Escalada deportiva preto de Boñar (León), do 9 ó 23 de agosto de 2020: Valdehuesa, Fuentes de Peñacorada, Aviados, Piedrasecha e Llombera.
Neste verán de COVID-19 a mellor opción era a de non viaxar moito, así que escollemos León, con centro de operacións en Boñar, como o destino das nosas vacacións. Nesta localidade xa estiveramos outras veces aproveitando o seu barato camping municipal e a súa estratéxica ubicación preto de numerosas escolas de escalada.
En Boñar hai todo tipo de servizos, incluído o cámping municipal, El Soto, moi barato (11 Euros por día con independenza do número de persoas, tenda, coche ou uso ou non da auga quente nas duchas), varios restaurantes na vila e cáseque todos ofrecen menús do día por uns 10€ pola semán e 14€ a fin de semán (no restaurante Viejo, as patacas con ali-oli está boísimas!, pero non as inclúen na carta -non sei porqué…-), tendas, farmacias,…
Sen ideas prefixadas, ó parvo botamos 2 semáns aló escalando deportiva e coñecendo algúns sitios nos que nunca estiveramos. Tivemos 2 ou 3 xornadas de choiva que nos serviron de excusa para descansar e recompoñer algo xemas e músculos, pero o resto dos días escalamos sempre, pese a que a calor e mailo sol, non nos deron moita tregua.
Do repaso do noso periplo destas vacacións, aproveito para reseña-las escolas que visitamos e comentar algúns detalles que poden ser útiles para futuras visitas a estes lugares.
Valdehuesa.
A apenas un cuarto de hora en coche dende Boñar, Valdehuesa é a escola máis grande de León con cáseque unhas 300 vías e, polo tanto o principal destino de escalada partindo desta vila. A súa caliza conta con graos para tódolos niveis, pero a súa orientación é predominantemente Sur, así que no verán non é a mellor opción; sen embargo, os sectores a partir de Gaita del Negro para arriba pasan á sombra dende as 18h, aproximadamente, en verán, así que indo a última hora da tarde pódese escalar a gusto neles, e os restantes sectores só están á sombra nas primeiras horas do día, ate as 11h coma moito, no mellor dos casos. O bosque de rebolos ó pé da parede principal ofrece unha boa sombra na que xantar ou bota-la siesta, á espera da protectora sombra da tarde.
As vías dos sectores inferiores, especialmente as de graos máis baixos, están bastante sobadas así que non son moi recomendables, pero nesta viaxe levámonos unha grata sorpresa ó visita-lo sector La Fuente, que é pouco frecuentado ó estar separado da parede principal e accederse dende outro punto diferente, así que as súas vías non están en absoluto pulidas, e debe ser raro coincidir con máis dunha cordada en todo o muro; iso si, que se escalen pouco conleva que algunhas delas estean algo suxas de vexetación.
Existen restricións para a escalada durante todo o verán (do 1 de abril ó 31 de agosto) por nidificación, nos sectores superiores (Celtas sin Filtro, Nacido para volar, La Collada e Ojo crítico), así que hai que telo en conta e observa-los cartazos que colocan no acceso ós sectores nos períodos nos que se prohibe a escalada. Podedes consulta-la regulación de Valdehuesa na páxina de montanaregulada.org: https://montanaregulada.org/area/valdehuesa
Debemos ser coidadosos cos prados que están ó pé das vías, pois son particulares e os usan para herba do gando.
Hai un restaurante e auga nunha fonte á entrada da aldea de Valdehuesa, a apenas un quilómetro da parede.
Para chegar á parede, débese de colle-lo desvío a Boñar da estrada León-Valladolid, continuando en dirección ó Porto de San Isidro; xusto antes do encoro hai unha desviación á esquerda que nos leva a Valdehuesa. Un km antes da aldea xa se ve a parede principal a man dereita, mentras que a parede do sector La Fuente está a man esquerda, do lado contrario, nun alto algo máis preto de Valdehuesa.
Un exemplo de irresponsabilidade e risco…
A esta escola foi á que máis xornadas de escalada adicamos e non me resisto a aproveita-la ocasión para sinalar un comportamento indebido -por decilo suavemente- que observamos un día, por parte dun grupo de xente que estaba a escalar no sector Año del Cometa.
O caso é que como podedes ver na foto que achego, un grupo de familias debían de estar probando isto de escalar nunhas vías de IV ou V auxiliados ou guiados por seguramente algún coñecido que os estaba asegurando en top-rope un a un; entendo que o “experto” debeu de escala-la vía de V da esquerda, pasou a corda directamente polo descolgue da reunión e logo pasou a corda por unha cinta que enganchou á reunión algo máis baixa da vía da súa dereita, un IV que era polo que vimos que escalaban os seus “aprendices”. A foto é bastante descritiva tanto dun comportamento pouco responsable e egoísta, como doutros erros bastante graves:
- Por un lado acapara 2 vías cando só están escalando por unha delas.
- Por outro lado está forzando as reunións con cargas en direccións para as que as instalacións non foron pensadas, co conseguinte risco tanto de danalas, como de que poidan ocurrir algún comportamento imprevisto que remate cun accidente.
- Pero para remata-la espectacular faena, o “experto escalador” aseguraba a uns 20 m da base da parede para poder estar de parola co resto de admiradores/as das habilidades escalatorias das súas crianzas.
- De feito, mentras obserbabamos anonadados a escea, o fulano ía camiñando cara atrás para manter tensa a corda do neno a medida que este ascendía pola vía, en vez de recoller corda co dispositivo de asegurar.
Iso si, o neno levaba casco…
O tempo en Boñar:
Croquis de Valdehuesa:
- Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Alberto Boza.
- Roca verde. Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Richie Patterson.
- Croquis xa seguramente bastante obsoletos da escola de Valdehuesa – León
Aviados.
Moi preto de Boñar atópase a pequena escola de Aviados que cunhas coarenta vías entre o IV e un solitario 7a, parecía un destino interesante para pasa-la mañá e incluso ata media tarde, xa que nas guías de escalada se indica que mantiña sombra ata as 18h, pero resultou que o sol xa daba dende as primeiras horas da mañá: un erro que só nos permitiu escalar 3 ou 4 vías antes de que a calor se fixese insoportable e nos retiramos daló.
Xa estivera nela aproveitando os claros dun día chuvioso facía 6 anos, e non me quedara mala lembranza, pero desta volta estivemos no sector do lado dereito, con vías máis difíciles, que ademais duns distanciados na primeira chapa que non deixaban bo corpo, e unha segunda chapa como para picar chan, estaban graduadas eu coido que algo polo baixo.
Chama a atención tamén a existencia de varias placas metálicas gravadas xunto a reunións e na parte superior das vías, en lembranza da apertura ou do aperturista de varias delas; seguramente son do gusto da comunidade local, pero a min -persoalmente-, que non coñezo a historia das mesmas non me agradan: se algún día sei da razón da súa colocación, espero cambiar de opinión…
Alén tamén da escalada, topámonos cun par de pitos mortos, bastante grandes, no extremo dereito das vías, que pensamos que debían de proceder dun dos nichos que a media altura ten o muro: non sabemo-la especie, nin se foron abandonados pola actividade escalatoria ou morreron por outras razóns, pero non nos constan limitacións por nidificación nesta escola…
O tempo en Valdepiélago:
Croquis de Aviados:
- Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Alberto Boza (ollo con que o horario de sombra está mal na guía e xa dá o sol dende pola mañá cedo).
- Roca verde. Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Richie Patterson (ollo con que o horario de sombra está mal na guía e xa dá o sol dende pola mañá cedo).
- http://escaladaleon.blogspot.com.es/p/croquis-aviados.html
Fuentes de Peñacorada.
Na interesante escola de escalada de Fuentes de Peñacorada estiveramos 9 anos atrás, apenas uns minutos á tardiña do día que chegaramos a Boñar con intención de escalar en Valdehuesa, así que pouco puideramos probar daquela…
Nesta ocasión, tivemos días de abondo, pero a súa orientación Sur só permitía escalar nas primeiras horas do día e nas ultimísimas da tarde -pese ó que as guías digan…-. Como o sol e a calor non nos deron tregua, nunca pasamos máis de media xornada nos seus sectores, pero bastounos para gardar unha boa opinión das súas vías. Especialmente bó pareceunos o sector Mol y Mon, na que a súa Fisura Eyaculante fai honor ó seu nome :-), pero incluso o teoricamente moi asequible sector Placas, tamén cun nome moi descritivo, causounos algunha sorpresa nas súas ideais vías para practica-la adherencia cando, debido á quentura do sol, se multiplicaba a dificultade de subir por elas.
A escola está de camiño á pequena e turística poboación de Fuentes de Peñacorada, pero moito antes de chegar a ela, a apenas un quilómetro dende que se colle o desvío, abandonando a Nacional 625; non hai apenas sitios para aparcar, xa que só hai algúns pequenos tramos de arcén repartidos pola estrada, xunto ós sectores, así que é mellor minimiza-lo número de coches.
Hai que resaltar que, como ben sinala Félix no seu blogue La Garafa, moi preto, en apenas 5 Km, hai varias escolas deportivas moi próximas entre si: Fuentes de Peñacorada, Sabero, Olleros de Sabero, Aleje e Alejico.

O V duro…
A anécdota desta visita foi que tiven que deixar un mosquetón abandonado nunha vía do sector Conjunción de Venus, cando metinme nela pensando que ese V parecía ben máis duro… Sen entender moi ben o grao que lle daban na guía, logo de forzar ata onde xa non daba proseguido nin cun pedal, descolgueime dun mosquetón pensando en probar se o V+ da súa esquerda sería un pouco máis “estándar”. Novamente ó mirar para arriba, non me parecía fácil, pero quen son eu para discuti-los graos de lugares que apenas piso?
Mentras me preparaba para a nova vía, a Beni indicara a outra cordada que chegaba que estabamos no sector Conjunción de Venus, ó que eu lle repliquei que non, que estabamos no sector Mona Lisa, así que para aclararnos botamos man á guía e descubrimo-lo lío…
Resulta que eu estaba mirando os croquis do sector errado, así que onde eu vía un V e un V+, en realidade había un 7b+ e un 7a+! Quen me coñece xa sabe da miña boa vista e mellor valoración das dificultades, así que non se estrañará de que mirando un 7b+ eu poida pensar que ten pinta de ser un V raro… 😉 Iso si, non vaiades correndo a recupera-lo mosquetón abandonado porque máis alá do seu alto valor museístico como boa peza do cuaternario que era, 2 semáns despois xa non estaba -parece imposible, pero vese que hai xente que escala mellor ca min ;-D -.
Croquis de Fuentes de Peñacorada:
- Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Alberto Boza (ollo con que o horario de sombra está mal na guía e non hai sombra ata moi tarde).
- Roca verde. Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Richie Patterson (ollo con que o horario de sombra está mal na guía e non hai sombra ata moi tarde).
- http://lagarafa.blogspot.com/2017/01/fuentes-de-penacorada-sector-conjuncion.html
- https://infoescalada.es/escuela-fuente-de-pena-corada.html
O tempo en Cistierna:
Llombera
Esta escola é froito do traballo practicamente individual dunha soa persoa, Aurelio Presa, que tras 8 anos equipando as paredes próximas á localidade de Llombera, abriu unhas 115 vías repartidas en 4 sectores, das que só pouco máis dunha ducia delas non foron montadas por el.
Non hai información desta escola en ningunha guía, pero no facebook de Aure están actualizados os croquis e as indicacións para as aproximacións, así como os avisos de restricións por nidificación; tamén no blogue de lagarafa.blogspot.com, se poden atopar croquis e información de primeira man.
Existen restricións de acceso da Junta de Castilla y León, dende maio ata finais de agosto, que prohiben escalar ou pasar por embaixo do sector Principal de Llombera; pese a elo, pódese acceder ós outros dous sectores polo camiño do respiradeiro da mina, ou bordeando polo sector Pioneros.
Nós estivemos nos 2 sectores sen restricións: El Lado Oscuro e Hakuna Matata e dámos fe de que teñen moi boas vías, aínda que non hai moito onde rascar para os sextogradistas baixos (de grao, non de altura 😉 …
Para acceder polo respiradeiro da mina, hai que segui-la estrada ata unha recta da que sae o camiño que teremos que tomar a pé: hai un prado ó seu carón que non ten peche e no que vimos que se aparcaba, pero non sei se se ten permiso do/a dono/a. Camiñamos uns 150m ata o edificio do respiradeiro, continuamos rectos seguindo o cauce dun regato (seco en verán) uns 5 minutos ata un fito na marxe dereita que indica onde hai que abandona-la senda para cruza-lo regato e empezar a remonta-lo monte cara á visible parede do sector El Lado Oscuro (nas indicacións do Facebook de Aure fala de: ir ata unha torre eléctrica, xusto antes da torre hai que cruza-lo regato á dereita e subir pola canle, rectos cara ó Espolon Yoel, logo teremos á dereita El Lado Oscuro e rectos Hakuna Matata). Subindo polo monte chégase á “proa” que separa ambos sectores, puidendo ir a calquera deles sen problema xa que están un ó carón do outro.
Escalada á sombra en verán!!!
– Queredes escalar á sombra en verán en León?
– Imposible!
– Ou se cadra…
Pois si, aínda que vos custe crelo, hai un lugar en León, Llombera, no que pódese escalar todo o día a salvo da insolación veraniega, movéndose entre dous dos seus sectores: El Lado Oscuro e Hakuna Matata. No primeiro deles a sombra dura ata as 14h no seu lado esquerdo, e ata as 16h no dereito, pero o Hakuna Matata está orientado ó Norte, así que pódese escalar todo o día.
Seica hai unha fonte no prado enfronte de onde se estacionan os coches polo acceso principal, pero eu non a usei porque pareceume máis ben un abrevadeiro do gando e o peche á finca estaba pechado.
Croquis de Llombera:
Como xa comentara anteriormente non hai publicacións polo de agora que recollan as vías desta zona de escalada, polo que as únicas referencias que atopei foron as do Facebook do propio aperturista e equipador, Aure, e do blogue lagarafa de Félix, que dende Benavente parece que non lle queda moi lonxe…
- https://www.facebook.com/pages/category/Personal-Blog/Escuela-de-Escalada-Deportiva-Llombera-476503443114251/
- http://lagarafa.blogspot.com/2015/10/llombera.html
O tempo en La Pola de Gordón:
Piedrasecha
Espectacular! Só o paseo pola incrible paraxe da Garganta de los Calderones, un lugar clasificado como Punto de Interés Geológico, xa vale a pena. A escola de Piedrasecha está situada ó comezo do desfiladeiro, e conta con varios sectores que suman un cento de vías, a gran maioría por riba do sétimo grao. A rocha caliza ten un aspecto algo suxo, pero non é así -alomenos nos sectores más fáciles do comezo (Sabina e Fantasía). En inverno a humidade e o frío non o fan un bo destino, pero en verán pódese ir buscando a sombra segundo avanza o día, por distintos sectores.
Hai un restaurante, El Manadero, onde comimos bastante ben, e unha fonte ó seu carón, con espazo para aparcar varios coches, a poucos metros de onde comeza a ruta cara o desfiladeiro.
Debemos ser coidadosos co pastoreo, pois é habitual que os rebaños pasen pola ruta e ascendan polas súas vertentes cara a prados máis altos.
Ollo! Imprescindible levar pértiga / cana -ou como lle chamedes- para chapa-lo primeiro seguro, debido que falta a primeira chapa de tódalas vías!
O conflito escalador/a vs pastor de ovellas…
Polo que nos contaron, non está de todo claro a razón de pola que alguén se adicou a sabotea-las vías desta escola, aínda que falan dun percance entre o can dalgún escalador que mancou ou matou algunha ovella dun pastor, e da conseguinte disputa entre ambos que non rematou ben. O caso é que sobre o 2018 apareceron roubadas a primeira chapa de tódalas vías e as bases das vías enchoupadas en aceite, así como varias pintadas co texto “NO ESCALAR – UME”; no 2019 repuxéronse as chapas, pero de seguido volveron a roubalas e incluso quitaron tamén as 2ª chapas -que xa fai falta andar cunha boa escaleira…-.
De resultas deste conflito, a situación é que só se repuxo a segunda das chapas, polo que é necesario levar unha pértiga para prechapalas-
Que cadaquén saque as súas conclusións, pero parece mentira que aínda haxa xente que non se decate que antes ca nós, había e hai moita xente que ten tanto ou máis dereito para continuar coas actividades que sempre desenvolveu, e que nin debemos molestar ó gando, ás persoas do lugar, nin apropiarnos duns espazos que compartimos con eles/as.
Nós estivemos conversando agradablemente cun pastor que pasou pola senda co seu inmenso rebaño de ovellas e varios mastíns, así que sexamos tamén conscientes que nin eles/as, nin nós estamos todos/as no mesmo saco… Respecto, por favor, sexamos respectuosos, se non por cortesía ou educación, por simple egoísmo: vainos nelo o noso espazo de xogo!
Croquis de Piedrasecha:
- Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Alberto Boza.
- Roca verde. Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Richie Patterson.
- http://lagarafa.blogspot.com/2017/12/piedrasecha.html
O tempo en Carrocera:
Meigas (Gilbo), Riaño – León, 8 de agosto de 2020.
Meigas, MD inf (V+).
Fuxiamos da onda de calor que nin no desfiladero de La Hermida daba tregua, pensando que poderiamos buscar unha parede menos sufrida que a do Cueto Agero onde fixeramos unha “calurosa” escalada, e pensamos nun pico máis amable, como o Gilbo, que xa coñecía dunha escalada de facía 6 anos, daquela con Mundi, Víctor e Alfonso, e que nos ofrecía vías máis curtas que poderiamos afrontar en media xornada para estar expostos o menor tempo posible ó sol.
Chegamos a Horcadas, a aldea na que deixa-lo coche para empeza-la aproximación pouco despois do mediodía, e estivemos facendo tempo para aproveita-las últimas horas do día e unhas nubes que parecían querer aproximarse, pero que non daban chegado. Ó final, as nubes eran o prólogo dunhas tormentas que fixéronnos ter que resguardarnos no bosque, de camiño ó pé de vía, esperando a que deixase de chover.
Así e todo, non nos arredamos e chantámonos a pé de vía ás 18:15h, coa sorte de evita-la calor da solaina, pero cun ollo desconfiado pendentes do ceo, por se aparecese unha tormenta máis perigosa durante a escalada; tivemos sorte e finalmente non caeron máis que unhas gotas no último longo para darnos un susto, pero que non foron a máis.
Aperturistas:
Jose Manuel Fernández e Miguel Pita, en maio de 1997.
Resumo:
Itinerario de pouca continuidade, con escaso equipamento pero suficiente para non perde-la ruta.
A vía empeza por un evidente diedro, cáseque cheminea, bastante descomposto, polo que é recomendable non meterse moito nel e ir algo pola súa dereita.
Dificultade:
V, 6a, IV, III e V.
L1. V, 30 m. Empézase verticalmente por un evidente diedro, cáseque cheminea, procurando evitar ir demasiado polo seu interior xa que a rocha está bastante descomposta. O longo remata con tendencia á esquerda enriba do contraforte, nunha cómoda repisa cun spit, reforzable nunha fenda próxima.
L2. 6a, 40 m. Sáese recto pola placa cara a un visible spit, logo séguese cara a un cravo para chegar baixo unha fenda en bavaresa algo á dereita da vertical da reunión, na que un parabolt protexe o paso. Pásase polo diedro cheminea, algo roto para continuar por terreo máis fácil ata montar reunión en calquera repisa que queiramos porque non hai nada instalado para ela (eu lacei un gran bloque e reforcei nunha fenda, xusto no fío do espolón).
L3. IV, 40 m. Rodéanse os grandes bloques sobre nós pola esquerda e continúase por terreo máis tumbado e herbáceo con tendencia á esquerda para logo seguir máis rectos polo bordo do espolón ata montar reunión nunha boa ponte de rocha reforzada cun cravo na súa vertical.
L4. III, 40 m. Camiñando pola placa bastante verticalmente por onde máis fácil sexa ata montar reunión nunha boa ponte de rocha reforzable facilmente, situada nunha cómoda repisa baixo o diedro final.
L5. V, 35 m. Ascéndese cara o diedro desplomado por unha fenda con tendencia á dereita para logo continuar pola fenda-diedro algo desplomada que ascende pola esquerda do muro. Despois só hai que seguir cara arriba por onde máis evidente sexa para montar reunión onde se queira a poucos metros do cume, xunto a unha canle de saída que vese que xa permite acada-la aresta camiñando (uns 20 m.) facilmente entre bloques e herba boa.
Material necesario:
2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), un xogo surtido de friends e entaladores ata o nº 3 de Camalot, unha decena de cintas longas, e demáis equipo de escalada de autoprotección.
Cordada:
Beni e eu
Data da nosa ascensión:
8 de agosto de 2020.
Punto de partida:
Moi perto de Riaño hai un desvío cara ó lugar de Horcadas, onde pódese aparcar á entrada da poboación para, xa camiñando, atravesala, pasando xunto a unha praza con fonte na que proveerse dela, pasr xunto á igrexa, e tomar unha evidente senda que leva cara á visible parede do Gilbo. A ruta leva algo menos dunha hora e pasa xunto a unha fonte/abrevadeiro na que se advirte que a auga non ten garantía sanitaria.
Noite intermedia:
Nós viñamos de La Hermida, pero ó carón de Riaño, en Boca de Huérgano, éstá a Hermita de San Tirso, nun área verde xunto á estrada pero algo apartada da mesma e ten uns estupendos soportais cara ó lado contrario onde poder pernoctar con discreción (e tamén ten fonte).
Descenso:
O descenso faise andando seguindo durante un rato a crista en dirección contraria a Riaño, ata que un fito marca onde comeza-lo descenso -nalgún tramo bastante pendente- cara á esquerda, ata a base da parede. O descenso ata a base da parede dura uns 20 ou 30 minutos, dende todavía quédanos outros 40 minutos ata Horcadas.
Máis info:
- http://lagarafa.blogspot.com/2015/11/gilbo-meigas.html
- http://msalvads.blogspot.com/2012/06/via-meigas-al-gilbo-195m-6a.html
- Combinación da Meigas coa Algún Día la Ternura Moverá el Mundo: http://mundoalpino.blogspot.com.es/2011/08/escalada-al-gilbo-por-via-meigas-algun.html
- Croquis insuficientes en: “Cordillera Cantábrica. Escaladas selectas en roca”, de Miguel Ángel Adrados
O tempo en Riaño:
http://www.aemet.es/gl/eltiempo/prediccion/municipios/riano-id24130
Vía Clásica do Espolón Sur, Cueto Agero (Cillorigo Castro, Liébana, Cantabria, Picos de Europa), 6 de agosto de 2020.
Vía clásica do Espolón Sur (MD, 6a, 310 m.)
O Cueto Agero está enriba de Allende (Cantabria), unha pequena aldea no desfiladeiro de La Hermida, que se atopa situada entre as poboacións de La Hermida e Potes. Nós, Beni e eu, estabamos nun albergue no Desfiladero de la Hermida e buscabamos facer algo de parede xusto no punto álxido da onda de calor que estabamos pasando, así que con temperaturas superiores incluso ós 36º non podiamos escoller peor, pero viñamos curtidos dende Galicia nunha viaxe no coche co aire acondicionado estragado, así que… 😉
– Quen dixo medo?!!!!
– Que somos, touros ou galiñas?!!!! (non pregunto se somos burros, eh… ;-D ).
Ás 7:30h da mañá deixabamo-lo coche e comezamo-la aproximación, todavía pola fresca, pero cando dúas horas despois iniciabamo-la escalada, xa o sol empezaba a “picar” e, aínda que nos primeiros longos esquivámola súa forza aproveitando a sobra dalgúns diedros, dende a placa do 5º longo xa nos deu de pleno sen piedade, así que podemos confirmar que se fai sol, mellor ide a darvos un chapuzón que a escalar unha cara sur desta quente caliza…
Comentarios:
Vía non rapelable xa que a maioría das reunións están compostas por dous cravos que hai que reforzar con friends ou entaladores.
A escalada é pouco sostida, por rocha de boa calidade e seguindo fundamentalmente diedros.
Rematado ó sétimo longo hai un escape que non vimos e o itinerario da vía deixa de ser evidente.
Aperturistas:
Javier Torralbo, Jesús Rodríguez e Ángel Cianca, o 24 de xuño de 1973.
Material necesario:
2 Cordas de uso en dobre (60 m. c/u), xogo completo de friends pequenos e medianos (ata o Camalot nº 3) e entaladores, unha ducia de cintas longas e demáis equipo de escalada de autoprotección.
Cordada:
Beni e eu
Data da ascensión:
6 de agosto de 2020.
Punto de partida e aproximación:
Deixamo-lo coche, nun pequeno aparcadoiro que hai en Allende. Dende aí coménzase a camiñar pola rampa de formigón que sae por entre as casas cara á dereita (pasaremos por xunto a unha casa na que ha pintada unha frecha coa palabra “Agero”); rematada a aldea a pista pasa a ser de terra e grava e xira bruscamente á esquerda nunha curva xunto a unhas antenas con torreta repetidora onde pódese continuar pola pista á esquerda ou seguir rectos (se se segue recto polo camiño de terra, tras unha ducia de metros hai que coller un sendeiro á esquerda que sube polo bosque, chegar a unha primera casa restaurada con valo, segui-lo peche cara á esquerda para empatar de novo coa pista que deixamos máis abaixo). Nós xiramos á esquerda na curva e continuamos ata que o camiño se dividía, tomando neste caso a curva á dereita seguindo unha marca de senda de PR pintada nunha rocha. Logo dun rato pásase xunto a unha finca cunha pequena casa e inmediatamente despois dela unha nova pechada curva á esquerda permítenos continuar uns 50 m máis ata ver á dereita da pista o tellado dun refuxio libre da Federación cántabra, onde pódese pernoctar ou usar como campamento base para pasar máis dun día no Cueto. Nós abandoamo-la pista por onde víase un hito e algo de pegada internándose no medio da arboreda e vendo xa claramente a base do Cueto Agero. Dende aí hai que ir monte a través seguindo as pegadas ata a base da parede, á que chegamos en aproximadamente unha hora de camiñada desque saíramos do aparcadoiro.
Localizado o cable que axuda á ascender en diagonal con tendencia á dereita séguese ata o seu remate nunha canle terrosa e con arbustos pola que se continúa máis verticalmente ata acada-lo que chaman o xardín colgante xa xusto embaixo da parede do Cueto Agero, pero bastante á dereita do espolón sur, polo que hai que virar á esquerda ata onde remata o muro e xa se ve a cara Sur Oeste, ó pé da nosa vía. Ascender polo cable, a canle e atravesar ata a esquina da parede levounos outros 30-40 minutos máis, polo que a aproximación completa dende o aparcadoiro ata o pé de vía leva aproximadamente hora e media, non os 40 minutos que nalgunhas reseñas se di.
Descenso:

Boa foto descritiva do descenso do Cueto Agero en: http://www.fernandozamoraguiadepicos.com/
Para regresar dende o cume hai que descender cara unha cabana visible nun pequeno prado, na golada en dirección ó Castro Candillejas, e dende aí coller unha canle á nosa esquerda pola que seguir ata a base da parede Sur Oeste, que acadamos en aproximadamente unha hora dende o cume, para empatar aí coa pista que baixa ata Allende, á que chegamos nuns 40 minutos máis de camiñada.
Dificultade:
V+, IV, V+, 6a, 6a, IV, V+, IV e IV
L1. V+, 50 m: a vía comeza baixo unhas árbores, no fío do espolón, por terreo fácil de rocas sobre as que se ve un diedro que conta cunha fenda pola que ascender (protexida por 3 cravos). De seguido continuar apenas 5 m máis por enriba do diedro, para facer reunion en 2 cravos, reforzables, baixo un bloques.
L2. IV, 50 m: con bastante vexetación, supéranse unhas laxes, pasando á esquerda dunhas árbores luego en ascendencia á esquerda cara a unha enciñeira, sobre un diedro con fenda en bavaresa. A reunion pódese facer na árbore ou 3 m máis arriba e á esquerda nun spit e un cravo da vía Water Wall. Nós fixémola na enciñeira para aproveita-la súa sombra.
L3. V+, 40 m: súbese con tendencia á dereita pasando unha fenda ancha nun bloque e logo supera un diedro-fenda. A reunion está baixo un novo diedro con 2 cravos na súa base.
L4. 6a, 25m: remonta-lo atlético diedro que conta cun par de cravos, para logo seguir por terreo máis sinxelo ata unha repisa con 2 cravos reforzables nos que facer reunión.
L5. 6a, 30 m: remonta-la fenda que por riba nosa sae cara á dereita e seguir en ascendencia á dereita ata un pequeno resalte que superar por un diedriño verticalmente. A reunión dun cravo e dunha ponte de rocha queda por riba duns bloques fáciles por terreo algo herboso baixo un pequeno diedro.
L6. IV, 35 m: subir cara á dereita por pequeno diedro para atravesar máis á dereita onde acadar unha canle (eu baixei un par de metros para collela máis facilmente) con algún arbusto e fendas tupidas de herba que ascende con algo de tendencia á esquerda. Reunion nunha cómoda repisa con 3 cravos en liña na mesma fenda.
L7. V+, 30 m: 3 m á nosa esquerda hai que remontar unha fenda-diedro cun paso de arranque duro, e logo continúase con algo de tendencia á esquerda por terreo máis fácil (III) ata unha repisa de grandes bloques, cun cravo no comezo dunha fenda vertical. Úsase o cravo para monta-la reunión reforzándoo.
L8. IV, 20 m: arráncase pola fenda ata o seu remate e logo por terreo fácil de pedras e vexetación camíñase por unha terraza con tendencia á esquerda ata a base duns grandes bloques con fenda e diedro no muro final, baixo os que montar reunión facilmente con algún friend na propia fenda. Pódese empatar este longo co seguinte, pero resultaría incómodo -e perigoso- porque a corda podería enredarse en calquera bloque e a cordada non se escoita.
L9. IV, 30 m: ascéndese pola cheminea-diedro sobre a reunión para logo remonta-los bloques cara á dereita e unha vez superados montar reunión lazando calquera bloque xa na aresta que conduce ó cume.
L10. II, 50 m. Camiñando desencordados por terreo fácil da aresta ata o cume.
Croquis e reseñas:
O croquis de PicosaVista da imaxe que incluín nesta entrada está bastante ben, aínda que a lonxitude dos longos do 5º en diante podedes ver na miña descrición que a modifiquei, así como que completeino cun esbozo do tramo final ate o cume que eu divido en 2 longos máis ata onde xa se pode saír camiñando.
- Insuficiente para quen non coñeza a parede: no libro de Miguel Ángel Adrados: Cordillera Cantábrica, Escaladas Selectas en roca.
- https://7paredes7jamadas.com/2018/05/22/cueto-agero-espolon-sur-6a-300-metros/
- https://fernandozamoraguiadepicos.com/es/escalada-clasica-picos-europa-guia/espolon-sur-del-cueto-agero/
Para comer e aloxarse hai bastante oferta en ambas localidades nos extremos do desfiladeiro, tanto en Potes como en La Hermida, xa que ambas son foco habitual do moito turismo que hai na zona. No noso caso estivemos no albergue La Hermida, que ofrece habitacións con liteira con diferente prazas (15€/noite por persoa) e comimos bastante ben na Posada Campo, ambos establecementos na pequena localidade de La Hermida, que aínda que con farmacia, non lle vimos que tivese tenda ou panadaría; pola contra, Potes ten todo tipo de servizos xa que é unha vila moi turística de máis de 1.000 habitantes.
O tempo en Cillorigo de Liébana:
http://www.aemet.es/gl/eltiempo/prediccion/municipios/cillorigo-de-liebana-tama-id39022
Nova guía de escalada de Galicia: ROCHA NAI
Non era sen tempo… pero aquí está, por fin, a nova guía de escalada de Galicia que tras 5 anos de traballo saiu do prelo.

Disque xa pasaron vintetrés anos dende a publicación da “Galicia Vertical” de Miguel Seoane e Javier Carreras, a gran obra que foi a referencia da escalada en Galicia durante todo este tempo.
Pero a aparición de novas escolas, sectores e vías por toda Galicia, facían necesaria esta nova publicación, que desta volta ven repartida en 2 volumes que se venden xuntos: Norte (A Coruña e Lugo) e Sur (Ourense e Pontevedra).
Contabiliza 42 áreas de escalada e 2.800 vías entre deportiva e autoprotección, xunto coa información necesaria para a súa localización e outros datos de interese; pódese adquirir na web:
https://rochanai.wordpress.com/
Parabéns os autores, Alfonso Louro Fuentes e Gustavo Vázquez Fariña, e colaboracións pola edición desta necesaria guía de escalada, e tamén para a comunidade escaladora que de seguro vai a descubrir numerosas novedades coas que ampliar as posibilidades de escalar na nosa terra.
El Chorro, Málaga (Andalucía), do 28 de decembro de 2019 ó 5 de xaneiro de 2020
El Chorro, Málaga.
Xa pasaron 8 anos desque estiveramos por primeira vez en El Chorro, lugar de moita sona na escalada deportiva; seica hai máis de 2.000 vías aínda que nas guías non se recollen cáseque a metade delas por estar en sectores que non se queren masificar… Desta volta fomos David, Inma, Rafa, Fati, Lois, Beni e eu, e posteriormente achegáronse tamén Miguel “Seo”, Patri e as súas 2 pícaras, Lara e Carolina.
Como desque prepararon o “Caminito del Rey” para o turismo, a zona pasou de ser de cáseque exclusividade para o colectivo escalador a convertirse nun visitadísimo lugar ó que acuden multitudes durante practicamente todo o ano, tivemos dificultades para aloxarnos perto do propio El Chorro; os/as que buscaron con máis anticipación alugaron unha casa na localidade de Bermejo, e os que decidimos tirar para o Sur a última hora fomos a monta-la nosa tenda no camping de Parque Ardales; en ambos casos, aínda que en direccións opostas, estabamos a uns 10 minutos en coche da ponte sobre o encoro de El Chorro, así que tampouco resultou un problema a distancia.
Para aloxarse no propio El Chorro, na Finca La Campana dispoñen dun pequeno refuxio e varias casas: http://www.fincalacampana.com/es/refugio.html; e unha noite enterámonos que no bar restaurante “La Ermita” ofrecían aloxamento en habitacións por 15€ a noite, aínda que non aparece anunciado por ningún sitio (Finca de la Ermita, Carretera del Chorro s/n, Málaga. Tlf. 615 014 391. laermitadelchorro@gmail.com).
En canto ás comidas, ceamos ben nese bar restaurante “La Ermita” que facía unha rica comida casera. Tamén estaba moi boa a comida do Mesón Carrión, en Bermejo (Álora, Málaga), que só traballa as fins de semana.
En El Chorro, hai unha estación de tren (cun par de paradas ó día), un complexo turístico con hotel e apartamentos, un bar, un par de tendas de alimentación e produtos varios e unha tenda con material de escalada (nela pódese mercar tamén unha guía da escola).
Bastante preto atópase o Torcal de Antequera, unha zona de espectacular paisaxe con máis de 200 vías, á que tamén un día se achegaron varias de nós.
Para escalar, hai tantos sectores en El Chorro que costa decidirse por onde escomezar, así que o primeiro día decantámonos polo Sector Suízo e as Frontales Bajas, nos que non aproveitamos moitos, se cadra porque tiñamos que afacernos ó sitio… Logo pasamos a un dos sectores máis visitados polo seu próximo achegamento e variedade de graos. Pero as mellores vías que fixemos foron, sen dúbida, as dos sectores Escalera Árabe (Sergio) e Escalera Árabe (Upper Crag): recomendabilísimos sectores!
Croquis:
- Guía de escalada Spain: El Chorro. Autor: Mark Glaister. Ed: Rockfax
- https://www.cartowall.com/es/crag/el-chorro/topos
- https://27crags.com/areas/el-chorro
Desplomilandia
No concello de Ardales, moi preto de El Chorro, atópase esta escola á que, dado o seu nome, eu non tería nin mirado para ela, pero que resultou unha inesperada sorpresa que descubrimos buscando sombra.
Desplomilandia está xusto enfronte do encoro de Guadalhorce e resulta outra excelente zona de escalada; Rafa e eu pasamos un fresco día no sector La Vida Misma que ten unhas boísimas vías.
Croquis:
- Guía de escalada Spain: El Chorro. Autor: Mark Glaister. Ed: Rockfax
- https://www.cartowall.com/es/crag/desplomilandia/topos
- https://27crags.com/crags/desplomilandia/cragmap
Cañete La Real
A través de Seo coñecemo-la existencia desta nova escola da que non hai todavía croquis actualizados, xa que nos que se atopan faltan moitas das novas vías abertas.
O acceso fixémola por unha estreita pista e aparcamos nunha finca de olivos porque así nolo indicou un paisano, aínda que non teño claro se non sería unha invasión de propiedade privada 😉 No meu descargo, podo dicir que non fun o único xa que despois nosa aínda chegaron e aparcaron os que nos guiaron polo lugar, e fixérono no mesmo sitio. Pasamo-lo día no sector da Cueva de los Aviones, na zona do Padrastro.
Croquis (algo vellos):
Turón
Outra zona próxima a Ardales, con estupendas vías é Turón. Neste caso é unha escola relativamente pequena xa que só conta con 3 sectores, dos que nós visitamo-lo chamado Tajos de la Laja. Boas vías cunha curiosa vexetación que dificulta achegarse a algún tramo da base das vías.
Croquis:
- Guía de escalada Spain: El Chorro. Autor: Mark Glaister. Ed: Rockfax
- https://www.cartowall.com/es/crag/turon/topos