Arquivo

Archive for the ‘Escalada deportiva’ Category

Etxauri, Peñas de San Fausto e Axkin Arrondo (Navarra / Nafarroa), agosto de 2019.

2019 Agosto 23 1 comentario

Escalada deportiva en Navarra / Nafarroa.

Árbore que xurde entre a rocha de La Rueca, en Etxauri.7 anos despois da nosa anterior visita volvimos a Navarra/Nafarroa. 🙂

O comezo da viaxe, pola miña banda, foi algo accidentado por mor duns escatolóxicos problemas que mellor vos aforro, e que fixeron que me perdese os primeiros días de escalada nos que o resto da xentiña achegouse a Villanueva de Valdegovia/Uribarri Gaubea e a Batxikabo (ambos lugares no concello de Valdegovia/Gaubea, na provincia Araba/Álava, en Euskadi).

Aínda que eu todavía algo tocado, para as restantes xornadas xuntámonos no camping de Riezu, xa en Nafarroa, que nos serviría de campo base dende o que achegarnos a Etxauri, San Fausto e Axkin Arrondo (esta última xa distancia algo máis: hora e media aproximadamente dende o camping).

Durante todos eses días aloxamonos no camping de Riezu, estratexicamente situado a medio camiño entre Etxauri e as Peñas de San Fausto, e no que ceamos bastante ben cando o fixemos. Recomendabilísimo tamén o restaurante Casanova, en Estella/Lizarra con moi boa comida a prezo asequible. E quedámonos coas gañas de proba-las hamburguesas caseras do Txiritinga, das que nos falaron moi ben, mesmo ó carón do noso camping, na localidade de Riezu.

Estella/Lizarra e Pamplona están en direccións opostas, pero dependendo de a que escola nos dirixiamos, unha das dúas vilas sempre quedaba suficientemente perto como para poder achegarse a ela rapidamente.

 

Etxauri

Mapa de accesos e sectores de Etxauri. Fonte: https://issuu.com/rutasnavarra/docs/miniguia_escalada/10
Fotos de escalada deportiva en Etxauri (Navarra / Nafarroa).Tivemo-la inmensa sorte de que Carlos Velázquez, o autor de “Escalada en Navarra. Guía completa” nos acompañase varios días recomendándonos e presentándonos novas vías e sectores, así que non puidemos contar con mellor Cicerone. Incluso, un par de tardes, a nosa paisana Luísa (xa na práctica pamplonica de adopción) viuse a escalar tamén connosco, así que o pracer foi dobre. 🙂

Empezamos polo sector Espolón del Indio, na zona das Gradas de Ciriza, en Etxauri, onde xa apreciamos as que serían as características habituais da escalada durante estes días: vías moi boas e longuísimas (de 40 metros ou incluso máis!; hai que levar cordas de 80 metros -e incluso empeza a ser habitual de 100 m-). A orientación é sur, así que tivemos sorte cun tempo algo nuboso que nos permitiu escalar, xa que cando fai sol é mellor non achegarse por Etxauri, salvo nalgúns poucos rincóns que teñen algunhas horas de sombra.

Ó seguinte día xa comprobamos como é mellor evitar escalar ó sol, cando o sufrimos durante a nosa visita ó sector Peña Roya, bastante separado dos demais, e ó que se accede por unha pista que comeza no remate da propia localidade de Etxauri en dirección a Pamplona, na que pódense deixar 4 ou 5 vehículos xunto a un depósito de augas, a partir do que hai que camiñar á busca dos muros, novamente seguindo as indicacións que nos deu Carlos.

E o último día da nosa estancia en Nafarroa empezamos aproveitando a sombra matinal do sector Kiriako, para logo seguir perseguindo a sombra polos sectores El Huso e La Rueca, nos que pese a evita-lo sol, non puidemos escapar da calor.

 

Peñas de San Fausto

 Sectores en San Fausto. Fonte: http://lagarafa.blogspot.com/2016/06/san-fausto.html
Fotos de escalada deportiva en San Fausto (Estella-Lizarra, Navarra/Nafarroa).En San Fausto, recoñecido como o paraíso do sexto grao, xa estivera aínda que desta volta adicamos a mañá a unhas novas vías que no figuran na guía, no extremo esquerdo do sector Prehistoria, amais doutras que si que figuraban na guía de escalada.

Pola tarde, coas referencias que nos deu Carlos buscamos o permanentemente fresco e sombreado sector Erreka (no mapa do lado aparece co nome de Lezapia), onde só Rafa estaba capacitado para enfrotarse ás súas vías, así que namentres el adicouse a facer varias de sétimo grao -e pode que incluso un oitavo-, o resto aproveitamos para tomarno-la sesión de descanso, observando as súas evolucións (ah, que tranquila é a vida contemplativa… 😉 ). Se facedes 7b ou máis, seguramente este debe de se-lo voso sector favorito da escola, porque aínda que só debe haber media ducia de vías, a diferencia do resto dos sectores, ningunha está por debaixo de 7a, e hai incluso algún 8a; e completamente á sombra todo o día. Aínda por riba a aproximación é practicamente nula dende a estrada, pese a que non hai moito sitio para aparcar na cuneta da estrada, e a entrada ó sector está moi pouco marcada xa que a vexetación a disimula ben.

Ollo coas restricións de escalada, xa que hai varios sectores afectados durante algúns periodos do ano. Hai unha fonte de auga fresca en Eraul, xunto ó aparcadoiro dende o que comeza a ruta cara ós sectores de escalada. Se queredes máis datos sobre a aproximación podedes velos na anterior entrada que neste blogue adiqueille a San Fausto. Ó saír da vila pola rúa Ticularrenta, a última vivenda a man dereita é unha pizzeria, Panpinela, que durante as fins de semana ofrecen unhas riquísimas pizzas artesáns, feitas en forno de leña.

 

Axkin Arrondo

 Aproximación e sectores de escalada de Axkin Arrondo. Fonte: http://www.nafarmendi.org/contenido/axkin-arrondo-elgorriaga-sunbilla
Fotos de escalada deportiva en Axkin Arrondo (Navarra / Nafarroa).As nosas forzas ían minguando, pero a nosa admiración aínda non pararía de crecer cando visitamo-la escola de Axkin Arrondo, tamén coñecida como Sunbilla (Elgorriaga), que é o nome da localidade pola que se solía acceder antes de que problemas co propietario dunha finca pola que se pasaba obrigasen a buscar un novo acceso alternativo, que agora se fai pola golada de Bostorratz.

Longas vías dun conglomerado similar a Riglos, pero de canto máis pequeno e sen panzas, completamente á sombra, son a tónica deste máxico lugar.

Na guía de escalada en Navarra aparecen algunhas poucas vías, pero na actualidade hai moitas máis, polo que namentres agardades ansiosamente a publicación da nova guía teredes que usa-los croquis dos enlaces que inclúo nesta publicación.

 

Croquis e guías de escalada:

 

Convocatoria dunha xornada de traballos para a restauración do pé de vía do sector Binaca, Monte Galiñeiro.

2019 Xuño 30 1 comentario

Convocatoria dunha xornada obreira de restauración do pé de vía do sector Binaca.

Erosión do pé de vía do sector Binaca.A nosa intención é facer todo o choio nunha soa xornada que, dependendo de canta xente acuda a colaborar, durará medio día ou -ó mellor- todo o día.

Por suposto, calquera pode achegarse libremente a botar unha man (mellor as dúas) cando lle pete, pero imos establecer como hora de concentración para empeza-los traballos as 09:30h da mañá do sábado 6 de xullo, xunto ó refuxio do Monte Galiñeiro..

O único material que cada quen debe traer son luvas (para non manca-las mans ó trinca-las pedras), roupa para traballar e un bocadillo (que seguro que fará boa falta 😉 ).

Pregamos que difundades esta convocatoria e agradeceriamos que as persoas que queiran confirmar que se achegarán ese día nos avisedes, ben persoalmente decíndonolo a Carducho ou a min, ou se non nos vedes ou coñecedes, mediante un correo electrónico a trepadasecordadas@gmail.com. En todo caso se vides sen avisar seredes igualmente benvidos/as.

Toda a info en: Restauración do pé de vía do sector Binaca.

 Erosión do pé de vía do sector Binaca.O pé de vía do sector Binaca perdeu todo o manto de herba que orixinalmente tiña e como consecuencia delo, a erosión socavou máis de medio metro o nivel do chan, deixando un pé de vía en pendente con terra solta e pedras ó descuberto que dificultan tanto o paso como o inicio da escalada e aseguramento; e cun estado que cada vez empeora máis rapidamente.

Volver a crear un novo chan nivelado, con pouca pendente e estable, require da colocación de pedras de gran tamaño encofradas coa madeira apañada nas proximidades para construír uns socalcos escalonados. Localizar e traer dende as proximidades unha cantidade de pedras -e de tan grandes dimensións- como as necesarias, así como trasladar terra de abondo para asentalas e cubrilas, supón un duro traballo para o que se precisaría da colaboración de canta máis xente mellor.

Asemade, para evitar que siga deteriorándose o pé de vía, pretendemos abrir senda un par de metros máis separados do muro, para que o tránsito de subida e baixada ós sectores de escalada principais non contribúa de novo á erosión do que agora reparemos.


Actualización (06/07/2019).

Unha vez realizados os traballos podedes ve-lo proceso e resultado en:
https://trepadas.wordpress.com/convocatorias/restauracion-do-pe-de-via-do-sector-binaca-monte-galineiro-gondomar-pontevedra-galiza/#thefuckingwall

Escalada deportiva en Hoces Free (Vegacervera, León) e Villanueva de la Tercia (Villamanín, León), 4 e 5 de maio de 2019.

Fotos de Hoces Free (Vegacervera (León), 4 de maio de 2019Hoces Free (Vegacervera)

De novo unha viaxe rápida de fin de semana á que nos apuntamos Inma, Rafa e eu, para adicarlle un día completo á escola de Hoces Free, un lugar que xa coñeciamos de anteriores incursións, e a media xornada seguinte a unha nova zona -para nós- en Villanueva de la Tercia, ambas en León.

Contabamos con que faría frío pero algo de sol, así que dado que ambas escolas teñen orientacións soleadas, pensabamos que serían unha boa opción, aínda que finalmente non houbo nubes protectoras, nin temperaturas frías, así que… 😉

Para durmir “axustámonos” na furgo, no pequeno prado xunto á cuneta onde se acostuma a estacionar, e para cear fomos ó mesón La Cocinoa, que tampouco é que fose -para min- dos de repetir…

  • Camping municipal das Hoces de Vegacervera: http://www.aytovegacervera.com/campingvegacervera.htm
  • Mesón La Cocinona en Vegacervera: https://es-es.facebook.com/pages/Mes%C3%B3n-la-Cocinona/169007516469343
  • Albergue Fuente del Oso, en Aviados
  • Tenda de alimentación na estrada principal de Barrio Estación de Matallana de Torío.

Croquis de Hoces Free:

O tempo en Vegacervera:

Villanueva de la Tercia

Fotos de Villanueva de la Tercia (Villamanín (León), 5 de maio de 2019Durmimos xunto á zona de aparcar baixo Hoces Free, para á mañá seguinte achegarnos ata Villanueva de la Tercia, pequena localidade con fonte pero sen moito sitio no que aparcar… Nos croquis dise que é posible mete-lo coche por pista que vai por baixo da vía do tren para chegar a unha ampla explanada na que estacionar pero, salvo que se teña un tractor, a pista non está practicable seguramente porque algún torrente causado polas choivas a destrozou.

A aproximación obriga a pasar por un pastor eléctrico e posteriormente un arame de púas, para situarnos no primeiro sector nuns 20 minutos de camiñada. Só estivemos no sector Competición, e pouco fixemos antes de regresar a Vigo, pero este é un muro impresionante con numerosas vías longas.

Croquis de Villanueva de la Tercia:

O tempo en Villamanín:

Canteira do Eume, 31 de marzo de 2019.

Fotos de escalada deportiva no encoro do Eume. 31 de marzo de 2019.Rafa, Inma, Carducho e eu viñamos dunha xornada de escalada en Cabo Prior, con intención de pasa-lo día na zona da canteira, no Eume. Eu xa tiña estado en varias ocasións anteriores nesta escola, pero salvo un par de veces que fixeramos algo de deportiva, o habitual era que viñeramos a facer parede nalgunha das vías que suben dende o cauce do río, por embaixo do encoro, ata a canteira -que por algo estas son as vías máis longas de Galicia 😉 -.

Sen embargo, desta volta o obxectivo era puramente deportivo, así que ademais dalgunha vía nos sectores Kamikaze e Bolboreta, tiven a oportunidade de estrearme na parede da Araña, da que me sorprendeu que pese ó aspecto lixoso das súas vías -e o alto da primeira chapa das vías!-, estas son destino frecuente de moita xente, así que son perfectamente escalables (alomenos se tes nivel de abondo para elas, que non é o meu caso -hehehehe…).

Lembrade, que dado que estamos nun espazo protexido de Galicia, e que a Xunta segue sen permiti-la escalada sen previa autorización nestes lugares, é obrigado solicita-lo permiso pertinente, aínda que neste caso o trámite pódese facer por Internet remitindo un correo electrónico, segundo as instrucións que figuran na web da Federación Galega de Montañismo:

será requisito necesario presentar vía correo electrónico unha solicitude que a autorice.
* Os datos que figurarán na solicitude teñen que ser, a data, o sector e o número de escaladores.
* O correo electrónico hai que envialo con acuse de recibo
A dirección de envío do correo electrónico é a seguinte: conservacion.co@xunta.es con copia a: fragas.eume@xunta.es

Croquis das vías en:

O tempo en Pontedeume: http://www.aemet.es/es/eltiempo/prediccion/municipios/pontedeume-id15069

Cabo Prior (Ferrol), 30 de marzo de 2019

2019 Marzo 30 1 comentario

Fotos da escola de escalada de Cabo Prior (Ferrol).Esta era a miña segunda visita ós cantís de Cabo Prior, na Costa da Morte, e desta vez xuntámonos Carducho, Inma e Rafa, para quedar aló con Miguel Seoane, que coma bo coñecedor da zona, e descubridor e aperturista de varios dos seus novos sectores, fíxonos de excelente cicerone amosándonos, ademais das súas vías, algúns dos traballos de protección de asentamentos de aves, e de redución dos efectos da erosión nas aproximacións e bases de sectores, que ven realizando na zona. Quedei moi impresionado con algúns deses traballos que está a desenvolver practicamente en solitario, e polo que non só merece o noso recoñecemento, senón tamén que contribuiramos nese esforzo altruísta, do que todos/as nos beneficiamos, con algo de colaboración pola nosa parte: hai que botar unha man, meus…

Ás novas aperturas súmanse as orixinais para acadar unhas trescentas vías espalladas en varios currunchos, algúns deles de arriscada aproximación e con condicionantes ligados tanto a mareas e ondadas, como a factores climatolóxicos (vento, humidade,…), polo que escalar aquí obriga a coñecer ben a zona ou acompañarse dalgún dos/as seus/súas nativos/as. Así e todo, ás veces, nin así se acerta coa elección do día e o lugar: nós, por exemplo, achegámonos -coido- ó sector Kioma, pero atopámolo mollado, así que como alternativa fomos ós novos sectores de El Cable e Recodo Piscina.

Para durmir, metemo-los coches por malas pistas ata un precioso lugar no medio dun piñeiral, preto dos cantís, nalgún punto entre a Punta de San Xurxo e a praia de Lobadiz -creo…-. Nel, non só topámonos co rastro da actividade dos xabarís, senón que incluso puidemos ver algún corzo que rapidamente escondeuse de nós entre a arboreda. Lástima que a néboa matinal non nos deixase desfrutar dunhas seguro que maravillosas vistas antes de marchar.

Información e croquis:

 

No lugar de Aldea Ragón, na parroquia de Cobas (concello de Ferrol), hai bares, restaurantes, tendas e panadaría.

Ademais do Camping As Cabazas (a menos de 5 km do faro de Cabo Prior), doutro lado da estrada hai un aparcadoiro grande con fonte e baños.

O tempo en Ferrol: