Arquivo

Archive for the ‘Denuncia’ Category

Cuestionario de axuda para a escolla de a quen votar á Presidencia da Federación Galega de Montañismo.

2014 Decembro 11 Deixar un comentario

direccións_640Gustaríame establecer un método científico xeral ó que recurrir para non equivocarme sempre que tivese que elixir entre dúas alternativas. Como aínda non se inventou tal método, tomar una decisión acertada, en moitos casos resulta complicado -cando non imposible-, pero outras veces é suficiente con usa-la nosa capacidad racionalizadora -o sentido común de toda a vida…- e adicarlle un anaco de tempo a analiza-las opcións que se nos presentan.

formulario_640Para o caso das eleccións á Federación Galega de Montañismo eu teño clarísimo que non querría que as cousas seguisen como ata agora, pero para aquelas persoas ou clubes que queiran ir máis aló de ideas preconcibidas ou de experiencias alleas, propóñolles un simple cuestionario con 6 cuestión sobre as que ir marcando os recadros cos que se estea de acordo; ó remate do mesmo bastará con contar en que columna teñen máis marcas, para determinar que alternativa é a que máis lle interesa ou convén.

Simple, verdade…? Tendencioso?… ummm, xa veremos 😀 Botádelle un vistazo e logo opinade; polo menos servirá para reflexionar sobre un asunto ó que seguro que non lle prestamos a debida atención.
A situación é a seguinte: o vindeiro sábado 13 de decembro de 2014, rematará o proceso de eleccións á Federación Galega de Montañismo, coa votación do seu presidente entre os dous candidatos, Alejandro López Sánchez e Adolfo Puch Domínguez; a elección realizarase mediante a votación da Asamblea Xeral, constituída polos estamentos de deportistas, técnicos, árbitros e entidades deportivas.

Para decantarnos por unha ou outra opción, escollede no seguinte formulario as opcións coas que concordades e ó remate saberedes cal é a vosa mellor elección.

  ¿Estás de acordo con que…?   ¿ou, pola contra crees que…?  
1 A inmensa maioría das persoas federadas non poidan votar (cáseque o 90% non teñen dereito a facelo). Haberá que tomar algunha medida para que non suceda, coma ocurriu nestas eleccións, que apenas un 11% das persoas poida votar.
2 A Federación é totalmente transparente e facilita de xeito público e sinxelo toda a información relevante das súas xestións, actuacións, inversións e orzamentos (a súa web resulta un medio organizado e accesible a toda esa información, que se atopa facilmente e se actualiza con axilidade). Sería bó que a obtención da información, que debera de ser accesible para tódolas persoas federadas, non dependese do “colegueo” ou de “pásate por aquí e cóntoche…”, senón que estivera publicada (na web, por exemplo) de xeito que calquera poida consultala cando lle pete ou interese: ¿que problema hai en coñece-las actas cos acordos das xuntanzas, ou os orzamentos e gastos anuais, ou as razóns polas que se subvencionan unhas actividades e outras non, ou …?
3 O reparto dos fondos da Federación entre Clubes e Federados/as non precisa de ningunha publicidade, nin xustificación porque seguro que se atende a criterios obxectivos e se garante a igualdade de oportunidade para todos e todas, xa que os que se veñen beneficiando ata o de agora xa están ó tanto e o resto é mellor que non se meta porque seguro que non hai para todos/as… A mellor garantía dunha xestión xusta dos recursos é a publicidade e apertura pública de prazos de solicitude das convocatorias de axudas, subvencións, premios,…; de tal xeito que todo o mundo poida participar en igualdade de condicións.
4 Non é necesario facer un informe -alomenos anualmente- coas actividades desenvolvidas, apoiadas ou subvencionadas pola Federación cos datos de participación nelas (número de persoas e clubes participantes) e os custes ou inversións realizadas pola Federación, porque non ten ningún interese avalialas de cara a racionaliza-los recursos de cara a vindeiros anos. É de abondo con colgar unhas fotos na web e dicir que estivo todo guai, así que non hai que andar pasando traballos inútiles de análises e comparacións -que dan moito choio-. É imprescindible coñecer en que se invirte (sexa como colaboración ou como financiamento) e que resultados se acadan para avaliar se o traballo ten éxito, se hai que cambiar cousas, se existen descompensacións entre as distintas disciplinas dentro da Federación, ou -incluso- se hai que redeseñar un novo plan director das actividades federativas (digo novo, pero…¿haberá algún plan…?).
5 Hai actividades federativas de abondo para que tódalas persoas de calquera disciplina poidan participar varias veces no ano previo ás eleccións -e así teñan a posibilidade de votar-, xa que se alguén non compite ou o que lle gusta é o esquí, tampouco se lle van caer os aneis por apuntarse a unha carreira de montaña, por exemplo… É difícil propor actividades para tódalas disciplinas, pero precisamente por iso resulta tan importante o anterior punto; en todo caso, xa que a normativa da Xunta en canto ó sistema electoral resulta tan excluínte, debérase de negociar coa Xunta unha modificación na Orde ou, alternativamente, promover algún tipo de “actividade federativa on-line” que faculte a todo o mundo para exerce-lo dereito ó voto.
6 A avaliación da resposta do seguro federativo en caso de accidente non require dun seguimento, nin de análise porque sabemos que sempre van face-lo máis convinte para a persoa federada que requira dos seus servizos. Realizar e publicar unha avaliación anual dos accidentes sufridos polas persoas federadas, as súas causas, a actuación das Aseguradoras, e a valoración que os/as accidentados/as fan desas actuacións, permitiría facer non só un seguimento puramente estatístico, senón tamén sacar conclusións que diminúan a posibilidade de que volvan a repetirse casuísticas ou imprudencias, e, dende logo, resulta imprescindible avaliar dun xeito práctico que compañías funcionan mellor, ofrecen realmente as mellores coberturas e cumpren coas súas obrigas.
Total

Se tes máis recadros sinalados na primeira columna está claro que non te importa a opacidade na información, nin na toma das decisión, e que non te importa estar sometido ó arbitrio, capricho ou nepotismo de quen toma as decisión por capricho, costume ou por interese ou beneficio persoal (cabe calquera destas posibilidades, posto que, dado que as razóns non se exponen, ¿quen sabe se as motivacións son boas -aínda que os métodos non o sexan-, ou malas -como calqueira sospeitaría de quen actúa de xeito tan velado-?). Nese caso, o teu voto está claro…

Pero se sinalaches máis cadros da segunda columna… dá un paso adiante e vota por cambia-las cousas nesta ¿nosa? Federación, para que sexa realmente útil, participativa e representativa.

 

Eleccións á Federación Galega de Montañismo, outubro, novembro e decembro de 2014.

2014 Outubro 23 1 comentario

Xa pasaron 4 anos dende as últimas eleccións á Federación Galega de Montañismo, así que, como obriga a Orde do 3 de abril de 2006 pola que se establecen os criterios para a elaboración de regulamentos e realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, toca novamente elixi-las persoas que conformará a Asamblea e a Presidencia da nosa Federación.

Pero, antes de nada, ¿sabedes cantas persoas teñen o dereito -ou cáseque privilexio…- de poder participar co seu voto na elección dos/as nosos/as representantes?… ¡346 dun total duns 2.000 federados/as! ¡¡¡Apenas un 16%!!!

En realidade o dato é ainda peor, xa que una vez publicado o censo definitivo e tomando como bó o dato de federados/as que a candidatura da actual Presidencia publicou na súa web (na web da Federación non publican eses datos) ¡só poden votar 386 persoas dun total de 3.450, ¡¡¡ apenas un 11%!!!

Semellante despropósito débese á anteriormente referida Orde da Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que estable uns criterios pensados para Federacións Deportivas enfocadas á competición, e non teñen en conta casos como é o das nosas actividades montañeiras, que en nada se asemellan a outros deportes puramente competitivos. Naturalmente é a nosa Federación quen se debera de ter preocupado de “reparar”, na medida do posible, esta absurda situación pola que ¡máis do 80% das persoas federadas non teñen o dereito ó voto!  ¡cáseque o 90% das persoas federadas non teñen o dereito ó voto!

Pero vaiamos por partes e parémonos un momento a reflexionar sobre o traballo desenvolvido por unha Presidencia continuísta coas etapas anteriores, e que desaproveitou a oportunidade de amosarse máis transparente, autocrítica e disposta a aceptar suxerencias ou subsana-las deficiencias que se lle transmitiron.

Como non me gusta falar de oídas ou por terceiras persoas que non coñezo ben, limitareime a citar somentes aquelas cuestións das que eu mesmo me preocupei de lles manifestar, ou que son evidentes en base ós datos que a propia Federación fai públicos.

  • ¿Non sería convinte e contribuirían ademais a mellora-la comunicación e transparencia da Federación, e a fomenta-la participación de tódalas persoas nas súas actividades e decisións face-las seguintes cousas?
    • Facer públicos e accesibles dende a web os Estatutos da Federación.
    • Facer públicos e accesibles dende a web as actas ou alomenos os acordos ós que se chegan nas Asembleas e reunións formais, así como as xestións realizadas perante outros organismos ou entidades,e que poden ser de interese para as persoas federadas.
    • Facer públicos e accesibles dende a web os orzamentos da Federación e o uso que se fai dos cartos, así como os mecanismos, prazos e formalidades precisas para poder optar a subvencións ou apoios por parte da Federación. Sigo sen entender porqué, ano tras ano, subvenciónase o “Campamento de alta montaña” e non outras; ou se hai partidas para apoiar actividades individuais de federados/as, ¿por que non se fai pública unha convocatoria anual para que calquera poida presenta-lo seu proxecto e optar a elas?
    • Facer públicas, para cada actividade e Curso organizado pola Federación, a cantidade de peticións de participación por Club, xunto co número de licencias en vigor de cada Club, de tal xeito que a asignación das prazas feita pola FGM en función do número de licenzas tramitadas o ano anterior, sexa máis transparente.
    • Facer e publicar anualmente un informe coa listaxe das actividades e cursos organizados, realizados e suspendidos, así como o seus correspondentes números de persoas solicitantes e participantes admitidas e rexeitadas.
    • Realizar e publicar unha avaliación anual dos accidentes sufridos polas persoas federadas, as súas causas, a actuación das Aseguradoras, e a valoración que os/as accidentados/as fan desas actuacións. Coido que a Federación debería de facer un seguimento dos casos, tanto porque do coñecemento das causas pódense sacar conclusións que diminúan a posibilidade de que volvan a repetirse casuísticas ou imprudencias; como para poder valorar dun xeito práctico que compañías funcionan mellor, ofrecen realmente as mellores coberturas e cumpren coas súas obrigas.
    • Realizar unha planificación de actividades federativas o suficientemente variada como para que -tendo en conta as restritivas condicións impostas pola Xunta- tódalas disciplinas abarcadas pola Federación teñan a mínima oportunidade de participar no funcionamento da Federación a través do máis básico dos dereitos: a elección das persoas representantes da Federación nos procesos electorais. Isto significa que durante o ano previo á convocatoria de eleccións, debe haber actividades que abarquen a tódalas disciplinas.
    • Diferenciar claramente que actividades son federativas -e polo tanto poden permiti-lo posterior exercicio de participación nos procesos electorais- das que non o son; porque actualmente veñen misturando unhas con outras de tal xeito que, parece que hai unha chea delas, pero logo resulta que hai unha evidente carencia das “de tipo federativo” que impide á inmensa maioría poder participar nas eleccións.
    • Iniciar xestións coa Secretaría Xeral para o Deporte, para que, tendo en conta as peculiaridades da nosa Federación, faga as modificacións precisas na Orde do 3 de abril de 2006 pola que se establecen os criterios para a elaboración de regulamentos e realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, que permitan unha efectiva participación de tódalas persoas federadas nas eleccións.
    • Por último, dado que se premia anualmente a un Club como o Mellor Club de Montaña, deberíanse de publica-los criterios de elección do mesmo, non si?

votoporcorreoDado que a actual Presidencia da Federación Galega de Montañismo, non lle preocupou nestes anos realizar estas tarefas, coido que é bastante evidente que non merece o noso apoio. Pero como eu pertenzo a ese 80% de persoas que non terán dereito a participar nas eleccións só podo pedirvos a aquelas que o tendes, que votedes a calquera outra candidatura alternativa que se presente, ou que -se non a houbese- cando menos non vos fagades cómplices da inoperancia e da opacidade desta Presidencia.

Lembrade, que ademais de presencialmente, podedes solicita-lo voto por correo, do 10 ó 30 de outubro.

Para poder votar por correo terás que solicitalo á Xunta Electoral e enviar unha carta por CORREO CERTIFICADO, como a do modelo achegado máis abaixo, á sede da Federación Galega de Montañismo en Vigo. Tedes as instrucións e o modelo dispoñibles en http://eleccionsfgm.wordpress.com/como-votar/, onde tamén proximamente parece ser que publicarán unha candidatura alternativa.

Carta certificada (tarifa de Correos: 2,80 euros)

Destinatario:

Xunta Electoral – Federación Galega de Montañismo – Rua Luis Ksado n.º 17, of. 10, CP 36209 (Vigo).

Contido da carta:

“Don _____________________ con domicilio para os efectos de notificacións en ____________________________, DNI n.º _______________, na miña condición de _______________(deportista, arbitro ou técnico), do club ________________, segundo o recollido no Censo Electoral publicado por esta Federación, ante a Xunta Electoral comparezo e no meu nome e Dereito

SOLICITO o exercicio do voto por correo segundo o contido no artigo 14 do Regulamento Electoral da Federación Galega de Montañismo.

En ____________ a __ de outubro de 2014.

ASINADO ________________”

envío do voto por correo

O prazo para o envío do voto por correo remata o 14 de novembro.

As persoas que solicitastes votar por correo, recibiredes, entre o 4 e o 8 de novembro, un sobre, unha papeleta e un certificado.

Deberás selecciona-los teus/túas 9 representantes na papeleta e introducila no sobre de eleccións.

Este sobre coa papeleta, deberás introducila noutro sobre, xunto cunha copia do teu DNI e o certificado (que deberás asinar).

Deberás envialo todo por CORREO CERTIFICADO URXENTE ó seguinte enderezo, antes do 14 de novembro:

Destinatario:

Eleccions a Asemblea Xeral da Federación Galega de Montañismo. Secretaría Xeral para o deporte.

Estadio Multiusos de San Lázaro, porta 4.

Santiago de Compostela – CP 15781 (A Coruña).

 

E no anverso do sobre debes poñer como remitente o teu nome e apelidos, e indicar que se trata do Estamento de Deportistas.

 

En canto ós/ás candidatos/as a votar, nesta ocación hai, por fin!, unha candidatura alternativa que propón 7 deportistas:

  • Abilleira Rodriguez, María Jesús (CM Pontevedra) – Montañeira
  • Barro Casal, Víctor (Club Alpino Ourensan) – Alpinista
  • Diz Carrera, Jorge (Xesteiras, Cuntis) – Corredor
  • Feijoó Fernández, Miguel (Club o Veral, Lugo) – Escalador
  • Louro Fuentes, Alfonso (Artabros, A Coruña) – Escalador
  • Juan Carlos Morais Matos (CM Pontevedra) – Montañeiro
  • Seco Fernández, Rubén (AME Bestarruza, Mugardos) – Corredor

Na papeleta podes indicar a 9 deportistas, pero para tentar que as cousas muden nesta ¿nosa? Federación pídovos que incluades a esas 7 persoas.

Suxerencias e propostas para a Federación Galega de Montañismo. Xuño de 2011.

Tra-la constitución da nova Xunta Directiva da Federación Galega de Montañismo en Xaneiro de 2011, unha carta de saúdo do novo Presidente publicada na súa web, e a celebración dunha reunión en cada provincia á que se invitou ós Clubes das mesmas, parecía que se pretendía coller algo de impulso para iniciar unha nova etapa con maior participación, comunicación e transparencia.

Polo de agora, a Federación aínda non comentou nada desa rolda de conversas cos Clubes das 4 provincias galegas, pero alomenos o Clube de Montaña Pico do Castro, publicou na súa web un relato do falado, cousa que hailles que agradecer.

En todo caso, en resposta á disposición a escoita-las suxestións das persoas federadas, manifestadas na carta de saúdo do novo Presidente e na circular de invitación na que se advirte da reedición da Revista Cumes da Federación, achegueilles unha serie de propostas que, de seguido reproduzo.

Estimados/as sres/sras. da Federación Galega de Montañismo.

En resposta á súa disposición a escoita-las suxestións das persoas federadas, achégolles unha serie de propostas, algunhas das cales xa lles transmitín en anteriores ocasións sen que fosen atendidas, e que considero que contribuirían a, por unha banda, mellora-la comunicación e transparencia da propia Federación, e pola outra, fomenta-la participación de tódalas persoas nas súas actividades e decisións.

  • Facer públicos e accesibles dende a web os Estatutos da Federación.
  • Facer públicos e accesibles dende a web as actas ou alomenos os acordos ós que se chegan nas Asembleas e reunións formais, así como as xestións realizadas perante outros organismos ou entidades,e que poden ser de interese para as persoas federadas.
  • Informar coa debida antelación e precisión das condicións e prezos das Aseguradoras e coberturas das licenzas federativas para que xa ó comezo do novo ano, aquelas persoas que queiran estar aseguradas dende o primeiro día, poidan estar cubertos e coñecendo perfectamente as condicións do que se contrata, sen ter que face-lo “a cegas”.
  • Realizar e publicar unha avaliación anual dos accidentes sufridos polas persoas federadas, as súas causas, a actuación das Aseguradoras, e a valoración que os/as accidentados/as fan desas actuacións. Coido que a Federación debería de facer un seguimento dos casos, tanto porque do coñecemento das causas pódense sacar conclusións que diminúan a posibilidade de que volvan a repetirse casuísticas ou imprudencias; como para poder valorar dun xeito práctico que compañías funcionan mellor, ofrecen realmente as mellores coberturas e cumpren coas súas obrigas.
  • Facer públicos e accesibles dende a web os orzamentos da Federación e o uso que se fai dos cartos.
  • Facer públicas, para cada actividade e Curso organizado pola Federación, a cantidade de peticións de participación por Club, xunto co número de licencias en vigor de cada Club, de tal xeito que a asignación das prazas feita pola FGM en función do número de licenzas tramitadas o ano anterior, sexa máis transparente.
  • Facer e publicar anualmente un informe coa listaxe das actividades e cursos organizados, realizados e suspendidos, así como o seus correspondentes números de persoas solicitantes e participantes admitidas e rexeitadas.
  • Realizar unha planificación de actividades federativas o suficientemente variada como para que -tendo en conta as restritivas condicións impostas pola Xunta- tódalas disciplinas abarcadas pola Federación teñan a mínima oportunidade de participar no funcionamento da Federación a través do máis básico dos dereitos: a elección das persoas representantes da Federación nos procesos electorais. Isto significa que durante o ano previo á convocatoria de eleccións, debe haber actividades que abarquen a tódalas disciplinas.
  • Diferenciar claramente que actividades son federativas -e polo tanto poden permiti-lo posterior exercicio de participación nos procesos electorais- das que non o son; porque actualmente veñen misturando unhas con outras de tal xeito que, parece que hai unha chea delas, pero logo resulta que hai unha evidente carencia das “de tipo federativo” que impide á inmensa maioría poder participar nas eleccións.
  • Iniciar xestións coa Secretaría Xeral para o Deporte, para que, tendo en conta as peculiaridades da nosa Federación, faga as modificacións precisas na Orde do 3 de abril de 2006 pola que se establecen os criterios para a elaboración de regulamentos e realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, que permitan unha efectiva participación de tódalas persoas federadas nas eleccións.
  • Facer públicas, tanto na web como nos propios Refuxios, as normas que rexen a súa reserva e funcionamento. Porque non é normal que nalgún refuxio cando lle preguntes sobre isto á “persoa encargada”, esta che diga que “te organices como queiras” e que “non hai ningunha norma”; así que, se un quere madrugar e outros queren facer festa ata as tantas, pois que se poñan de acordo entre eles, ¿non?… Ou tampouco parece normal que se reserve completamente un refuxio (30 prazas) que se ocupa minimamente (6 prazas), para unha actividade da Federación ou dun Club, rexeitando as peticións de reserva que outras persoas fagan logo.
  • Por último, dado que na web non figura ningunha información ó respecto, supoño que xa non se premia anualmente a un Club como o Mellor Club de Montaña, pero se non é así, deberíase de darlle a debida publicidade na web, así como tamén publica-los criterios de elección.

Atte.

1ª Andaina reivindicativa pola Serra do Galiñeiro, 20 de febreiro de 2011.

2011 Febreiro 21 Deixar un comentario

A 1ª Andaina Reivindicativa pola Serra do Galiñeiro, convocada para o Domingo 20 de febreiro de 2011, pola Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro, celebrouse nun día de tempo desapacible, na que a néboa e o persistente orballo non arredaron ós máis dun milleiro longo de persoas participantes.

 

Pese ó mal tempo, moitísima xente achegouse ata o Parque Forestal do Galiñeiro, na parroquia de Vincios (Concello de Gondomar) para a amosa-lo seu rexeitamento á instalación do parque eólico recentemente adxudicado pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, a unha multinacional.
A andaina, organizada polo Club Montañeiros Celtas e o Club Peña Trevinca, iniciouse no merendeiro do Parque e decorreu polo antigo camiño, hoxe pista forestal, que arrodea a Serra do Galiñeiro, pasando polo vértice xeodésico ós 704 m. de altitude, onde se fixo a lectura do Manifesto pola protección da Serra do Galiñeiro, antes de descender ata o punto de partida.

É de agradecer a masiva e animosa participación de tódalas persoas asistentes e, especialmente, a boa organización e traballo do voluntariado do Club Montañeiros Celtas e do Club Peña Trevinca – Montañeiros de Galicia.

1ª andaina reivindicativa pola Serra do Galiñeiro

Esta andaina é unha das primeiras actividades masivas realizadas para opoñerse e amosa-lo rexeitamento á instalación dun parque eólico en terreos da Comunidade de Montes de Vincios, no Monte Galiñeiro, nos que o actual Goberno Galego adxudicou a explotación de 39 megavatios á empresa TERRA DO VENTO S.R.L. (da que é socio único a multinacional ELEMENT POWER ESPAÑA S.L.), constituída en Ourense fai menos dun ano, expresamente para participar no polémico concurso eólico resolto o pasado 18 de novembro de 2010. A Comunidade de Montes de Vincios e a Entidade Local Menor de Morgadáns son as administracións con maior cantidade de terras dentro da zona afectada.

A medida é parte da resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ó abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia. Industria recalca que a zona TV-20 Serra do Galiñeiro, nome có que a Xunta designa ó emblemático parque natural do Val Miñor,  é apta para a instalación dos 13 muíños de 150 metros, que están recollidos no el anteproxecto da empresa.

A Xunta de Galicia, coa aprobación deste Plan, segue sen preocuparse de facer unha ordenación do territorio na que se determine que lugares son válidos para uns ou outros fins, e na que se teña en conta o seu valor ambiental e patrimonial, no canto de, unicamente, os intereses das grandes empresas.

Hai que sinalar que nesta zona, ademais da existencia de Comunidades de Montes que fan unha xestión produtiva dos terreos, o Galiñeiro ten numerosos valores ambientais e paisaxísticos, unha flora e fauna de escasa presenza en Galicia, un rico patrimonio xeolóxico e unha singular importancia etnográfica e arqueolóxica.

 

  • TERRA DO VENTO SRL foi constituída o 21/04/2010, segundo información recollida no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil de Ourense.
  • ELEMENT POWER ESPAÑA SL é á súa vez filial da multinacional Hudson Clean Energy Partners con sede nos Estados Unidos de América.
  • A Televisión de Galicia fíxose eco da oposición á instalación do parque eólico na Serra do Galiñeiro, no telexornal noite do 3 de febreiro de 2010, nunha interesante crónica na que se explican escuetamente as razóns do seu rexeitamento popular.

Escrito ó Comité de Xustiza Deportiva de Galicia, ó respecto das eleccións na Federación Galega de Montañismo do 2010

2010 Novembro 24 Deixar un comentario

Estaba tan molesto co despropósito das eleccións do 2010 na Federación que mandeilles un par de correos electrónicos queixándome duramente.

Decidín entón queixarme tamén no Comité de Xustiza Deportiva, así que busquei no DOG do 9 de setembro de 2010 a Orde do 8 de setembro de 2010 pola que se establecen os criterios para a elaboración de regulamentos e a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas.

Pois resulta que as culpas pódense repartir entre Consellería de Administracións e Federación, porque as restricións para votar deportistas e clubes, veñen dadas pola Orde da Consellería -incrible…!-.

Así e todo como motivos para protestar do funcionamento da Federación segue habendo, mandeilles o texto que de seguido reproduzo, cumprimentando un formulario que teñen na súa web:
http://deportegalego.es/index.php?idMenu=44&idIdioma=2

Son Ricardo ——– (con enderezo n——————-; e DNI: ——————–), un deportista federado na Federación Galega de Montañismo.

Nestes intres está en marcha o proceso de eleccións para a constitución da Asamblea  Xeral da Federación Galega de Montañismo, da Comisión Delegada e designación do Presidente/a.

Na web da Federación figura o censo electoral e o regulamento que rixe nas eleccións:
http://www.fgmontanismo.com/eleccionsXeral.html.

Dito regulamento supoño que xa lle foi remitido á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e que esta non debeu de atopar deficiencias para a súa devolución posto que é o que rixe nas presentes eleccións.

Os requisitos para ser electores/as e elixibles, establécense no artigo 8º, apartado 1 do citado Regulamento, onde se esixe:

  • No caso dos estamentos constituídos por persoas físicas (deportistas, adestradores e árbitros/xuíces), que se teña participado nun mínimo dunha actividade oficial na tempada deportiva anterior.

No artigo 8, apartado 2 establécese como actividade deportiva:

  • aquela que estivera reflectida nos correspondentes calendarios oficiais aprobados pola Asemblea Xeral.

Eu quixera manifestarlles a miña indignación pola arbitrariedade e antidemocrático xeito en que desenvólvese dito proceso, por se debera ser obxecto de recurso perante vostedes, o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

En concreto ó respecto das condicións para poder exerce-lo voto no estamento de deportistas, resulta que as actividades que dan dereito ó voto non se sabe cales son, posto que a Federación non publica o calendario oficial aprobado pola Asamblea Xeral, e, por exemplo, na súa páxina web figura un calendario de actividades anual no que non se concreta que actividades correspóndese coas oficialmente aprobadas e cales non. Esta falta de transparencia na xestión da Federación causa unha evidente indefensión no/a deportista, que pese a ter participado en actividades publicitadas pola Federación, chegado o proceso electoral non sabe se ten dereito ó voto ou non.

Así pois hai dous tipos de actividades: as que dan dereito a voto e as que non -iso si, ben misturadas na web da Federación e sen nada que distinga as aprobadas en Asamblea Xeral das “outras de menor consideración”-.

E indo máis lonxe, non estaría de máis que se detallasen as actividades xunto co seu custe e cales non se suspenderon para deixar clariño cantas oportunidades de voto temos os deportistas e cantos cartos nos custa poder votar.

En resumo:

  • Para votar hai que participar nunhas actividades que non se sabe cales son, porque na web non aparece nin a acta da Asamblea xeral, nin o detalle das “actividades federativas”.
  • Salvo que nesas actividades oficiais haxa algunha de balde, resulta que para exerce-lo dereito a votar haberá que pagar.

Por estas razóns, entendo que se está coartando o dereito de participación dos/as deportistas no proceso electoral, motivo polo que lles remito o presente escrito por se fose da súa competencia a toma de medidas para correxir esta situación.

Por outra banda, aproveito a ocasión para comentar ó respecto da Orde do 8 de setembro de 2010 pola que se establecen os criterios para a elaboración de regulamentos e a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, que non entendo a razón da absurda restrición que a Consellaría de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza impón, discriminando a aqueles federados e federadas que teñan participado en actividades federativas durante os anos anteriores ó pre-electoral. Así unha persoa pode haber participado en TÓDALAS actividades durante os 2 primeiros anos dun mandato e logo resulta que non pode votar por unha absurda e arbitraria norma de que só contan as actividades do último ano -todo un alarde de senrazón; ¿que pasa, é que as actividades dos outros anos non teñen o mesmo valor?-.

Entendo que a proposta de modificación dunha Orde non entra nas súas competencias, pero tal vez poderían trasladarlle esta última apreciación miña a quen corresponda.

Atte.

Ricardo