Inicio > Escalada deportiva > El Chorro, Málaga (Andalucía), do 28 de decembro de 2019 ó 5 de xaneiro de 2020

El Chorro, Málaga (Andalucía), do 28 de decembro de 2019 ó 5 de xaneiro de 2020

2020 Xaneiro 5

El Chorro, Málaga.

Fotos de escalada deportiva El Chorro, Málaga(Andalucía), do 28 de decembro de 2019 ó 5 de xaneiro de 2020. Xa pasaron 8 anos desque estiveramos por primeira vez en El Chorro, lugar de moita sona na escalada deportiva; seica hai máis de 2.000 vías aínda que nas guías non se recollen cáseque a metade delas por estar en sectores que non se queren masificar… Desta volta fomos David, Inma, Rafa, Fati, Lois, Beni e eu, e posteriormente achegáronse tamén Miguel “Seo”, Patri e as súas 2 pícaras, Lara e Carolina.

Como desque prepararon o “Caminito del Rey” para o turismo, a zona pasou de ser de cáseque exclusividade para o colectivo escalador a convertirse nun visitadísimo lugar ó que acuden multitudes durante practicamente todo o ano, tivemos dificultades para aloxarnos perto do propio El Chorro; os/as que buscaron con máis anticipación alugaron unha casa na localidade de Bermejo, e os que decidimos tirar para o Sur a última hora fomos a monta-la nosa tenda no camping de Parque Ardales; en ambos casos, aínda que en direccións opostas, estabamos a uns 10 minutos en coche da ponte sobre o encoro de El Chorro, así que tampouco resultou un problema a distancia.

Para aloxarse no propio El Chorro, na Finca La Campana dispoñen dun pequeno refuxio e varias casas: http://www.fincalacampana.com/es/refugio.html; e unha noite enterámonos que no bar restaurante “La Ermita” ofrecían aloxamento en habitacións por 15€ a noite, aínda que non aparece anunciado por ningún sitio (Finca de la Ermita, Carretera del Chorro s/n, Málaga. Tlf. 615 014 391. laermitadelchorro@gmail.com).

En canto ás comidas, ceamos ben nese bar restaurante “La Ermita” que facía unha rica comida casera. Tamén estaba moi boa a comida do Mesón Carrión, en Bermejo (Álora, Málaga), que só traballa as fins de semana.

En El Chorro, hai unha estación de tren (cun par de paradas ó día), un complexo turístico con hotel e apartamentos, un bar, un par de tendas de alimentación e produtos varios e unha tenda con material de escalada (nela pódese mercar tamén unha guía da escola).

Bastante preto atópase o Torcal de Antequera, unha zona de espectacular paisaxe con máis de 200 vías, á que tamén un día se achegaron varias de nós.

Sectores de escalada de El Chorro, Málaga. Fonte: https://27crags.com/crags/frontales/toposPara escalar, hai tantos sectores en El Chorro que costa decidirse por onde escomezar, así que o primeiro día decantámonos polo Sector Suízo e as Frontales Bajas, nos que non aproveitamos moitos, se cadra porque tiñamos que afacernos ó sitio… Logo pasamos a un dos sectores máis visitados polo seu próximo achegamento e variedade de graos. Pero as mellores vías que fixemos foron, sen dúbida, as dos sectores Escalera Árabe (Sergio) e Escalera Árabe (Upper Crag): recomendabilísimos sectores!

Croquis:

 

Vista aérea de El Chorro, Málaga.Fonte: http://www.fincalacampana.com/es/donde-estamos.html

 

Fotos de escalada deportiva Desplomilandia, Málaga(Andalucía)Desplomilandia

No concello de Ardales, moi preto de El Chorro, atópase esta escola á que, dado o seu nome, eu non tería nin mirado para ela, pero que resultou unha inesperada sorpresa que descubrimos buscando sombra.

Desplomilandia está xusto enfronte do encoro de Guadalhorce e resulta outra excelente zona de escalada; Rafa e eu pasamos un fresco día no sector La Vida Misma que ten unhas boísimas vías.

Croquis:

 

Fotos de escalada deportiva en Cañete La Real, Málaga(Andalucía).Cañete La Real

A través de Seo coñecemo-la existencia desta nova escola da que non hai todavía croquis actualizados, xa que nos que se atopan faltan moitas das novas vías abertas.

O acceso fixémola por unha estreita pista e aparcamos nunha finca de olivos porque así nolo indicou un paisano, aínda que non teño claro se non sería unha invasión de propiedade privada 😉 No meu descargo, podo dicir que non fun o único xa que despois nosa aínda chegaron e aparcaron os que nos guiaron polo lugar, e fixérono no mesmo sitio. Pasamo-lo día no sector da Cueva de los Aviones, na zona do Padrastro.

Croquis (algo vellos):

 

Fotos de escalada deportiva en Turón, Málaga(Andalucía).Turón

Outra zona próxima a Ardales, con estupendas vías é Turón. Neste caso é unha escola relativamente pequena xa que só conta con 3 sectores, dos que nós visitamo-lo chamado Tajos de la Laja. Boas vías cunha curiosa vexetación que dificulta achegarse a algún tramo da base das vías.

Croquis: