Meigas (Gilbo), Riaño – León, 8 de agosto de 2020.
Meigas, MD inf (V+).
Fuxiamos da onda de calor que nin no desfiladero de La Hermida daba tregua, pensando que poderiamos buscar unha parede menos sufrida que a do Cueto Agero onde fixeramos unha “calurosa” escalada, e pensamos nun pico máis amable, como o Gilbo, que xa coñecía dunha escalada de facía 6 anos, daquela con Mundi, Víctor e Alfonso, e que nos ofrecía vías máis curtas que poderiamos afrontar en media xornada para estar expostos o menor tempo posible ó sol.
Chegamos a Horcadas, a aldea na que deixa-lo coche para empeza-la aproximación pouco despois do mediodía, e estivemos facendo tempo para aproveita-las últimas horas do día e unhas nubes que parecían querer aproximarse, pero que non daban chegado. Ó final, as nubes eran o prólogo dunhas tormentas que fixéronnos ter que resguardarnos no bosque, de camiño ó pé de vía, esperando a que deixase de chover.
Así e todo, non nos arredamos e chantámonos a pé de vía ás 18:15h, coa sorte de evita-la calor da solaina, pero cun ollo desconfiado pendentes do ceo, por se aparecese unha tormenta máis perigosa durante a escalada; tivemos sorte e finalmente non caeron máis que unhas gotas no último longo para darnos un susto, pero que non foron a máis.
Aperturistas:
Jose Manuel Fernández e Miguel Pita, en maio de 1997.
Resumo:
Itinerario de pouca continuidade, con escaso equipamento pero suficiente para non perde-la ruta.
A vía empeza por un evidente diedro, cáseque cheminea, bastante descomposto, polo que é recomendable non meterse moito nel e ir algo pola súa dereita.
Dificultade:
V, 6a, IV, III e V.
L1. V, 30 m. Empézase verticalmente por un evidente diedro, cáseque cheminea, procurando evitar ir demasiado polo seu interior xa que a rocha está bastante descomposta. O longo remata con tendencia á esquerda enriba do contraforte, nunha cómoda repisa cun spit, reforzable nunha fenda próxima.
L2. 6a, 40 m. Sáese recto pola placa cara a un visible spit, logo séguese cara a un cravo para chegar baixo unha fenda en bavaresa algo á dereita da vertical da reunión, na que un parabolt protexe o paso. Pásase polo diedro cheminea, algo roto para continuar por terreo máis fácil ata montar reunión en calquera repisa que queiramos porque non hai nada instalado para ela (eu lacei un gran bloque e reforcei nunha fenda, xusto no fío do espolón).
L3. IV, 40 m. Rodéanse os grandes bloques sobre nós pola esquerda e continúase por terreo máis tumbado e herbáceo con tendencia á esquerda para logo seguir máis rectos polo bordo do espolón ata montar reunión nunha boa ponte de rocha reforzada cun cravo na súa vertical.
L4. III, 40 m. Camiñando pola placa bastante verticalmente por onde máis fácil sexa ata montar reunión nunha boa ponte de rocha reforzable facilmente, situada nunha cómoda repisa baixo o diedro final.
L5. V, 35 m. Ascéndese cara o diedro desplomado por unha fenda con tendencia á dereita para logo continuar pola fenda-diedro algo desplomada que ascende pola esquerda do muro. Despois só hai que seguir cara arriba por onde máis evidente sexa para montar reunión onde se queira a poucos metros do cume, xunto a unha canle de saída que vese que xa permite acada-la aresta camiñando (uns 20 m.) facilmente entre bloques e herba boa.
Material necesario:
2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), un xogo surtido de friends e entaladores ata o nº 3 de Camalot, unha decena de cintas longas, e demáis equipo de escalada de autoprotección.
Cordada:
Beni e eu
Data da nosa ascensión:
8 de agosto de 2020.
Punto de partida:
Moi perto de Riaño hai un desvío cara ó lugar de Horcadas, onde pódese aparcar á entrada da poboación para, xa camiñando, atravesala, pasando xunto a unha praza con fonte na que proveerse dela, pasr xunto á igrexa, e tomar unha evidente senda que leva cara á visible parede do Gilbo. A ruta leva algo menos dunha hora e pasa xunto a unha fonte/abrevadeiro na que se advirte que a auga non ten garantía sanitaria.
Noite intermedia:
Nós viñamos de La Hermida, pero ó carón de Riaño, en Boca de Huérgano, éstá a Hermita de San Tirso, nun área verde xunto á estrada pero algo apartada da mesma e ten uns estupendos soportais cara ó lado contrario onde poder pernoctar con discreción (e tamén ten fonte).
Descenso:
O descenso faise andando seguindo durante un rato a crista en dirección contraria a Riaño, ata que un fito marca onde comeza-lo descenso -nalgún tramo bastante pendente- cara á esquerda, ata a base da parede. O descenso ata a base da parede dura uns 20 ou 30 minutos, dende todavía quédanos outros 40 minutos ata Horcadas.
Máis info:
- http://lagarafa.blogspot.com/2015/11/gilbo-meigas.html
- http://msalvads.blogspot.com/2012/06/via-meigas-al-gilbo-195m-6a.html
- Combinación da Meigas coa Algún Día la Ternura Moverá el Mundo: http://mundoalpino.blogspot.com.es/2011/08/escalada-al-gilbo-por-via-meigas-algun.html
- Croquis insuficientes en: “Cordillera Cantábrica. Escaladas selectas en roca”, de Miguel Ángel Adrados
O tempo en Riaño:
http://www.aemet.es/gl/eltiempo/prediccion/municipios/riano-id24130