Corredor del Pilar, cara Sur Oeste do Peña Ubiña. 6 de decembro de 2019.
Ultimamente andabamos tan metidos coa escalada deportiva que non fixemos cáseque nada de clásica e aínda menos de alpinismo, así que na ponte da Constitución vendo que parecía haber algo de neve por Ubiña, Beni e eu fomos a dar unha volta para polo menos desferruxa-los crampóns.
Chegamos ó refuxio da FGM en Torrebarrio pola noite, con tempo xusto para durmi-lo necesario e non sufrir co madrugón. Así que ó redor das 6 ou 6:30 h da madrugada saímos dos sacos ó frescor da noite para subir ata Chandanai e dende aló xa decidir cara onde tirar en función das condicións. Dende este punto hai que decidir se ir cara ós Llanos del Fontán, ou cara o Collado del Ronzón; eu tiña en mente ver como estaría a Vía del Espolón Oeste ou cheirar algún corredor da cara Sur Oeste, ou ir empatando palas de neve ó chou… Cando chegamos á base do Pilar Sur o verglas cubría as rochas da canal de inicio, así que tiramos cara á dereita e metémonos nunhas primeiras pendentes con algo de neve, pero con algunhas calvas que obrigaban a pasar por algúns tramos delicados de rocha e herba.
Non estaba seguro de en que corredor nos adentrabamos, pero namentres se deixara facer… 😀
Ó caso é que tras ese inicio en mixto, logo sempre atopamos unha boa capa de neve en bo estado para progresar salvo en 2 estreitamentos nos que a neve xa se ía derretendo para deixar aflorar sendos resaltes de rocha. No primeiro tivemos que superar un resalte de rocha mal tapizado de neve, e o seguinte era unha rimaia formada polo derretemento e inconsistencia da neve.
Atopamos algo de rastro de pegadas no último terzo do corredor, aínda que no remate, nós saímos polo lado dereito en vez de polo estreitamento do lado esquerdo do corredor. Na sección final topámonos cun pequeno tramo de neve moi dura, na que xa non podiamos facer chanzos a patadas como no resto da ruta, pero logo volveu a mellorar, ata rematar nun gendarme no que rapelamos uns 10 m para xa continuar pola aresta ata o cume do Ubiña Grande. Ollo que aínda nos leva unha hora subir ó cume, e outra máis para baixarnos polo Canalón Sur ata senda que ven do Collado del Ronzón.
Corredor del Pilar (III/2+,50-55º, 350 m).
Lonxitude: 350 m. (outros 250 m. ata o cume)
Material: casco, crampóns, piolets técnicos, 1 corda de 60 m., 3 ou 4 cravos, 2-3 parafusos de xeo, un áncora de neve, xogo de fisureiros e xogo de friends pequenos.
Cordada: Beni e Ricardo.
Aproximación: dende Torrebarrio ata a base da vía por Chadanai, leva unha hora e media aproximadamente.
Descenso: polo Canalón Sur.
Apertura e 1ª Ascensión: Isidoro Rodríguez, Adelo Campos e alumnos dun curso de técnica invernal da ECLAM, o 6 de marzo de 1994.
Enlaces con algunha información en:
- http://www.elmaquis.net/escaladas/webesinvernales/ubina-pilar.html
- https://gsm.org.es/actividades/rutas-escalada/cordillera-cantabrica/corredor-del-pilar-iii-2-350m-md-pena-ubina/
O tempo en San Emiliano:
http://www.aemet.es/gl/eltiempo/prediccion/municipios/san-emiliano-id24145
-
2019 Decembro 15 ás 20:04Circular a Peña Ubiña pola senda das Merinas. 7 de decembro de 2019. | Trepadas: alpinismo, montañismo, escalada e aventura