Arquivo

Archive for the ‘Alpinismo’ Category

Espectra, Ubiña (León), 7 de marzo de 2015.

Manu quedara con Lucas e Pablo “O Frutas” en achegarse a Ubiña esa fin de semana, sen embargo unha lesión no último intre do Lucas deixoume a súa vacante para a saída, así que escapando dunha reunión antes do seu remate, metendo a eito todo o material que tiña no piso sen sequera revísalo e cunha tableta de chocolate e varias barriñas enerxéticas como único alimento conseguín unirme ó grupo con só unha hora de retraso 😉 E xa de camiño é cando pregunto cal é o plan…: a Espectra! -arreamecajonomundo…-  >:O :-O :O °o° °O° :O o_O o_0 o.O 8-0

Catro anos atrás xa desistiramos no comezo desta vía (daquela foramos Manu, Aviño e eu), vendo que non se atopaba en boas condicións, e dende entón sempre que me achegaba a Ubiña buscaba a evidente gran rocha dende onde nos deramo-la volta e tentaba adiviñar por onde continuaría o seu percorrido… Pero só imaxinar, eh!, que eu tiña claro que esa vía me quedaba demasiado grande como para meterme nela: xeo a 70º ou 80º, tramos de escalada en rocha con pasos de ata V+ para os que se recomendaba quitarse botas e crampóns e poñerse os gatos, mixto exposto e a, sempre en permanente descomposición, rocha característica de Ubiña… -a típica vía á que eu só miro para saber por onde hai que evitar ir-. Pero claro, o conto cambia cando diante vai O Manu tensando a corda cada vez que un se colga ;-D O caso é que O Frutas dicía que el xa “pasara de fase” no xogo e que ía facer unha travesía coa que rematar no cume de Ubiña para esperarnos aló; así que, de carambola, tocoume a min servirlle de asegurador ó meu irmán. El calculaba que a vía nos levaría unas 6 horas -aínda que finalmente botamos hora e pico de máis- en base ás escasas informacións que atopara sobre ela (de feito á hora de redactar isto estiven buscando algunha reseña na que basearme e non atopei nada minimamente detallado, máis aló dun par de imaxes co esquema da ruta). Á vía haille que recoñece-la súa variedade de pasaxes e técnicas, pese á mala rocha e o exposto dalgúns tramos; e dende logo admirámonos do tempero do Juan Goyanes e compañía para abrir este arriscado percorrido: quitámono-lo chapeu ante eles…

Espectra (MD V+/4, 70º, 600 m).

Fotos de Espectra, Peña Ubiña (León), 7 de marzo de 2015Dificultade: MD V+/4, 70º

Lonxitude: 600 m.

Material: casco, crampóns, piolets técnicos, 2 cordas de 60 m., un par de cravos, 3 parafusos de xeo, xogo de fisureiros e xogo de friends pequenos e medianos.

Cordada: Manu e Ricardo.

Aproximación: dende Torrebarrio ata a base da vía polos Llanos del Fontán, leva un par de horas.

Descenso: polo canalón Sur.

Apertura e 1ª Ascensión: Juan Goyanes e Manolo González o 19 de marzo de 1999.Croquis de Espectra. Peña Ubiña.

1º longo. Ascéndense por unha longa rampa nevada (de como moito 60º) cara á característica parede manchada de óxido no que comeza a escalada propiamente dita. A rocha nesta repisa nevada resulta moi compacta polo que, ó non atopar nada sobre o que montar reunión, houbo que meterse entre a neve e rocha para asegurar ó corpo o inicio do seguinte longo.

2º longo (V- expo, 60º, 30 – 40 m.). Buscamo-lo estremo esquerdo da repisa nevada onde un parabolt sinala o comezo do seguinte tramo, xa por rocha, dificilmente protexible, que remataba cun pequeno resalte que daba paso a un novo tramo de neve e xeo. Con crampóns pola mala rocha, aínda non sei como Manu deu superado esta sección na que eu, só colgándome dun Alien, conseguín colocarme para espeta-los meus piolets a cegas nunha escasa lingua de xeo por riba do resalte; logo, axudado pola tensión da corda saín á rampa de xeo e xunteime co meu irmán nunha reunión montada na rocha baixo unha pequena cheminea xeada.

3º longo (60º-70º, 40 m.). Dereitos polo xeo da pequena goulotte que había sobre a reunión, acadamos unha pala de neve que percorremos ata montar reunión na parede que a pecha por riba.

4º longo (50º-60º, 30-40 m.). Dende aquí proséguese por neve bordeando a parede cara a unha agulla adosada, ben visible na parte superior. A vía arrodea dita agulla (que é a referencia clave da vía) e ascende polo seu lado esquerdo polo que montamos esta reunión nun spit situado na súa base.

5º longo (V-, 30 m.). Dende a reunión subimos un resalte rochoso semicuberto pola neve, a uns 5 ou 6 m. á nosa esquerda, e unha vez sobre el aparece un primeiro parabolt (coido que neste longo hai ata 4) que protexía o comezo dun tramo de rocha que inicialmente parecía máis fiable pero que ía empeorando a medida que progresamos. Este longo segue con tendencia cara á dereita e recomendan que se faga con pés de gato, pero Manu fíxoo cos crampóns aínda que ata superar o pano rochoso non volvimos a pisar neve nin xeo. Cando chegou a miña quenda, gardei os piolets pero estiven varios minutos valorando se poñe-los pés de gato namentres tentaba simplemente situarme na vertical das cordas e non me daba imaxinado como puido progresar por aí antes meu irmán; finalmente anudei un cordino longo a un parabolt e, amarrado a el, deixeime colgar das cordas para empezar a trepar por unha especie de diedro aberto que con tendencia á dereita remataba na base dun neveiro; fixemo-la reunión nas rochas do seu bordo inferior xusto por riba dun último parabolt que protexe a saída do tramo de rocha antes de volver a pisar neve.

6º longo (V+, 10 m. e 30 m.). Neste punto Manu dubidou sobre por onde seguiría a vía, xa que olvidara o croquis no coche pero lembraba que debía de haber un curto paso duro que daba paso a unha terraza onde remataba a escalada sobre rocha, e xa só restaría gaña-la gran pala de neve que conducía ata a aresta 300 ou 400 m. máis arriba. E aínda que o paso tiñámolo diante dos nosos narices, nun resalte de 3 ou 4 m. con algo de desplome, xusto enriba e á dereita da nosa reunión, ata que un non o superaba, non podía ver a repisa que conducía cara á gran rampa de neve final do seu lado dereito. No noso caso fixemos reunión na mesma repisa a menos de 10 m. da anterior reunión pero unha vez xuntos non dimos por rematado o longo ata atravesa-la terraza e situarnos no comezo da pala de neve.

Resto (40º-50º, 300 – 400 m). Recollemo-las cordas xunto a un bloque e iniciamo-lo longo percorrido que en liña recta nos conducía cara á aresta. Na parte superior, un último estreitamento deixaba un tramo mixto duns 5 ou 6 metros con algo de xeo polo que Manu subiu sen problema, pero no que a min botoume unha corda porque eu non me atrevía a meterme “a pelo”. Neste punto onde o noso percorrido acadaba a aresta esperábano-lo Frutas, xa bastante aburrido porque entre que el subira máis rápido do previsto e que nós tardamos máis do calculado, déralle tempo ata a bota-la siesta no cume. Comimos algo e en 5 minutos acadamo-lo cume para logo descender enterrándonos ata a cintura na neve profunda do Canalón Sur por onde empatamos coa senda que baixaba ata Torrebarrio.

Enlaces con algunha información en:

Advertisements

Corredor de la Aguja e Elixir de la Suerte, Ubiña (León), do 29 ó 31 de decembro de 2014.

2014 Decembro 31 Deixar un comentario

Unha cordada nos últimos tramos da Elixir de la Suerte; foto tomada dende a aresta, ó remate do Corredor de la Aguja.

O ano remataba cunha caída das temperaturas e uns ceos despexados e soleados que non podiamos desaproveitar. O Chicho quería probar o Corredor de la Aguja e Elixir de la Suerte, na cara Suroeste do Ubiña, así que reservamos praza no refuxio da Federación Galega en Torrebarrio e, a golpe de madrugón lunático, presentámonos no pobo a mediodía, con tempo de abondo para achegarnos á base dos nosos obxectivos para comproba-las súas condicións.

Torrebarrio recibiunos cun soleado día sen nada de vento pero cunhas baixas temperaturas que, incluso, rondaban os 4 ou 5 graos baixo cero ás 15 h. nas sombras das bases dos nosos dous corredores. Ademais, por primeira vez (e xa debía de ser o meu cuarto ou quinto intento) atopeime co resalte do inicio do Corredor de la Aguja, cuberto por unha capa de neve dura; e como tamén víanse completamente cubertas de xeo as rochas próximas e da parte superior, as nosas expectativas eran moi positivas. Pola contra, aló onde se acumulaba a neve, esta presentábase en estado de po seco e estaba sen transformar, así que enterrabamonos ata os xeonllos nela.

Con estas novas avisamos ó Xosé e máis a Manu que querían saber das condicións de Ubiña por se eran axeitadas para os seus obxectivos: o Xosé quería facer algún corredor como o Espectra, e Manu unha das súas difíciles travesías de posta a punto. Ó final, ambos animáronse a achegarse ó seguinte día, de tal xeito que o Xosé uniuse a nós para subirnos polo Corredor de la Aguja, namentres que Manu pasou o día facendo desniveis entre León e Asturias, atravesando un par de veces o cordal, así que puido observar que as condicións da neve pola cara Norte eran notablemente mellores que as que había na cara Sur; iso si, de xeo… nada.

Logo de quedar co Xosé ás 8 da mañá do seguinte día, preparamos o material de escalada e pegámonos ós radiadores do refuxio ata deitarnos. O Chicho, coñecedor da sona da miña tendencia a meterme en leas e, sobre todo, da miña proverbial velocidade, empaquetou na mochila buxola e as 8 pilas de reposto que trouxo pensado en que tiñamos moitos boletos de non voltar antes do aninovo. 😉

Corredor de la Aguja (III/3, 70º, 300 m).

Fotos de Corredor de la Aguja, Peña Ubiña (León), 30 de decembro de 2014O Xosé chegou sen novidade pese ás placas de xeo na pista de Torrebarrio, así que inmediatamente puxémonos en camiño, unha vez repartido o material: a corda máis gorda para Chicho, a máis lixeira para min e a pesada ferralla para Xosé -algún día explicarei cal é o complexo sistema de repartición das cargas que se aplica nestas actividades 😉 –

Croquis do Corredor de la Aguja - Peña Ubiña. Fonte: http://www.elmaquis.net/escaladas/webesinvernales/ubina-aguja.htm

Nun par de horas estábamos ó pé da característica agulla, baixo o inicio do noso Corredor, e media hora despois ancorabamonos na primeira reunión da vía, no lado esquerdo do 1º resalte da vía. Dita reunión está formada por un cravo do que colgan varios vellos cordinos unidos nun antigo mosquetón de ferro e reforzado por unha vella peza de ferreiro que saltou en canto o Chicho se deixou colgar da reunión.

Encordámonos e o Xosé púxose mans á obra atacando rapidamente o resalte que resultou contar cunha neve de peor consistencia da que aparentaba e cun escaso xeo. Pese a elo superou o paso e proseguiu durante practicamente agota-los 60 m. das cordas, xa que en vez de montar unha reunión xusto onde o diedro xira cara á esquerda (aí había un cordino sobresaíndo do xeo), proseguiu ascendendo polo seguinte resalte e continuou por unha pala de neve antes de monta-la reunión reforzando cun friend mediano uns bos cordinos que había nun bloque do lado esquerdo da metade desa pala.

O 2º longo levounos, logo do tramo inicial de neve, ata un novo resalte de rocha e xeo que viraba cara á esquerda e que remataba nun tramo final de neve no que montou a 3ª reunión lazando un gran bloque de rocha do lado esquerdo, ó límite dos 60 m. das cordas. Xa só nos quedaba un último tramo de apenas 20 m. practicamente por neve, salvo un curto resalte intermedio, polo que o Xosé asegurounos ó corpo unha vez acadada a aresta, algo antes das 14h., disfrutando da forza dun sol que ata entón mantivérase oculto polas paredes que ensombrecían o corredor.

Dende aí, ascendimos un pequeno tramo da aresta cara ó cumio, pero logo de tomarnos un descanso para picotear algo namentres observababamos a unha cordada progresar polo tramo final de Elixir de la Suerte, decidimos non continuar ata a cima e descendimos baixo un recio sol polo sempre longo e pesado Canalón Suroeste; un xeito bastante directo de regresar a Torrebarrio.

Podemos resumi-la escalada como sumamente delicada pola escasez de xeo e moi difícil de protexer. Menos mal que puidemos contar coa destreza do Xosé para sacarnos por aí, porque doutro xeito, en vez de pouco máis de 2 horas de escalada efectiva, non sei se nos chegarían tódalas pilas do Chicho 😉

Como as condicións que atopamos de neve (sen transformar) e de xeo (moi escaso) non eran as que o Xosé esperaba, renunciou a probar sorte noutro corredor e aproveitou para marchar a casa e darlles unha alegría ós seus pícaros. Así que Chicho e eu volvimos a quedarnos sós, alomenos durante un rato, xa que á noite pasou Manu a contarnos que se atopara no seu percorrido polo monte durante ese día. “Tomámoslle” algo no bar e unha vez que tamén el marchou, Chicho e eu metémonos nos nosos sacos co plan de subir pola Elixir de la Suerte ó seguinte día. Aínda que nos temíamos que atoparíamos moita neve solta e profunda nesta ascensión, contábamos con que a cordada que viramos pola tarde remata-la vía tería deixado unha boa pegada coa que aforrarnos a maioría do esforzo de ir abrindo paso.

Elixir de la Suerte (III/2, 50º, 550 m).

Fotos de Elixir de la Suerte, Peña Ubiña (León), 31 de decembro de 2014Pese a que nos deitaramos cedo, non durmimos moito… O Chicho estivo insomne -non sei se pola excitación típica previa a unha escalada ou polo nerviosismo de saber que ó seu carón iría só eu 😀 . Fose o que fose, o moi cachamoulán estivo botando partidas na Play Station para entrete-la espera, namentres eu pensaba que andaban os ratos a rilar entre os tabiques… -. Eu tampouco din durmido moito -cousa que non é demasiado estrana en min-, se cadra porque aínda lembraba as 12 horas que me levara ascender con Beni ese corredor fai un par de anos (sen contar aproximación, nen descenso, eh!)

Croquis de Elixir de la Suerte - Peña Ubiña. Fonte: http://www.elmaquis.net/escaladas/webesinvernales/ubina-elixir.html

Ás 8 da mañá puxémonos en marcha para ataca-lo primeiro resalte de entrada á nosa vía ó redor das 10:20 h. Neste caso progresamos con coidado pero sen problemas durante apenas media hora ata acadar un bloque que é preciso arrodear cun delicado paso, así que sacamo-la corda para superalo asegurándonos nunha pequena fenda un par de metros embaixo del. Logo deste paso, xa non tivemos que encordarnos máis durante o resto da vía e continuamos alternando tramos fáciles de neve con outros máis delicados con rochas superficiais.

Unha vez superada a travesía horizontal a metade de vía, vimos como a pegada da cordada da víspera continuaba atravesando diagonalmente a pala central de neve, para seguir por unhas pendentes do lado esquerdo, en lugar de seguir máis verticalmente cara arriba pola citada pala central que se ve no croquis de El Maquis que acompaña esta entrada. Cando fai un par de anos subira por aquí, optaramos por ascender de forma directa pola pala de neve, así que aínda que a pegada nos levaba por outro lugar, logo de falalo con Chicho, decidimos segui-la pegada para evitar ter que ir abrindo pegada por neve branda.

A decisión seguro que foi acertada porque, deste xeito, coñecín outra variante do itinerario e aforrámono-la paliza de ter que pelexarnos coa neve branda. Finalmente, acadamo-la aresta ó remate da vía ó redor das 13h. e unha hora despois xa estábamos na base do Canalón suroeste, apurándonos para estar de regreso en casa a tempo de sentármonos na mesa para a cea de fin de ano.

Apenas 2 horas e media de ascensión fronte ás 12 horas de fai un par de anos pode dar idea do diferente estado en que se atopaba o itinerario en ambos casos… Así e todo… o feito de que houbese nevado recentemente e de que esta neve non estivese aínda transformada, non constituían as condicións axeitadas para realizar esta actividade con plena seguridade, así que deberíamos de ternos quedado en casa, verdade? 😉

Enlaces con información en:

Torre del Friero pola Canal Ancha (Posada de Valdeón – León), 17 e 18 de abril de 2014.

2014 Abril 19 2 comentarios

Fotos da ascensión á Torre del Friero pola Canal Ancha

Canal Ancha da cara Norte da Torre del Friero (AD, III/2).

Ascender á Torre del Friero pola Canal Estrecha é un deses plans que tiña bosquexados e na recámara dende facía varios anos (as notas que recuperei do itinerario para esta ocasión xa as tiña preparadas dende o 2010), así que cando Víctor me dixera que durante estes días de vacacións de Semana Santa pensaban achegarse ata aló, inmediatamente subinme ó carro…

Mundi, Alfonso, Víctor e eu chegamos a Cordiñanes (Posada de Valdeón) ó redor das 18 h., con só un par de horas de atraso con respecto ó acordado con Maite e Antón 😉 , que xa nos estaban esperando, pero sen noticias de por onde andaban Ernesto e Aviñoá, que tamén pretendían face-la ascensión e que, logo dun rato chamáronnos para decirnos que xa subiran á Vega de Sotín pola mañá. Dende entón fixeran unha inspección previa subindo polas paredes de enfronte á cara Norte do Friero e apreciaron na canle varios resaltes sen neve, así que non estaba claro que o noso obxectivo estivese en condicións axeitadas. Asemade tamén observaran algún resalte sen cubrir pola neve na Canal Ancha.

Pese as novas que nos deron, decidimos subir ata a Vega de La Sotín, xa que -alomenos eu pensaba isto- sempre poderíamos facer algunha outra actividade pola zona e recoñece-lo terreo para outra ocasión.

Croquis de http://www.foropicos.net/viewtopic.php?t=16300

No meu caso só estivera unha vez na Vega de Sotín, no 2006, cando pasara por ela camiño do refuxio de Collado Jermoso, nunha inesquecible travesía de Cordiñanes a Caín que fixeramos Lurdes, Beni e eu, así que apetecíame moito volver a ascender pola vertixinosa Senda de la Rienda, atravesa-lo paso de Alfredo para entrar no Hayedo de La Sotín, e continuar subindo ata acada-la Vega da la Sotín, onde, o cabo, chegaríamos nun par de horas aproximadamente, xusto a tempo para monta-las tendas antes de que caese a escuridade sobre nós.

Nesta chaira hai zonas herbosas nas que acampar comodamente (ollo coas vacas e as normas do Parque), algúns vivacs sobre pedras e -alomenos nestas datas próximas ó final do inverno- é posible obter auga dun regueiro que nace froito da desconxelación da neve e do xeo, ó fondo e perto do lado esquerdo da mesma veiga seguindo, dende onde acampamos, uns centos de metros en dirección á Vega de Liordes.

Ernesto e Aviñoá estaban acomodados nun vivac baixo un gran bloque perto do comezo da Vega, así que nós acampamos perto deles namentres nos puñan ó tanto das súas pesquisas e plantexaban a alternativa de ascender ó Friero pola Canal Ancha. Non sen pesar pola miña parte, decantámonos tamén por esta opción, considerándoa a mellor, dada-las dúbidas que tiñamos sobre o estado da Canal Estrecha. E como Víctor estaba aínda algo enfermo, e Maite non tiña intención de realizar esta ascensión, finalmente quedamos en saí-los restantes seis (Aviñoá e Ernesto, Antón e Alfonso, e Mundi e eu) ó redor das 5 da madrugada, así que logo dunha rápida cea, metémonos inmediatamente nos nosos sacos para tentar descansar unhas poucas horas.

Vista da estreita forcada ata a que chegaba a canle e por onde pasamos á outra vertente.

Vista da estreita forcada ata a que chegaba a canle e por onde pasamos á outra vertente.

Ás 5:30h. xa estabamos metidos nos primeiros metros da canle e pouco a pouco progresamos bastante comodamente e sen máis complicacións que un primeiro resalte rochoso que non cubría a neve e unha fractura da pala de neve algo máis arriba; polo demais, o ascenso ata a forcada formada pola Aguja María Luísa e o propio Friero fixémolo en apenas 3 horas. Esta forcada ten uns 50 últimos metros que discurren por unha angosta pendente de rochas rotas e inestables, encerrada entre as paredes das citadas dúas elevacións, e da paso á cara Sur.

Aquí xurdiu a nosa gran dúbida: -¿e agora… por onde carallo seguimos?-

Na escueta referencia que eu levaba deste itinerario, deberíamos de seguir ascendendo dende o outro lado da forcada, pero atopámonos cun pequeno circo no que por riba nosa a rocha non estaba cuberta pola neve e non víamos claro por onde continuar. Nun primeiro intre, eu apostaba por subir un pouco por rocha para gañar algo de altura e ver se aparecía algunha canle prometedora, pero o máis fácil parecía unha vira en fronte nosa que logo duns primeiros metros sobre terreo pedregoso e terroso continuaba por neve arrodeando o Friero pola cara Sur, e como Antón estaba bastante seguro de que se seguíamos circunvalando empataríamos coa Normal desa cara, xa que víamos no val a curva da estrada na que se soe deixa-lo coche cando se ascende pola Normal da cara Sur, decidímonos por esta opción en vez de buscar un itinerario por rocha máis directo e vertical, que non víamos claro.

Paseniñamente fomos avanzando sen gañar altura, á busca dalgún paso que ascendese de forma fácil cara ó cumio, ata que demos cunha pala de neve que nos permitía subir bastantes metros e que logo remataba cuns últimos metros fáciles de rochas. Por ela chegamos a un ombreiro que pensabamos que debía formar parte da vía Normal da cara Sur, xa que ó seu carón pasaba unha gran pala de neve que, cara abaixo, caía por esa vertente con aspecto de ter continuidade ata a base e, cara arriba continuaba ata o cume. Tomámonos aquí un descanso ó redor da 11h. e logo, en apenas 15 minutos de fácil camiñada pola neve acadamo-lo cume do Friero.

Do outro lado da forcada había un pequeno circo, e no lado esquerdo da foto apréciase a vira pola que nós proseguimos circunvalando á busca dun paso para ascender.

Tra-las fotos e parabéns de rigor, e o percorrido visual dende o noso privilexiado mirador tocaba inicia-lo descenso cara ó ombreiro Nordeste. Xa eran as 12 do mediodía, e eu sabía que o tramo máis perigoso da nosa ruta eran eses 150 m. de descenso pola inclinada pala de neve que conducía ó citado ombreiro, así que non me gustaba a idea de que lle dese máis o sol… En canto nos asomamos ó vertixinoso descenso, a idea de baixa-los 6 sen asegurarnos esvaeceuse de inmediato -menudo cague…-. Como ademais ningún de nós percorrera anteriormente este itinerario, non estabamos certos de ir polo lugar axeitado, así que sacamo-las cordas e fomos montando rápeles ata que atopamo-lo ombreiro por onde abandonamo-la pala que continuaba caendo pola Canal Estrecha, e nós pasámonos ó lado dereito -no sentido descendente- para situarnos ó outro lado do ombreiro xa na vertente cara á Vega de Liordes.

Tivemos que facer 3 rápeles ó límite dos 60 m. da lonxitude das cordas, para chegar a este punto, ó que nos levou un par de horas aproximadamente. Pare elo deixamos unha cinta de 240 cm. en cadanseu bloque de inicio de rápel, así que espero que se alguén pasa pronto por aí, poida disfrutar deste material tan dispendiosamente abandonado 😀

O que si que me parece interesante recomendar é levar entre o material unha estaca e/ou áncora, aínda que só sexa para asegurar este tramo.

Croquis Canal Ancha da cara Norte da Torre del FrieroDende aí xa só nos restaba descender facilmente por neve cara a parte baixa da Vega de Liordes (supoño que en dirección ó Llagu Bajero) para, dende o fondo do val, xirar á esquerda e chegar á Vega de La Sotín. Pero despistámonos seguido unhas pegadas e metémonos á esquerda demasiado pronto, polo que para non ter que desanda-lo camiñado aínda tivemos que montar un novo rápel para salvar un cortado que nos depositou na parte alta da Vega de La Sotín.

O caso é que ás 18h., aprox., estabamos de volta no noso campamento onde nos reunimos con Víctor e Maite que, pola súa banda, déranse un “paseo” ata o refuxio de Collado Jermoso, pola Vega de Liordes.

Un descansiño, recollida das nosas cousas e de novo en marcha cara a Cordiñanes, onde collemo-los coches para achegarnos á próxima Posada de Valdeón e tomar esa mesma noite unha excelente cea de fabas e carne no recomendable Restaurante Begoña (tamén é hostal) por 13€ maravillosamente invertidos 🙂

E aínda que pareza mentira, dado que estabamos en plena Semana Santa, botámonos a durmir no soportal da igrexa de Posada de Valdeón, que está en pleno casco urbano, sen que ningún fregués ou freguesa interrumpise o noso sono; iso si -moi a pesar do dormilón de Mundi-, erguémonos ás 8 da mañá non fosen a vir cedo a prepara-la misa que tiñan programada para ese día.

Canal Ancha da cara Norte da Torre del Friero.
Dificultade: AD, III/2

Desnivel: 1000 metros.

1ª ascensión: Juan José Iglesias Arrieta e Javier Mayayo o 26 de febreiro de 1978.

Material: casco, crampóns, piolets técnicos, 2 cordas de 60 m., un par de cravos, 3 parafusos de xeo, xogo de empotradores e xogo de friends pequenos e medianos. (Ó respecto do material, este é moi variable dependendo precisamente das condicións da canle, por exemplo nós non tivemos que usa-la corda para a escalada (salvo para botarlla a un enriscado despistado) pero logo fóronnos necesarias 2 cordas para rapelar dende o cumio ó ombreiro Nordeste por mor do mal estado da neve).

Cordada: Ernesto, Aviñoá, Mundi, Alfonso, Antón e eu.

Aproximación: Algo menos de 2 horas dende Cordiñanes, pola Senda de la Rienda, e pasando polo Hayedo de La Sotín, ata a Vega da la Sotín. onde durmimos. Dende aí séguese cara á Vega de Liordes buscando á nosa dereita o evidente cono de dexección da Canal Ancha, ó que chégase nuns 20 ou 30 minutos.

Descenso: Dende ó cume ó ombreiro Nordeste (ollo, que esta baixada pode ser bastante exposta en función do estado da neve, requirindo incluso de rapelarse) e dende aí polas palas de neve con tendencia ó lado dereito en dirección á Collada de Chavida. Cando nos atopemos perto desta, hai que salva-lo corte (apenas uns 20 m.) que ó final das palas da paso á canle que une a Collada de Chavida coa Vega de la Sotín. Hai un gran bloque lazado e a pouca distancia del, hai tamén outra instalación para rapelar (un parabolt e/ou cravo), puidendo rapelarse dende calquera deles para situarnos xa na canle pola que seguir camiñando facilmente cara á Vega de la Sotín.

Observacións: Corredor máis ancho e sinxelo que o seu famoso veciño Canal Norte Central (Canal Estrecha). Na súa parte superior pasa entre a Aguja Mª Luísa e a propia Torre del Friero.

Croquis e información:

Ubiña: Normal do Siete ata forcada entre 3º e 2º Castillín, 7 e 8 de decembro 2013.

2013 Decembro 8 2 comentarios

Fotos de Ubiña (León), do 6 ó 8 de decembro de 2013 En Ubiña, logo de nevar xa levaba alomenos un par de semanas de temperaturas moi baixas, pero con tempo soleado, así que, aproveitando o festivo da Constitución Española, achegámonos ó macizo con moitas expectativas de que houbese boas condicións de xeo e neve nos seus corredores. Como primeiro obxectivo xa levaba en mente o Corredor de la Aguja, pero, por enésima vez -e parece que isto converteuse nun costume-, atopámonos con que non estaba en condicións: a rocha do seu primeiro resalte estaba totalmente á vista e sen rastro de xeo. Así pois, Beni e eu, démonos unha volta pola base das paredes comprobando o estado da neve e a aparencia dos corredores desta cara do cordal, antes de regresar ó refuxio da Federación Galega en Torrebarrio. O certo é que había bastante menos neve da que esperabamos. O outro proxecto que tiña era a Integral de Ubiña, pero logo da retirada do pasado ano cando só chegamos ata a base do 3º Castillín, cambiara de estratexia e decidira facer un par de tramos do seu percorrido por separado, coa idea de coñecer mellor a ruta e os posibles puntos de fuga. Así pois pensei en que ó día seguinte podíamos subir dende os Llanos del Fontán pola Normal do Siete ata a base do 3º Castillín e de aí proseguir ata a Pasada de Puerta de Arco, dende onde descender novamente ós Llanos.

Eu quería estar moi cedo no comezo da Normal, practicamente cando comezase o día (ó redor das 8 da mañá), así que ás 4 e cuarto da mañá espertei a Beni e empezamos a prepararnos.

A medida que ascendíamos, a temperatura foi subindo pouco a pouco, e aínda que se mantivo oscilando un par de graos por riba ou por embaixo de cero, era superior á que había en Torrebarrio. Cando por fin chegamos ó comezo da ruta xa serían aproximadamente entre as 9 e as 10 da mañá. A neve era moi variable pero bastante boa, alternándose os tramos bastante cómodos nos que cada paso formaba un perfecto escalón no que o pé apoiábase firme e facilmente, con outros na que estaba tan dura que cheguei a contar 30 patadas para facer un escalón profundo -ben sei que os crampóns precisamente son para evitar ese esforzo, pero… que lle queredes?… a min non me chega con esas fracas puntiñas de metal, eu quero un cómodo peldaño no que quedar ben asentado ;-D sen medo a que se me escorregue un pé e vaia pro carallo…-. A cuestión é que a “Normal” non me pareceu tan fácil, así que cando chegamos baixo o 3º Castillín, xa algo tarde de máis para o que tiña previsto (debían de ser ó redor das 3 da tarde, así que só nos quedaban 3 horas de luz), non me apetecía -nin de coña- ter que regresar por onde viñeramos.

Ante os nosos ollos aparecía agora unha rampa nevada e rochosa que, en diagonal á dereita, arrodeaba o Castillín. Parecía que se atravesaramos máis á dereita, descendendo un pouco, poderíamos remontarnos por unha pala de neve cara á parte superior da pendente, e Beni suxeriu ir por aí, pero a min pareceume asequible seguir ascendendo de xeito algo máis directo por un tramo de mixto que tiñamos a poucos metros de nós. Como a neve onde estabamos era algo branda e parecía bastante profunda, coloquei unha áncora de neve e, reforceina enterrando un dos piolets de Beni. Achegueime entón asegurado por ela ata o tramo de mixto e coido que din colocado un microfriend ou un fisureiro na primeira rocha, antes de encaramarme sobre unha estreita vira na que apenas encaixaban os meus crampóns. Como é habitual en min, valorara mal a dificultade do paso: vin a vira como un asideiro bo para as mans e non pensei en que os pés eran os que realmente terían que colocarse nela. Así que, durante uns minutos, estiven “cagando masilla” para dar avanzado os escasos 4 ou 5 metros que me situaron no tramo vertical, no que esperaba subir máis comodamente aproveitando a neve que se vía entre as rochas. -¡Máis merda!…- A neve apenas estaba asentada e era demasiado branda como para servirme de apoio, así que tiven que ir limpándoa na busca de apoios nos que poder coloca-los crapóns ou meter algún seguro.

Normal ó Siete, co desvío á dereita polo que seguimos ata a forqueta entre o 3º e 2º CastillínMontei finalmente reunión lazando un par de bloques e para cando Beni reuniuse conmigo xa eran as 4 da tarde. -Malo, malo…só quedan 2 horas de luz, penso-. Sen embargo o seguinte tramo xa vai por neve e parece máis fácil, intuíndose a proximidade da aresta, aínda que todavía quedaba oculta por un resalte. Namentres nos preparamos cáeseme unha dragoneira dos piolets e non podo evitar pensar nos 30 ou 40 € que Petzl vaime “limpar” polo meu descoido. Non lle dou máis voltas ó asunto e saio “escopeteado” (é un dicir, porque menos rápido, eu podo moverme en calquera outra velocidade :-D…) avanzando por neve algo branda ata un bloque xusto ó carón dun cambio de cara da neve, onde se reúne comigo Beni. Xa vemos a aresta e parece que podemos chegar a ela facilmente pola neve, pero como vexo aflorar algunha rocha entre os tramos de neve que teremos que atravesar prefiro que me asegure por se só houbese unha capa superficial sobre placas. Atraveso a neve cáseque horizontalmente ata arrodear unha última rocha pola súa dereita, e ascender os metros finais por unha neve que se afunde e desliza ó meu paso, pretendendo tragarme. Na aresta podo por fin poñerme de pé comodamente e aseguro a Beni nun gran bloque, namentres observo a continuación da nosa ruta pola aresta, e asisto impotente ó irremediable achegamento do sol cara ás montañas do horizonte. Só nos quedan minutos de luz diúrna e non sei exactamente en que punto nos atopamos. Coido que estamos nunha forqueta entre o 2º e o 1º Castillín (en realidade estabamos na forqueta entre o 3º e 2º Castillín), pero non o teño claro. Por diante nosa érguese un farallón duns 30 m. polo que parece factible trepar aproveitando a neve que se asenta entre as súas rochas. Penso en que se dende o seu cumio chegara a ver o que nos queda ata a Pasada de Puerta de Arco, poderíamos proseguir con coidado -aínda que fose noite- e unha vez na Pasada, non teríamos problemas para descender, xa que fai algún tempo subín e baixei por aí, e a véspera e hoxe, o aspecto que tiña a neve desa ruta era bastante bo cando o observaramos dende os Llanos del Fontán. No peor dos casos, penso que tamén poderíamos vivaquear nalgún emprazamento no arco ou perto del, no caso de que non o visemos claro ou estiveramos demasiado cansos.

Estamos nun marrón…

En canto nos xuntamos, sacamos a roupa extra das mochilas e abrigamonos para protexernos da inminente caída da temperatura en canto o sol se oculte tra-lo horizonte, pese a que o tempo era moi bo e non se prevía nada de vento para estes días. Como é evidente que vainos levar tempo de máis regresar a Torrebarrio, decidimos chamar a Mundi, aproveitando que tiñamos cobertura, para evitar que a nosa tardanza o preocupase a el e ós nosos amigos que xa debían de estar no refuxio, non vaia a ser que se lles dese por avisar a Emerxencias. Avisámolo de que como non sabemos exactamente onde estamos, seguro que ímos chegar ó refuxio de madrugada ou, no peor dos casos, optaremos por vivaquear para seguir coa luz da mañá; pero que, en todo caso, non se preocupe porque atopámonos ben e temos roupa, comida e auga de abondo.

Logo de colgar remato cos preparativos e ó arrodea-lo bloque no que montara a reunión atópome para a nosa sorpresa cun spit coa súa corrrespondente cinta vella, preparada para rapelar por ela. Dubido un instante namentres considero a posibilidade de que se trate dun seguro para o tramo que encaro, en vez dun punto dende o que descender cara a vertente asturiana, así que asómome ó corredor sobre o que me atopo e vexo unha peña ó fondo que me parece o Cuetu Les Cabres (nese intre eu non o sabía, pero estaba errado e o que vía era realmente un contraforte do 1º Castillín que se atopa nas Cinchas del Planón). Como non me gusta a idea de rapelar a cegas por un itinerario que descoñecemos, e -aínda por riba- con só unha corda de 60 m., descarto esta opción e achégome á base do farallón para continuar co plan inicial de escalalo; sen embargo, en canto tento clava-lo primeiro piolet este rebota contra a rocha que se atopa apenas cuberta por unha fina capa de neve. Tanteo un pouco máis o arranque do tramo e non vexo un xeito fácil de auparme ata onde parece que hai mellor neve, así que recúo e decidimos tenta-lo descenso rapelando cara ó lado asturiano. Chamamos novamente a Mundi para que saiba do noso cambio de ruta e do conseguinte incremento do tempo de regreso que isto suporá, e aínda que só pasaran 45 minutos desde a primeira chamada, resulta que xa avisaran a Emerxencias… 😦 Non é momento de discusións, así que colgo rapidamente e empezamo-lo descenso.

Ruta pola que penso que rapelamos (foto de http://www.foropicos.net/foro/viewtopic.php?f=21&t=24467)Sei que se hai unha liña de descolgues ata o chan, estarán situados pensando en que se usen con dobres cordas de alomenos 50 ou 60 m., así que ó baixar cunha soa corda teremos que montar reunións intermedias nas que abandoaremos o material que usemos para cada instalación. Pero o máis importante de todo é que a mala calidade da rocha de Ubiña pode que non nos dea moitas posibilidades de ancoraxe fiable, así que aínda que non apure toda a lonxitude da corda, namentras descendo vou escudriñando ó meu redor á procura de -sobre todo- bloques de roca lazables que nos dean confianza para soporta-lo noso peso. Para a primeira reunión atopo un bo bloque, pero dende aí o corredor divídese en dous, así que temos que decidir por cal das dúas opcións decantarnos… -sen comentarios acerca das razón da elección… ;-( – O seguinte rápel supera un pequeño desplome e monto a reunión nun novo bloque, desta vez xa peor que o anterior, uns metros más arriba da saída dun estreito corredor ou goulotte ata ó que a corda parece chegar, pero decido non apurar toda a lonxitude da corda por se non atopase aí un lugar apto onde monta-la reunión. En canto inicio o seguinte rápel atópome cun par de cravos unidos por un vello cordino na saída do angosto corredor polo que agora descendo, así que polo menos parece que imos ben encaminados. Segundo baixo vaise estreitando cada vez mais conformando unha canle que seguramente se escale cando ten o seu fondo tapizado de xeo. Polo que a min respecta, paréceme imposible que haxa quen caiba por algún dos seus tramos. Chegado un momento, o corredor volve a abrirse e novamente e xúrdeme a dúbida de se seguir por el ou desviarnos á súa dereita por outra canle que descende tamén cara á escuridade, pero o problema é que agora si que non dou atopado ningún lugar onde monta-la seguinte reunión; a un lado teño unha parede sen fendas nas que poder cravar nada e ó outro lado todo é unha “cochambre” de rocha quebradiza na que non hai nada fiable. Só consigo apoiar unha cinta nun pequeno resalte á que me ancoro e que manteño no seu sitio cargandoa co meu peso para que non se mova, namentres tento reforza-la dalgún xeito. De cando en cando Beni pregunta como vai a cousa e eu respóndolle cuns escuetos e pouco aclarativos mensaxes de “estou traballando nelo…”. Consigo colocar un fisureiro a un lado e cáseque por embaixo da reunión e un microfriend nunha oquedade que previamente tiven que limpar, así que mando descender a Beni ata xunto miña para que alomenos non siga máis tempo soa. Unha vez comigo, dígolle que se acomode como poida pero que siga colgada en rápel ata que consiga meter algo máis co que reforza-la reunión. Limpando a terra entre as pedras atopo unha fenda prometedora e con moita incomodidade e dificultade consigo meter un cravo que aínda que non entra ata o fondo parece fiable. Por fin nos aseguramo-los dous da reunión e preparámonos para o seguinte rápel. Non sabemos canto tempo botamos para conseguir montar esta instalación, pero non foi pouco… Apenas descendo uns metros a canle remata nun desplome polo que me sumerxo na escuridade para atoparme cunha zona de rocha máis vertical e lisa,  pola que descendo buscando algún rastro que confirme que estamos no bo camiño. Non hai sorte e perto do final da corda -e por embaixo dela- non acerto a vislumbrar ó meu redor nada máis que lisas paredes sen posibilidades de aseguramento. Penduleo un pouco a un lado e outro para acabar colocando unha nova cinta (máis apoiada que arrodeando) nunha protuberancia das rochas, que servirá de precaria reunión. Cando Beni se xunta comigo, recuperamo-la corda e inicio un novo rápel que non ofrece ningunha boa perspectiva: un resalte ós poucos metros non deixa ver que nos espera máis aló del e cando me asomo a nel non vexo máis nada que lisas paredes todo ó redor. Descendo un pouco máis e dame a impresión de que se vislumbra unha pendente de neve algo máis abaixo de onde remata a corda. O primeiro que penso é que podemos estar perto do chan, pero inmediatamente preocúpome porque se a corda non chega ata el, non vexo opcións de montar nada. No peor dos casos -penso para min- sempre podería remontar de novo ata a reunión e ancorar un estremo da corda para gañar 30 m. máis de rápel, aínda que teñamos que abandoa-la corda. Baixo un pouco máis e aliviado decátome de que a corda si que acada a neve da pala final que polo val de Covarrubias baixa cara ó Meicín. Grítolle a Beni as boas novas e piso por fin unha superficie na que podo estar de pé sen ancorarme… En canto Beni baixa, descendemos rapidamente uns metros da pendente máis forte ata onde esta perde inclinación e tomámonos un descanso despois da tensión da baixada. Son as 12 da noite, levounos unhas 5 horas descender rapelando e aínda nos queda un longo camiño ata o refuxio de Torrebarrio, pero sabemos que se trata de só unha pateada na que non hai dificultades, así que por fin podemos relaxarnos un pouco. Antes de nada chamamos a Mundi, dende o móbil de Beni, xa que o meu quedou sen batería de tanto como estiveron chamando os distintos grupos de Emerxencias (de León, de Asturias, da Garda Civil,…)  namentras descendíamos. Desnivel nº 198, ano 2003. Vía O Señor dos Fíos, aberta por Xosé M Otero, Segis e Antonio Otero, o 10 de febreiro de 2003.Durante todo ese tempo, o meu móbil soaba cada dous por tres, o que unhas veces era un incordio, pero outras -non o podo negar- era reconfortante saber que aínda tiñamos conexión co resto do mundo. Non sabería decir se molestou máis do que animou, pero, en todo caso, nunca tiven intención de colle-lo, xa que non quería distraerme da nosa meta e perder tempo en saca-lo da mochila para parolar… Nós necesitabamos estar concentrados no único obxectivo de descender sans e salvos e tiñamos tódolos nosos sentidos dirixidos unicamente á correcta realización de cada maniobra para non cometer ningún erro. Logo enteraríamonos polos nosos amigos, que os gardas do refuxio do Meicín estiveran facéndonos sinais luminosas para orientarnos ou para que souberamos que estaban ó tanto da nosa situación. O certo é que vin as súas luces algunha vez, pero non entendía ben que estaban a facer porque cos frontais iluminaban, a modo de pantalla de proxección, as lomas próximas ó refuxio para que a área de luz fose maior. Alomenos Beni, namentres quedaba soa nas reunións, estivo entretida con eles observando o que facían, segundo logo me dixo. Cando chamamos a Mundi para que soubera que xa estabamos seguros, díxonos que chamaramos nós ó 112 para avisa-los a eles tamén porque seica estaban á expectativa para saber se saían por nós ou non, así que aínda tivemos que facer esta outra chamada e aclarar quenes eramos nós, quen os chamara a eles para solicita-la súa intervención, porqué estabamos no lado contrario ó que lles decíamos que agora íamos encamiñarnos, que canto nos levaría chegar ó refuxio, …e polo medio amenizáronnos cuns intres musicais namentres cotexaban ou aclaraban a información entre eles. 😀 O caso é que déronno-la súa bendición non sen antes pedirnos que os volvésemos a chamar en canto chegásemos ó noso destino para “dar por finalizado o operativo”. Eu díxenlles que de acordo, e calculei “a boti-pronto” que en 4 ou 5 horas daríamos chegado, aínda que finalmente tardamos 8 horas en completa-la ruta. Como facía unha chea de anos que non andaba por esa vertente asturiana, andaba un tanto desorientado e pensaba que estabamos xunto ó Cuetu Les Cabres, en vez de nesta zona de Las Cinchas del Planón da parte superior do val de Covarrubias, así que tardamos algo atopar un descenso fácil para acada-lo interior do val e poder seguir por el nunha baixada que fixosenos eterna. Tomamos un descaso e quitámono-los bártulos de escalada, na chaira do lago xunto ó refuxio do Meicín, antes de acomete-lo cansino ascenso ata o Alto Terreros, onde fixemos outra parada para descansar, comer e beber algo máis. Dende aquí dirixímonos ó Collado del Ronzón e iniciamo-lo, tamén longuísimo, descenso ata empatar en Chandanai co camiño que vai dar a Torrebarrio. Fixemos unha parada máis para quitarnos por fin os crampóns e por fin, mortos de sono, entramos pola porta do refuxio ás 8 da mañá, coas primeiras luces da alba e xusto cando de novo chamaban os de Emerxencias para saber se chegaramos ou… Así como puxemos un pé na entrada, a Marga xa nos saltou enriba coma se acabaramos de resucitar, e detrás dela foron baixando o resto dos nosos amigos para ver como estabamos. Nós estabamos cansadísimos e mortos de sono, pero ben se vía que eles non durmiran moito -sintoo…-. Namentres Beni lles explicaba a nosa peripecia, eu concentreime no que realmente me importaba: preparar unha sopa de fideos ben espesiña, para poder deitarnos quentes, alimentados e hidratados. Dúas laranxas e media pota de sopa despois, metinme por fin no saco e pódovos asegurar que poucas veces durmín tan profundamente na miña vida. ¡Que gustooooo! 😀 A posteriori, reflexiono sobre o acontecido nas pasadas horas e ademais das  lembranzas que me veñen á cabeza, acompañadas desa característica sensación de acartonamento na boca que sinte un cando se topa cun tramo esixente, fago un balance moi sinxelo do acontecido: cintas e cordinos varios, uns 30€; un cravo, de 6€ a 12€, unha dragoneira, uns 40€ -se teño a sorte de atopala…-; todo o demais…non ten prezo! 😀

Dôme de Neige des Écrins (Les Écrins, Hautes alpes, Francia), vía normal da cara Norte polo Glacier Blanc, 4 e 5 de agosto de 2013.

Fotos de Dôme de Neige des Écrins, vía normal da cara Norte polo Glacier Blanc.Dôme de Neige des Écrins (4.015 m.), vía normal da cara Norte polo Glacier Blanc (F).

O Dôme de Neige des Écrins (4.015 m.) non é unha cima destacable, xa que é apenas unha estribación no estremo da aresta que vai dar ó cumio da Barre des Écrins (4.102 m.), pero a ausencia das dificultades técnicas que si ten a cima principal desta montaña a converten nun obxectivo interesante para os coleccionistas de catromiles ou, simplemente, para os que gustan das travesías glaciares.

1ª ascensión: Non se coñece a data exacta nin o nome do seu primeiro ascensionista, xa que esta cima secundaria non se tivo en consideración durante os tempos da conquista dos Écrins. A referencia máis habitual é a de que o 26 de agosto de 1862, o célebre guía Michel Croz acadou a Breche Lory (a apenas un minutos de fácil percorrido por neve), durante un intento de escalada á Barre des Écrins. En todo caso, a primeira data na que se constata unha ascensión ó seu cumio é a do 21 de xullo de 1877, por parte de Emmanuel Boileau de Castelnau e os guías Pierre Gaspard pai e fillo.

A nosa ascensión:

Estando nos Alpes non podíamos deixar de tentar facer algunha escalada alpina, así que logo de buscar algún obxectivo próximo a Ailefroide, onde nos atopabamos acampados, escollemo-la Barre des Écrins, pola súa vía Normal da cara Norte, a través do Glacier Blanc, ou ben -se as condicións o permitisen-, polo couloir de Barre Noire. Esta segunda alternativa era a que me parecía máis atractiva xa que requiría de ascender uns 300 m. dun corredor duns 50º como máximo -segundo tiña entendido- e logo permitía varias alternativas: subir ó Barre Noire, ou ascender á Barre des Écrins, por un estremo ou por outro da súa aresta.

De calquera xeito, antes de nada é precisa unha xornada de aproximación a pé dende Pré de Madame Carle (1.874 m.), consistente nun ascenso por senda ata algo máis arriba do refuxio do Glacier Blanc (2.542 m.), e logo séguese pola superficie xa do glaciar ata o refuxio dos Écrins (3.175 m.). Tra-la preceptiva pernocta nel (por chamarlle algo, porque un déitase ás sete da tarde e levántase ás dúas ou tres da madrugada…), séguese polo glaciar ata o pé da cara Norte (3.300 m.) do pico, e dende aí ascéndese tamén por neve ata a Bréche Lory (3.974 m.), onde realmente escomezan as dificultades técnicas, xa que precísase de escalar por rocha (con dificultades de ata grao III) e mixto (tramos de neve) uns 500 m. de aresta para supera-los apenas 150 m. de desnivel que quedan ata o cume (4.102 m.). O regreso faise normalmente pola mesma ruta de subida, aínda que hai un par de alternativas de descenso máis directo dende a aresta ata a rimalla da mesma.

Naturalmente unha cousa é velo sobre o papel e outra ben distinta é facelo… 😉 Así foi que, á hora da verdade, conformámonos con chegar ó Dôme.

A primeira xornada collemo-lo coche para achegarnos dende Ailefroide ó gran parking situado na explanada do Pré de Madame Carle (leva uns 15 minutos pola estreita estrada), onde por 2 € pódese estacionar durante 48 horas e, por cada día adicional abónase 1 € máis. Dende aí comeza unha senda claramente sinalizada que leva ata os refuxios da nosa ruta. En teoría, nunha 2 horas acádase o refuxio do Glacier Blanc e, noutras 2 horas máis o refuxio de Écrins, pero a nós levounos unha 6 horas (2 horas e media ata o primeiro refuxio e máis de 3 horas ó seguinte), en lugar das 4 indicadas. Ademais de que os tempos estimados deben estar pensados para xente aclimatada e sen carga (xusto o contrario de nós, que non fixemos aclimatación ningunha e subimos bastante cargados), nós tomamos a ruta alternativa que evita parte do glaciar indo pola ladeira durante un bo tramo, e que supón unha maior distancia e desnivel (é a que se recomenda cando a do glaciar resulta perigosa e coma nós non tiñamos referencias do seu estado, decantámonos por minimizar posibles riscos). Outra cuestión é o feito de que só a aproximación supón uns 1.300 m. de desnivel, para ir durmir por riba dos 3.000 m., polo que en todo momento estivemos atentos a posibles efectos do mal de altura, por se fose convinte aborta-lo noso obxectivo.

Sobre o refuxio é interesante sinalar que se atopa no alto dun espolón rochoso que esixe dun penoso último ascenso de apenas 125 m. dende o pé do glaciar, que se fan interminables, e que serve de lección para que no caso de que ó seguinte día se vaia deixar algún material para a volta, este se coloque entre as rochas da súa base para aforrarse ter que subir novamente ó refuxio a por el.

O refuxio de Écrins está moi ben: é quente, ten unha zona de entrada para deixa-lo material duro e outra intermedia onde descalzarse, hai un par de retretes exteriores pero tamén outro par deles interiores xunto a un lavabos, pódese cociñar nun pequeno rincón acondicionado para elo, conta con auga recollida directamente da montaña polo que advirten que non está “tratada” (recomendan mercala embotellada por 4€ a botella de litro e medio), hai varios dormitorios limpos e acolledores con liteiras que contan con colchón, mantas e almofada, e tamén ofrecen ademais do almorzo e o menú diario da cea, unha pequena carta con algún prato a maiores (tortilla, sopa, doce caseiro, bebidas,…).

Nós unha vez no refuxio ceamos algo do que levabamos e o complementamos mercando aló unha deliciosa tortilla de queixo e unha moi rica infusión, coas que nos deitamos inmediatamente, pouco despois de que empezaran a servir a cea ó resto da xente ás 18h.

A noite foi a típica dun refuxio de montaña: moito calor (houbo incluso quen abriu porta e fiestra e, así e todo, a ratos sobraban as mantas que nos proporcionaran) e os típicos ronquidos e ruídos varios que tanto nos molestan cando queremos conciliar un sono que se resiste a deixarse atrapar. Eu como era a primeira noite que durmía nun colchón dende facía máis de dúas semanas, a verdade é que descansei bastante ben -contrariamente ó que é habitual en min-.

Ás 2:50h. da madrugada, o garda do refuxio espertounos para que baixaramos a almorzar os da quenda das 3 da mañá, que é a hora habitual para os que íamos cara á Barre des Écrins. Eu tomei algunha cousa da que levaba, xa que non me gusta o que normalmente se serve nos almorzos dos refuxios e fastídiame pagar tan caro (neste caso 7,50€) por algo que ata me deixa mal corpo. Logo, entre que nos equipamos, descendemos do refuxio e nos encordamos na base do espolón para atravesa-lo glaciar xa nos deron as 4:30h. da mañá.

Seguimos polo glaciar a pegada e as luces dos que nos precedían ata acada-la base da parede Norte (3.300 m.) cos primeiros raios do amencer (unha hora e media de travesía), e polo camiño vimos por fin o couloir de Barre Noire, que ata ese intre non resultaba visible, oculto dende o refuxio por un contraforte rochoso. Decepcionado pola mal aspecto que presentaba, aínda dubidei un pouco buscando algo que parecese facer máis fácil o seu ascenso, pero… tiña moi mala pinta, así que descartámolo 😦

A ruta pola pendente da cara Norte vai cambiando de ano en ano, zigzagueando para salvar fendas e evitar seracs, cara ó estremo esquerdo da rimalla na base da aresta rochosa somital. Dende aí proséguese cáseque horizontalmente ata o estremo dereito da rimalla, por onde se cruza para acada-la Brèche Lory (3.950 m.) -se se vai ó cume da Barre-, ou seguir facilmente por neve para percorre-la pouca distancia que leva ó Dôme de Neige. Nós tardamos algo máis de 2 horas en acada-la citada rimalla, dende onde decidimos conformarnos co Dôme á vista da situación: por diante nosa se encolaban no inicio da trepada pola primeira punta rochosa tres cordadas, outra dúas cordadas víanse descendendo dende o cumio e necesariamente teríanse que cruzar cos que subisen nalgún punto da estreita aresta rochosa, os 500 m. de percorrido por rocha e neve non nos parecían suficientemente fáciles e considerabamos que xa era bastante tarde co que o sol faría perigoso o noso percorrido de volta baixo os seracs e no glaciar.

Unha hora e media de baixada pola cara Norte, encordados cun catalán que tamén decidira retirarse namentres os seus compañeiros proseguían a ascensión, e outra hora e pico de percorrido polo glaciar leváronnos de novo á base do espolón sobre o que se asenta o refuxio. Aí tomamos un descanso e un bocado, recollemo-la mochila que deixaramos entre as rochas e iniciamo-lo longo percorrido dunhas 4 horas ata Pré de Madame Carle.

Reseñas: