Inicio > Escalada deportiva > Etxauri, Peñas de San Fausto e Axkin Arrondo (Navarra / Nafarroa), agosto de 2019.

Etxauri, Peñas de San Fausto e Axkin Arrondo (Navarra / Nafarroa), agosto de 2019.

2019 Agosto 23

Escalada deportiva en Navarra / Nafarroa.

Árbore que xurde entre a rocha de La Rueca, en Etxauri.7 anos despois da nosa anterior visita volvimos a Navarra/Nafarroa. 🙂

O comezo da viaxe, pola miña banda, foi algo accidentado por mor duns escatolóxicos problemas que mellor vos aforro, e que fixeron que me perdese os primeiros días de escalada nos que o resto da xentiña achegouse a Villanueva de Valdegovia/Uribarri Gaubea e a Batxikabo (ambos lugares no concello de Valdegovia/Gaubea, na provincia Araba/Álava, en Euskadi).

Aínda que eu todavía algo tocado, para as restantes xornadas xuntámonos no camping de Riezu, xa en Nafarroa, que nos serviría de campo base dende o que achegarnos a Etxauri, San Fausto e Axkin Arrondo (esta última xa distancia algo máis: hora e media aproximadamente dende o camping).

Durante todos eses días aloxamonos no camping de Riezu, estratexicamente situado a medio camiño entre Etxauri e as Peñas de San Fausto, e no que ceamos bastante ben cando o fixemos. Recomendabilísimo tamén o restaurante Casanova, en Estella/Lizarra con moi boa comida a prezo asequible. E quedámonos coas gañas de proba-las hamburguesas caseras do Txiritinga, das que nos falaron moi ben, mesmo ó carón do noso camping, na localidade de Riezu.

Estella/Lizarra e Pamplona están en direccións opostas, pero dependendo de a que escola nos dirixiamos, unha das dúas vilas sempre quedaba suficientemente perto como para poder achegarse a ela rapidamente.

 

Etxauri

Mapa de accesos e sectores de Etxauri. Fonte: https://issuu.com/rutasnavarra/docs/miniguia_escalada/10
Fotos de escalada deportiva en Etxauri (Navarra / Nafarroa).Tivemo-la inmensa sorte de que Carlos Velázquez, o autor de “Escalada en Navarra. Guía completa” nos acompañase varios días recomendándonos e presentándonos novas vías e sectores, así que non puidemos contar con mellor Cicerone. Incluso, un par de tardes, a nosa paisana Luísa (xa na práctica pamplonica de adopción) viuse a escalar tamén connosco, así que o pracer foi dobre. 🙂

Empezamos polo sector Espolón del Indio, na zona das Gradas de Ciriza, en Etxauri, onde xa apreciamos as que serían as características habituais da escalada durante estes días: vías moi boas e longuísimas (de 40 metros ou incluso máis!; hai que levar cordas de 80 metros -e incluso empeza a ser habitual de 100 m-). A orientación é sur, así que tivemos sorte cun tempo algo nuboso que nos permitiu escalar, xa que cando fai sol é mellor non achegarse por Etxauri, salvo nalgúns poucos rincóns que teñen algunhas horas de sombra.

Ó seguinte día xa comprobamos como é mellor evitar escalar ó sol, cando o sufrimos durante a nosa visita ó sector Peña Roya, bastante separado dos demais, e ó que se accede por unha pista que comeza no remate da propia localidade de Etxauri en dirección a Pamplona, na que pódense deixar 4 ou 5 vehículos xunto a un depósito de augas, a partir do que hai que camiñar á busca dos muros, novamente seguindo as indicacións que nos deu Carlos.

E o último día da nosa estancia en Nafarroa empezamos aproveitando a sombra matinal do sector Kiriako, para logo seguir perseguindo a sombra polos sectores El Huso e La Rueca, nos que pese a evita-lo sol, non puidemos escapar da calor.

 

Peñas de San Fausto

 Sectores en San Fausto. Fonte: http://lagarafa.blogspot.com/2016/06/san-fausto.html
Fotos de escalada deportiva en San Fausto (Estella-Lizarra, Navarra/Nafarroa).En San Fausto, recoñecido como o paraíso do sexto grao, xa estivera aínda que desta volta adicamos a mañá a unhas novas vías que no figuran na guía, no extremo esquerdo do sector Prehistoria, amais doutras que si que figuraban na guía de escalada.

Pola tarde, coas referencias que nos deu Carlos buscamos o permanentemente fresco e sombreado sector Erreka (no mapa do lado aparece co nome de Lezapia), onde só Rafa estaba capacitado para enfrotarse ás súas vías, así que namentres el adicouse a facer varias de sétimo grao -e pode que incluso un oitavo-, o resto aproveitamos para tomarno-la sesión de descanso, observando as súas evolucións (ah, que tranquila é a vida contemplativa… 😉 ). Se facedes 7b ou máis, seguramente este debe de se-lo voso sector favorito da escola, porque aínda que só debe haber media ducia de vías, a diferencia do resto dos sectores, ningunha está por debaixo de 7a, e hai incluso algún 8a; e completamente á sombra todo o día. Aínda por riba a aproximación é practicamente nula dende a estrada, pese a que non hai moito sitio para aparcar na cuneta da estrada, e a entrada ó sector está moi pouco marcada xa que a vexetación a disimula ben.

Ollo coas restricións de escalada, xa que hai varios sectores afectados durante algúns periodos do ano. Hai unha fonte de auga fresca en Eraul, xunto ó aparcadoiro dende o que comeza a ruta cara ós sectores de escalada. Se queredes máis datos sobre a aproximación podedes velos na anterior entrada que neste blogue adiqueille a San Fausto. Ó saír da vila pola rúa Ticularrenta, a última vivenda a man dereita é unha pizzeria, Panpinela, que durante as fins de semana ofrecen unhas riquísimas pizzas artesáns, feitas en forno de leña.

 

Axkin Arrondo

 Aproximación e sectores de escalada de Axkin Arrondo. Fonte: http://www.nafarmendi.org/contenido/axkin-arrondo-elgorriaga-sunbilla
Fotos de escalada deportiva en Axkin Arrondo (Navarra / Nafarroa).As nosas forzas ían minguando, pero a nosa admiración aínda non pararía de crecer cando visitamo-la escola de Axkin Arrondo, tamén coñecida como Sunbilla (Elgorriaga), que é o nome da localidade pola que se solía acceder antes de que problemas co propietario dunha finca pola que se pasaba obrigasen a buscar un novo acceso alternativo, que agora se fai pola golada de Bostorratz.

Longas vías dun conglomerado similar a Riglos, pero de canto máis pequeno e sen panzas, completamente á sombra, son a tónica deste máxico lugar.

Na guía de escalada en Navarra aparecen algunhas poucas vías, pero na actualidade hai moitas máis, polo que namentres agardades ansiosamente a publicación da nova guía teredes que usa-los croquis dos enlaces que inclúo nesta publicación.

 

Croquis e guías de escalada: