Arquivo

Posts Tagged ‘Como chegar / localización’

Nova guía de escalada de Galicia: ROCHA NAI

Non era sen tempo… pero aquí está, por fin, a nova guía de escalada de Galicia que tras 5 anos de traballo saiu do prelo.

Portada do volume 1 de Rocha Nai. Guía de Escalada de Galicia

Disque xa pasaron vintetrés anos dende a publicación da “Galicia Vertical” de Miguel Seoane e Javier Carreras, a gran obra que foi a referencia da escalada en Galicia durante todo este tempo.

Pero a aparición de novas escolas, sectores e vías por toda Galicia, facían necesaria esta nova publicación, que desta volta ven repartida en 2 volumes que se venden xuntos: Norte (A Coruña e Lugo) e Sur (Ourense e Pontevedra).

Contabiliza 42 áreas de escalada e 2.800 vías entre deportiva e autoprotección, xunto coa información necesaria para a súa localización e outros datos de interese; pódese adquirir na web:

https://rochanai.wordpress.com/

Parabéns os autores e colaboracións pola edición desta necesaria guía de escalada, e tamén para a comunidade escaladora que de seguro vai a descubrir numerosas novedades coas que ampliar as posibilidades de escalar na nosa terra.

El Chorro, Málaga (Andalucía), do 28 de decembro de 2019 ó 5 de xaneiro de 2020

El Chorro, Málaga.

Fotos de escalada deportiva El Chorro, Málaga(Andalucía), do 28 de decembro de 2019 ó 5 de xaneiro de 2020. Xa pasaron 8 anos desque estiveramos por primeira vez en El Chorro, lugar de moita sona na escalada deportiva; seica hai máis de 2.000 vías aínda que nas guías non se recollen cáseque a metade delas por estar en sectores que non se queren masificar… Desta volta fomos David, Inma, Rafa, Fati, Lois, Beni e eu, e posteriormente achegáronse tamén Miguel “Seo”, Patri e as súas 2 pícaras, Lara e Carolina.

Como desque prepararon o “Caminito del Rey” para o turismo, a zona pasou de ser de cáseque exclusividade para o colectivo escalador a convertirse nun visitadísimo lugar ó que acuden multitudes durante practicamente todo o ano, tivemos dificultades para aloxarnos perto do propio El Chorro; os/as que buscaron con máis anticipación alugaron unha casa na localidade de Bermejo, e os que decidimos tirar para o Sur a última hora fomos a monta-la nosa tenda no camping de Parque Ardales; en ambos casos, aínda que en direccións opostas, estabamos a uns 10 minutos en coche da ponte sobre o encoro de El Chorro, así que tampouco resultou un problema a distancia.

Para aloxarse no propio El Chorro, na Finca La Campana dispoñen dun pequeno refuxio e varias casas: http://www.fincalacampana.com/es/refugio.html; e unha noite enterámonos que no bar restaurante “La Ermita” ofrecían aloxamento en habitacións por 15€ a noite, aínda que non aparece anunciado por ningún sitio (Finca de la Ermita, Carretera del Chorro s/n, Málaga. Tlf. 615 014 391. laermitadelchorro@gmail.com).

En canto ás comidas, ceamos ben nese bar restaurante “La Ermita” que facía unha rica comida casera. Tamén estaba moi boa a comida do Mesón Carrión, en Bermejo (Álora, Málaga), que só traballa as fins de semana.

En El Chorro, hai unha estación de tren (cun par de paradas ó día), un complexo turístico con hotel e apartamentos, un bar, un par de tendas de alimentación e produtos varios e unha tenda con material de escalada (nela pódese mercar tamén unha guía da escola).

Bastante preto atópase o Torcal de Antequera, unha zona de espectacular paisaxe con máis de 200 vías, á que tamén un día se achegaron varias de nós.

Sectores de escalada de El Chorro, Málaga. Fonte: https://27crags.com/crags/frontales/toposPara escalar, hai tantos sectores en El Chorro que costa decidirse por onde escomezar, así que o primeiro día decantámonos polo Sector Suízo e as Frontales Bajas, nos que non aproveitamos moitos, se cadra porque tiñamos que afacernos ó sitio… Logo pasamos a un dos sectores máis visitados polo seu próximo achegamento e variedade de graos. Pero as mellores vías que fixemos foron, sen dúbida, as dos sectores Escalera Árabe (Sergio) e Escalera Árabe (Upper Crag): recomendabilísimos sectores!

Croquis:

 

Vista aérea de El Chorro, Málaga.Fonte: http://www.fincalacampana.com/es/donde-estamos.html

 

Fotos de escalada deportiva Desplomilandia, Málaga(Andalucía)Desplomilandia

No concello de Ardales, moi preto de El Chorro, atópase esta escola á que, dado o seu nome, eu non tería nin mirado para ela, pero que resultou unha inesperada sorpresa que descubrimos buscando sombra.

Desplomilandia está xusto enfronte do encoro de Guadalhorce e resulta outra excelente zona de escalada; Rafa e eu pasamos un fresco día no sector La Vida Misma que ten unhas boísimas vías.

Croquis:

 

Fotos de escalada deportiva en Cañete La Real, Málaga(Andalucía).Cañete La Real

A través de Seo coñecemo-la existencia desta nova escola da que non hai todavía croquis actualizados, xa que nos que se atopan faltan moitas das novas vías abertas.

O acceso fixémola por unha estreita pista e aparcamos nunha finca de olivos porque así nolo indicou un paisano, aínda que non teño claro se non sería unha invasión de propiedade privada 😉 No meu descargo, podo dicir que non fun o único xa que despois nosa aínda chegaron e aparcaron os que nos guiaron polo lugar, e fixérono no mesmo sitio. Pasamo-lo día no sector da Cueva de los Aviones, na zona do Padrastro.

Croquis (algo vellos):

 

Fotos de escalada deportiva en Turón, Málaga(Andalucía).Turón

Outra zona próxima a Ardales, con estupendas vías é Turón. Neste caso é unha escola relativamente pequena xa que só conta con 3 sectores, dos que nós visitamo-lo chamado Tajos de la Laja. Boas vías cunha curiosa vexetación que dificulta achegarse a algún tramo da base das vías.

Croquis:

 

Circular a Peña Ubiña pola senda das Merinas. 7 de decembro de 2019.

2019 Decembro 7 Deixar un comentario

Fotos da circular a Ubiña pola Senda Merina Ó seguinte día das nosas respectivas ascensións (Manu e Aviño subiran ó Ubiña Pequeño, namentres que Beni e eu subiramos ó Ubiña Grande), xuntámonos para facer unha circular que nos levase dende Torrebarrio ata a vertente asturiana e volta polos Fontanes, aínda que finalmente só completamo-lo percorrido os tres “machos omega” 😉 .

No percorrido non topamos neve transformada en cáseque todo o percorrido, pero tampouco resultou moi profunda onde se puña máis branda, e só nalgún pequeno tramo estaba tan dura como para obrigarnos a picar duro; neve variable, pero pola que, en definitiva, progresábase bastante ben.

Senda merina. Fonte: http://www.elmaquis.net/actividaes/cordilleracantabrica/ubinastur.pdfEn canto á climatoloxía, o día estivo en xeral cuberto, neboento ás veces, e con algo de vento ata pasa-lo alto de Terreros. Logo, pola Senda Merina o vento xa non nos molestou namentres atravesamos toda a vertente Norte do Ubiña Grande, e incluso o día tivemos algunhas raiolas de sol no ascenso pola Canal del Buey tras cruza-la Cresta de los Portillines pola Pasada del Siete. Eses intres de sol animáronnos a subir ó Fontán Norte, onde xa a nubosidade, o vento e o frío dedidíronnos a non continuar ata o Prau senón descender pola Horcada del Fontán cara ós Llanos del Fontán, dende o que xa só nos restou pasar por Chandanai camiño de Torrebarrio, para completa-los -calculo que ó redor dos- 14 Km de percorrido.

Enlaces con algunha información en:

Corredor del Pilar, cara Sur Oeste do Peña Ubiña. 6 de decembro de 2019.

2019 Decembro 6 1 comentario

Fotos do Corredor del Pilar, na cara Sur Oeste do Peña Ubiña.Ultimamente andabamos tan metidos coa escalada deportiva que non fixemos cáseque nada de clásica e aínda menos de alpinismo, así que na ponte da Constitución vendo que parecía haber algo de neve por Ubiña, Beni e eu fomos a dar unha volta para polo menos desferruxa-los crampóns.

Chegamos ó refuxio da FGM en Torrebarrio pola noite, con tempo xusto para durmi-lo necesario e non sufrir co madrugón. Así que ó redor das 6 ou 6:30 h da madrugada saímos dos sacos ó frescor da noite para subir ata Chandanai e dende aló xa decidir cara onde tirar en función das condicións. Dende este punto hai que decidir se ir cara ós Llanos del Fontán, ou cara o Collado del Ronzón; eu tiña en mente ver como estaría a Vía del Espolón Oeste ou cheirar algún corredor da cara Sur Oeste, ou ir empatando palas de neve ó chou… Cando chegamos á base do Pilar Sur o verglas cubría as rochas da canal de inicio, así que tiramos cara á dereita e metémonos nunhas primeiras pendentes con algo de neve, pero con algunhas calvas que obrigaban a pasar por algúns tramos delicados de rocha e herba.

 Ruta do Corredor del Pilar. Fonte: http://www.pirineos3000.com/fotos/ascensiones/800x600/16225_2.jpgNon estaba seguro de en que corredor nos adentrabamos, pero namentres se deixara facer… 😀

Ó caso é que tras ese inicio en mixto, logo sempre atopamos unha boa capa de neve en bo estado para progresar salvo en 2 estreitamentos nos que a neve xa se ía derretendo para deixar aflorar sendos resaltes de rocha. No primeiro tivemos que superar un resalte de rocha mal tapizado de neve, e o seguinte era unha rimaia formada polo derretemento e inconsistencia da neve.

Atopamos algo de rastro de pegadas no último terzo do corredor, aínda que no remate, nós saímos polo lado dereito en vez de polo estreitamento do lado esquerdo do corredor. Na sección final topámonos cun pequeno tramo de neve moi dura, na que xa non podiamos facer chanzos a patadas como no resto da ruta, pero logo volveu a mellorar, ata rematar nun gendarme no que rapelamos uns 10 m para xa continuar pola aresta ata o cume do Ubiña Grande. Ollo que aínda nos leva unha hora subir ó cume, e outra máis para baixarnos polo Canalón Sur ata senda que ven do Collado del Ronzón.

Corredor del Pilar (III/2+,50-55º, 350 m).

Corredor del Pilar. Fonte: http://www.elmaquis.net/escaladas/webesinvernales/ubina-pilar.htmlDificultade: III/2+, 50-55º

Lonxitude: 350 m. (outros 250 m. ata o cume)

Material: casco, crampóns, piolets técnicos, 1 corda de 60 m., 3 ou 4 cravos, 2-3 parafusos de xeo, un áncora de neve, xogo de fisureiros e xogo de friends pequenos.

Cordada: Beni e Ricardo.

Aproximación: dende Torrebarrio ata a base da vía por Chadanai, leva unha hora e media aproximadamente.

Descenso: polo Canalón Sur.

Apertura e 1ª Ascensión: Isidoro Rodríguez, Adelo Campos e alumnos dun curso de técnica invernal da ECLAM, o 6 de marzo de 1994.

Enlaces con algunha información en:

Escalada deportiva en Entrago, Teberga (Asturies), 24 e 25 de agosto de 2019.

Fotos de Entrago, Teberga (Asturies), 24 e 25 de agosto de 2019. Para facer menos duro o regreso dende Nafarroa, decidimos saires de mañá con destino a Teberga para escalar un pouco esa tarde e a mañá seguinte, e así remata-la viaxe o domingo pola tarde.

Así, cando chegamos pola tarde xa fomos directo ó sector Bóvedas, e á mañá seguinte so puidemos escalar un rato na Explanada, xa que de contado empezou a choviscar.

Para durmir aproveitamos en Entrago a área recreativa La Pumariega, que conta cun aparcadoiro e área de autocaravanas, que atopamos totalmente cheo xunto ó prado no que se permite a montaxe de tendas de campaña. Un ambiente de escalada contaxioso no que atopámonos con Jonsi, que nos dixo que chegara aló para botar 4 días escalando e xa levaba un mes…

Ó carón está a vila de San Martín de Teberga que conta con todo tipo de servizos: o albergue de San Martín de Teberga, aloxamentos, tendas, restaurantes, caixeiros, farmacia, gasolineira…

A área recreativa La Pumariega, en Entrago, conta con auga potable, baño con ducha (a fría e de balde, e a quente ten un mecanismo de pago con moedas), fregadoiro, sistema de baleirado de augas grises e negras, mesas, bancos e alumeado público. Asemade, no contorno da área hai servizos de panadería, bar e restaurante. O Grupo de montaña y escalada Aguja de Sobia, ten un local social na mesma área recreativa.

Ceamos estupendamente no restaurante La Chabola, en La Plaza, no extremo oposto de San Martín de Teberga, xa fóra da vila.

Ós sectores de escalada de Entrago accédese dende o comezo da propia Senda del Oso, xunto á area de aparcamento, e atópanse principalmente na entrada do desfiladeiro de Valdecereizales. Xunto ó sector Explanada hai unhas mesas e unha fonte ó carón do río.

Guías con croquis de Entrago:

Algún artigo con información interesante de vías a escalar:

 

O tempo en Teberga:

http://www.aemet.es/gl/eltiempo/prediccion/municipios/teverga-plaza-la-id33072