Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Vía Clásica do Espolón Sur, Cueto Agero (Cillorigo Castro, Liébana, Cantabria, Picos de Europa), 6 de agosto de 2020.

Vía Clásica do Espolón Sur, Cueto Agero (Cillorigo Castro, Liébana, Cantabria, Picos de Europa), 6 de agosto de 2020.

2020 Agosto 6

Fotos do Espolón Sur ó Cueto AgeroVía clásica do Espolón Sur (MD, 6a, 310 m.)

O Cueto Agero está enriba de Allende (Cantabria), unha pequena aldea no desfiladeiro de La Hermida, que se atopa situada entre as poboacións de La Hermida e Potes. Nós, Beni e eu, estabamos nun albergue no Desfiladero de la Hermida e buscabamos facer algo de parede xusto no punto álxido da onda de calor que estabamos pasando, así que con temperaturas superiores incluso ós 36º non podiamos escoller peor, pero viñamos curtidos dende Galicia nunha viaxe no coche co aire acondicionado estragado, así que… 😉

– Quen dixo medo?!!!!

– Que somos, touros ou galiñas?!!!! (non pregunto se somos burros, eh… ;-D ).

Ás 7:30h da mañá deixabamo-lo coche e comezamo-la aproximación, todavía pola fresca, pero cando dúas horas despois iniciabamo-la escalada, xa o sol empezaba a “picar” e, aínda que nos primeiros longos esquivámola súa forza aproveitando a sobra dalgúns diedros, dende a placa do 5º longo xa nos deu de pleno sen piedade, así que podemos confirmar que se fai sol, mellor ide a darvos un chapuzón que a escalar unha cara sur desta quente caliza…

Croquis da vía clásica do Espolón Sur ó Cueto Agero. Fonte: https://www.picosavista.com/croquis/croquis-cueto-agero

Comentarios:
Vía non rapelable xa que a maioría das reunións están compostas por dous cravos que hai que reforzar con friends ou entaladores.

A escalada é pouco sostida, por rocha de boa calidade e seguindo fundamentalmente diedros.

Rematado ó sétimo longo hai un escape que non vimos e o itinerario da vía deixa de ser evidente.

Aperturistas:
Javier Torralbo, Jesús Rodríguez e Ángel Cianca, o 24 de xuño de 1973.

Material necesario:

2 Cordas de uso en dobre (60 m. c/u), xogo completo de friends pequenos e medianos (ata o Camalot nº 3) e entaladores, unha ducia de cintas longas e demáis equipo de escalada de autoprotección.

Cordada:
Beni e eu

Data da ascensión:

6 de agosto de 2020.

Detalle dos últimos longos do Espolón sur do Cueto AgeroPunto de partida e aproximación:
Deixamo-lo coche, nun pequeno aparcadoiro que hai en Allende. Dende aí coménzase a camiñar pola rampa de formigón que sae por entre as casas cara á dereita (pasaremos por xunto a unha casa na que ha pintada unha frecha coa palabra “Agero”); rematada a aldea a pista pasa a ser de terra e grava e xira bruscamente á esquerda nunha curva xunto a unhas antenas con torreta repetidora onde pódese continuar pola pista á esquerda ou seguir rectos (se se segue recto polo camiño de terra, tras unha ducia de metros hai que coller un sendeiro á esquerda que sube polo bosque, chegar a unha primera casa restaurada con valo, segui-lo peche cara á esquerda para empatar de novo coa pista que deixamos máis abaixo). Nós xiramos á esquerda na curva e continuamos ata que o camiño se dividía, tomando neste caso a curva á dereita seguindo unha marca de senda de PR pintada nunha rocha. Logo dun rato pásase xunto a unha finca cunha pequena casa e inmediatamente despois dela unha nova pechada curva á esquerda permítenos continuar uns 50 m máis ata ver á dereita da pista o tellado dun refuxio libre da Federación cántabra, onde pódese pernoctar ou usar como campamento base para pasar máis dun día no Cueto. Nós abandoamo-la pista por onde víase un hito e algo de pegada internándose no medio da arboreda e vendo xa claramente a base do Cueto Agero. Dende aí hai que ir monte a través seguindo as pegadas ata a base da parede, á que chegamos en aproximadamente unha hora de camiñada desque saíramos do aparcadoiro.

Localizado o cable que axuda á ascender en diagonal con tendencia á dereita séguese ata o seu remate nunha canle terrosa e con arbustos pola que se continúa máis verticalmente ata acada-lo que chaman o xardín colgante xa xusto embaixo da parede do Cueto Agero, pero bastante á dereita do espolón sur, polo que hai que virar á esquerda ata onde remata o muro e xa se ve a cara Sur Oeste, ó pé da nosa vía. Ascender polo cable, a canle e atravesar ata a esquina da parede levounos outros 30-40 minutos máis, polo que a aproximación completa dende o aparcadoiro ata o pé de vía leva aproximadamente hora e media, non os 40 minutos que nalgunhas reseñas se di.


Descenso:

Boa foto descritiva do descenso do Cueto Agero en: http://www.fernandozamoraguiadepicos.com/

Para regresar dende o cume hai que descender cara unha cabana visible nun pequeno prado, na golada en dirección ó Castro Candillejas, e dende aí coller unha canle á nosa esquerda pola que seguir ata a base da parede Sur Oeste, que acadamos en aproximadamente unha hora dende o cume, para empatar aí coa pista que baixa ata Allende, á que chegamos nuns 40 minutos máis de camiñada.

Dificultade:

V+, IV, V+, 6a, 6a, IV, V+, IV e IV

L1. V+, 50 m: a vía comeza baixo unhas árbores, no fío do espolón, por terreo fácil de rocas sobre as que se ve un diedro que conta cunha fenda pola que ascender (protexida por 3 cravos). De seguido continuar apenas 5 m máis por enriba do diedro, para facer reunion en 2 cravos, reforzables, baixo un bloques.

L2. IV, 50 m: con bastante vexetación, supéranse unhas laxes, pasando á esquerda dunhas árbores luego en ascendencia á esquerda cara a unha enciñeira, sobre un diedro con fenda en bavaresa. A reunion pódese facer na árbore ou 3 m máis arriba e á esquerda nun spit e un cravo da vía Water Wall. Nós fixémola na enciñeira para aproveita-la súa sombra.

L3. V+, 40 m: súbese con tendencia á dereita pasando unha fenda ancha nun bloque e logo supera un diedro-fenda. A reunion está baixo un novo diedro con 2 cravos na súa base.

L4. 6a, 25m: remonta-lo atlético diedro que conta cun par de cravos, para logo seguir por terreo máis sinxelo ata unha repisa con 2 cravos reforzables nos que facer reunión.

L5. 6a, 30 m: remonta-la fenda que por riba nosa sae cara á dereita e seguir en ascendencia á dereita ata un pequeno resalte que superar por un diedriño verticalmente. A reunión dun cravo e dunha ponte de rocha queda por riba duns bloques fáciles por terreo algo herboso baixo un pequeno diedro.

L6. IV, 35 m: subir cara á dereita por pequeno diedro para atravesar máis á dereita onde acadar unha canle (eu baixei un par de metros para collela máis facilmente) con algún arbusto e fendas tupidas de herba que ascende con algo de tendencia á esquerda. Reunion nunha cómoda repisa con 3 cravos en liña na mesma fenda.

L7. V+, 30 m: 3 m á nosa esquerda hai que remontar unha fenda-diedro cun paso de arranque duro, e logo continúase con algo de tendencia á esquerda por terreo máis fácil (III) ata unha repisa de grandes bloques, cun cravo no comezo dunha fenda vertical. Úsase o cravo para monta-la reunión reforzándoo.

L8. IV, 20 m: arráncase pola fenda ata o seu remate e logo por terreo fácil de pedras e vexetación camíñase por unha terraza con tendencia á esquerda ata a base duns grandes bloques con fenda e diedro no muro final, baixo os que montar reunión facilmente con algún friend na propia fenda. Pódese empatar este longo co seguinte, pero resultaría incómodo -e perigoso- porque a corda podería enredarse en calquera bloque e a cordada non se escoita.

Detalle do 9º longo do Espolón sur do Cueto AgeroL9. IV, 30 m: ascéndese pola cheminea-diedro sobre a reunión para logo remonta-los bloques cara á dereita e unha vez superados montar reunión lazando calquera bloque xa na aresta que conduce ó cume.

L10. II, 50 m. Camiñando desencordados por terreo fácil da aresta ata o cume.

Croquis e reseñas:

O croquis de PicosaVista da imaxe que incluín nesta entrada está bastante ben, aínda que a lonxitude dos longos do 5º en diante podedes ver na miña descrición que a modifiquei, así como que completeino cun esbozo do tramo final ate o cume que eu divido en 2 longos máis ata onde xa se pode saír camiñando.

 

Para comer e aloxarse hai bastante oferta en ambas localidades nos extremos do desfiladeiro, tanto en Potes como en La Hermida, xa que ambas son foco habitual do moito turismo que hai na zona. No noso caso estivemos no albergue La Hermida, que ofrece habitacións con liteira con diferente prazas (15€/noite por persoa) e comimos bastante ben na Posada Campo, ambos establecementos na pequena localidade de La Hermida, que aínda que con farmacia, non lle vimos que tivese tenda ou panadaría; pola contra, Potes ten todo tipo de servizos xa que é unha vila moi turística de máis de 1.000 habitantes.

O tempo en Cillorigo de Liébana:

http://www.aemet.es/gl/eltiempo/prediccion/municipios/cillorigo-de-liebana-tama-id39022