Arquivo

Archive for the ‘Denuncia’ Category

A inesperada lonxitude das cordas Petzl

Corda dinámica de uso en dobre PETZL Salsa, de 8'2 mm de diámetro e 60 m de lonxitude, aparentemente máis curta do especificado. A mediados do 2014, mercara unha corda SALSA, de 8.2 mm, e 60 m. de lonxitude, que sen embargo aparentemente resultaba medir uns 2 metros menos do indicado.

Derame conta dilo cando nunha actividade co meu irmán na que os longos tiñan unha lonxitude próxima ós 60 m., resultaba que esta corda sempre acabábase antes ca outra coa que a utilizabamos en dobre. De feito, nun rápel a diferenza cáseque nos custa algo máis que un susto…

Aínda que é comprensible que poida haber algunha pequena diferenza na medida, isto non só é importante cando o é por exceso (no caso dos rápeles), senón que resulta especialmente grave cando o é por defecto -como neste caso- dado o perigo que isto implica en situacións nas que a lonxitude do longo resulte axustado ó límite das cordas de 60 m.

Dende entón minimizara o uso desta corda a só actividades nas que a priori sabía que as lonxitudes dos seus longos e rápeles non me porían en perigo, pero logo dun par de anos decidinme a consultarlle o caso ó fabricante, PETZL.

Tras contactar por correo electrónico con PETZL España, o seu servizo de postventa interesouse polo caso e finalmente envieille-la corda para que a comprobasen. Sen embargo, para a miña sorpresa, devolvéronma cunha sucinta conclusión:

“Hemos procedido a su control según el procedimiento de revisión de las cuerdas y no hemos detectado ningún defecto de fabricación ni de material. Así mismo hemos procedido a su medición y le confirmamos que la cuerda mide 60 metros y es conforme a nuestras exigencias y tolerancias de fabricación.”

Logo de medir novamente a corda, tanto eu como os empregados da tenda, volviamos a constatar que non acadaba os 60 metros, así que gravei un vídeo demostrativo de como ó medi-la corda esta non acadaba a lonxitude especificada e paseillo ó servizo de postventa de PETZL para que o visen, pedíndolles que me explicasen que procedemento de medición seguían, e se este era diferente doutras marcas, por se a este se lle puidese atribuí-lo feito de que as miñas medicións fosen diferentes as realizadas polo fabricante (xa que na súa resposta non explicaban que método utilizaban para o cálculo da lonxitude). En todo caso eu me reafirmaba en que a corda non acadaba os 60 m (alomenos sen estirala, porque supuña que non tiñan en conta a capacidade de elongación da mesma).

 

Desta volta, na resposta de PETZL indicáronme que no procedemento que utilizan para a medición das súas cordas, as TENSAN E ESTIRAN ANTES de medilas! E sinaláronme que no apartado “Procedimiento de revisión del EPI” de cada corda, indican o método utilizado na medición dunha corda dinámica; por exemplo para a miña corda o enlace sería o seguinte: https://www.petzl.com/ES/es/Sport/Cuerdas/RUMBA-8-0-mm#.WBn1Uy3hAdU

O devandito procedemento consistiría en:

“Para controlar la longitud de la cuerda, siga los siguientes pasos:
1. Desenrolle completamente la cuerda.
2. Controle el marcado de la mitad de la cuerda. Existe un método muy fácil para encontrar la mitade la cuerda: sujete juntas las dos puntas de la cuerda y, después, haga deslizar los dos cabos simultáneamente en sus manos hasta alcanzar la mitad de la cuerda. Si la cuerda tiene un marcado de mitad de la cuerda, compruebe que se encuentra en el lugar correcto. Si el marcado es OK, continúe con el paso siguiente. Si el marcado de la cuerda no está en el lugar correcto o si no tiene marcado de mitad de la cuerda, coloque una cinta adhesiva en la mitad de la cuerda para realizar la medición de la longitud de la cuerda.
3. Para finalizar la medición, tire de la cuerda y después afloje la cuerda
4. Mida la longitud de la cuerda. Para ello, haga una marca de 1 m en una superficie plana (mesa o similar). Mida cada metro de cuerda con esta referencia haciendo pasar la cuerda hasta la mitad de la cuerda. Mida la mitad de la longitud de la cuerda y, a continuación, multiplique por dos el valor resultante para obtener la longitud total de la cuerda.”

Procedemento para a medición das cordas de Petzl. Fonte: https://www.petzl.com/ES/es/Sport/Cuerdas/RUMBA-8-0-mm#.WBn1Uy3hAdU (procedemento de revisión do EPI: https://www.petzl.com/sfc/servlet.shepherd/version/download/068w0000004nQqVAAU)

Conclusión.

En consecuencia, a corda dinámica de uso en dobre PETZL Salsa, de 8’2 mm de diámetro e 60 m de lonxitude, que aparentemente era máis curta do especificado, non o é de acordo co peculiar método de medición das cordas establecido polo fabricante, pero está claro que se o resto dos fabricantes as miden sen estiralas previamente, as cordas PETZL son máis curtas que as dos demais, cos inconvintes que isto implica tal e como comentei ó principio do artigo. Así pois, esta será a última corda PETZL que eu merque, alomenos namentres que non cambien de método 😦

Refugio de la Vega de Urriellu, o peor refuxio de montaña do mundo; un pseudo-refuxio…

Fosa séptica do refuxio de Urriellu, desbordando augas fecais.Seguramente é unha esaxeración, pero permitídeme o exceso verbal do titular deste artigo para chama-la vosa atención, sobre a vergoñenta situación do que sen dúbida é un dos refuxios máis senlleiros da montaña española.

Acabo de regresar a casa logo de pasar 3 días na Vega de Urriellu, e o primeiro que fixen foi denuncia-lo flagrante delito ecolóxico e contra a saúde das persoas que o refuxio está cometendo en pleno centro dun espacio protexido como é o Parque Natural de los Picos de Europa.

Resulta que a fosa séptica do refuxio, está vertendo de forma ben visible e continuada ó longo deste verán, augas e residuos fecais a escasos 6 metros da fonte de auga potable situada no seu lateral, sen que se teña tomado a máis mínima medida correctora, nin por parte do refuxio, nin das institucións e autoridades competentes; e xa non é que non se faga absolutamente nada para evitar e corrixi-lo vertido, é que a actividade normal do refuxio non sufriu un mínimo cambio: nin se informa do feito en si ás persoas que se aloxan ou que transitan polas súas proximidades, ou ás que se surten de auga na fonte, pese ó nauseabundo fedor que se percibe, nin se advirte dos perigos que para a saúde supón permanecer nas súas inmediacións, ou que ditas augas se filtren e rematen contaminando as correntes subterráneas que val abaixo surten manantiais e regatos dos que fan uso as poboacións da comarca. Nada se fai, porque calquera acción conlevaría a suspensión inmediata da actividade do refuxio, e iso significaría paraliza-lo negocio… -O negocio! Esa é a clave.-

Este edificio xa fai tempo que deixou de ser un refuxio de montaña, para converterse nun mero establecemento de hostalaría, xestionado como se dun albergue turístico de 3ª se tratase, no que chegada a hora de deitarse, péchase con chave a porta impedindo o libre acceso de calquera persoa que aparecese de noite de improviso ou con dificultades, ou no que se venden latas de refresco caducadas sen que, unha vez que se lles advirte do feito, consideren que deben ser retiradas da venda ó público e continúan despachándoas sen ningún rubor.

Si, xa sei que haberá quen pense que tampouco é para tanto e que non hai que ser tan puntilloso, despois de todo estamos nun entorno complicado de montaña e hai que ser comprensivos…, pero resulta que sigo observando máis detalles e situacións reprobables, como que, pese a que esteamos nun centro neurálxico da actividade montañeira e escalatoria, no que a información meteorolóxica é fundamental, xa non se coloca o parte do tempo na entrada, ben visible para calquera que pase, senón que hai que preguntar en recepción por el para que cho canten escuetamente e á carreira; ou que en vez de que as comidas sexan o suficientemente abondosas e nutritivas -non digo sabrosas, sás ou de calidade,…- como para satisface-las necesidades desas persoas que necesitan recargar enerxías antes ou despois de duras, longas e -ás veces incluso- perigosas xornadas de pateo, escalada ou carreira, ofrezan unha mala comida da que non só non informan de en que vai consisti-lo menú do día, senón que non teñen ningún problema en darche un primeiro prato de sopa e un segundo de lentellas para que non che falten líquidos, xa que eles non che proporcionan os “sólidos”. Se aínda por riba resulta que non che permiten reserva-la cea para o seguinte día -con previo pago, eh!-, e dinche que ata á hora do almorzo do seguinte día non o podes facer, co que te obrigan a que non poidas empeza-la túa actividade antes desa hora se queres cear no refuxio… -pois… xa se van acumulando moitos malos detalles, eh…-.

Pero é que aínda non se acaba aí a cousa, porque se cando che din que hai que estar puntuais para cear e ti lle replicas que antes -anos atrás, cando un aínda era un mozo que practicamente podía estar só nesta mesma época en calquera das paredes do Picu- as cousas non eran así, aínda che espetan que todo cambia para mellor, e que se non te chega o tempo, se cadra o que tiñas que estar era xa na base da vía, en vez de no refuxio -obviando que é o seu propio protocolo o que te obriga a pasarte a face-la reserva da cea a esa hora, con plena desconsideración ás elementais necesidades horarias de escaladores e montañeiros en xeral-, quédaste con cara de parvo cavilando en que carallo de mellorías serán esas nas que estará pensando o fulano…

Caldeiriños cheos de papeis de cagar que rematan caendo polo furado da letrina, no refuxio da Vega de Urriellu.E nestes intres aínda haberá quen diga que pese a que no refuxio non lles importe a contaminación que causan, nin que a comida sexa mala e insuficiente, nin vender produtos caducados, nin adapta-lo horario do almorzo ás necesidades das actividades montañeiras, nin facilita-la reserva das ceas a quen o queira face-la véspera, nin dar a coñece-lo menú que vas pagar anticipadamente, nin deixar á vista a previsión meteorolóxica, nin que unha persoa que chegue intempestivamente se atope coa porta do refuxio pechada con chave, nin … o importante é que a cantina estea aberta e que colguen cada día no Facebook unha foto do mar de nubes ó amencer para que suban moitos turistas, aínda que logo teñan que facer pirámides cos papeis de cagar enriba do minicaldeiro que colocan en cada letrina e que irremediablemente desborda por ese furado cagadeiro, no que o refuxio advirte que non se boten xa que atascan e enchen a fosa séptica… -mira ti que tiña fácil solución con colocar unhas bolsas grandes para recolle-los papeis usados, ou con facer máis dunha quenda de recollida diaria deses caldeiriños…-.

A mostra final da deturpación da función orixinal que motivou a construción deste refuxio, e que tiña como obxectivo servir de abrigo e campo base para as actividades montañeiras, é a eliminación da posibilidade de que un poida cociñar no interior do mesmo. No ano 2011 acometéronse unha serie de reformas no refuxio para -segundo a Federación asturiana publicitou- resolver algúns problemas no sistema eléctrico e de calefacción, e que serviron de excusa para elimina-lo espazo no interior do comedor do que antes dispuñan os/as montañeiros/as para cociña-los seus propios alimentos. Lonxe de recoñecer este despropósito, dende Federación e Refuxio replicaban ás persoas que reclamábamos a restitución deste servizo, que estaban “buscando unha solución” -vese que debe de estar moi ben escondida porque ata o de agora aínda non a atoparon…-.

A estas alturas da miña descrición, conviredes comigo en que máis que refuxio, debería de cualificarse como “albergue” ou “aloxamento hostaleiro turístico”, xa que está claro que non responde ó significado do que é un “refuxio de montaña”, alomenos non en base ós usos e costumes asociados á comunidade montañeira, que os ven utilizando dende o nacemento do alpinismo aló polo século XIX. Neste senso, no refuxio gardado de media e alta montaña, ademais de contar con máis ou menos servizos (mantas, comida, bebida,…) pódese obter información das rutas, o tempo, estado da neve, horarios, vías de escalada,…; pero en todo caso, a súa finalidade e o seu funcionamento habitual ven estando supeditado ás necesidades de excursionistas, montañeiros e escaladores, algo que vai máis aló da pura definición formal que poderíamos atopar en calquera dicionario.

Evitando a polémica sobre as diferentes opinións enfrontadas entre as persoas que defenden uns refuxios con cada vez máis servizos e comodidades (tipo hotel) e as que optan pola austeridade e sobriedade, en todo caso está claro que na actualidade e no futuro, as intervencións neste tipo de construcións deben de contempla-la preservación da natureza e o impacto ambiental que poden supor, e non basear o seu modelo de xestión na simple matemática da capacidade de aloxamento e na masificación turística auspiciada pola mellora na accesibilidade á alta montaña: as diferencias entre hoteis e refuxios, xa non teñen porqué ser de índole de servizos, pero si que o son en termos do tipo de actividades que practican os/as seus/súas usuarios/as, e da xestión que se fai en base ás mesmas.

Para rematar, quédome coa definición que Agustín Faus, facía no seu Dicionario da Montaña (Ed. Juventud, 1963): “Os refuxios son construcións xeralmente toscas e reducidas que se atopan en sitios solitarios das montañas e que facilitan considerablemente as excursións montañeiras”. Seguro que actualmente poderíamos completala moito máis, pero a súa esencia, segue sendo a mesma, aínda que haxa quen se empeñe en deturpala…

Save

Save

Categorías:Denuncia, Medio ambiente

Espazos protexidos en Galicia: regulación vs prohibición

220px-natura_2000_logoA non participación/implicación de tódolos axentes sociais afectados pola regulamentación dos espazos protexidos -e, nomeadamente no noso caso, do colectivo escalador-, na redacción das normativas destes lugares, xunto coa falta de sensibilidade e coñecemento da Administración está causándonos un grave prexuízo.

Xa non é que haxa zonas con prohibición absoluta da escalada, sen razóns obxectivas que sustenten a necesidade dunha medida tan restritiva en zonas dentro da Rede Natura (non poño en cuestión as razóns de protección medioambiental e da diversidade biolóxica de sectores e períodos moi concretos), senón que aínda por riba o descoñecemento da Administración establece sistemas de control tan absurdos para a particular idiosincracia da práctica montañeira ou escalatoria, como que haxa que solicitar un permiso á Xunta cunha semana de antelación, o que na práctica exclúenos a inmensa maioría das persoas que gustásemos de ir escalar a estes lugares.

E, en contraposición coas restritivas medidas tomadas pola Xunta de Galicia contra a comunidade escaladora -tan ameazadora para o medio ambiente…-, parece que hai outras actividades que a Administración non considera tan perigosas posto que non ten reparos en autorizar dragados, encauzamentos, desmontes, explotacións de acuicultura, instalacións de produción de enerxía, aumentos da edificabilidade,… por toda a Rede Natura: esta é a aberrante política de conservación da natureza da Xunta de Galicia!

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2016/05/25/red-natura-galicia-mapa-verguenza/0003_201605G25P16996.htm

Para máis INRI, a nosa Federación nin sequera se toma a molestia de compilar e publicar de forma facilmente accesible os diferentes formatos e protocolos establecidos por cada unha destes Parques, para solicitar escalar neles. Así que, en ausencia do seu traballo, tomeime eu a molestia de xuntar a información que atopei e póñoa a disposición de todo o mundo -Federación Galega de Montañismo incluída, por se quere aproveitala…-.

Escalada en Covas.

O Parque Natural de Enciña da Lastra, foi o primeiro lugar no que se prohibiu escalar en Galicia, xa fai dilo moitos anos. Lamentablemente, dende entón nada mudou nas actitudes indolentes da Administración autonómica, nin no desleixo da Federación Galega de Montañismo, e froito dilo é a penosa situación da prohibición da escalada en lugares senlleiros desta actividade en Galicia, como son Covas, o Eume e agora tamén o Canón do Sil.

Aínda que xa sabía que existía a posibilidade de escalar nalgún sector concreto que quedaba en León (xa fóra dos límites do Parque) e que nalgún outro era necesario solicitar previamente autorización, a primeira referencia que atopei ó respecto na web da Federación, é de outubro do 2015, e nada di da situación dos sectores alleos ó de Pardellán:

NOVAS SOBRE A ESCALADA EN ENCIÑA DA LASTRA

A todos os federados practicantes asiduos de escalada, a partir de xa poderase escalar na zona coñecida como Covas de Pardellán, previa autorización do Servizo de Conservación da Natureza de Ourense.

Aos clubes chegarán o impreso de solicitude e a información de como facer o trámite co fin de conquerir a autorización. Adiantamos nesta breve nova o impreso e información ante os grandes desexos de ir a escalar nesta atractiva e espectacular zona.

Non esquecer que escalaremos nun parque natural e en calquer momento poderase denegar a autorización por criterios medio ambientais. Tampouco poderase abrir ningún itinerario novo ou modifcar ancoraxes sen autorización previa.

Boas escaladas

Procedemento_Solicitude

Impreso_Solicitude_CovasPardellán

O 24 de marzo de 2017, na web da FGM actualizan a información para incluír tamén os sectores de Pena Alnida e Sen Fronteiras:

Escalada en Enciña da Lastra

Vense de actualizar os formularios para solicitar o acceso ós sectores autorizados de escalada en Enciña da Lastra.
Podedes acceder ós tres formularios e ó procedemento para a solicitude no apartado de Descargas desta web.

Normativa relativas a Covas, Serra de Enciña da Lastra:

Escalada nas Fragas do Eume (A Coruña).

Ó respecto do Parque Natural das Fragas do Eume, en abril de 2015, atópome en Facebook co seguinte:

COMUNICADO DA FEDERACIÓN GALEGA DE MONTAÑISMO SOBRE A ESCALADA NAS FRAGAS DO EUME (A CORUÑA)

Días pasados, uns escaladores federados que estaban escalando nas Fraguas do Eume foron preguntados polos funcionarios do Parque se informaran da actividade que estaban a facer á Dirección do Parque; como ninguén sabía desa necesidade loxicamente non levaban ningún papel que acreditase a solicitude para escalar. A FGM púxose en contacto coa Dirección do Parque e este é o resultado:

A escalada non está prohibida no parque, pero para a súa práctica será requisito necesario presentar por correo-e unha solicitude que a autorice co nome completo do solicitante, DNI, teléfono de contacto e correo-e, data/s seleccionadas para escalar, sector/es de escalada, e o número de escaladores que acudiredes.

O correo-e ao que hai que envialo é conservacion.co@xunta.es, con copia ao enderezo fragas.eume@xunta.es

A día de hoxe non se producíu ningunha restricción nin sanción, pero co fin de evitar calquer malentendido e para que podamos seguir desfrutando da escalada nesa contorna, prégovos difundades esta información entre todo o colectivo.

Calquera disfunción, por favor facedeo chegar á FGM para evitar os malentendidos e anticiparnos a encontros desagradables.

Federacion Galega De Montañismo

No apartado da web da FGM non se di nada publicamente deste asunto, ¿é un comunicado interno?… Entendo pois que a situación da escalada equipárase á de Covas, na que para ir a escalar sempre hai que solicita-lo permiso (á marxe de que aló haxa sectores completamente prohibidos). Paseniñamente, se nos vai pechando o paso, pese ás “boas xestións” da nosa Federación:

CUMPRINDO O PROGRAMA

Hoxe luns, o presidente da federación, D. Adolfo Puch, e o delegado provincial da FGM na Coruña, D. Xan Ramírez, tiveron unha reunión co director do parque das Fragas do Eume, D. Jorge Vázquez. Unha primeira reunión moi cordial para aproximar as posturas e camiñar cara ao recoñecemento e práctica deportiva dos nosos deportes no PRUX do parque.

Vos informaremos da evolución das reunións e os acordodos acadados nas mesmas, nestes momentos aún en fase de desenvolvemento.

Buscando por outras canles, coido que o PROCEDEMENTO DE AUTORIZACIÓN para escalar dentro do Parque Natural das Fragas do Eume, consiste en:

1.- Remitir un correo a fragas.eume@xunta.es cunha antelación de 3 a 7 días.

2.- No asunto hai que indicar: solicitude de autorización de escalada.

3.- No contido do correo hai que indica-los datos da persoa solicitante, un teléfono de contacto, o número de persoas, sector de escalada, data e hora.

Logo disto, se non se recibise resposta, enténdese que a actividade está autorizada, xa que en caso contrario o Parque comunicaría a denegación por teléfono ou por correo electrónico.

En todo caso, podedes informarvos na Oficina do Parque Natural (Esteiro, 23, Nogueirosa – Pontedeume; Tel. 981 495 580), ou no Centro de Recepción (estrada Ombre-Caaveiro, km 5; Tel. 981 432 528).

Este é un procedemento similar ó que xa fai anos que se aplica para a escalada en Covas, pero como a FGM nin o explica, nin o publica, nin o publicita na súa web, cada un ten que apañarse pola súa conta para informarse de que e porqué hai que facer un trámite ou outro… 😦 Agora que cada quen se informe pola súa conta, eh… non vaia a se-lo demo…

Normativas relativas ás Fragas do Eume:

Escalada no Canón do Sil (Ourense).

O Canón do Sil non é un Parque Natural, senón unha  Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, por estar dentro dos espazos naturais da Rede Natura 2000.

O 19 de maio de 2016, a Federación Galega de Montañismo, publica un breve e pouco exhaustivo aviso informativo -no que é a liña habitual de traballo deste organismo- indicando que agora, tamén a escalada no Canón do Sil está prohibida sen a previa solicitude dun permiso para elo:

« AVISO A TODAS E TODOS OS ESCALADORES GALEGOS E A OS QUE NOS VISITEN

Todos e todas as que desexen escalar nas zonas ubicadas dentro da Rede Natura, temos a obriga de solicitar de xeito oficial un permiso cunha semana de antelación ao respectivo Servicio de Protección da Natureza da provincia na que se atope o lugar de escalada.

Exemplo, canón do Sil. Hai que cubrir a solicitude de abaixo e presentar no rexistro oficial da Xunta ou directamente no Servicio de Conservación da Natureza en Ourense.

Lembramos a todos que para a práctica da escalada no Parque de Enciña da Lastra, xa temos que cumprir ditos requisitos, e os impresos de solicitude puxéronse a disposición de todos a través dos clubes de montaña.

Non esquecer unha copia da solicitude por se hai que amosala.

Solicitude autorización Escalada Canón do Sil

Normativas relativas Ó Canón do Sil:

Normativa relativa á Rede Natura:

DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación

os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia

Sobre a “transparencia” da Federación Galega de Montañismo

Parece que foi onte, pero xa pasaron uns 5 anos desque lle reclamara á FGM unha maior transparencia e información das súa actividades e funcionamento; indicáralles daquela unha serie de suxerencias e eivas que deberían subsanar, e que estimaba que mellorarían as relacións coas persoas federadas, así como o propio funcionamento da Federación; nada extraordinario, senón máis ben peticións que se corresponden coa actual demanda social de máis democracia, máis transparencia, máis eficicacia e eficiencia na xestión dos intereses e recursos públicos, e menos impunidade coa corrupción.

mocioncensuraLamentablemente, apenas nada se fixo dende entón por parte da FGM, que continúa a ser unha institución opaca, inoperante e de prácticas caciquís e represivas como se exemplifica con toda plenitude no caso do intento de expulsión dun membro da EGAM (precisamente o candidato que se presentou como alternativa nas pasadas eleccións á FGM do ano 2014), saltándose a independenza dese órgano e causando un conflicto que aínda se mantén e non ten visos de solución, o que levou a que os cursos de montañismo, escalada e alpinismo previstos para este ano non se convocasen dende o mes de xullo. Iso si, na web da FGM, nin unha sóa nota informativa ou explicativa… Os federados e federadas a enterarse polo boca a boca, non vaia ser que se se fai público o conflicto a xente empece a preguntarse se ese é o proceder que se corresponde cunha institución federativa sufragada co erario público…

O exemplo ven moi acaído por mor da recén aprobada Lei de transparencia e bo goberno de Galicia (aínda que en Galicia xa tiñamos dende o 2006 unha lei semellante, a entrada en vigor este ano da lei estatal provocou a adaptación da lexislación galega á mesma) que pretende establecer mecanismos de rendición de contas que garantan a protección da cidadanía fronte a eventuais arbitrariedades do poder.

Entre os obxectivos desta lei están a democratización das administracións -e por extensión, dos organismos, dependentes ou sufragadas por estas-, obrigando ós/ás responsables a informar á cidadanía, da súa acción de goberno; o que supón o punto de partida básico para atacar un dos piares que sustentan a corrupción política e administrativa que dende sempre vimos sufrindo, aínda que nos últimos anos é mais percibida pola xente en xeral.

E todo isto ven a conto de que a finais de setembro chamoume a atención, entre o galimatías da web da FGM, a aparición dunha nova icona que co epígrafe de “TRANSPARENCIA” enlaza cunha nova sección destinada ó cumprimento da anteriormente referida Lei de Transparencia, e que, polo de agora, permite alomenos consulta-los estatutos desta, teoricamente, nosa Federación.

Así é que non é que tardasen 5 anos en escanea-lo Estatutos da FGM para a súa publicación na web, dando satisfacción a unha demanda básica dun membro desta Federación, senón que agora fanno porque a Lei que proximamente entrará en vigor, obríga á FGM a facelos accesibles a todo o mundo. A aparición desta informacion non responde pois a un sinceiro desexo de mellora-lo funcionamento da Federación, cumprindo co seu deber de acceso á información pública e coas regras da boa gobernanza, senón ó simple cumprimento dunha obriga legal.

Extracto do preámbulo da Lei do Estado español 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno:

A transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os piares de calquera acción política. Só cando as accións dos funcionarios públicos son sometidos ao escrutinio, cando os cidadáns poden entender como as decisións son tomadas que afectan-los, como os fondos públicos ou baixo acto que criterios son tratadas as nosas institucións poden discutir o inicio dun proceso no que as autoridades están empezando a responder a unha sociedade que é crítico, esixente e esixindo a participación de autoridades públicas […] permitindo […] un mellor control da vida pública contribúe á necesaria rexeneración democrática, eficiencia e efectividade do Estado promove e anima o crecemento económico.

Nota: vale a pena tamén pararse a le-la acta da asamblea xeral de abril deste ano 2015, que aínda agora acaban de publicar (véxoo o 28 de outubro, e a primeiros de mes aínda non estaba) neste novo apartado de “transparencia”, para ver se nas vindeiras actas, se teñen en conta as peticións dos/as membros desa asamblea ou se ignoran, como veñen facendo coas que presentan os/as federados/as “non coleguillas”.

Categorías:Denuncia

Os parafusos de xeo KLAU de e-climb e as puntas intercambiables que non hai Cristo que as cambie… :-(

2015 Febreiro 17 Deixar un comentario

Parafuso de punta intercambiable KLAU de e-climb Na súa páxina web, e-climb, presume de que “Los tornillos de hielo KLAU de e-climb.com son los más ligeros del mercado y los únicos con la punta intercambiable”. Con semellantes dous argumentos é natural que un se decida a probalos, así que xa fai 6 anos desque merquei un pack composto por media ducia parafusos de xeo e un xogo de 4 puntas extra.

Cos parafusos habituais o normal é que estes desbótense cando as puntas se estragan, así que se se ten a posibilidade de substituí-la punta danada por outra, é evidente que prolongaríamo-la vida deses parafusos co conseguinte aforro.

Pois ben, chegou o día no que dous dos meus parafusos necesitaron dun cambio de punta, así que tentei segui-las indicacións da web do fabricante, no seu apartado “¿Cómo puedo cambiar la punta?”. Aló, as instrucións escomenzaban resaltando o fácil que resultaría o mencionado cambio, así que dispúxenme para a tarefa coa tranquilidade de quen non terá dificultades.

Reproduzo de seguido o extracto correspondente ás citadas instrucións de e-climb:
¿Cómo puedo cambiar la punta?
Muy fácil, la palanca de todos los tornillos de hielo, lleva un encaje que actúa de destornillador. Sujeta firmemente el tornillo dañado en una mano y con la otra, presionando hacia el interior del tubo para evitar que se escape, gira con un golpe seco de forma contraria al reloj. Al colocar la punta nueva debes apretarla con un par mínimo de 10Nm (Unos 10kg de fuerza si lo haces con otro tornillo)“.

Panca dun parafuxo de xeo colocado no encaixe para actúar de desaparafusador

Nunha primeira tentativa xa me quedou claro que de fácil… nada! Unha vez colocada a panca dun parafuso nos encaixes do outro, mantela na posición axeitada namentres se exerce a forza necesaria resultaba imposible. Así e todo chamei ó meu veciño que co seu metro noventa se cadra sería quen de intimidar a ese pequeno parafuso e afrouxa-la súa punta, ben por forza bruta, ben por medo…; pero nin por esas… probamos logo entre os dous: un aguantando o parafuso e o outro facendo panca a dúas mans, e incluso protexémonos con panos para suxeitar de forma máis rexa, pero non houbo xeito, así que logo de que o meu veciño apañase un bo corte nunha das nosas tentativas, tivemos que rendernos ante a evidencia de que co método proposto por e-climb non chegaríamos a ningún lado (así que a iso non se lle pode chamar publicidade responsable…).

Fíxosenos evidente pois, porqué no vídeo demostrativo da operación de afrouxamento e apertado das puntas, se presentaban unha pavera animación en vez dunha gravación práctica -aínda que fose “preparada”- de ditas accións. ¡Esas puntas non as afrouxa nin Cristo!

(mira-lo vídeo a partir do segundo 66)

Desesperado, decidín dar por perdido un parafuso e probar a fixalo mediante un sarxento para así poder utilizar ambas mans na aplicación da forza, pero o encaixe na muesca do parafuso resultaba tan feble ó utilizar un segundo parafuso como panca, que unha e outra vez escapabáseme e danaba as puntas das súas beiras e as miñas propias mans.
Optei entón por buscar unha platina metálica dunhas dimensións e resistencia axeitadas para utilizalo como panca namentres mantiña o parafuso fixado cun sarxento, e así foi como ó fin conseguín quita-la punta danada; sen embargo, para aperta-la nova punta, dado que tiña que utiliza-los mesmos instrumentos (sarxento e platina), o encaixe non era o axeitado e así, pese ó coidado co que o fixen, varias veces escapóuseme a muesca da platina e foime imposible non dana-las puntas interiores próximas.
En definitiva, o sistema non resulta, en absoluto moi fácil -como presumían os de e-climb-, e dana-la nova punta durante o proceso resulta practicamente inevitable, así que teño claro que as puntas intercambiables dos parafusos KLAU de e-climb non son unha boa alternativa.
Por último, só sinalarei que envieilles un correo ós fabricantes destes parafusos para contarlles as miñas dificultades e pedíndolles unha explicación, suxerencia ou vídeo demostrativo que aclarase mellor como realiza-la substitución das puntas; pero a día de hoxe non recibín resposta. Supoño que a clientela esixente non lles interesa…

 

Categorías:Denuncia, Escalada en xeo