Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección, Montañismo, Sendeirismo / trekking > Arestas en Picos de Europa: Madejuno – Tiro Llago, Torre Blanca – Tiro Tirso, e El Corral de los Moros. Agosto 2021,

Arestas en Picos de Europa: Madejuno – Tiro Llago, Torre Blanca – Tiro Tirso, e El Corral de los Moros. Agosto 2021,

2021 Agosto 31

Nos últimos días das vacacións dun verán condicionado polo COVID-19, aproveitei para achegarme con Eloy a un deses lugares de Picos de Europa que dende fai moito desexaría que sexa o campo base dun par de semáns de escaladas en parede: a zona de Cabaña Verónica.

Sen embargo nesta ocasión só ía como cobaia do meu compi nas súas prácticas de percorridos en aresta, polo que fixemos un par das máis coñecidas, así como outra xunto ó desfiladeiro de La Hermida, á volta, e xa sen interese montañeiro.

Para elo viaxamos un sábado á tarde e durmimos na furgo, xa no noso destino, para á mañá seguinte colle-lo teleférico de Fuente Dé e adentrarnos no macizo central dos Picos de Europa.

Aresta Madejuno – Tiro Llago, Picos de Europa.

Fotos da aresta Madejuno - Tiro Llago, na zona de Fuente Dé (Picos de Europa)Esta é unha das arestas máis coñecidas de Picos de Europa e pódese empatar nunha mesma xornada coa Torre Blanca – Tiro Tirso e, dende aí, incluso continuala ata a Torre del Llambrión, convertindo así a o percorrido nunha actividade máis potente. De feito, aínda é posible facer un percorrido maior, a Línea Schulze, ideada por Alfredo Íñiguez e publicada no seu libro “Relatos de Vivac”, unindo por crista tódolos picos entre a Torre de Altaiz e a Torre de la Palanca, en vez da típica división en 4 actividades: da Torre de Altaiz ata Tiros de Casares, do Pico Madejuno ó Tiro Llago, da Torre Blanca ata a Torre Blanca e continuando ó Llambrión e do Llambrión pola Torre de las Llastrías á Torre de la Palanca.

O percorrido está moi detallado e profusamente ilustrado nas referencias que máis abaixo cito, polo que limitareime a comentar de forma telegráfica un resumo dos detalles principais da ruta.

1º percorrido: Pedro Udaondo, Ángel Llorente, Jesús Rodríguez e Arturo Fernández, 1955.

Distancia: 800 m  (incluída a ascensión ó Madejuno e o descenso do Tiro Llago).

Dificultade: III+

Data: 29 de agosto de 2021

Cordada: Eloy e eu

Comentarios:

Nós partimos dende Cabaña Verónica, xa que ese sería o noso campo base no que vivaquear e dende o que ó seguinte día facer outra ruta; así que o noso achegamento dende aí era bastante evidente posto que víase na distancia o punto de partida do noso obxectivo, a Collada de Tiros de Casares. Doutro xeito, o mellor dende El Cable é ir pola Vueltona á Collada de Fuente Escondida, segui-los fitos pola vertente do Jou sin Tierre (que pasa por embaixo das pedreiras do Pico San Carlos e a Torre del Hoyo Oscuro) ata Tiros de Casares.

Ruta:

Antes da Collada de Tiros de Casares subi-las ladeiras pedregosas baixo o Madejuno para saír xusto baixo unha canle-diedro (II-III). Unha llambría ó remate do diedro-canle, pola dereita, leva ó cume do Madejuno. Continúase pola aresta uns 50 m, pásase unha brecha, un tramo afiado dunha ducia de metros e logo faise un rápel duns 20 m, en 2 cravos.

Continúase pola crista ata o “guendarme amarelo”, que se sube pola fenda da dereita (hai 2 evidentes) con pasos de II+ ou IV. Báixase do guendarme por unha canle de III que pódese rapelar (40 m aprox.) ata unha vira.

O resto de guendarmes pódense ascender de fronte, polo lado Sur (Hoyos de los Llagos) ou optar por deixalos de lado.

Trepara por llambría cara á “canle amarela” e collela (III) para ascender ó cume oriental de Tiro Llago trepando un muro de III á esquerda.

Só resta seguir ata un rápel de 10 m e seguir pola esquerda da aresta ata o cume principal.

Descenso:
Baixar uns metros pola aresta Oeste e logo 2 rápeles (20 e 15 m) pola vertente de Hoyos Sengros (ambos pódense destrepar, sendo máis fácil o primeiro). Na canle cruzar unha brecha para volver á vertente Sur e bordear guendarmes. Logo, noutra brecha, sae unha canle curta que baixa a Hoyos Sengros.

Baixa-la ladeira con fitos. Bordear pola dereita o jou de Hoyos Sengros ata as proximidades de Cabaña Verónica.

Material necesario:

1 corda de 60 m e algúns cordinos ou cintas por se houbera que substituír ós dos rápeles.

Croquis e descrición:

Croquis da aresta Madejuno - Tiro Llago. Fonte: http://www.elmaquis.net/escaladas/webesroca/madejuno-tirollago.htm

Croquis da aresta Madejuno – Tiro Llago. Fonte: http://www.elmaquis.net/escaladas/webesroca/madejuno-tirollago.htm

Aresta Torre Blanca – Tiro Tirso, Picos de Europa.

Fotos da aresta Torre Blanca - Tiro Tirso, na zona de Fuente Dé (Picos de Europa)Esta aresta resulta máis curta que a anterior, aínda que é algo máis complicada por ter algúns tramos descompostos, ser bastante aérea e contar cun paso de IV nunha travesía de placa só asegurada por un cravo -que xa non é de fiar- ó que chegar sen protección fronte unha eventual caída.

1º percorrido: Agustín Faus e Jordi Papió, en 1950.

Distancia: 400 m  (incluída a ascensión á Torre Blanca e o descenso do Tiro Tirso).

Dificultade: IV

Data: 30 de agosto de 2021

Cordada: Eloy e eu

Comentarios:

A aproximación polo jou de Hoyos Sengros levounos máis do previsto e pese a que a referencia do noso destino na Collada Blanca é evidente, nalgúns momentos o percorrido non é moi claro.

Ruta:

Saímos dende Cabaña Verónica, e bordeamos polo lado dereito o jou de Hoyos Sengros ata a Collada Blanca dende onde se seguen os fitos da Normal á Torre Blanca, cume que se acada facilmente (a nós levounos algo máis de hora e media dende Cabaña Verónica).

Continuamos pola crista e o seu fío ata unha cima secundaria dende onde facer un rápel de 15 m que nos deixa nunha pequena forcada.

Continuar cunha trepada (III+) a asegurar, seguindo inicialmente unha fenda do lado esquerdo, para logo pasar pola dereita unha llambría sobre a que se atopa un lugar de reunión. Xa na aresta do cume continúase ata acada-la Torre sin Nombre. Séguese ata un rápel de 30 m que chega ata unha cómoda forcada.

A 2 ou 3 m, polo lado dereito arranca una curta canle de rocha descomposta que sube en diagonal á dereita ata unha terraza superior: este tramo de III é delicado polo descomposto da rocha.

Neste punto chegamos a un muro liso (IV) equipado cun cravo non fiable cun cordino, dende o que seguir xa máis facilmente en travesía de adherencia cara un bloque á súa dereita. Logo de acadado o bloque, continúase subindo de fronte por terreo máis fácil ata completar o último tramo camiñando para acada-lo cume do Tiro Tirso.

Descenso:
Continuar polo lado esquerdo da crista (que dá a Liordes) e ó pouco volver ó fío para atopar un cordino de rápel e continuar destrepando por rocha medioche ata un bloque que é mellor rodear polo seu lado dereito. Séguese polo fío ata a forcada que nos separa do Llambrión, puidendo rematar cun último rápel que nos deposita no chan.

Baixa-la ladeira con fitos ata acada-la Collada Blanca e empatamos co camiño de ida bordeando o jou de Hoyos Sengros ata Cabaña Verónica.

Material necesario:

1 corda de 60 m e algúns cordinos ou cintas por se houbera que substituír ós dos rápeles.

Croquis e descrición:

Aresta en El Corral de los Moros, Cabañes, Cantabria, Picos de Europa.

Fotos da aresta en El Corral de los Moros, Pembes (Picos de Europa)Moi próxima á chamada zona de recreo El Habario, atópanse, en Pendes, os restos apenas perceptibles dun antigo recinto defensivo situado no Castro la Encina, coñecido como El Corral de los Moros. Dende el parte unha fácil aresta que nos serviría de último adestramento antes de por rumbo a casa. Non se trata dun lugar con interese montañeiro ou escalatorio, polo que non describo o percorrido, aínda que un gran corte na aresta a separa dun muro que si que parecía ter máis “chicha”.

Ó carón deste lugar está unha pequena escola de escalada en Cabañes, da que ata o de agora non vira referencias en ningunha guía, pero da que tras atopar un croquis en: https://www.liebanaaventura.com/2016/12/croquis-escalada-cabanes/ vin que xa se publicou tamén na guía de Roca Verde: https://rocaverdeclimbing.com/wp-content/uploads/2021/04/Caba%C3%B1es_Sectores_ES_EN_24042021.pdf.

En Cabañes hai tamén un interesante albergue, dada a súa proximidade ó desfiladeiro de La Hermida, onde poder aloxarse: http://xn--alberguecabaes-1nb.com/el-albergue

Croquis e descrición: