Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Amistad con el Diablo e tentativa fallida á Rabadá-Navarro, Picu Urriellu (Picos de Europa), 22 ó 25 de xullo de 2019.

Amistad con el Diablo e tentativa fallida á Rabadá-Navarro, Picu Urriellu (Picos de Europa), 22 ó 25 de xullo de 2019.

Vega de Urriellu masificada coma xa tantos e tantos lugares que antes só eran accesibles a montañeiros/as e escaladores/as... 😔O Picu Urriellu é un deses destinos obrigados para calquera escalador/a de clásica, pese a que hoxe en día o ambiente cambiara completamente e a Vega de Urriellu pasase, de ser un lugar exclusivo de xentes escaladoras e montañeiras, a ser un centro turístico superpoblado cun albergue contaminante e centrado completamente no negocio.

Pese a elo, inevitablemente -e non será porque non haxa infinitas alternativas para escalar en Picos de Europa-, acudimos a abraiarnos da adherencia da súa cara Este, ou da verticalidade da Oeste, por -neste caso- cita-los nosos obxectivos desta volta.

Evitando a fin de semana, que supoñemos aínda atraerá máis persoas, Carducho e eu buscamos unhas datas en xullo para facer un par de vías: a Amistad con el Diablo na cara Este, e a grán clásica da Oeste: a Rabadá-Navarro! Carducho xa fixera esta última 2 veces, pero aviuse a repetila unha vez máis, desta volta comigo, para darme a oportunidade de que eu tamén a tachase da miña lista.

Chegamos a Collado Pandébano nunha tarde calurosa xusto cando rematara unha tormenta anunciada pola previsión meteorolóxica, así que arrancamos coas nosas pesadas mochilas, descamisados -xa vos podedes facer idea da calor que ía, se tendes en conta que non lembro que nunca antes andivera eu polo monte sen camiseta…-, cargados con comida para dúas xornadas, saco, tenda e máis ferralla da que nunca antes, alomenos eu, levara a ningunha vía.

Polo camiño unha primeira chuvascada obrigounos a parar un rato baixo a protección dun gran bloque, pero máis tarde a choiva e o vento colléronnos no último tramo e tivemos que abrigarnos e continua-la ruta pese á molladura. Montamo-la tenda aproveitando un vivac xunto a un bloque preto da fosa séptica do refuxio porque ofrecíanos unha base aínda seca e protexianos do vento, aínda que á tarde seguinte cambiamos a unha campa co aire máis limpo.

Como a previsión do tempo para estes días era de tormentas pola tarde, non houbo apenas escaladores/as na Vega de Urriellu, aínda que o que si que se achegaron foi unha chea de excursionistas e turistas, tanto no refuxio como vivaqueando, así que fomos protagonistas dun feito excepcional no verán do Urriellu: o martes fomo-la única cordada en toda a cara Este (unha parella que estaba na Cepeda abandonaba rapelando, por mor do vendaval, cando nós chegabamos) e o mércores só había unha cordada na Murciana 78 que coido que abandoaron ó pouco de empezar –nunca tal cousa vira antes: todo o Urriellu para nós!-.

Amistad con el Diablo, cara Este, 200 m., MD, V+.

A idea inicial era a de escalar primeiro a Rabadá-Navarro e o segundo día a Amistad con el Diablo, pero para poder recuperarnos da subida, molladura e non ter que madrugar tanto, decidimos troca-la orde.
A noite da nosa chegada aínda choveu algo máis, pero o que non parou foi o vento, así que cando á mañá seguinte nos puxemos en camiño pola Canal de la Celada, fómonos cruzando con varias cordadas que regresaban da cara Este porque dicían que o vento non permitía escalar. Nós, xa postos, decidimos cando menos achegarnos ata a parede e decidir que facer unha vez aló. E o caso foi que aínda que sopraba moito, empezamos a escalar e tivemos a boa sorte de que amainou algo e, salvo en 2 longos que si que nos abaneou bastante, progresamos sen problema, pese a que non deixabamos de observar desconfiados, as ameazadoras nubes da tormenta que se achegaba ó Picu.

Fotos da Amistad con el Diablo, cara Este do Picu Urriellu (Picos de Europa), 23 de xullo de 2019
Apertura: o 6 e 9 de agosto de 1980, Alfredo Íñiguez e Christian Marín.

Dificultade: MD (V+): III+, IV-, IV, V+, V expo, V expo.

Material: 2 cordas dobres de 60 m., un xogo de Alliens e e outro de Camalots ata o nº 3, opcional un xogo de entaladores (nós non os usamos), unha ducia de cintas longas e algún cordino pequeno para renovar pontes de rocha.

Cordada: Carducho e eu, o 23 de xullo de 2019.

Descenso: polos 5 rapeles da cara Este (reunións da Espejismo de Verano). Alternativamente pódese empatar cos 90m. dos restantes 2 longos da Cepeda para pasar ó anfiteatro da cara Sur e descender polos seus rápeles.

Punto de partida:
Deixamo-lo coche, na cuneta onde remata a pista que leva a Collado Pandébano. Dende aí, nunhas 3 horas de camiñada por senda chegamos á Vega de Urriellu. Do refuxio á base da cara Este bótase unha hora máis de percorrido pola Canal de la Celada.

Noite intermedia:
Durmimos na nosa tenda xunto a un bloque ó carón da fosa séptica do refuxio.

Croquis de Amistad con el Diablo e rápeles da Cara Este (Espejismo de Verano). Fonte: http://mujeresdepyrenaica.blogspot.com/2014/07/amistad-con-el-diablo-y-martinez.htmlObservacións: O equipamento de tódalas reunións, agás a última consiste en 2 parabolts, sen anela. A rocha ten unha adherencia brutal e pese a que ten algúns tramos longos nos que non é posible meter nada para asegurarse, si que hai bastantes sitios nos que colocar friends, polo que aínda que haxa quen diga que só fan falta 3-4 Allien e media ducia de cintas, levade material que seguro que o metedes.

1º longo (III+), 38 m.: empézase polas tubaxes de órgano á dereita da gran laxe. A reunión conta con 2 parabolts xusto enriba da devandita laxe.
2º longo (IV-), 30 m.: sáese recto con lixeira tendencia á esquerda deixando á nosa esquerda unha primeira laxe para continuar verticalmente cara a outra laxe, baixo a que se atopa a reunión de 2 parabolts.

3º longo (IV), 18 m.: sae bordeando pola dereita a laxe. Sobre ela hai unha ponte de rocha. Logo séguese con lixeira tendencia á esquerda cara á visible reunión de 2 parabolts nunha pequena repisa.

4º longo (V+), 25 m.: a uns 12 m. por riba da vertical da reunión vese un parabolt (pódese meter algo antes). Por riba vense outros 2 parabolts e logo unha ponte de rocha para acada-la reunión de 2 parabolts 2 m. por riba e á dereita, nunha pequena repisa.

Croquis de Amistad con el Diablo. Fonte: http://www.lanochedelloro.es/index.php/picos-de-europa/5º longo (V expo), 35 m.: por riba á esquerda vese un buril vello cara ó que NON se debe ir. Sáese en diagonal á dereita cara a un parabolt visible a uns 10 m. Logo con lixeira tendencia á esquerda imos a por outro parabolt a uns 10 m. Ó pasalo séguese en diagonal á dereita cara a un muro con furados e chorreiras negras polo que seguir rectos ata outro parabolt. Uns metros máis arriba, á dereita, está a reunión de 2 parabolts un pouco colgada/incómoda.

6º longo (V expo), 45 m.: por riba da reunión vese un teito alongado ata o que subir para meter algún friend co que protexerse antes de tirar á esquerda á busca dunha ponte de rocha visible dende a mesma reunión. Ó acada-la ponte de rocha seguir recto entre placas e canalizos con lixeirísima tendencia á dereita cara a un gran nicho (en realidade son 3 seguidos: primeiro gran terraza, xusto enriba unha repisa algo máis pequena e, tras superar polo lado dereito un pequeno muro de espolón, acádase o 3º nicho). Teoricamente comparte reunión de 2 spits da Martínez-Somoano na parte esquerda da ampla e cómoda terraza, pero non vimos eses spits. Coido que o mellor é subir ó nicho superior e facer aí reunión común coa Cepeda nunha gran ponte de rocha.

Travesía cara á dereita ós rápeles da Espejismo de Verano (II/III), 40 m.: continuar por unha vira que vai cara á dereita con algo de tendencia descendente ata chegar á última reunión da Espejismo de Verano, pola que inicia-lo primeiro dos 5 rápeles que nos levan ó chan. Tódalas reunións constan de 2 parabolts unidos por cadeas e con anelas para rapelar.

Croquis e reseñas:

Un recomendabilísimo relato dun dos aperturistas, Alfredo Íñiguez:

Tentativa fallida á Rabadá-Navarro, cara Oeste, 750 m., MD sup, 6c+ (6a+/A1).

Vista a primeira hora da mañá, dende o pé de vía da Rabadá-NavarroOs 4 primeiros longos supoñen a sección máis dura da vía; o 3º supúxonos unha hora e media superalo ós dous, e tampouco hai que subestima-los 6a+ do 2º e 4º longos, xa que cando empatamos o 4º e 5º longos nunha única tirada volvimos a consumir outra hora e media: cáseque 5 horas para só os 5 primeiros longos! Con semellante penalización, tiñamos xa moitas posibilidades de remata-la vía ó límite da luz diúrna, pero é que aínda lle metimos outra hora e media para completa-lo longo do rápel por mor dunha mala lembranza de como discurría este… 😦 Así que, cando nos xuntamos ás 18 h na reunión da Directísima que se atopa no remate da travesía horizontal do longo do rápel, botamos contas: quedaban 4 horas de luz e 10 longos… -claro que eran máis fáciles que os 12 anteriores pero co ritmo que levabamos…-. Acordamos baixarnos e en 5 rápeles xa nos atopamos no chan, con tempo de abondo para cociñar comodamente coa luz do día namentras contabamos o centenar de excursionistas que ese serán chegaron en ringleira á Vega de Urriellu.

Desta volta non o conquerimos, pero non hai escalada da que non se aprenda algo que nos sirva máis adiante… 🙂

Fotos da Rabadá-Navarro, cara Oeste do Picu Urriellu (Picos de Europa)Apertura: Alberto Rabadá e Ernesto Navarro, en 2 ataques consecutivos con 4 vivacs que culminaron o 21 de agosto de 1962.

Dificultade: MD sup 6c+ (6a+/A1): 6c (6a/A0), 6a+, 6c+ (V+/A1), 6a+, V, 6a+, 6a, V, V, IV+, 6a+, IV+, IV, V, V+, IV+, III+, V+, IV, IV+, IV+, V.

Material: 2 cordas dobres de 60 m., un xogo de Camalots ata o nº 3 con varios números repetidos (mellor 2 xogos) e outro de Alliens, un xogo de entaladores, unhas 15 cintas longas.

Cordada: Carducho e eu, o 24 de xullo de 2019.

Descenso: baixar ó anfiteatro da cara Sur e descender polos seus 3 rápeles de 50 m. ata a base da cara Sur para continuar baixando pola Canal de la Celada.

Punto de partida:
Deixamo-lo coche, na cuneta onde remata a pista que leva a Collado Pandébano. Dende aí, nunhas 3 horas de camiñada por senda chegamos á Vega de Urriellu. Do refuxio á base da vía na cara Oeste bótanse uns vinte minutos.

Noite intermedia:
Durmimos na nosa tenda na Vega de Urriellu.

Croquis da Rabadá-Navarro, cara Oeste, Picu Urriellu (Picos de Europa). Fonte: https://www.picosavista.com/croquis/croquis-naranjo-de-bulnes-cara-oesteObservacións: os 4 primeiros longos supoñen a sección máis dura da vía; e tampouco hai que subestima-los 6a+ do 2º e 4º longos. É posible retirarse polos Tiros de la Torca ata pasar á cara sur ou, máis rapidamente, descender polos rápeles da Sagitario, pola mesma cara Oeste. Posteriormente tamén é posible escapar polos 5 rápeles da Directísima xusto despois lo longo do rápel tra-la “Gran Travesía”, ou na seguinte reunión, polos 6 rápeles da Murciana (o máis recomendable é usa-la Directísima, para evita-los desplomes da Murciana). Atentos á maniobra do longo do rápel, dependendo de se vai en cordada de 2 ou 3 persoas.

Maniobra do rápel para 2 persoas: o/a primeiro/a desencórdase dunha das cordas e pásaa polas anelas para volver a encordarse con ela, deixando fora das anelas a outra corda. Entón o/a asegurador/a descolga ó/á primeiro/a 10-15 m. ata unha pequena vira na que se ven algúns spits e cravos, e continúa escalando en travesía cara á esquerda uns 20 m., pasando polos seguros a corda libre, ata a reunión de parabolts da Directísima. De seguido, o/a primeiro/a descolga ó/á segundo/a e cando chega á travesía, asegúrao/a pola corda que non está pasada polo rápel (dando corda coa do descolgue e recuperando coa que ven chapada dos seguros). Cando se xunten na reunión, que viña de segundo/a desencórdase da corda do descuelgue para recuperala e volver a atarse.

1º longo 6c (6a/A0), 35 m.: escala-la pequena entosta da base polo seu lado dereito. Superar unha panza co paso máis duro e logo unhas placas en diagonal á esquerda difíciles e equipadas para artificial. A reunión de 2 parabolts atópase nunha repisa dunha pequena cova.

2º longo 6a+, 20m.: saír pola esquerda para meterse nun diedro curto pero duro, ata un nicho á dereita na que atópase a reunión de 2 parabolts.

3º longo 6c+ (V+/A1), 45m.: saír novamente pola esquerda para meterse nunha fenda-diedro con varios resaltes e rocha lavada en varios puntos. Protéxese ben con friends e entaladores pero sae moi duro e gastaremos nel moito material. A reunión dun parabolt e unha anela de perno (cáncamo) está sobre unha gran repisa.

4º longo 6a+, 30 m.: cheminea na que a mochila molesta e co paso máis difícil ós poucos metros de comezala, ó que sigue outro paso explosivo. A reunión atópase nun gran bloque lazado con cintas (nalgúns croquis indícase que a reunión é de 2 cravos, pero eu non me decatei deles).

5º longo V, 25 m.: continúa pola fenda da lastra por terreo algo roto pero máis sinxelo ata o seu remate onde a reunión conta con 2 spits.

Croquis da Rabadá-Navarro, cara Oeste, Picu Urriellu (Picos de Europa). Fonte: http://www.fernandozamoraguiadepicos.com/2013/09/rabada-navarro-en-la-cara-oeste-del-picu.html6º longo 6a+, 20 m.: sáese diagonalmente á esquerda por placa bastante equipada con spits e algún cravo ata acadar unha fenda pola que seguir xa verticalmente ata a reunión de 2 cravos reforzables cun 3º cravo máis alto, á esquerda do inicio da “Cicatriz”. Se se empata este longo co seguinte é mellor non chapa-la reunión.

7º longo 6a, 20 m.: pasarse á placa da dereita da reunión seguindo 2 visibles spits polos que acada-la fenda que se intúe e que inicia a sección da chamada “Cicatriz” consistente nunha travesía ascendente cara a dereita de, en xeral, bos agarres de mans con algún paso longo. A reunión atópase nun ancheamento da fenda con 3 cravos en mal estado reforzables.

8º longo V, 30 m.: continua-la travesía ascendente cara á dereita da “Cicatriz” ata toparnos cunha reunión de 2 parabolts.

9º longo V, 30 m.: sáese en travesía á dereita durante varios metros ata que o terreo tumba algo máis e continúase entón rectos máis verticalmente ata o bordo esquerdo de Tiros de la Torca, onde se monta reunión aproveitando 2 boas pontes de rocha con cordinos. Dende aquí é posible a retirada subindo polos Tiros de la Torca ata pasar á cara sur ou, máis rapidamente, descender polos rápeles da Sagitario, pola mesma cara Oeste.

10º longo. Difuminada frecha riscada na rocha que indica o punto no que virar á esquerda para acada-la reunión dende a que se inicia a Gran Travesía.10º longo IV+, 30 m.: empezar verticalmente por riba da reunión cara a unha pequena cheminea tra-la que, ó pouco, unha difuminada frecha riscada na rocha nos indica o punto no que xirar á esquerda, para continuar en travesía horizontal por unha vira-cornisa que remata descendendo un pouco entre bloques descompostos nunha reunión incómoda e aérea, ó outro lado da cornisa, sobre 2 cravos a reforzar -obrigatoriamente!-.10º longo. Vira que leva ata a reunión dende a que se inicia a Gran Travesía.

11º longo 6a+, 25 m.: iníciase a “Gran Travesía” descendendo un chisco para acadar un primeiro parabolt e seguindo logo en horizontal con lixeira tendencia ascendente os restantes parabolts nunha placa aérea. Reunión de 2 parabolts con dobre anela.

12º longo IV+, 15+20 m.: rápel duns 15 m. ata vira que segue en travesía cara á esquerda seguindo os seguros (algúns spits e cravos), ata a reunión de 2 parabolts con anela común coa Directísima.

Nós abandoamos neste punto rapelando pola Directísima, polo que os datos que de seguido indico non os corroborei e só corresponden á información das reseñas que máis abaixo referencio.

13º longo IV, 30 m.: continuar por repisa en travesía fácil á esquerda (pasando pola reunión da Murciana) ata chegar ó pé do “Gran Diedro”. Reunión cómoda ó pé do diedro de 2 cravos reforzables.

14º longo V, 25 m.: inicio de “Gran Diedro”, boas presas pola placa, protéxese ben, boa rocha. Reunión en pontes de rocha.

15º longo V+, 35 m.: diedro-cheminea, coa sección máis dura ó final, na entrada da cheminea antes da reunión. A reunión está nunha repisa á dereita con 3 cravos reforzable.

16º longo IV+, 30 m.: é máis fácil pola cheminea que pola dereita (paso longo con algo de bloqueo). Reunión enriba da lastra (antecima), de cravos + spits.

17º longo III+, 40 m.: baixada á repisa de “Praza de Rocasolano”. Reunión baixo oquedade, con 2 cravos.

18º longo V+, 30 m.: superar un primeiro muro para acadar un muro vertical fisurado con 2 cravos protexendo un paso. Continuar en travesía ascendente á esquerda, deixando á dereita unha gran cova. Novo paso e reunión de 2 cravos.

19º longo IV, 30 m.: terreo fácil ata o final do diedro. Reunión en arista/ombreiro Norte (común con Pilar del Cantábrico e Sabadell) en repisa con 3 cravos e o refuxio á vista.

Detalle da aresta final da Rabadá-Navarro, cara Oeste, Picu Urriellu (Picos de Europa). Fonte: http://www.fernandozamoraguiadepicos.com/2013/09/rabada-navarro-en-la-cara-oeste-del-picu.html20º longo IV+, 40 m.: superar placas fáciles por cara Noroeste. Reunión opcional antes de virar cara á dereita por diedro. Reunion en plataforma inclinada con 2 cravos.

21º longo IV+, 25 m.: (se se empata co anterior o/a asegurador/a terá que levantarse algo da reunión). Primeiro á esquerda para acadar un spit, logo rectos por terreo máis roto e vertical ata a reunión. Reunión de 2 parabolts.

22º longo V, 35 m.: paso de V, uns metros por riba da reunión. Superar un canalizo característico por terreo algo roto, para acadar unha fenda algo desplomada que se supera pola esquerda para seguir por diedro. Reunión en nicho con 2 spits.

II, 100 m.: camiñando ata o cume.

Croquis e reseñas:

O tempo en Cabrales:

Un guía da zona comentounos que Meteoblue acerta bastante coas súas previsións meteorolóxicas en Picos de Europa, aínda que no noso caso non coincidiu moito…:

Advertisement
  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: