Arquivo

Posts Tagged ‘Relatos e historias’

Amistad con el Diablo e tentativa fallida á Rabadá-Navarro, Picu Urriellu (Picos de Europa), 22 ó 25 de xullo de 2019.

Vega de Urriellu masificada coma xa tantos e tantos lugares que antes só eran accesibles a montañeiros/as e escaladores/as... 😔O Picu Urriellu é un deses destinos obrigados para calquera escalador/a de clásica, pese a que hoxe en día o ambiente cambiara completamente e a Vega de Urriellu pasase, de ser un lugar exclusivo de xentes escaladoras e montañeiras, a ser un centro turístico superpoblado cun albergue contaminante e centrado completamente no negocio.

Pese a elo, inevitablemente -e non será porque non haxa infinitas alternativas para escalar en Picos de Europa-, acudimos a abraiarnos da adherencia da súa cara Este, ou da verticalidade da Oeste, por -neste caso- cita-los nosos obxectivos desta volta.

Evitando a fin de semana, que supoñemos aínda atraerá máis persoas, Carducho e eu buscamos unhas datas en xullo para facer un par de vías: a Amistad con el Diablo na cara Este, e a grán clásica da Oeste: a Rabadá-Navarro! Carducho xa fixera esta última 2 veces, pero aviuse a repetila unha vez máis, desta volta comigo, para darme a oportunidade de que eu tamén a tachase da miña lista.

Chegamos a Collado Pandébano nunha tarde calurosa xusto cando rematara unha tormenta anunciada pola previsión meteorolóxica, así que arrancamos coas nosas pesadas mochilas, descamisados -xa vos podedes facer idea da calor que ía, se tendes en conta que non lembro que nunca antes andivera eu polo monte sen camiseta…-, cargados con comida para dúas xornadas, saco, tenda e máis ferralla da que nunca antes, alomenos eu, levara a ningunha vía.

Polo camiño unha primeira chuvascada obrigounos a parar un rato baixo a protección dun gran bloque, pero máis tarde a choiva e o vento colléronnos no último tramo e tivemos que abrigarnos e continua-la ruta pese á molladura. Montamo-la tenda aproveitando un vivac xunto a un bloque preto da fosa séptica do refuxio porque ofrecíanos unha base aínda seca e protexianos do vento, aínda que á tarde seguinte cambiamos a unha campa co aire máis limpo.

Como a previsión do tempo para estes días era de tormentas pola tarde, non houbo apenas escaladores/as na Vega de Urriellu, aínda que o que si que se achegaron foi unha chea de excursionistas e turistas, tanto no refuxio como vivaqueando, así que fomos protagonistas dun feito excepcional no verán do Urriellu: o martes fomo-la única cordada en toda a cara Este (unha parella que estaba na Cepeda abandonaba rapelando, por mor do vendaval, cando nós chegabamos) e o mércores só había unha cordada na Murciana 78 que coido que abandoaron ó pouco de empezar –nunca tal cousa vira antes: todo o Urriellu para nós!-.

Amistad con el Diablo, cara Este, 200 m., MD, V+.

A idea inicial era a de escalar primeiro a Rabadá-Navarro e o segundo día a Amistad con el Diablo, pero para poder recuperarnos da subida, molladura e non ter que madrugar tanto, decidimos troca-la orde.
A noite da nosa chegada aínda choveu algo máis, pero o que non parou foi o vento, así que cando á mañá seguinte nos puxemos en camiño pola Canal de la Celada, fómonos cruzando con varias cordadas que regresaban da cara Este porque dicían que o vento non permitía escalar. Nós, xa postos, decidimos cando menos achegarnos ata a parede e decidir que facer unha vez aló. E o caso foi que aínda que sopraba moito, empezamos a escalar e tivemos a boa sorte de que amainou algo e, salvo en 2 longos que si que nos abaneou bastante, progresamos sen problema, pese a que non deixabamos de observar desconfiados, as ameazadoras nubes da tormenta que se achegaba ó Picu.

Fotos da Amistad con el Diablo, cara Este do Picu Urriellu (Picos de Europa), 23 de xullo de 2019
Apertura: o 6 e 9 de agosto de 1980, Alfredo Íñiguez e Christian Marín.

Dificultade: MD (V+): III+, IV-, IV, V+, V expo, V expo.

Material: 2 cordas dobres de 60 m., un xogo de Alliens e e outro de Camalots ata o nº 3, opcional un xogo de entaladores (nós non os usamos), unha ducia de cintas longas e algún cordino pequeno para renovar pontes de rocha.

Cordada: Carducho e eu, o 23 de xullo de 2019.

Descenso: polos 5 rapeles da cara Este (reunións da Espejismo de Verano). Alternativamente pódese empatar cos 90m. dos restantes 2 longos da Cepeda para pasar ó anfiteatro da cara Sur e descender polos seus rápeles.

Punto de partida:
Deixamo-lo coche, na cuneta onde remata a pista que leva a Collado Pandébano. Dende aí, nunhas 3 horas de camiñada por senda chegamos á Vega de Urriellu. Do refuxio á base da cara Este bótase unha hora máis de percorrido pola Canal de la Celada.

Noite intermedia:
Durmimos na nosa tenda xunto a un bloque ó carón da fosa séptica do refuxio.

Croquis de Amistad con el Diablo e rápeles da Cara Este (Espejismo de Verano). Fonte: http://mujeresdepyrenaica.blogspot.com/2014/07/amistad-con-el-diablo-y-martinez.htmlObservacións: O equipamento de tódalas reunións, agás a última consiste en 2 parabolts, sen anela. A rocha ten unha adherencia brutal e pese a que ten algúns tramos longos nos que non é posible meter nada para asegurarse, si que hai bastantes sitios nos que colocar friends, polo que aínda que haxa quen diga que só fan falta 3-4 Allien e media ducia de cintas, levade material que seguro que o metedes.

1º longo (III+), 38 m.: empézase polas tubaxes de órgano á dereita da gran laxe. A reunión conta con 2 parabolts xusto enriba da devandita laxe.
2º longo (IV-), 30 m.: sáese recto con lixeira tendencia á esquerda deixando á nosa esquerda unha primeira laxe para continuar verticalmente cara a outra laxe, baixo a que se atopa a reunión de 2 parabolts.

3º longo (IV), 18 m.: sae bordeando pola dereita a laxe. Sobre ela hai unha ponte de rocha. Logo séguese con lixeira tendencia á esquerda cara á visible reunión de 2 parabolts nunha pequena repisa.

4º longo (V+), 25 m.: a uns 12 m. por riba da vertical da reunión vese un parabolt (pódese meter algo antes). Por riba vense outros 2 parabolts e logo unha ponte de rocha para acada-la reunión de 2 parabolts 2 m. por riba e á dereita, nunha pequena repisa.

Croquis de Amistad con el Diablo. Fonte: http://www.lanochedelloro.es/index.php/picos-de-europa/5º longo (V expo), 35 m.: por riba á esquerda vese un buril vello cara ó que NON se debe ir. Sáese en diagonal á dereita cara a un parabolt visible a uns 10 m. Logo con lixeira tendencia á esquerda imos a por outro parabolt a uns 10 m. Ó pasalo séguese en diagonal á dereita cara a un muro con furados e chorreiras negras polo que seguir rectos ata outro parabolt. Uns metros máis arriba, á dereita, está a reunión de 2 parabolts un pouco colgada/incómoda.

6º longo (V expo), 45 m.: por riba da reunión vese un teito alongado ata o que subir para meter algún friend co que protexerse antes de tirar á esquerda á busca dunha ponte de rocha visible dende a mesma reunión. Ó acada-la ponte de rocha seguir recto entre placas e canalizos con lixeirísima tendencia á dereita cara a un gran nicho (en realidade son 3 seguidos: primeiro gran terraza, xusto enriba unha repisa algo máis pequena e, tras superar polo lado dereito un pequeno muro de espolón, acádase o 3º nicho). Teoricamente comparte reunión de 2 spits da Martínez-Somoano na parte esquerda da ampla e cómoda terraza, pero non vimos eses spits. Coido que o mellor é subir ó nicho superior e facer aí reunión común coa Cepeda nunha gran ponte de rocha.

Travesía cara á dereita ós rápeles da Espejismo de Verano (II/III), 40 m.: continuar por unha vira que vai cara á dereita con algo de tendencia descendente ata chegar á última reunión da Espejismo de Verano, pola que inicia-lo primeiro dos 5 rápeles que nos levan ó chan. Tódalas reunións constan de 2 parabolts unidos por cadeas e con anelas para rapelar.

Croquis e reseñas:

Un recomendabilísimo relato dun dos aperturistas, Alfredo Íñiguez:

Tentativa fallida á Rabadá-Navarro, cara Oeste, 750 m., MD sup, 6c+ (6a+/A1).

Vista a primeira hora da mañá, dende o pé de vía da Rabadá-NavarroOs 4 primeiros longos supoñen a sección máis dura da vía; o 3º supúxonos unha hora e media superalo ós dous, e tampouco hai que subestima-los 6a+ do 2º e 4º longos, xa que cando empatamos o 4º e 5º longos nunha única tirada volvimos a consumir outra hora e media: cáseque 5 horas para só os 5 primeiros longos! Con semellante penalización, tiñamos xa moitas posibilidades de remata-la vía ó límite da luz diúrna, pero é que aínda lle metimos outra hora e media para completa-lo longo do rápel por mor dunha mala lembranza de como discurría este… 😦 Así que, cando nos xuntamos ás 18 h na reunión da Directísima que se atopa no remate da travesía horizontal do longo do rápel, botamos contas: quedaban 4 horas de luz e 10 longos… -claro que eran máis fáciles que os 12 anteriores pero co ritmo que levabamos…-. Acordamos baixarnos e en 5 rápeles xa nos atopamos no chan, con tempo de abondo para cociñar comodamente coa luz do día namentras contabamos o centenar de excursionistas que ese serán chegaron en ringleira á Vega de Urriellu.

Desta volta non o conquerimos, pero non hai escalada da que non se aprenda algo que nos sirva máis adiante… 🙂

Fotos da Rabadá-Navarro, cara Oeste do Picu Urriellu (Picos de Europa)Apertura: Alberto Rabadá e Ernesto Navarro, en 2 ataques consecutivos con 4 vivacs que culminaron o 21 de agosto de 1962.

Dificultade: MD sup 6c+ (6a+/A1): 6c (6a/A0), 6a+, 6c+ (V+/A1), 6a+, V, 6a+, 6a, V, V, IV+, 6a+, IV+, IV, V, V+, IV+, III+, V+, IV, IV+, IV+, V.

Material: 2 cordas dobres de 60 m., un xogo de Camalots ata o nº 3 con varios números repetidos (mellor 2 xogos) e outro de Alliens, un xogo de entaladores, unhas 15 cintas longas.

Cordada: Carducho e eu, o 24 de xullo de 2019.

Descenso: baixar ó anfiteatro da cara Sur e descender polos seus 3 rápeles de 50 m. ata a base da cara Sur para continuar baixando pola Canal de la Celada.

Punto de partida:
Deixamo-lo coche, na cuneta onde remata a pista que leva a Collado Pandébano. Dende aí, nunhas 3 horas de camiñada por senda chegamos á Vega de Urriellu. Do refuxio á base da vía na cara Oeste bótanse uns vinte minutos.

Noite intermedia:
Durmimos na nosa tenda na Vega de Urriellu.

Croquis da Rabadá-Navarro, cara Oeste, Picu Urriellu (Picos de Europa). Fonte: https://www.picosavista.com/croquis/croquis-naranjo-de-bulnes-cara-oesteObservacións: os 4 primeiros longos supoñen a sección máis dura da vía; e tampouco hai que subestima-los 6a+ do 2º e 4º longos. É posible retirarse polos Tiros de la Torca ata pasar á cara sur ou, máis rapidamente, descender polos rápeles da Sagitario, pola mesma cara Oeste. Posteriormente tamén é posible escapar polos 5 rápeles da Directísima xusto despois lo longo do rápel tra-la “Gran Travesía”, ou na seguinte reunión, polos 6 rápeles da Murciana (o máis recomendable é usa-la Directísima, para evita-los desplomes da Murciana). Atentos á maniobra do longo do rápel, dependendo de se vai en cordada de 2 ou 3 persoas.

Maniobra do rápel para 2 persoas: o/a primeiro/a desencórdase dunha das cordas e pásaa polas anelas para volver a encordarse con ela, deixando fora das anelas a outra corda. Entón o/a asegurador/a descolga ó/á primeiro/a 10-15 m. ata unha pequena vira na que se ven algúns spits e cravos, e continúa escalando en travesía cara á esquerda uns 20 m., pasando polos seguros a corda libre, ata a reunión de parabolts da Directísima. De seguido, o/a primeiro/a descolga ó/á segundo/a e cando chega á travesía, asegúrao/a pola corda que non está pasada polo rápel (dando corda coa do descolgue e recuperando coa que ven chapada dos seguros). Cando se xunten na reunión, que viña de segundo/a desencórdase da corda do descuelgue para recuperala e volver a atarse.

1º longo 6c (6a/A0), 35 m.: escala-la pequena entosta da base polo seu lado dereito. Superar unha panza co paso máis duro e logo unhas placas en diagonal á esquerda difíciles e equipadas para artificial. A reunión de 2 parabolts atópase nunha repisa dunha pequena cova.

2º longo 6a+, 20m.: saír pola esquerda para meterse nun diedro curto pero duro, ata un nicho á dereita na que atópase a reunión de 2 parabolts.

3º longo 6c+ (V+/A1), 45m.: saír novamente pola esquerda para meterse nunha fenda-diedro con varios resaltes e rocha lavada en varios puntos. Protéxese ben con friends e entaladores pero sae moi duro e gastaremos nel moito material. A reunión dun parabolt e unha anela de perno (cáncamo) está sobre unha gran repisa.

4º longo 6a+, 30 m.: cheminea na que a mochila molesta e co paso máis difícil ós poucos metros de comezala, ó que sigue outro paso explosivo. A reunión atópase nun gran bloque lazado con cintas (nalgúns croquis indícase que a reunión é de 2 cravos, pero eu non me decatei deles).

5º longo V, 25 m.: continúa pola fenda da lastra por terreo algo roto pero máis sinxelo ata o seu remate onde a reunión conta con 2 spits.

Croquis da Rabadá-Navarro, cara Oeste, Picu Urriellu (Picos de Europa). Fonte: http://www.fernandozamoraguiadepicos.com/2013/09/rabada-navarro-en-la-cara-oeste-del-picu.html6º longo 6a+, 20 m.: sáese diagonalmente á esquerda por placa bastante equipada con spits e algún cravo ata acadar unha fenda pola que seguir xa verticalmente ata a reunión de 2 cravos reforzables cun 3º cravo máis alto, á esquerda do inicio da “Cicatriz”. Se se empata este longo co seguinte é mellor non chapa-la reunión.

7º longo 6a, 20 m.: pasarse á placa da dereita da reunión seguindo 2 visibles spits polos que acada-la fenda que se intúe e que inicia a sección da chamada “Cicatriz” consistente nunha travesía ascendente cara a dereita de, en xeral, bos agarres de mans con algún paso longo. A reunión atópase nun ancheamento da fenda con 3 cravos en mal estado reforzables.

8º longo V, 30 m.: continua-la travesía ascendente cara á dereita da “Cicatriz” ata toparnos cunha reunión de 2 parabolts.

9º longo V, 30 m.: sáese en travesía á dereita durante varios metros ata que o terreo tumba algo máis e continúase entón rectos máis verticalmente ata o bordo esquerdo de Tiros de la Torca, onde se monta reunión aproveitando 2 boas pontes de rocha con cordinos. Dende aquí é posible a retirada subindo polos Tiros de la Torca ata pasar á cara sur ou, máis rapidamente, descender polos rápeles da Sagitario, pola mesma cara Oeste.

10º longo. Difuminada frecha riscada na rocha que indica o punto no que virar á esquerda para acada-la reunión dende a que se inicia a Gran Travesía.10º longo IV+, 30 m.: empezar verticalmente por riba da reunión cara a unha pequena cheminea tra-la que, ó pouco, unha difuminada frecha riscada na rocha nos indica o punto no que xirar á esquerda, para continuar en travesía horizontal por unha vira-cornisa que remata descendendo un pouco entre bloques descompostos nunha reunión incómoda e aérea, ó outro lado da cornisa, sobre 2 cravos a reforzar -obrigatoriamente!-.10º longo. Vira que leva ata a reunión dende a que se inicia a Gran Travesía.

11º longo 6a+, 25 m.: iníciase a “Gran Travesía” descendendo un chisco para acadar un primeiro parabolt e seguindo logo en horizontal con lixeira tendencia ascendente os restantes parabolts nunha placa aérea. Reunión de 2 parabolts con dobre anela.

12º longo IV+, 15+20 m.: rápel duns 15 m. ata vira que segue en travesía cara á esquerda seguindo os seguros (algúns spits e cravos), ata a reunión de 2 parabolts con anela común coa Directísima.

Nós abandoamos neste punto rapelando pola Directísima, polo que os datos que de seguido indico non os corroborei e só corresponden á información das reseñas que máis abaixo referencio.

13º longo IV, 30 m.: continuar por repisa en travesía fácil á esquerda (pasando pola reunión da Murciana) ata chegar ó pé do “Gran Diedro”. Reunión cómoda ó pé do diedro de 2 cravos reforzables.

14º longo V, 25 m.: inicio de “Gran Diedro”, boas presas pola placa, protéxese ben, boa rocha. Reunión en pontes de rocha.

15º longo V+, 35 m.: diedro-cheminea, coa sección máis dura ó final, na entrada da cheminea antes da reunión. A reunión está nunha repisa á dereita con 3 cravos reforzable.

16º longo IV+, 30 m.: é máis fácil pola cheminea que pola dereita (paso longo con algo de bloqueo). Reunión enriba da lastra (antecima), de cravos + spits.

17º longo III+, 40 m.: baixada á repisa de “Praza de Rocasolano”. Reunión baixo oquedade, con 2 cravos.

18º longo V+, 30 m.: superar un primeiro muro para acadar un muro vertical fisurado con 2 cravos protexendo un paso. Continuar en travesía ascendente á esquerda, deixando á dereita unha gran cova. Novo paso e reunión de 2 cravos.

19º longo IV, 30 m.: terreo fácil ata o final do diedro. Reunión en arista/ombreiro Norte (común con Pilar del Cantábrico e Sabadell) en repisa con 3 cravos e o refuxio á vista.

Detalle da aresta final da Rabadá-Navarro, cara Oeste, Picu Urriellu (Picos de Europa). Fonte: http://www.fernandozamoraguiadepicos.com/2013/09/rabada-navarro-en-la-cara-oeste-del-picu.html20º longo IV+, 40 m.: superar placas fáciles por cara Noroeste. Reunión opcional antes de virar cara á dereita por diedro. Reunion en plataforma inclinada con 2 cravos.

21º longo IV+, 25 m.: (se se empata co anterior o/a asegurador/a terá que levantarse algo da reunión). Primeiro á esquerda para acadar un spit, logo rectos por terreo máis roto e vertical ata a reunión. Reunión de 2 parabolts.

22º longo V, 35 m.: paso de V, uns metros por riba da reunión. Superar un canalizo característico por terreo algo roto, para acadar unha fenda algo desplomada que se supera pola esquerda para seguir por diedro. Reunión en nicho con 2 spits.

II, 100 m.: camiñando ata o cume.

Croquis e reseñas:

O tempo en Cabrales:

Un guía da zona comentounos que Meteoblue acerta bastante coas súas previsións meteorolóxicas en Picos de Europa, aínda que no noso caso non coincidiu moito…:

Advertisement

Mallos de Riglos (Huesca), do 22 ó 26 de xullo de 2018.

Os Mallos de RiglosDe novo voltamos a Riglos polo estío, a enfrontarnos ó abafante calor que, de día e de noite, castiga a chamada Plana de Uesca (Hoya de Huesca, en castelán); pero é que ó Carducho non lle importa ese “detalliño”, ante a perspectiva de apretar eses bolos de dimensións perfectas para as súas gadoupas e enfrontarse a eses bandullos que, consecutiva e irremisiblemente, se aliñan en calquera das súas vías.

A primeira vía que fixemos foi a combinación da Chopper co Chopperior, na cara SE do Pisón, onde eu xa, no último longo da Chopper, tívenme que aferrar ás cintas para izarme coa axuda da tensión da corda da que o Carducho turraba, así que xa vos podedes imaxinar como me foi no seguinte longo, o primeiro da Chopperior: na vila debían de pensar que alguén andaba a arrincarlle a pelella a un gato, dos gritos que daba a cada centímetro que me izaba, pedíndolle a Carducho que, por Deus, a Virxe e tódolos santos, santas e canto beato de santoral houbese, que tensase a bendita corda para ir izándome, porque eu non daba saído de aí con só a exigua axuda do Espírito Santo, que se elevaba por min dende a cercana igrexa da vila… Así, durante ese longo agotei o vocabulario básico de comunicación entre membros dunha cordada ata que malamente fun izado ata a reunión: pilla!, tira!, chupa!, súbeme!, tensa!, agora!, turra!, máis!, aínda máis!, Ooopa!, AhHh!, Ehhh!, Ihhh!,… En fin, todo un espectáculo que deberon de escoitar incluso dende Peña Rueba, e tra-lo que non me explico como é que a Garda Civil non se movilizou ante a sospeita de que se estivese torturando a algunha persoa… ou animal… 😉

A segunda vía escollida foi a Hechizos del Viento, na cara Oeste do Pisón, que nos sorprendeu, porque en realidade parece coma se fosen 2 vías: os 6 primeiros longos contan cun bo reequipamento realizado por Toño Carasol e Manolo Lara en agosto de 2012, pero os indeterminados longos superiores apenas teñen forma de saber por onde vai o percorrido, e a posibilidade de poñer seguros flotantes fiables é practicamente nula: non sei se isto está así feito aposta, en consideración á afouteza e dominio do terreo demostrada polos aperturistas, Javier Hurtado Currucuclillo e Jose Antonio Cogollor, ou se simplemente non hai tanta xente que continúe a vía ata o cume como para que compensase o esforzo de meter algún seguro máis (eu coido que no longo que ía inmediatamente despois da vira de escape do Collado del Puro, dende onde se soe rapelar pola Tangerine Dream, non había nin unha soa chapa, e iso que ía por un terreo descomposto e cuberto de liques).

Cría de voitre, nun niño dos Mallos.Máis alá da escalada, desta volta descubrimos que hai unha fonte no remate da parte superior da vila, con auga fresca que non sabemos se é recomendable beber, xa que se indica que non está tratada, pero que non parece mala posto que non nos causou ningún problema…

De Riglos só podo contarvos que conta co Bar Restaurante El Puro (que tamén ten habitacións para aloxarse), o albergue Refugio de Riglos (que dispón de aloxamento, bar e comidas), unha pequena tenda (que lle chaman “de la Francesa“) situada xusto diante dun aparcadoiro público, unha fonte de auga da traída na súa máis empinada rúa, e unha pequena piscina. Para calquera outra cousa hai que achegarse á próxima localidade de Ayerbe, que conta con bares, un par de restaurantes, hoteis, panaderías, tendas,… e incluso un camping.

É habitual que haxa furgonetas de escaladores/as no aparcadoiro, pernoctando máis ou menos discretamente nelas.

E para quen queira coñecer un pouco máis da historia da escalada en Riglos, recoméndovo-la lectura deste moi interesante artigo de Armand Ballart:

Chopper, 6b, 140 m. + Chopperior, 6c, 120 m. (260 m. en total)

Fotos da Chopper + Chopperior, na cara Sur do Pisón (Riglos)A Chopper é unha das vías máis percorridas dos Riglos, tanto polo seu bo equipamento, como polo seu grao asequible. Remata á esquerda do último longo da Espolón Adamello, polo que pódese facer unha travesía, para pasar a esta outra vía e acada-la golada do Pisón, dende onde rapelar por Los Volaos; sen embargo, para os que se atrevan co duro primeiro longo da Chopperior, continuar por esta outra vía ata o cume do Pisón conforma unha gran combinación, coa que poñe-la guinda ó pastel 🙂

Aínda que para algún nativo non é unha vía que faga xustiza ó carácter das vías clásicas de Riglos, para os que vimos de lonxes terras, é unha moi interesante ruta, na que seguir familiarizándose co estilo de escalada nestes “mallos”.

Apertura:

  • Chopper: J. M. Ferrando, Fernando Caballé e Fernando Gutiérrez o 4 de febreiro de 1984.
  • Chopperior: V. Campo, J. Torralba e Miguel Carasol, en agosto de 2005.

Comentarios:

A vía está equipada de deportiva, con parabolts e reunións instaladas.

Croquis da Chopper. Fonte: http://www.lanochedelloro.es/index.php/riglos/Percorrido e dificultade:

Croquis de Chopper + Chopperior. Fonte: http://paredesdelmundo.blogspot.com/2008/05/riglos-chooper-chooperior-una-va-para.htmlA vía atópase perfectamente equipada con parabolts; as reunións son todas rapelables e cómodas en repisas ou viras.

A Chooper-Chooperior vai polo espolón dereito do Pisón e por aí chega ata a cima en 260m.

L1, V, 30 m: empeza algo máis á esquerda do fío da aresta, con algún paso duro, pero enseguida vaise un pouco á dereita para colle-lo espolón. Ós 10 ou 15 m. pásase por unha reunión vella de burís, que non utilizamos, ata unha cómoda repisa onde está a reunión boa con 2 parabolts con anelas para rapelar.

L2, V+, 30 m: similar ó anterior, por panzas de bo canto, que remata cun paso de chegada á reunión. Reunión noutra repisa cómoda cun par de parabolts con anela e un terceiro parabolt algo máis á súa dereita.

L3, 6a, 30 m: comezo cara á dereita da reunion e con algún alonxe entre chapas. Panza dura que lle da o grao ó longo. Reunión moi cómoda con anelas para rapelar.

L4, V, 30 m: de novo sáese cara á dereita, con algúns alonxes entre chapas, e facendo unha zeta para voltar á vertical. Reunión moi cómoda con anelas para rapelar.

L5, 6b, 20 m: sáese con tendencia á dereita para logo continuar recto ata unha panza gris. A dificultade vai aumentando progresivamente, ata culminar cun paso longo de regretas para supera-la panza. A reunión é cómoda, con 2 anelas para rapelar e un parabolt extra á súa esquerda.

L6, 6c, 40 m: empeza xa cun paso duro de inicio, pero o peor ven no tramo anterior á panza que lle dá o grao, no que hai que escalar entre seguros, así que ninguén conte con ir acerando de chapa a chapa… Saída da panza con regretas e logo case un mántel. Reunión de 2 parabolts con anelas.

L7, 6a+, 50 m: para min o mellor longo: un muro continuo máis plaqueiro que panceiro. O paso máis duro é unha panza ó pouco de saír da repisa da reunión. Reunión cómoda de 2 parabolts con anelas (no medio da vella reunión de 2 spits) e cun parabolt extra á dereita.

L8, V, 30 m: bastante rectilíneo ata unha cómoda reunión de 2 parabolts con anelas, xunto a un dos peculiares químicos característicos de Riglos (cravo cilíndrico con gran ollal), á dereita. Hai quen recomenda, continuar ata practicamente o cume e lazar unha boa sabina para a reunión, pero ese tramo superior faise facilmente xa cáseque camiñando.

Data:
23/07/2018.

Cordada:

Carducho e eu.

Lonxitude/Desnivel:

260 m. 8 longos.

Descenso:

Croquis descenso por Los Volaos. Fonte: http://anuestraputabolacroquis.blogspot.com.es/2013/05/via-espolon-adamelo-mallos-de-riglos.htmlDende a última reunión súbese un pouco (15-20 m.) ata terreo máis chan, observando o noso lado dereito para percibir unha senda entre as pedras que en 15-20 m, nos leva á primeira instalación de rápel, da que sae un cable cara arriba, para facilita-lo acceso á mesma se se ven do cume.

Ó ir cunha soa corda de 70 m. hai que facer un total de 8 rápeles.

Un primeiro rápel de 30 m. deposítanos nunha gran terraza na que se atopa a seguinte instalación (2 grandes anelas de ferro) no seu lado esquerdo.

O seguinte rápel de 30 m. xa nos sitúa na golada, na que temos que ver un cable ó noso lado dereito (mirando á parede) que nos guía a onde se atopa a seguinte instalación, doutras grandes anelas de ferro.

O terceiro rápel, de 30 m., déixanos no interior dunha canle de terra rodeada de árbores, pola que destrepar 6-7 m. axudados dun cable, e continuar por unha vira co cable a modo de pasamáns, que nos leva camiñando horizontalmente ata a cuarta instalación de rápel, novamente formada por 2 grandes anelas de ferro.

Nos 30 m. do cuarto rápel acadamo-lo fondo dunha estreita canle pola que destrepar axudados duns cables e ferraxes, ata a seguinte instalación con 2 grandes anelas de ferro.

O quinto rápel, de 30 m., volve a situarnos nunha estreita canle, dende a que destrepar outro tramo axudados por cables e ferraxes ata a seguinte instalación formada por 2 grandes anelas de ferro.

Neste punto pódese destrepar axudados polo cable, pero é un tanto exposto, así que decidimos rapela-los apenas 15 m que o separan da seguinte instalación, tamén formada por 2 grandes anelas de ferro.

O sétimo rápel é completamente volado, e ten unha lonxitude de 35-36 m, así que ollo con que a corda non teña ningún recorte. A corda sitúanos no baleiro, xusto na vertical enriba da seguinte instalación sobre a gran repisa; con outro par de grandes anelas de ferro.

O oitavo rápel, de 35 m., deposítanos xa na base do Pisón.

Material necesario:
1 corda de simple (70 m.) e unhas 15 cintas exprés. Cunha soa corda de deportiva, obriga a facer 8 rápeles por Los Volaos (ollo ó penúltimo que é de xusto 36 m!).

Croquis:

Hechizos del Viento, 6c, 300 m.

Fotos de Hechizos del Viento, Mallo Pisón (Riglos)Esta vía ten 2 caras: por un lado, os primeiros 6 longos, ata a vira de escape ó Collado del Puro, foron reequipados en agosto de 2012 por Toño Carasol e Manolo Lara, pero os seguintes longos xa non o foron do mesmo xeito, polo que aínda manteñen a esixencia dunha escalada de aventura cun grande dominio das dificultades, e de moita experiencia na escalada rigleira.

Tal vez esta dualidade sexa reflexo do difícil equilibrio entre a filosofía máis aventureira dos pioneiros destes mallos, e a deportiva predominante na actualidade. Aínda hai bastantes trazados nos que se reivindican os valores da escalada clásica, pero a tendencia evidente é a de prioriza-lo concepto de seguridade -e pracer- (boas ancoraxes e distanciados asumibles), fronte a aventuras máis expostas e atrevidas.

Sen querer polemizar, eu diría que esta é un vía… de contrastes 😉

Croquis do Xosé, da primeira parte da Hechizos del Viento. Fonte: http://fendaseferralla.blogspot.com/2012/09/pison-hechizos-del-viento.htmlPasámolo mal nos longos superiores, a partir da vira de escape, xa que a escasez -cando non ausencia- de seguros fiables e a incerteza de por onde ía a ruta, pesaban moito máis que a propia dificultade da escalada, que obxectivamente era moito máis sinxela que nos longos precedentes.

Apertura:
Javier Hurtado Currucuclillo e Jose Antonio Cogollor, o 28 de maio de 1983.
Comentarios:
A vía alterna algún equipamento antigo cun moderno reequipamento feito no 2012 (parabolts e novas reunións) nos seus 6 primeiros longos, ata as viras do collado del Puro. Sen embargo, os seguintes longos ate o cume non foron reequipados do mesmo xeito, polo que entaladores pequenos e medianos, Aliens e friends ata o nº 2, son imprescindibles, se se atopa onde colocalos… e non se perde a ruta -que tampouco é fácil…-.

Percorrido e dificultade:
6 longos para a primeira parte da vía ata a vira de escape, e 3 longos máis ata a trepada final que leva ó cume.

Os longos ata a vira de esca permanecen á sombra durante todo o día, pero a partir das 14-15h, o sol vai dando nos longos superiores.
L1. 6a, 40m. Arranca na base do Pisón, pola fenda esquerda da Colilla, quedando a primeira chapa bastante alta, e algo á esquerda, baixo a primeira panza, para obrigarnos a abandona-la fenda e segui-la liña de parabolts. Continúa rectilínea con lixeira tendencia á dereita ata unha cómoda repisa na que se atopa a reunión de 2 parabolts con anelas.
L2. 6a, 30m. Os parabolts marcan a ruta bastante rectilineamente ata acada-la seguinte cómoda repisa coa reunión de 2 parabolts con anelas.
L3. 6b, 30m. Sáese pola esquerda seguindo os cordinos e parabolts que levan directamente a un paso difícil de diedro aberto, e logo cóllese tendenza á esquerda ata acadar unha vira pola que facer travesía expo á dereita para chegar á repisa na que se atopa a reunión de 2 parabolts con anela.
L4. 6c, 35m. Séguense os parabolts á nosa dereita para ir superando unha primeira panza, e logo continúase buscando a verticalidade coa reunión ata unha seguinte panza máis dura, por riba da que se atopa a seguinte instalación de 2 parabolts con anelas, noutra cómoda repisa.
L5. V, 25m. Sáese pola dereita a por un visible cordino nunha ponte de rocha e logo vaise algo á esquerda para continuar buscando os parabolts, cun pouco de zig-zag, ata acada-la cómoda reunión de 2 parabolts sen anelas, pero cun vello buril con anela oxidada, no medio deles.
L6. V+, 25m. Polo lado esquerdo da reunión vese un vello cordino alto, ó que nos diriximos para completar este longo ata acada-la vira de escape ó Puro, onde remata a primeira parte da vía, nunha instalación de 2 parabolts con anelas. Á nosa dereita vese a reunión da Tangerine Dream.
Croquis da Hechizos del Viento. Fonte: http://korkuerika.blogspot.com/2011/09/hechizados-en-la-hechizos-del-viento.html L7. V, 40m. Ollo, que este longo non ten máis que un cravo -se o atopades-! Moi exposto. Sen pistas de por onde tirar, algo roto e con moito lique sobre a rocha. Sáese polo lado esquerdo da reunión, verticalmente e… a navegar! Nalgún punto vírase cara á dereita para ir ascendendo con esta tendencia ata acadar unha inmensa terraza na que no seu extremo dereito atoparemos unha reunión de 2 parabolts cunha soa anela, e cun parabolt máis a cada lado da mesma.
L8. V+, 60m. Un gran muro somital de rocha mediocre por tramos, protexido con 3 ou 4 parabolts e algunha ponte de rocha onde é difícil atopar onde meter aseguramentos fiables. Nós montamos unha reunión mediocre ós 50 m. porque non atopamo-la reunión e nese punto non tiñamos claro cara onde tirar e xa non tiña máis cintas. O longo -se é por onde nós fomos-, sae á esquerda  da reunión bastante verticalmente seguindo os poucos parabolts e algunha ponte de rocha vella, e ten que ir a busca-la reunión bastante á dereita (na seguinte tirada vímola de pasada nun bo nicho).
L9. IV+, 30m. Unha vez resituados na parede séguense algúns parabolts e cordinos vellos ata acadar unha boa reunión de 2 parabolts, preto xa do cume. Dende este punto pódese continuar en trepada de II ata onde xa se volve chan, a poucos metros do cume.

Data:
25/07/2018.
Cordada:
Carducho e eu.
Lonxitude/Desnivel:
300 m. 9 longos.

Descenso:

Dende a última reunión acádase o cume, e seguindo en liña recta cara ó lado oposto do Pisón, atoparemos un cable que axuda a localizar -e acadar-, a primeira instalación de rápel.

Ó ir cunha soa corda de 70 m. hai que facer un total de 8 rápeles.

Un primeiro rápel de 30 m. deposítanos nunha gran terraza na que se atopa a seguinte instalación (2 grandes anelas de ferro) no seu lado esquerdo.

O seguinte rápel de 30 m. xa nos sitúa na golada, na que temos que ver un cable ó noso lado dereito (mirando á parede) que nos guía a onde se atopa a seguinte instalación, doutras grandes anelas de ferro.

O terceiro rápel, de 30 m., déixanos no interior dunha canle de terra rodeada de árbores, pola que destrepar 6-7 m. axudados dun cable, e continuar por unha vira co cable a modo de pasamáns, que nos leva camiñando horizontalmente ata a cuarta instalación de rápel, novamente formada por 2 grandes anelas de ferro.

Nos 30 m. do cuarto rápel acadamo-lo fondo dunha estreita canle pola que destrepar axudados duns cables e ferraxes, ata a seguinte instalación con 2 grandes anelas de ferro.

O quinto rápel, de 30 m., volve a situarnos nunha estreita canle, dende a que destrepar outro tramo axudados por cables e ferraxes ata a seguinte instalación formada por 2 grandes anelas de ferro.

Neste punto pódese destrepar axudados polo cable, pero é un tanto exposto, así que decidimos rapela-los apenas 15 m que o separan da seguinte instalación, tamén formada por 2 grandes anelas de ferro.

O sétimo rápel é completamente volado, e ten unha lonxitude de 35-36 m, así que ollo con que a corda non teña ningún recorte. A corda sitúanos no baleiro, xusto na vertical enriba da seguinte instalación sobre a gran repisa; con outro par de grandes anelas de ferro.

O oitavo rápel, de 35 m., deposítanos xa na base do Pisón.

Material necesario:
1 corda de simple (70 m.) e unhas 13 cintas exprés para toda a vía, aínda que para a 2ª parte (dende a vira de escape), necesitaranse ademais 3 aliens, fisureiros pequenos e friends ata o nº 2.

Cunha soa corda de deportiva, obriga a facer 8 rápeles por Los Volaos (ollo ó penúltimo que é de xusto 36 m!).

Tendo en conta as características do exiguo equipamento dos longos superiores, non sería mala idea usar mellor 2 cordas de dobre (60 m.).
Croquis:

 

 

Reino de León, cara Sur do Peña Santa de Castilla, 11 de xullo de 2017.

Fotos da Reino de León, cara Sur do Peña Santa de CastillaDe novo o Xosé pretende aproveita-la viaxe de volta ó seu traballo para facer unha incursión a medio camiño do seu destino… Neste caso propón achegarse ó Peña Santa, para face-la vía Reino de León na cara Sur, e ó día seguinte, antes de baixar a polo coche, facer outra no Pilar de los Cazadores (inicialmente pensara na Furtivos, pero logo decidiuse pola máis curta e sinxela Reencuentro Otoñal).

Xuntámonos en Riaño e achegámonos ata Caldevilla pensando que dende aló había unha pista pola que poderiamos chegar conducindo ata a mesma choza de Vega de Llós, pero… -Que non se vos ocurra, meus, o coche haino que deixar en Caldevilla!!!!- Efectivamente existía unha estreita “pista” para usos gandeiros, pola que seguimos e seguimos pese a que era evidente que non deberiamos de seguir… (non collen dous vehículos, non hai apenas lugares onde apartarse no caso de cruzarse, hai profundas fochancas e badéns nos que tocar co baixo do coche, e para rematar, a conxunción de pedras soltas e rampas fixéronme exprimi-lo embrague e rebentáronme as rodas dianteiras -disto decateime xa de volta en casa cando observei os cortes e os cachos de caucho que, literalmente, faltaban!). Finalmente, non dimos superado unha rampa e tivemos que retroceder marcha atrás para estacionar -máis ben debera dicir “abandonar”- meu coche, xunto a unha gran maseira que coido que debe ser a de Fonte Oscura.

Rutas á Vega de Llós. Fonte: http://www.wikirutas.es/rutas/vermapa.asp?id=674Supoño que o remate perfecto debería culminar cunha boa multa por circular por unha pista non autorizada, ou por estacionar nun prado, pero ata o de agora aínda non me chegou nada… -a ver se polo menos aínda hai unha pouca sorte e non cae…- 😉

Actualizacion en outubro de 207: Pois finalmente non houbo sorte: 3 meses despois da nosa viaxe, chegoume unha fermosa multa de 500€ a casa, que quedarase en 300€ unha vez recoñecida a miña culpa e renunciado á reclamación.

Se é que non hai atallo sen traballo… 😦

Logo de ter que deixa-lo coche antes do previsto, topámonos con algo de néboa e orballo durante o camiño, pero acadamo-lo refuxio xusto a tempo para colle-las 2 liteiras que quedaban libres, uns minutos antes da chegada dunha cordada de 3 que tivo que optar por vivaquear na cova.

Croquis da Reino de León. Fonte: da Guía de Atate.info sobre o Peña Santa de Castilla (xa non existe o enlace para a súa descarga).Croquis da Reino de León. Fonte: da Guía de Atate.info sobre o Peña Santa de Castilla (xa non existe o enlace para a súa descarga).Ó día seguinte botamos 12 horas para face-la vía Reino de León, que resultou bastante máis difícil do que o grao dado a cada longo podería facer pensar: tranquilamente se lle podería dar un grao máis a practicamente tódolos longos… Tras recolle-las cordas, 20 minutos despois estabamos no cume do Peña Santa e para baixar probamos pola Vía de los Llastrales, xa que a min parecíame recordar que era máis rápido que ir pola Forcadona, ademais de evita-lo posible neveiro que acostuma a ter; sen embargo, debeunos de levar polo menos 3 horas porque aínda que non vimos a hora de chegada, saímos do cume ó redor das 20:30h. e non acadariamo-lo refuxio ata ó redor das 23:30h. (eu non lembraba que o tramo entre a Horcada Alta de los Llambriales e a Horcada Baja de los Llambriales fuese tan delicado, e aínda por riba en lugar de tentar gaña-la loma que descende suavemente cara a Vega Huerta, baixamos ata o fondo do jou, polo que perdemos aínda máis tempo buscando pasos entre as simas do seu lapiaz…).

Entre que o Xosé papárase tódala vía en cabeza e que o retorno foi tan longo, decidiu optar por unha vía máis sinxela para o seguinte día, e como tiña o croquis de Adrados da Reencuentro Otoñal, aló nos fomos de mañanciña, ben tarde iso si, para poder descansar algo máis logo da nosa longa xornada. Para esta vía, o señor Miguel Ángel Adrados suxería levar só un xogo de entaladores e un par de friends dos números 2 e 3, pero logo dun primeiro longo fácil de trepada, un segundo logo ben delicado por un diedro de rocha moi mala, atopámonos coa gran placa de canalizos -que teoricamente non debera de pasar de V!, e para a que bastaría con ese par de friends e uns entaladores!-, pola que o Xosé subiu, primeiro uns metros polo canalizo máis gordo do centro ata descartar que a vía fose por aí -á vista de que podería sair de 6b-, e logo probou polo lado esquerdo da placa ata decidir retirase da vía, descolgándose dun Camalot nº 3 que tivo que abandonar, dado que quedaba claro que a información dada no croquis non era en absoluto correcta, nin no grao, nin no material necesario -salvo que a ruta non fose polo muro de canalizos…-.

Xa en casa, botándolle un vistazo ás fotos que sacara para ver se podía averiguar por onde raios iría ese longo, crin resolve-lo misterio! 😀 Resulta que no lado esquerdo do gran muro de canalizos que había por riba da nosa repisa, hai 2 chorreiras negras ben evidentes, e un pouco máis á esquerda da segunda delas, usando o zoom, puiden observar algún elemento rectangular brillante (sospeito que pode ser algún tipo de vello cravo?), unha chapa algo por riba deste, e unha cinta plana nunha ponte de rocha todavía máis arriba. Non sei se dependendo do ángulo de incidencia da luz a certas horas e en determinadas estacións resaltará máis a chorreira branca, pero estaría mellor sinalado o percorrido do longo se se indicase que este vai algo máis á esquerda das 2 chorreiras negras… -agora haberá que volver para reintenta-la vía e… recupera-lo friend, por suposto 🙂 – En todo caso, vendo o bosquexo da guía de Atate.info, nel se indica que “se comeza á esquerda dunha marcada fenda cara a unha chorreria negra que vese bastante arriba e que hai que pasar pola súa dereita cara a un nicho no que se monta a reunión.”

Así que con 60€ menos de lastre (seica no seu tempo ese friend custaba 5.000 pesetas “das de antes” 🙂 ), retirámonos ata Vega Huerta, fixemo-las mochilas e baixamos a polo coche que, afortunadamente, non fora retirado do prado pola grúa 😀 porque todavía nos quedaban máis de 5 horas de viaxe por estrada cara ós nosos respectivos e opostos destinos.

Podedes saber máis cousas e lee-la descrición da actividade no blogue de Xosé, Fendas e Ferrallas, cunha boa escolma de fotos e alomenos un comentario de cada longo que agradeceredes máis que as miñas parolas 🙂 .

A aproximación.Croquis da ruta dende Vega de Llós a Vega Huerta (de atate.info). Fonte: http://www.atate.info/guia-practica/item/222-pena-santa-de-castilla.html

Dende Fuente Oscura, a pista continúa sen perda ata rematar nos prados ó carón da choza da Vega de Llós e dunha fonte con maseira. Dende aí hai que ascender con tendencia cara á esquerda (O) para acadar unha  golada (Collado Jover) situado baixo as negras rochas da parede do Peña Parda. Logo hai que continuar ascendendo diagonalmente á esquerda ata acada-lo Collado de El Frade. O sendeiro segue ascendendo en zigzags pola ancha loma ata o seu remate, nunha pequena golada xunto ós contrafortes rochosos de Los Moledizos (Cimera del Frade). Pola esquerda destes contrafortes e atravesando unha longa ladeira pedregosa, chégase ó pé da Canal del Perro. A senda ascende en cortos zigzags a forte pendente ata acada-la máxima altura do noso percorrido no Collado del Burro, dende o que xa se pode ver perfectamente a cara Sur do Peña Santa de Castilla. Dende aquí xa só resta segui-lo chamado Camino del Burro, unha ruta ben marcada con fitos  e manchas de pintura amarela, pola chaira de pedra que, aínda que longo, vai mantendo a cota, con pequenas subidas e baixadas, polo que xa non quedan máis costas ata o descenso final que arrodea polo Oeste as Torres de Cotalbín, para chegar a Vega Huerta.
En Vega Huerta, ademais do pequeno refuxio non gardado con capacidade para unhas oito persoas (en realidade hai 4 liteiras de cemento, pero son suficientemente anchas como para que durman dúas persoas en cada unha delas), preto dunha boa fonte cun par de maseiras (a principios de verán pode estar cuberta pola neve), hai tamén unha cova, na base das Torres de Cotalbín, a uns douscentos metros por enriba da pradeira, e xunto ó camiño polo que chegamos que pode acoller outras cinco ou seis persoas, e é posible monta-la tenda preto do refuxio, aínda que hai que ter coidado coas vacas que pacen polo lugar e que poden rompelas.

Reino de León,  ED, 7a (6b/A1), 700 m.

1ª ascensión:

José Manuel Fernández e Miguel Pita os días 5, 6, 8, 9 e 10 de agosto de 1998 (tomáronse un día de descanso en Vega Huerta, e fixeron 3 vivacs na parede).

Croquis da Reino de León feito por Xosé e eu no 2017.Percorrido e dificultade:

Son 18 longos (14 realmente da vía e o resto de saída común con Rescate Emocional) protexibles cun xogo de entaladores, outro de micros, e un de friends ata o nº 4 de Camalot. A maioría das reunións contan con spits ou cravos, así como nalgunhas placas.

Aproximación en 30 minutos dende Vega Huerta. A vía comeza algo á dereita da canle de desaugue do neveiro colgado, e ten 2 posibles entradas, da que escollemo-la variante de máis á dereita, aberta un ano despois (99) polos mesmos aperturistas e mellorando substancialmente a entrada orixinal (que coincidía coa entrada da vía Sol-Ruíz-Villar).

Aínda que nesta descrición conservamo-la graduación do croquis, pensamos que ben se lle podería dar un grao máis a practicamente tódolos longos, porque obriga a apretar algo máis do indicado; así que de grao xeral dariamoslle máis o ED 7a+/7b (6b+/A1), que o ED 7a (6b/A1) co que acostuma a graduarse.

Dende onde acaba a vía, acádase o cumio por unha trepada en menos de 10 minutos.

L1. V, 50 m.
Comezamos escalando cara un diedro evidente polo que continúa nos 2 seguintes longos. Este longo segue unhas fendas un pouco á esquerda do diedro, está limpo de material agás a reunión, que conta con 2 burís e está situada no mesmo diedro.

L2. 6a, 30 m.
Longo limpo. Séguese polo diedro ata embaixo dun teito no que nos atopamos cunha reunión vella de burís e, uns metros á esquerda, outra nova de spits.

L3. 6b,  25 m.

Longo limpo. Sáese recto cara arriba superando o teito pola esquerda, seguindo unha fenda á esquerda do diedro e usando este para protexer, ata embaixo dun gran pilar vertical onde se atopa a reunión dun spit e un cravo.

Croquis do Xosé, 2017, fonte: http://fendaseferralla.blogspot.com/2017/08/pena-santa-el-reino-de-leon.html. L4. V+,  25 m.

Arrodéase pola esquerda o pilar que temos sobre as nosas cabezas, polo que pronto desaparece da nosa vista o/a compañeiro/a, e continúase por unha fenda-rampa ascendente cara á esquerda -na que hai un pitón-, ata o seu remate, nunha reunión de dous cravos.

L5. 6a, 25 m.
Faise unha travesía horizontal á esquerda de polo menos 6 m., e pásase unha laxe para acceder á repisa onde se xunta coa variante orixinal (nesta repisa podemos ve-la reunión desa a uns 8 m. á esquerda), e séguese en vertical dereita por un curto muro de bo canto, protexido por dous spits. A reunión, conta con dous spits novos.

L6. V+. 30 m.

Á esquerda da reunión pódese ver un cercano diedro-cheminea cara ó que hai que continuar bastante horizontalmente ata acadalo, para continuar ascendendo por el ata montar reunión dun cravo reforzable facilmente na mesma fenda no que se atopa.

L7. V+. 45 m.
Saímos pola esquerda da reunión, buscando o terreo máis fácil para supera-lo muro enriba nosa, mellor pola placa un pouco á dereita que pola fenda que está moi rota, e imos progresando con tendencia á dereita, ata acada-lo inicio dunha canle, pola que que seguimos nun zig-zag ata a explanada que sinala a parte superior do piar e que te deixa ó pé do muro de canalizos. A reunión é un spit novo, reforzable nas fendas da súa dereita.

L8. 6b. 40 m.
Ascéndese un impresionante muro de canalizos con tendenza á esquerda, e que conta con 4 spits protexendo os pasos máis duros (hai aire entre seguros mais pódese meter alguna cousa entre canalizos e nunha fendiña baixo unha entosta na parte final). A reunión consta dun spit novo e un cravo.

L9. 6a+. 25 m.
Continúase por placa con varios seguros fixos (pitón, spit, pitón, ponte de rocha e dous pitóns), que nos deixa algo máis á esquerda da nosa reunión de partida, nunha nova instalación de 2 spits moi perto dunha laxe que conforma o teito con fenda coñecida como “El Camello“.

L10. 6a. 25 m.
Sáese da reunión cara a un spit situado á nosa esquerda cunha curta travesía (para min delicada de carallo), e logo séguese por unha placa de rocha alucinante ata chegar á gran fenda (tamén delicada de acadar) desta laxe Camello, pola que se progresa ata acada-la cómoda repisa na que se monta a reunión sobre unha ponte de rocha. Ollo a un gran bloque solto xusto antes da repisa que está esperando por alguén para caerse!

L11. V+. 50 m.
Atravésase cara á esquerda pola repisa descendente para desaparecer da vista do/a compañeiro/a e continuar logo ascendendo en diagonal á esquerda polo diedro con canalizos que forma a parte dereita da gran laxe coñecida como a “Pirámide”; por baixo da cima da mesma hai que ir á esquerda a pillar uns canalizos que nos levan ó curuto desta pirámide (este último paso é o que lle dá o grao ó longo). Reunión en dous spits.

Unha cordada de 3 ó seguinte día, no longo chave da Reino de León.L12. 7a (6b/A1). 25 m.

Media ducia de spits protexen este longo e permiten o seu ascenso en artificial, aínda que pensamos que segue obrigando a escalar polo menos 6b+/6c. Comézase verticalmente pola placa, de adherencia e con presas escasas e malas. No 4º spit un cordino longo deixado por algún alma caritativa salva ó Xosé de ter que baixar a buscarme, porque xuro que se non é por ese cordinacho eu non subo por aí nin aínda que tiren de min con poleas 😀 . Dende ese spit a ruta segue máis pola esquerda, pese a que, verticalmente, algo máis arriba vense varios spits ou parabolts que deben corresponder a algunha variante ou vía da que non tiñamos referencia e que comparte os 3 primeiros spits (posteriormente comprobamos que se trata dun longo de 7b da vía Nuri, aberta no 2011 por Edu Recio, Jesús Ibarz e Oriol Anglada). O Xosé non se deixa enganar e continúa ascendendo con tendencia á esquerda para rematar por un diedro que o deixa na reunión dun spit novo reforzable nunha ponte de rocha.

L13. 6a+. 30 m.
Sáese do diedro pola esquerda para situarnos baixo unhas fendas verticais; á súa esquerda intuímos un diedro que na súa base ten un pitón, seguímolo ata un teito algo roto que superaremos facendo unha travesía á dereita pasando por un spit e unha ponte de rocha. Reunión nun nicho cun spit novo reforzable nunha fenda ó seu carón.

L14. V+. 45 m.
Séguese un sistema de fendas por unha especie de canle ata unha cómoda repisa; á dereita veremos un parabolt de 8 con anela que fai de reunión, reforzable nunha fenda ó seu carón. Neste longo temos rematado a ruta, xa que esta reunión é común coa vía Rescate Emocional, pola que seguen en común, porén non nos descoidemos porque, alén de que o que falta sexa máis fácil e rápido, aínda nos quedan case 200 m de escalada.

L15. IV+. 40 m.
Supérase o muro enriba noso con tendencia á dereita ata acadar unhas terrazas e entrar na canle de saída. Reunión en dúas pontes de rocha vellas, aínda que tamén se pode facer por riba, pois na canle hai múltiples sitios onde montala. Nós montamos reunión a base de friends ó remate dos 60 m. de corda.

Vistas do pedreiro de La Llerona ó solpor.L16, L17 e L18. II-III e IV. 150 m.
Seguimos pola canle evidente uns 100 m, primeiro fácil e logo atoparemos uns pasos de terceiro onde unhas enormes pontes de rocha. Seguimos pola canle ata atopar un curto muro con presas invertidas (protexer) para saír ó pé dun muro de canalizos enormes á nosa dereita que morren nun diedro superior; esta é a saída común con Manantial de la noche. O Xosé pensa que o mellor é facer reunión ó pé do muro de canalizos e, en 50 m sairemos ó cumio: primeiro atacamos eses canalizos III+/IV e situámonos ó pé dunha cheminea que deixaremos á esquerda para saír por unha laxe-fenda que se situa á nosa dereita (paso de IV/IV+), e contornando uns bloques saíremos ó cumio por unha pequena canle. En todo este percorrido non hai ningún material emprazado.

Vistas dende Vega Huerta pola mañá.

Data:

11/07/2017.

Cordadas:

Xosé e eu.

Lonxitude/Desnivel:

700 m. 18 longos.

Descenso:

Dende o cume débese destrepar seguindo unhas manchas de pintura amarela (xa tan desgastadas que moitas delas nin se ven) e algúns fitos, para baixar pola cara Norte ata a Brecha Norte. Dende aí, pódese continuar descendendo para pasar pola Forcadona ou optar por desviarse onde empeza o primeiro rápel da Canal Estrecha, para continuar pola Vía de los Llastrales ata Vega Huerta.

Material necesario:

2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), unha ducia de cintas exprés, varios cordinos para pontes de rocha, un xogo de micros e friends ata o nº 4 de Camalot e un bo xogo de entaladores.

Croquis e descrición:

 

 

Nani-Marisi (V+), 225 m, cara SE do Picu Urriellu, 6 de agosto de 2016.

Fotos da Nani-Marisi, cara SE do Picu Urriellu, 6 de agosto de 2016.A comezos do inverno o Carducho propuxérame ir este verán ó Urriellu a facer unha vía que sería a miña primeira na cara Oeste. Daquela eu pensáramo un pouco porque quería estar ben preparado para enfrontarme a unha escalada tan longa, pero como había tempo de abondo ata entón, apunteime ó proxecto. Sen embargo, debido ó traballo, ós poucos días tiven que renunciar a saír á montaña ata finais de xullo e conformarme con ir a Budiño de cando en cando para alomenos manterme minimamente activo escalando. Así que chegado o momento de poñernos en marcha, non me atopaba nin de lonxe nas mellores condicións para afronta-la vía, pero confiando no poderío do meu compi, e cunha posta a punto exprés que involuntariamente me proporcionou o Xosé a semana anterior 😉 , xuntámonos un venres pola tarde en Collado Pandébano, con intención de face-la vía ó seguinte día.
Xunto con Lola subimos ata a Vega de Urriellu onde vivaqueamos esa noite con intención de comeza-la escalada ás 8 da mañá (demasiado tarde para o meu gusto, pero con marxe horaria de abondo para face-la vía sobradamente segundo os cálculos do Carducho). Desgrazadamente xa namentres almorzabamos observaramos na nosa ruta a unha cordada de 3 que ían moi lentos (botaron entre 40 e 50 minutos para face-lo 2º longo, que non é especialmente complicado!), e ó chegar a pé de vía atopámonos con outra cordada máis á espera…
O fermoso can da cordada que nos precedía, en pleno inicio da Nani, esperando ó retorno dos seus propietarios.Buscamos alternativas e como non traíamos un plan B, baixámonos a polo libro de piadas do refuxio e fotografiamo-los croquis dun par de vías da cara Este para escoller aquela que tivese menos xente, confiando en que ó ir tan tarde, non nos atoparíamos con atascos. Finalmente, ás 10:30h. empezamos a subir pola Nani-Marisi, cunha cordada dous longos por riba nosa que non nos freou en toda a escalada, e que deixara o seu can a pé de vía, vixiando as súas mochilas, sinalando xusto a canle de inicio da escalada.
Longo aberto 20 anos atrás por Carducho: Variante Mutante (6b+ expo)Ó final, pese á decepción de ter que renunciar ó noso obxectivo, desfrutamos moita desta outra bonita vía na que unha vez chegados ó paso ó anfiteatro da cara Sur, o Carducho sinaloume o longo que abrira superando o chamado “corazón de lija” máis de 20 anos atrás, cando tras face-la Me Refugio en la Bebida, chegados a un característico nicho no lado esquerdo da visible placa sobre a vía, progresou pola mesma sen posibilidades de protección nun tramo expo polo que acadou a evidente fenda vertical na que xa puido ir metendo seguros namentres ascendía por ela. Daquela, tras comprobar no refuxio que non constaba que ninguén a fixera antes ca el, fixo un croquis no reverso dunha das follas que usan para os recibos que entregan ás persoas coas contas cando van pagar, xa que ó pedirlles un folio, suxeríronlle que se subise o seu propio papel se non querían que llo cobrasen (vese que xa daquela non eran tampouco moi simpáticos…). O caso foi que chamoulle ó seu novo itinerario Variante Mutante, graduouno de 6b+ expo e deixouno no libro de piadas, só para comprobar coma algún tempo despois, desaparecera de dito libro: seguramente ós gardas non lles pareceu unha ruta digna de abondo como para merecer unha reseña…

Nani – Marisi (V+), 225 m.

1ª ascensión: Hernán Llanos Balsas “Nani” e Alfredo Díaz o 23 de agosto de 1974.

Material necesario: 2 cordas en dobre de 60 m., un xogo de friends ata o nº 3 de Camalot (útil levar repetido este último número), 3 Allien, e unha ducia de cintas exprés longas.

Aproximación: nunha hora pola Canal de la Celada.

Descenso: a ruta non é rapelable, baixándose en 2 ou 3 rápeles pola liña de descenso da cara Sur, ou máis directamente en 3 rápeles pola Teógenes (non usar en caso de choiva).

Cordada: Carducho e eu, o 6 de agosto de 2016.

Fonte: http://www.fernandozamoraguiadepicos.com/2011/09/escalada-via-nani-marisi-en-la-cara-sur.htmlPercorrido e gradación:

  • L1. IV, 45 m. A vía comeza a escasos metros por embaixo da de El Paso Horizontal, na primeira (en sentido ascendente) das dúas grandes cicatrices diagonais que van de esquerda a dereita na cara Sur-Leste. Remóntase o evidente diedro-cheminea ata o seu empalme por placa co comezo dun seguinte diedro. A reunión móntase sobre dous cravos reforzables.
  • L2. IV+, 55 m. Ascéndese este novo curto diedro-cheminea, algo máis vertical, que unha vez superado empata coa continuación da canle ata montar reunión ó límite da lonxitude das cordas, nunha cómoda repisa cun par de cravos reforzables xunto a un gran bloque. Segundo os croquis de www.guiaspicos.com e fernandozamoraguiadepicos.com, empatamos dous longos, xa que a nosa 2ª reunión coincide coas súas 3ª.
  • L3. V+, 55 m. Saímos da cheminea para atoparnos cun muro vertical de furados de difícil protección, polo que acádase un nicho con ata 3 pontes de rocha; neste furado resultaría incómodo montar reunión, pero seica xusto uns 2 ou 3 metros en liña recta por enriba vese outro nicho moito máis cómodo onde montala sobre un Camalot amarelo, unha ponte de rocha e un cravo. No noso caso tamén ignoramos esta reunión e empatamo-los dous longos correspondentes do croquis, saíndo do nicho pola dereita para afrontar un muro de travesía ascendente no que un cravo protexe un tramo de placa cara á dereita duns 3 metros, que nos sitúa baixo o gran bloque alaranxado; aquí pódese ver que hai quen monta reunión, aínda que nós seguimos para supera-lo diedro do gran bloque pola esquerda e monta-la reunión sobre 3 cravos, na cómoda terraza enriba del.
  • Fonte: http://www.guiaspicos.com/blog/nani-marisi-al-naranjo-de-bulnes/L4. IV, 30 m. Saímos pola esquerda da reunión ata o pé dun novo muro uns tres metros por riba, que superamos con tendencia á dereita sen poder protexer ata atoparnos xa nun terreo máis fácil, polo que acádase unha especie de nicho repisa onde se monta a reunión sobre dúas pontes de rocha reforzables.
  • L5. IV+, 30 m. Dende aquí seica pódese facer unha travesía de III+ cara á dereita para empalmar coa última reunión da Cepeda e saír por ela (V+), pero nós continuamos pola vía saíndo da reunión verticalmente para toparnos cun novo muro que resolvemos un pouco polo seu lado dereito antes de dirixirnos en diagonal ascendente á esquerda, rodeando o desplome que hai sobre as nosas cabezas pola evidente canle que nos leva á reunión situada no ombreiro dende o que xa podemos pasarnos ó anfiteatro Sur.
  • L6, III+, 10 m. A uns 10 m. de distancia, polo lado esquerdo da reunión, que da ó anfiteatro, xa se ve un gran bloque con múltiples lazos, un pouco máis alto que a nosa posición. Non ten sentido tentar empatar esta longo co anterior, xa que dificultaría moitísimo o aseguramento, e é mellor facer este pequeno percorrido de rocha moi descomposta partindo da reunión máis cercana. Unha vez acadado o bloque pódese facer un rápel duns 20 m., cunha soa corda que nos deposita no anfiteatro Sur, xusto na última reunión da vía Teógenes, pola que pódese rapelar ata o pé da cara Sur.

Reseñas e croquis:

 

Cuélebre, El Vuelo del Dragón e Sagitario, Picu Urriellu (Picos de Europa), 25 ó 27 de xullo de 2016.

2016 Xullo 27 1 comentario

Néboas subindo a última hora da tarde pola Vega de Urriellu.Logo de máis de medio ano sen saír á montaña e practicamente 2 meses pechado na casa, tiña apenas 3 semanas para poñerme a ton a marchas forzadas, se quería cumprir co compromiso que adquirira con Carducho para acompañalo á cara Oeste do Picu Urriellu.

Con tan pouco tempo de prazo, aínda andaba eu sufrindo as maniotas froito das primeiras xornadas de retorno á escalada polo Galiñeiro, cando me chamou o Xosé para facerme unha desas propostas que un non pode rexeitar 🙂

O seu plan era o de subir á Vega de Urriellu, reserva-la cea de 2 noites no refuxio e vivaquear polos seus arredores, para escalar 3 días -bueno…, escalar…, o que se di escalar… iso faría ó Xosé, que eu fun a rastras del ata cando iamos polo senda (logo aínda se queixaba de que doíanlle os cadrís de tanto turrar da corda para izarme pola parede, pero así aprenderá e para outra vez, en vez de levarme a min de paquete, buscarase un rudo escalador de verdade, deses con barba e pelo no peito, aínda que non sexa tan doce e agarimoso coma min 😉 hehehehe…)-.

O caso é que non me deu tregua nin polo camiño de subida á Vega de Urriellu; en 2 horas plantábase o Xosé no noso destino e púñase á busca dun vivac, namentres eu aparecería 20 minutos por detrás del, botando o fígado pola boca… Ceamos do que levabamos no que foi a mellor comida deses días, porque as ceas que tomamos no refuxio as seguintes 2 noites… 😦

Eu xa subira ó Picu polas outras tres caras, así que facíame moita ilusión face-la miña primeira vía pola Oeste, pero hai que distinguir entre subir e que o suban a un, así que teño que recoñecer que, aínda que logramos completa-las escaladas, no zurrón dos meus proxectos todavía marco como pendente a inmensa muralla desta cara -a ver se dentro duns días, xa vou algo mellor co Carducho 😉 -.

Cuélebre, 600 m., 7b+ (6c+, A2).

Fotos da Cuélebre, cara Oeste do Picu Urriellu.

Apertura: o 17 de agosto de 1983, Luis Miguel Alonso, Jose Luis Rodríguez, Miguel Rodríguez e Jose Luis Villa, abriron ata 3 longos antes do cume, onde empalmaban cunha travesía á esquerda coa Excalibur. No ano 1996, Elías Díez, Miguel Rodríguez e Jose Luis Villa endereitaron a ruta abrindo os últimos 3 longos.

Material: 2 cordas dobres de 60 m., un xogo de Alliens e e outro de Camalots ata o nº 3, un xogo de entaladores, unhas 15 cintas longas, aros de cinta para pontes de rocha, estribo e unlla.

Descenso: pola cara Sur (escape en Tiros de la Torca).

Croquis da Cuélebre. Fonte: http://korkuerika.blogspot.com.es/2012/08/la-cuelebre-una-serpiente-que-no-hay.htmlNa primeira xornada fixemo-la Cuélebre, na cara Oeste do Picu, unha excelente vía que esixe navegar para ir atopando o percorrido, con moitos tramos de difícil protección que a fan bastante exposta, e máis dura do que a súa gradación puidera facernos pensar.

Nós saímos empatando co a Leiva nos dous últimos longos, que parece ser que é a saída máis recomendable (hai outras dúas alternativas máis: empatar coa Excalibur, coma fixeron os aperturistas, ou segui-los 3 longos que abriron posteriormente outros para endereita-la ruta orixinal), seguindo os croquis de Juan Korkuerika e a reseña de Fernando Zamora.

O longo máis duro (aínda que eu coido que no anterior xa tiven tirar arreo de cintas e chapas), ten un paso que se supera en artifo cun estribo sobre unha unlla (A1+/7b+) e logo segue cunha escalada de continuidade, resistencia (6c+) e distanciados entre seguros, no que eu din boas probas da miña habilidade escalatoria 😉 -xa tiven que usa-lo estribo, antes do paso sinalado, para dar chegado sequera a el, logo pilleime un dedo co mosquetón do estribo ó colgarme del sobre un spit e traballo me costou recupera-lo dedo entalado -menos mal que polo menos quedoume insensible…-, e despois, no resto do longo, aínda me fixo falta seguir usando arreo o estribo e maila unlla para seguir subindo coma un saco izado a tiróns do Xosé… todo un espectáculo circense! -.

Croquis e reseñas:

 

El Vuelo del Dragón, 150 m., 6a+.

Fotos de El Vuelo del Dragón, cara Leste do Picu Urriellu.

Apertura: Christian Marín e Francisco Sampedro, o 1 de agosto de 1982.

Material: 2 cordas dobres de 60 m., un xogo de Alliens e e outro de Camalots ata o nº 2, un xogo de entaladores, unha decena de cintas longas e aros de cinta para pontes de rocha.

Descenso: a vía é rapelable ou pódese empatar cos últimos longo da Nani, para saír polo anfiteatro Sur e descender así polos rápeles normais desta cara.

Croquis de El Vuelo del Dragón. Fonte: http://avigamo.blogspot.com.es/2011/09/el-vuelo-del-dragon-cara-este-de.htmlEl Vuelo del Dragón e a Cainejo. Fonte: http://fendaseferralla.blogspot.com.es/2016/08/picu-urriellu-leste-el-vuelo-del-dragon.htmlÓ seguinte día pasámonos á cara Leste para face-la combinación da El Vuelo del Dragón coa Nani, aínda que finalmente tivemos que rapelar pola mesma vía, ó toparnos cunha cordada bastante lenta xusto na reunión coa que teríamos que empatar. A vía ten bastantes tramos con distanciados importantes entre seguros e vai por placas nas que non se pode meter nada, así que pareceume tamén bastante exposta, amén de que tamén require de bastante navegación para segui-lo seu percorrido.

O máis destacable é que vai “demasiado” pegada á Cainejo nalgúns puntos (no 3º longo incluso é fácil despistarse e ó saír da reunión, logo de chapar un primeiro parabolt xa se ve outro que realmente é un spit da Cainejo, así que é mellor non ir a por ese spit senón a por un nicho situado bastante máis á esquerda, no que hai unha ponte de rocha que non se ve dende a nosa posición), e que algunhas chapas están postas… “peculiarmente” -por decilo dalgún xeito…-, xa que ou estaban innecesariamente baixas, ou -polo contrario- poderían haberse instalado para resultar menos extrema a súa chapaxe -é só unha opinión persoal, que conste, pero das críticas construtivas sempre se pode alomenos tomar nota-. Ó regreso da nosa escalada, o Xosé fixo un moi bo bosquexo coas dúas vías (El Vuelo del Dragón e a Cainejo), para axudar a aclara-las rutas e os puntos de “posible interferencia” :-).

Croquis e reseñas:

Sagitario, 200 m., 6b

Fotos da Sagitario, cara Oeste do Picu Urriellu.

Apertura: Higinio Giraldo e Andrés Villar, o18 de outubro de 1985, tras 3 días de escalada.

Material: 2 cordas dobres de 60 m., un xogo de Alliens e e outro de Camalots ata o nº 3, un xogo de entaladores, unha decena de cintas longas e aros de cinta para pontes de rocha.

Descenso: a vía é rapelable, aínda que en caso de choivas non se debe usar xa que é o desaugue natural do anfiteatro dos Tiros de la Torca.

Croquis da Sagitario. Fonte: http://www.fernandozamoraguiadepicos.com/2013/08/sagitario-leiva-y-rabada-en-la-cara.htmlCoa intención de aproveita-la mañá e volvernos ese mesmo día, deixamos esta vía para a nosa despedida, xa que só chega ata a metade da parede, e así regresariamos con tempo para empaqueta-las cousas, baixa-lo camiño ata Collado Pandébano, e xantar decentemente en Cabrales, logo das dúas noites de infraceas do refuxio do Urriellu.

A vía ten 7 longos, e aínda que hai quen dá como opcional a 4ª reunión, eu non recomendaría empatar eses dous longos xa que ademais de que a corda pesa moito polo rozamento en canto se sobrepasa a citada reunión, logo ven un tramo delicado no que o último seguro alonxa moito… Os que si que pódense empatar son os dous últimos longos, aínda que -ollo!- os 60 m. de lonxitude das cordas van resultar xustísimos.

Polo demais, resaltaría que ó 1º longo non lle sobraría unha chapa para protexerse nos primeiros metros de escalada, e o penúltimo longo -que empatamos co último- está graduado como de 6a+, pero o seu arranque pareceume durísimo, así que eu dáballe polo menos o 6b sen ningún complexo…

En resumo, unha moi boa vía ideal para cando só se dispoña de media xornada de escalada, con algo de exposición nalgúns puntos e que pese o seu relativo rectilíneo trazado, tamén require de algo de capacidade de navegación.

Croquis e reseñas: