar cara abaixo; claro está, que así non podía seguir ó resto do grupo, que mantivo a cota ata unha golada dende a que xa comezaba un descenso máis claro, polo que acabei no fondo do val, quitando os esquís para remontar camiñando ata xunto ós/ás meus/miñas compañeiros/as -ufff, isto non era o que eu imaxinara como un cómodo e descansado descenso esquiando…-. Ademais, como a  maior parte do tempo descéndese non de fronte, senón ladeando as pendentes ou avanzando lateralmente, ó ter sempre unha perna máis alta ca outra e cargando distinto peso, fíxoseme duro e moi canso. Se a  iso lle sumamos que nos tramos lixeiramente ascendentes, non controlo o “paso tesoira”, e que para rematar tivemos que facer camiñando parte do camiño porque desaparecera a neve que pola mañá cubría as rochas nalgún tramo… 😦

A conclusión non foi moi boa… resultaba máis canso e problemático do que me esperaba, así que volvín algo decepcionado desta experiencia. Así e todo, tentarei correxir algunhas das carencias esquiatorias que detectei e darémoslle outra oportunidade… 🙂

Polo demais, chamoume a atención o feito de que esta actividade ó estar feita para a Federación Galega de Montañismo, contaba con algún tipo de subvención por parte da mesma, xa que sorteouse entre os/as participantes algún material adquirido cos cartos asignados pola FGM, sen embargo, isto nin ocorre en tódalas actividades federativas, nin atopo ningunha información que explique en base a que criterios se subvencionan unhas e non outras… -os inexcrutables enigmas federativos…-. ;-(

A ruta:

Para aloxarse:

Hai un albergue, Centro de Turismo y de Ocio Laciana Natura, con habitacións con liteiras (tamén conta con cabanas de madeira, supoño que para o verán) en Villablino: https://www.lacianatura.es/.

Para xantar:

O tempo en Cabrillanes:

 

  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s