Inicio > Escalada deportiva > Escalada deportiva preto de Boñar (León), do 9 ó 23 de agosto de 2020: Valdehuesa, Fuentes de Peñacorada, Aviados, Piedrasecha e Llombera.

Escalada deportiva preto de Boñar (León), do 9 ó 23 de agosto de 2020: Valdehuesa, Fuentes de Peñacorada, Aviados, Piedrasecha e Llombera.

2020 Agosto 21

Escalada no sector La Fuente, en Valdehuesa.Neste verán de COVID-19 a mellor opción era a de non viaxar moito, así que escollemos León, con centro de operacións en Boñar, como o destino das nosas vacacións. Nesta localidade xa estiveramos outras veces aproveitando o seu barato camping municipal e a súa estratéxica ubicación preto de numerosas escolas de escalada.

En Boñar hai todo tipo de servizos, incluído o cámping municipal, El Soto, moi barato (11 Euros por día con independenza do número de persoas, tenda, coche ou uso ou non da auga quente nas duchas), varios restaurantes na vila e cáseque todos ofrecen menús do día por uns 10€ pola semán e 14€ a fin de semán (no restaurante Viejo, as patacas con ali-oli está boísimas!, pero non as inclúen na carta -non sei porqué…-), tendas, farmacias,…

Sen ideas prefixadas, ó parvo botamos 2 semáns aló escalando deportiva e coñecendo algúns sitios nos que nunca estiveramos. Tivemos 2 ou 3 xornadas de choiva que nos serviron de excusa para descansar e recompoñer algo xemas e músculos, pero o resto dos días escalamos sempre, pese a que a calor e mailo sol, non nos deron moita tregua.

Do repaso do noso periplo destas vacacións, aproveito para reseña-las escolas que visitamos e comentar algúns detalles que poden ser útiles para futuras visitas a estes lugares.

Valdehuesa.

Bosque de rebolos ó pé da parede principal.Fotos de Valdehuesa (Boñar, León), agosto de 2020.A apenas un cuarto de hora en coche dende Boñar, Valdehuesa é a escola máis grande de León con cáseque unhas 300 vías e, polo tanto o principal destino de escalada partindo desta vila. A súa caliza conta con graos para tódolos niveis, pero a súa orientación é predominantemente Sur, así que no verán non é a mellor opción; sen embargo, os sectores a partir de Gaita del Negro para arriba pasan á sombra dende as 18h, aproximadamente, en verán, así que indo a última hora da tarde pódese escalar a gusto neles, e os restantes sectores só están á sombra nas primeiras horas do día, ate as 11h coma moito, no mellor dos casos. O bosque de rebolos ó pé da parede principal ofrece unha boa sombra na que xantar ou bota-la siesta, á espera da protectora sombra da tarde.

As vías dos sectores inferiores, especialmente as de graos máis baixos, están bastante sobadas así que non son moi recomendables, pero nesta viaxe levámonos unha grata sorpresa ó visita-lo sector La Fuente, que é pouco frecuentado ó estar separado da parede principal e accederse dende outro punto diferente, así que as súas vías non están en absoluto pulidas, e debe ser raro coincidir con máis dunha cordada en todo o muro; iso si, que se escalen pouco conleva que algunhas delas estean algo suxas de vexetación.

En Valdehuesa existen restricións para a escalada durante todo o verán (do 1 de abril ó 31 de agosto) por nidificación, nos sectores superiores: Celtas sin Filtro, Nacido para volar, La Collada e Ojo crítico.Existen restricións para a escalada durante todo o verán (do 1 de abril ó 31 de agosto) por nidificación, nos sectores superiores (Celtas sin Filtro, Nacido para volar, La Collada e Ojo crítico), así que hai que telo en conta e observa-los cartazos que colocan no acceso ós sectores nos períodos nos que se prohibe a escalada. Podedes consulta-la regulación de Valdehuesa na páxina de montanaregulada.org: https://montanaregulada.org/area/valdehuesa

Debemos ser coidadosos cos prados que están ó pé das vías, pois son particulares e os usan para herba do gando.

Hai un restaurante e auga nunha fonte á entrada da aldea de Valdehuesa, a apenas un quilómetro da parede.

Para chegar á parede, débese de colle-lo desvío a Boñar da estrada León-Valladolid, continuando en dirección ó Porto de San Isidro; xusto antes do encoro hai unha desviación á esquerda que nos leva a Valdehuesa. Un km antes da aldea xa se ve a parede principal a man dereita, mentras que a parede do sector La Fuente está a man esquerda, do lado contrario, nun alto algo máis preto de Valdehuesa.

Un exemplo de irresponsabilidade e risco…

Exemplo de escalador irresponsable: danando as reunións e poñendo en risco ós/ás cativos/as.A esta escola foi á que máis xornadas de escalada adicamos e non me resisto a aproveita-la ocasión para sinalar un comportamento indebido -por decilo suavemente- que observamos un día, por parte dun grupo de xente que estaba a escalar no sector Año del Cometa.

O caso é que como podedes ver na foto que achego, un grupo de familias debían de estar probando isto de escalar nunhas vías de IV ou V auxiliados ou guiados por seguramente algún coñecido que os estaba asegurando en top-rope un a un; entendo que o “experto” debeu de escala-la vía de V da esquerda, pasou a corda directamente polo descolgue da reunión e logo pasou a corda por unha cinta que enganchou á reunión algo máis baixa da vía da súa dereita, un IV que era polo que vimos que escalaban os seus “aprendices”. A foto é bastante descritiva tanto dun comportamento pouco responsable e egoísta, como doutros erros bastante graves:

  • Por un lado acapara 2 vías cando só están escalando por unha delas.
  • Por outro lado está forzando as reunións con cargas en direccións para as que as instalacións non foron pensadas, co conseguinte risco tanto de danalas, como de que poidan ocurrir algún comportamento imprevisto que remate cun accidente.
  • Pero para remata-la espectacular faena, o “experto escalador” aseguraba a uns 20 m da base da parede para poder estar de parola co resto de admiradores/as das habilidades escalatorias das súas crianzas.
  • De feito, mentras obserbabamos anonadados a escea, o fulano ía camiñando cara atrás para manter tensa a corda do neno a medida que este ascendía pola vía, en vez de recoller corda co dispositivo de asegurar.

Iso si, o neno levaba casco…

O tempo en Boñar:

Croquis de Valdehuesa:

Aviados.

Fotos de Aviados (Valdepiélago, León), agosto de 2020.Croquis de Aviados -xa anticuados-, por Borja Arraque. Fontes: http://lagarafa.blogspot.com/2014/09/aviados.html e http://escaladaleon.blogspot.com.es/p/croquis-aviados.htmlMoi preto de Boñar atópase a pequena escola de Aviados que cunhas coarenta vías entre o IV e un solitario 7a, parecía un destino interesante para pasa-la mañá e incluso ata media tarde, xa que nas guías de escalada se indica que mantiña sombra ata as 18h, pero resultou que o sol xa daba dende as primeiras horas da mañá: un erro que só nos permitiu escalar 3 ou 4 vías antes de que a calor se fixese insoportable e nos retiramos daló.

Xa estivera nela aproveitando os claros dun día chuvioso facía 6 anos, e non me quedara mala lembranza, pero desta volta estivemos no sector do lado dereito, con vías máis difíciles, que ademais duns distanciados na primeira chapa que non deixaban bo corpo, e unha segunda chapa como para picar chan, estaban graduadas eu coido que algo polo baixo.

Chama a atención tamén a existencia de varias placas metálicas gravadas xunto a reunións e na parte superior das vías, en lembranza da apertura ou do aperturista de varias delas; seguramente son do gusto da comunidade local, pero a min -persoalmente-, que non coñezo a historia das mesmas non me agradan: se algún día sei da razón da súa colocación, espero cambiar de opinión…

Alén tamén da escalada, topámonos cun par de pitos mortos, bastante grandes, no extremo dereito das vías, que pensamos que debían de proceder dun dos nichos que a media altura ten o muro: non sabemo-la especie, nin se foron abandonados pola actividade escalatoria ou morreron por outras razóns, pero non nos constan limitacións por nidificación nesta escola…

O tempo en Valdepiélago:

Croquis de Aviados:

  • Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Alberto Boza (ollo con que o horario de sombra está mal na guía e xa dá o sol dende pola mañá cedo).
  • Roca verde. Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Richie Patterson (ollo con que o horario de sombra está mal na guía e xa dá o sol dende pola mañá cedo).
  • http://escaladaleon.blogspot.com.es/p/croquis-aviados.html

Fuentes de Peñacorada.

Fotos de Fuentes de Peñacorada (Cistierna, León), agosto de 2020.Na interesante escola de escalada de Fuentes de Peñacorada estiveramos 9 anos atrás, apenas uns minutos á tardiña do día que chegaramos a Boñar con intención de escalar en Valdehuesa, así que pouco puideramos probar daquela…

Nesta ocasión, tivemos días de abondo, pero a súa orientación Sur só permitía escalar nas primeiras horas do día e nas ultimísimas da tarde -pese ó que as guías digan…-. Como o sol e a calor non nos deron tregua, nunca pasamos máis de media xornada nos seus sectores, pero bastounos para gardar unha boa opinión das súas vías. Especialmente bó pareceunos o sector Mol y Mon, na que a súa Fisura Eyaculante fai honor ó seu nome :-), pero incluso o teoricamente moi asequible sector Placas, tamén cun nome moi descritivo, causounos algunha sorpresa nas súas ideais vías para practica-la adherencia cando, debido á quentura do sol, se multiplicaba a dificultade de subir por elas.

A escola está de camiño á pequena e turística poboación de Fuentes de Peñacorada, pero moito antes de chegar a ela, a apenas un quilómetro dende que se colle o desvío, abandonando a Nacional 625; non hai apenas sitios para aparcar, xa que só hai algúns pequenos tramos de arcén repartidos pola estrada, xunto ós sectores, así que é mellor minimiza-lo número de coches.

Hai que resaltar que, como ben sinala Félix no seu blogue La Garafa, moi preto, en apenas 5 Km, hai varias escolas deportivas moi próximas entre si: Fuentes de Peñacorada, SaberoOlleros de Sabero, Aleje e Alejico.

Croquis do sector Mol y Mon. Fonte: http://lagarafa.blogspot.com/2014/06/fuentes-de-penacorada-sector-mon-y-mol.htmlCroquis do sector Conjunción de Venus. Fonte: http://lagarafa.blogspot.com/2017/01/fuentes-de-penacorada-sector-conjuncion.htmlO V duro…

A anécdota desta visita foi que tiven que deixar un mosquetón abandonado nunha vía do sector Conjunción de Venus, cando metinme nela pensando que ese V parecía ben máis duro… Sen entender moi ben o grao que lle daban na guía, logo de forzar ata onde xa non daba proseguido nin cun pedal, descolgueime dun mosquetón pensando en probar se o V+ da súa esquerda sería un pouco máis “estándar”. Novamente ó mirar para arriba, non me parecía fácil, pero quen son eu para discuti-los graos de lugares que apenas piso?

Mentras me preparaba para a nova vía, a Beni indicara a outra cordada que chegaba que estabamos no sector Conjunción de Venus, ó que eu lle repliquei que non, que estabamos no sector Mona Lisa, así que para aclararnos botamos man á guía e descubrimo-lo lío…

Resulta que eu estaba mirando os croquis do sector errado, así que onde eu vía un V e un V+, en realidade había un 7b+ e un 7a+! Quen me coñece xa sabe da miña boa vista e mellor valoración das dificultades, así que non se estrañará de que mirando un 7b+ eu poida pensar que ten pinta de ser un V raro… 😉 Iso si, non vaiades correndo a recupera-lo mosquetón abandonado porque máis alá do seu alto valor museístico como boa peza do cuaternario que era, 2 semáns despois xa non estaba -parece imposible, pero vese que hai xente que escala mellor ca min ;-D -.

Croquis de Fuentes de Peñacorada:

O tempo en Cistierna:

Llombera

Fotos de Llombera (La Pola de Gordón, León), agosto de 2020.Sectores de Llombera. Fonte: http://lagarafa.blogspot.com/2015/10/llombera.htmlEsta escola é froito do traballo practicamente individual dunha soa persoa, Aurelio Presa, que tras 8 anos equipando as paredes próximas á localidade de Llombera, abriu unhas 115 vías repartidas en 4 sectores, das que só pouco máis dunha ducia delas non foron montadas por el.

Non hai información desta escola en ningunha guía, pero no facebook de Aure están actualizados os croquis e as indicacións para as aproximacións, así como os avisos de restricións por nidificación; tamén no blogue de lagarafa.blogspot.com, se poden atopar croquis e información de primeira man.

 

Existen restricións de acceso da Junta de Castilla y León, dende maio ata finais de agosto, que prohiben escalar ou pasar por embaixo do sector Principal de Llombera; pese a elo, pódese acceder ós outros dous sectores polo camiño do respiradeiro da mina, ou bordeando polo sector Pioneros.

Sector El Lado Oscuro. Fonte: https://www.facebook.com/Escuela-de-Escalada-Deportiva-Llombera-476503443114251/Sector Hakuna Matata. Fonte: https://www.facebook.com/Escuela-de-Escalada-Deportiva-Llombera-476503443114251/Nós estivemos nos 2 sectores sen restricións: El Lado Oscuro e Hakuna Matata e dámos fe de que teñen moi boas vías, aínda que non hai moito onde rascar para os sextogradistas baixos (de grao, non de altura 😉 …

Para acceder polo respiradeiro da mina, hai que segui-la estrada ata unha recta da que sae o camiño que teremos que tomar a pé: hai un prado ó seu carón que non ten peche e no que vimos que se aparcaba, pero non sei se se ten permiso do/a dono/a. Camiñamos uns 150m ata o edificio do respiradeiro, continuamos rectos seguindo o cauce dun regato (seco en verán) uns 5 minutos ata un fito na marxe dereita que indica onde hai que abandona-la senda para cruza-lo regato e empezar a remonta-lo monte cara á visible parede do sector El Lado Oscuro (nas indicacións do Facebook de Aure fala de: ir ata unha torre eléctrica, xusto antes da torre hai que cruza-lo regato á dereita e subir pola canle, rectos cara ó Espolon Yoel, logo teremos á dereita El Lado Oscuro e  rectos Hakuna Matata). Subindo polo monte chégase á “proa” que separa ambos sectores, puidendo ir a calquera deles sen problema xa que están un ó carón do outro.

Aproximacións e sectores El Lado Oscuro e Hakuna Matata. Fonte: https://www.facebook.com/Escuela-de-Escalada-Deportiva-Llombera-476503443114251/Escalada á sombra en verán!!!

– Queredes escalar á sombra en verán en León?

– Imposible!

– Ou se cadra…

Pois si, aínda que vos custe crelo, hai un lugar en León, Llombera, no que pódese escalar todo o día a salvo da insolación veraniega, movéndose entre dous dos seus sectores: El Lado Oscuro e Hakuna Matata. No primeiro deles a sombra dura ata as 14h no seu lado esquerdo, e ata as 16h no dereito, pero o Hakuna Matata está orientado ó Norte, así que pódese escalar todo o día.

Seica hai unha fonte no prado enfronte de onde se estacionan os coches polo acceso principal, pero eu non a usei porque pareceume máis ben un abrevadeiro do gando e o peche á finca estaba pechado.

Croquis de Llombera:

Como xa comentara anteriormente non hai publicacións polo de agora que recollan as vías desta zona de escalada, polo que as únicas referencias que atopei foron as do Facebook do propio aperturista e equipador, Aure, e do blogue lagarafa de Félix, que dende Benavente parece que non lle queda moi lonxe…

O tempo en La Pola de Gordón:

 

Piedrasecha

Fotos de Piedrasecha (Carrocera, León), agosto de 2020.

Espectacular! Só o paseo pola incrible paraxe da Garganta de los Calderones, un lugar clasificado como Punto de Interés Geológico, xa vale a pena. A escola de Piedrasecha está situada ó comezo do desfiladeiro, e conta con varios sectores que suman un cento de vías, a gran maioría por riba do sétimo grao. A rocha caliza ten un aspecto algo suxo, pero non é así -alomenos nos sectores más fáciles do comezo (Sabina e Fantasía). En inverno a humidade e o frío non o fan un bo destino, pero en verán pódese ir buscando a sombra segundo avanza o día, por distintos sectores.

Hai un restaurante, El Manadero, onde comimos bastante ben, e unha fonte ó seu carón, con espazo para aparcar varios coches, a poucos metros de onde comeza a ruta cara o desfiladeiro.

Debemos ser coidadosos co pastoreo, pois é habitual que os rebaños pasen pola ruta e ascendan polas súas vertentes cara a prados máis altos.

Ollo! Imprescindible levar pértiga / cana -ou como lle chamedes- para chapa-lo primeiro seguro, debido que falta a primeira chapa de tódalas vías!

O conflito escalador/a vs pastor de ovellas…

Grandes rebaños de ovellas pasan polo desfiladeiro.

Polo que nos contaron, non está de todo claro a razón de pola que alguén se adicou a sabotea-las vías desta escola, aínda que falan dun percance entre o can dalgún escalador que mancou ou matou algunha ovella dun pastor, e da conseguinte disputa entre ambos que non rematou ben. O caso é que sobre o 2018 apareceron roubadas a primeira chapa de tódalas vías e as bases das vías enchoupadas en aceite, así como varias pintadas co texto “NO ESCALAR – UME”; no 2019 repuxéronse as chapas, pero de seguido volveron a roubalas e incluso quitaron tamén as 2ª chapas -que xa fai falta andar cunha boa escaleira…-.

De resultas deste conflito, a situación é que só se repuxo a segunda das chapas, polo que é necesario levar unha pértiga para prechapalas-

Que cadaquén saque as súas conclusións, pero parece mentira que aínda haxa xente que non se decate que antes ca nós, había e hai moita xente que ten tanto ou máis dereito para continuar coas actividades que sempre desenvolveu, e que nin debemos molestar ó gando, ás persoas do lugar, nin apropiarnos duns espazos que compartimos con eles/as.

Nós estivemos conversando agradablemente cun pastor que pasou pola senda co seu inmenso rebaño de ovellas e varios mastíns, así que sexamos tamén conscientes que nin eles/as, nin nós estamos todos/as no mesmo saco… Respecto, por favor, sexamos respectuosos, se non por cortesía ou educación, por simple egoísmo: vainos nelo o noso espazo de xogo! 

Croquis de Piedrasecha:

O tempo en Carrocera:

 

 

Advertisement
A %d blogueros les gusta esto: