Arquivo

Archive for the ‘Escalada en xeo’ Category

Fervenzas de xeo no val de Cuadro, Trevinca, perto de La Baña (León), 12 de febreiro de 2018.

2018 Febreiro 12 Deixar un comentario

Fotos das fervenzas de xeo de Trevinca, non val de Cuadro, dende La Baña (León), 11 de febreiro de 2018.Por fin un ano no que a neve caeu a esgalla e o frío mantíñase sen intención de abandonarnos, así que cando chegaron as vacacións do Entroido, pensabamos saír da nosa terriña meiga cara a Gavarnie, a escalar nese esquivo xeo que tanto nos custa atopar.

Sen embargo, o problema resultou que parecía haber demasiada neve para as aproximacións, e dificultades incluso nas estradas, así que… abortamo-la viaxe e empezamos a rillar nas unllas vendo previsións meteorolóxicas e os datos que por Internet compartían outras escaladoras sobre as condicións que se atopaban.

Así as cousas, renunciaramos xa a marchar á busca de xeo cando decidimos darnos unha volta ata as fervenzas de Truchillas, sen moitas esperanzas, pero polo menos para poder estira-las pernas. O caso é que cando chegamos a O Barco, a temperatura debía de ronda-los -3ºC, así que logo de toma-lo obrigado bocadillo de inicio de xornada no madrugador Bar Bambú (recomendabilísimos bocatas!), tomamo-la estrada para ascender cara ó porto de Fonte da Cova, aínda que a neve non aparecía ata ben altos, a temperatura ía caendo progresivamente, chegando incluso ós -8ºC nalgún intre.

Fervenzas do val de Cuadro (La Baña, Zamora).Naturalmente, namentres descendiamos do porto, paramos nun punto da estrada dende onde se albiscan -moi de lonxe- as fervenzas do Valle de Cuadro (ás que comunmente chamamos as fervenzas da Baña) e para a nosa sorpresa parecían estar bastante nitidamente visibles, así que… postos a dar un pateo… decidimos probar sorte con estas.

A temperatura na Baña tamén era moi fría, e ata a entrada do val non había neve; de feito, realmente non se acumulaba ata xusto a altura das fervenzas, polo que a visión do val sen apenas neve contrastaba coa das fervenzas, na súa maioría, perfectamente formadas, para a nosa sorpresa:

  • A Pídenos Permiso, Xelo’s Fiestra e Terminator, estaban formadas e escalables; a Fervenza Free non tiña a columna da base gorda de abondo; e a “sen nome”, entre Xelo’s Fiestra e Fervenza Free, tiña un xeo más húmido, aínda que tal vez tamén se podería escalar.
  • A Divine coido que non estaba formada, pero non estou seguro, porque nin mirei para arriba :-).
  • E a Orgasmo Senil, que parece que ninguén sabe exactamente onde está, pode que estivese formada, porque pola zona onde teño entendido que debera de andar, vin unha boa cuberta de xeo que intúo debe de tratarse da devandita fervenza.

As temperaturas no circo durante todo o día oscilaron entre os 0ºC e os -4ºC, e non fixo nin pizca de aire, así que as condicións eran ideais para escalar en xeo.

Manu decidiuse pola Xelo’s Fiestra e aínda que segundo el o xeo era bo, a min o ruído de cristais rotos ó golpea-la e, sobre todo, observar como ó espeta-los piolets, ou incluso ó quitar algún dos parafusos, o xeo quebraba interiormente producindo esas especies de estouridos que crean “bolsas de aire” superficiais advertindo que ese xeo vai rebentar… uffff… o xeo non é bo para o meu corazón, eh 😉

Ó final, pese a que non contabamos, aínda rascamos algo hehehehe….

 

Croquis:

 

Os parafusos de xeo KLAU de e-climb e as puntas intercambiables que non hai Cristo que as cambie… :-(

2015 Febreiro 17 Deixar un comentario

Parafuso de punta intercambiable KLAU de e-climb Na súa páxina web, e-climb, presume de que “Los tornillos de hielo KLAU de e-climb.com son los más ligeros del mercado y los únicos con la punta intercambiable”. Con semellantes dous argumentos é natural que un se decida a probalos, así que xa fai 6 anos desque merquei un pack composto por media ducia parafusos de xeo e un xogo de 4 puntas extra.

Cos parafusos habituais o normal é que estes desbótense cando as puntas se estragan, así que se se ten a posibilidade de substituí-la punta danada por outra, é evidente que prolongaríamo-la vida deses parafusos co conseguinte aforro.

Pois ben, chegou o día no que dous dos meus parafusos necesitaron dun cambio de punta, así que tentei segui-las indicacións da web do fabricante, no seu apartado “¿Cómo puedo cambiar la punta?”. Aló, as instrucións escomenzaban resaltando o fácil que resultaría o mencionado cambio, así que dispúxenme para a tarefa coa tranquilidade de quen non terá dificultades.

Reproduzo de seguido o extracto correspondente ás citadas instrucións de e-climb:
¿Cómo puedo cambiar la punta?
Muy fácil, la palanca de todos los tornillos de hielo, lleva un encaje que actúa de destornillador. Sujeta firmemente el tornillo dañado en una mano y con la otra, presionando hacia el interior del tubo para evitar que se escape, gira con un golpe seco de forma contraria al reloj. Al colocar la punta nueva debes apretarla con un par mínimo de 10Nm (Unos 10kg de fuerza si lo haces con otro tornillo)“.

Panca dun parafuxo de xeo colocado no encaixe para actúar de desaparafusador

Nunha primeira tentativa xa me quedou claro que de fácil… nada! Unha vez colocada a panca dun parafuso nos encaixes do outro, mantela na posición axeitada namentres se exerce a forza necesaria resultaba imposible. Así e todo chamei ó meu veciño que co seu metro noventa se cadra sería quen de intimidar a ese pequeno parafuso e afrouxa-la súa punta, ben por forza bruta, ben por medo…; pero nin por esas… probamos logo entre os dous: un aguantando o parafuso e o outro facendo panca a dúas mans, e incluso protexémonos con panos para suxeitar de forma máis rexa, pero non houbo xeito, así que logo de que o meu veciño apañase un bo corte nunha das nosas tentativas, tivemos que rendernos ante a evidencia de que co método proposto por e-climb non chegaríamos a ningún lado (así que a iso non se lle pode chamar publicidade responsable…).

Fíxosenos evidente pois, porqué no vídeo demostrativo da operación de afrouxamento e apertado das puntas, se presentaban unha pavera animación en vez dunha gravación práctica -aínda que fose “preparada”- de ditas accións. ¡Esas puntas non as afrouxa nin Cristo!

(mira-lo vídeo a partir do segundo 66)

Desesperado, decidín dar por perdido un parafuso e probar a fixalo mediante un sarxento para así poder utilizar ambas mans na aplicación da forza, pero o encaixe na muesca do parafuso resultaba tan feble ó utilizar un segundo parafuso como panca, que unha e outra vez escapabáseme e danaba as puntas das súas beiras e as miñas propias mans.
Optei entón por buscar unha platina metálica dunhas dimensións e resistencia axeitadas para utilizalo como panca namentres mantiña o parafuso fixado cun sarxento, e así foi como ó fin conseguín quita-la punta danada; sen embargo, para aperta-la nova punta, dado que tiña que utiliza-los mesmos instrumentos (sarxento e platina), o encaixe non era o axeitado e así, pese ó coidado co que o fixen, varias veces escapóuseme a muesca da platina e foime imposible non dana-las puntas interiores próximas.
En definitiva, o sistema non resulta, en absoluto moi fácil -como presumían os de e-climb-, e dana-la nova punta durante o proceso resulta practicamente inevitable, así que teño claro que as puntas intercambiables dos parafusos KLAU de e-climb non son unha boa alternativa.
Por último, só sinalarei que envieilles un correo ós fabricantes destes parafusos para contarlles as miñas dificultades e pedíndolles unha explicación, suxerencia ou vídeo demostrativo que aclarase mellor como realiza-la substitución das puntas; pero a día de hoxe non recibín resposta. Supoño que a clientela esixente non lles interesa…

 

Categorías:Denuncia, Escalada en xeo

Fervenzas de xeo de La Maliciosa (León), 2 de marzo de 2013.

Fotos das Fervenzas de xeo de La Maliciosa (León), 2 de marzo de 2013.Coa caída de temperaturas desta semana, era seguro que as fervenzas de La Baña estarían ben formadas, pero dado que isto mesmo xa o sabería todo o mundo, Manu propuxo evitar aglomeracións índonos ás de Truchillas. Desta volta apuntámonos con Manu, Ángel, Lucas, Aviñoá e eu.

Rutas ás fervenzas de xeo do Doladeiro, no circo Norte do Vizcodillo (Cabrera Baja, León). Fonte: http://ambientologosleon.blogspot.com.es/2012/02/truchillas-lago-de-truchillas-pico.htmlPero ó chegar á base das fervenzas atopámonos con que o xeo resultaba escaso e a auga abondosa. 😦 Sen embargo, tiñamos unha alternativa xa que todavía facía só un par de semanas que estiveramos explorando a vertente Norte do Vizcodillo, na que atoparamos un par de zonas nas que tamén se formaban pequenas fervenzas de xeo que, dada a súa orientación, tiñan máis posibilidades de estar en boas condicións para a súa escalada. Atravesamo-lo lago con certa desconfianza porque non nos parecía que a súa superficie xeada estivese todo o sólida que quixeramos, e seguimos campo a través por entre os arbustos, pedras e neve ata que unha hora máis tarde, chegamos á ladeira por riba da Laguna Doladeiro. Por ahí baixamos enterrándonos na neve ata as fervenzas, entre as que só un resalte duns 6 m. resultaba escalable dado que os outros estaban practicamente cubertos pola neve.

Aí pasamo-lo resto da xornada, subindo todos un par de liñas -uns con bastante máis esforzo que outros 😉 – e botando unhas risas. A xornada foi para min bastante produtiva, posto que serviume -ademáis de para descubrir que un pode caerse deixando perfectamente colocados no xeo ¡¡as luvas e piolets con dragoneiras e todo!! 😀 -; para decatarme de que o xeito de golpear cun piolet ou outro cambia moito se se quere que sexa efectivo. Así, apañábame moitísimo mellor cos meus vellos Lucky Excalibur que cos Petzl Charlet Moser que viña usando ultimamente. O bo de andar deixando “a ferramenta” na parede foi que logo tiven que probar cun piolet de cada tipo e decateime do diferente ángulo de golpeo de cada un deles. Tomei nota para a seguinte…

Nesta ocasión, os nomes cos que especulamos como bautiza-las vías no caso de que non fosen escaladas anteriormente foron o de Duque EnPalmaDo -dado que non o “gastamos” na anterior exploración- e o de Despido Diferido -e seguiremos acumulando alternativas para cando chegue o día que o necesitemos de verdade…-

Por certo, que ninguén se dea unha viaxe en balde… xa recuperamo-lo meu material 😀 😀 😀

Fervenzas de xeo de Truchillas e de El Doladeiro (León), 16 de febreiro de 2013.

2013 Febreiro 18 Deixar un comentario

Fotos das fervenzas de xeo de Truchillas e de El Doladeiro (León), 16 de febreiro de 2013.As temperaturas máximas durante a semana foran bastante altas, para o que precisa a formación do xeo, así que as posibilidades de que estivesen montadas as fervenzas de Trevinca -nas que estiveramos facía un par de semanas- ou as de Truchillas, erán moi remotas. Sen embargo, Manu propuña darse unha volta ata Truchillas -por iso de variar…-, así que Beni e máis eu apuntámonos ó carro.

Cando ó mencer iniciamo-lo camiño dende o aparcadoiro, observamos que parecían verse unhas fervenzas de xeo nun circo orientado ó Norte, que logo comprobamos que estaba situado no pico El Doladeiro, por riba da Laguna Doladeiro, así que pensamos que de non poder escalar nas de Truchillas, poderíamos facer unha exploración por ese lado a ver se atopabamos algo interesante. De feito, a Manu lle falaran de que pola cara Norte do Vizcodillo tamén se formaba algunha fervenza de xeo, así que dada a orientación das que víamos, podían referirse a estas.

Rutas ás fervenzas de xeo do Doladeiro, no circo Norte do Vizcodillo (Cabrera Baja, León). Fonte: http://ambientologosleon.blogspot.com.es/2012/02/truchillas-lago-de-truchillas-pico.htmlUnha hora e media despois, xa no circo da Laguna de Truchillas constatamos, tal como temíamos, que as fervenzas non eran aptas para escalar, e como a auga corría abondosamente por elas. Bordeamos pois a lagoa polo Este e ascendimos en dirección Norte polo monte á busca do circo que viramos dende o aparcadoiro. Unha hora máis tarde atopámonos por riba dunha segunda preciosa lagoa, Laguna Malicioso, á carón da que tamén se formaban unhas pequenas e algo tumbadas fervenzas de xeo que xa tiñan mellor aspecto que as de Truchillas. Sen embargo dada a súa ubicación estas non podían ser as que buscabamos, así que deixamo-la lagoa de lado e seguimos uns minutos máis ata atoparnos cun gran circo no que si que podíamos contemplar varias formacións de xeo (duns 10 m. de media de altura) repartidas por varios escalóns, descendendo ata á Laguna Doladeiro -que non vimos, pero que posteriormente serviunos para situar no mapa o lugar no que nos atopabamos-.

Dende o cordal no que nos atopabamos, vimos que nun nivel superior había algunhas fervenzas formadas, pero un escalón máis abaixo as que había tiñan mellor aspecto, así que achegámonos ata a parte central do circo e baixamos ata ese segundo nivel. Probablemente -tendo en conta o que se vía dende o aparcadoiro, algo máis abaixo tamén houbese un terceiro nivel cunha fervenza que, de estar formada, pode ser máis longa, pero moito máis tumbada.

Rutas ás fervenzas de xeo do Lago de Truchillas e do Arroyo Doladeiro Fonte: http://cmb.forogratis.es/cascadas-de-doladeiro-t301.htmlFervenzas de xeo de Doladeiro. Fonte: http://damegravedad.blogspot.com.es/2013/02/cascadas-de-truchillas-y-del-doladeiro.htmlLogo de examina-lo seu estado, Manu decidiuse pola máis “gorda” e “tesa” do segundo nivel, aínda que víase que corría bastante auga entre esta e a rocha. O certo é que as temperaturas eran altas -coido que por riba dos 10º-, pero non tiña mala pinta. E aínda que non tivemos ningún percance, houbo un derrumbamento dunha formación de xeo ó noso carón que nos deu un bo susto – cando Manu estaba montando a reunión, unha vez escalada a fervenza, e eu agardaba aínda abaixo para segui-lo-, xa que os grandes bloques de xeo caeron moi perto nosa e non nos escoitabamos o un ó outro para saber que non sufriramos dano.

“Tomamos nota” do aviso e saímos pitando daló non fose que se nos agotase a sorte… A fin de contas, podíamos estar moi contentos porque, neses intres, a falta de referencias de escaladas nese circo, pensabamos que se cadra ata acababamos de anotarnos unha “primeira do mundo mundial” 😀 😀 😀 (nese caso xa lle escolleramos un nome xeitoso: El Duque EnPalmaDo ;-D ). Sen embargo, como non podía ser doutro xeito, resultou que si que xa era un lugar coñecido e pódese ver unha reseña das fervenzas no foro do Club Deportivo Montañero Benaventano.

A verdade é que, a falta de condicións de xeo en Truchillas, sempre un pódese dar unha volta por estes outros dous circos a buscar algo que “pinchar”, porque dado que están orientados máis ó Norte, sempre terán máis posibilidades de que se formen as súas pequenas fervenzas. O malo é que son moi curtas e algunhas pouco verticais; pero, por outra banda, tamén se lles pode sacar proveito a modo de iniciación ou para practicar.

Máis info en: http://damegravedad.blogspot.com.es/2013/02/cascadas-de-truchillas-y-del-doladeiro.html


Croquis da fervenza do Doladeiro. Fonte: http://cmb.forogratis.es/cascadas-de-doladeiro-t301.htmlPosteriormente atopei información sobre que nalgunhas ocasións excepcionais chega a conformarse unha longa fervenza unindo todos estes niveis, cando se conxela o regato que baixa polo circo Norte do Vizcodillo; puidendo chegarse á súa base por dúas posibles rutas, aínda que seica ningunha delas é cómoda e require de lidiar coa vexetación.

Foto da fervenza do Doladeiro. Fonte: http://cmb.forogratis.es/cascadas-de-doladeiro-t301.htmlA Jesús Fernández Fernández (escalador e montañeiro con infinidade de escaladas en rocha e xeo por todo o mundo, foi presidente do Club Montañero Benaventano), é a quen lle debemos agradecer que publicase no foro http://cmb.forogratis.es/cascadas-de-doladeiro-t301.html a información que de seguido reproduzo, acompañada dun croquis e foto descritivas:
“Torrente Doladeiro, situado en León en la Cabrera Baja, dentro del circo norte del Pico Vizcodillo. Es difícil que se forme entero, solo en periodos de frio intenso, como el actual. Así que si alguien está interesado ahora se encuentra perfecto. Pongo un plano de acceso y un “croquis” de la ruta. Esta ruta sigue los resaltes más verticales pero se puede elegir caminos paralelos de menor dificultad, también existen numerosos escapes. Queda desaconsejado a los escaladores de hielo deportivo, el acceso es para jabalíes, conozco dos entradas una por la izquierda del torrente y otra por la derecha, y no se cual es peor, las he marcado de rojo en el mapa pero desde donde acaban las líneas hasta el pie de vía es terreno de monte bajo, (matorral, brezos), que puede desesperar a más de uno.”

Fervenzas de xeo de Truchillas e de La Baña – Trevinca (León), 11 e 12 de febreiro de 2012.

2012 Febreiro 12 Deixar un comentario

Fotos das fervenzas de xeo de Truchillas e de Trevinca (León), 11 e 12 de febreiro de 2012Ata fai uns días, para escalar en xeo perto de Galicia, só coñecía da existencia das fervenzas de Trevinca, ós pes do Picón, no cordal do Peña Trevinca. Sen embargo resulta que hai outras bastante perto, na Sierra de La Cabrera, tamén en León, no Lago de Truchillas.

Cando me enterei delo busquei algo de información por Internet e pensei en aproveita-las extremadas baixas temperaturas destas dúas semanas para ir un día a Trevinca e outro a Truchillas. Manu, que foi quen soubo delas falando cuns leoneses cos que coincidira o anterior fin de semana escalando nas fervenzas de Trevinca, levoume o sábado ata Truchillas para botarlles unha ollada e o domingo fun con Beni ás outras.

Fervenzas de Truchillas.

Ruta ó Lago de Truchillas. Fonte: http://www.rutasleonesas.com/2010/11/ruta-del-lago-de-truchillas.html

No mapa vese a ruta ata a lagoa de Truchillas, pero tamén pódese ver un pouco ó NE, a ubicación de El Doladeiro.

As fervenzas son duns 50 m., e están xunto á coñecida lagoa (1.700 m.) que está ós pés do Vizcodillo (2.122 m.), e chégase a ela nunhas dúas horas de fácil camiño. A ruta do Lago Truchillas comeza á saída do pobo do mesmo nome, nunha zona habilitada como merendeiro, cun aparcadoiro e unha fonte de pedra. O percorrido comeza nunha pista sinalizada, segue atravesando o río Lago por unha par de pontes de madeira e logo continúa por unha senda en ascenso, na zona coñecida como Costomillón. Por riba do lago está a Laguna de Truchillas, e o Pico Vizcodillo.

A orientación Este das fervenzas e o feito de que non estén protexidas do sol fainas moi delicadas. Tanto é así, que aínda que chegamos antes das 10:30h. da mañá, estivemos esperando cáseque 4 horas a que lles dera algo de sombra para que, alomenos correra menos auga e as estalactitas que pendían sobre as vías “parecesen” máis seguras. Segundo o criterio de Manu, estas fervenzas están en mellores condicións a principios do inverno, cando a forza do sol non as afecte tanto. Neste caso, dado que o sol lles estivo dando dende que saiu, resultaba millor esperar ás últimas horas do día para escala-las, cando o sol xa non incidía directamente nelas e o frío volvía a fortalece-las.

Fervenzas de xeo do lago de Truchillas. Fonte: cmb.forogratis.es/cascada-lago-truchillas-t176.html

A principal debe sé-la número 2 da foto. A liña númeo 3 ten uns 50 metros e é moi vertical. Fórmanse unhas pequenas fervenzas tumbadas á esquerda destas 3 liñas.

As fervenzas de TruchillasFixemo-la liña de máis á dereita, pero sen o último tramo que sae por arriba, xa que non tiña boa pinta. Aproveitamos un par de cravos na parede da esquerda para montar neles a reunión e baixarnos. Logo estivemos un rato practicando no contraforte xeado do extremo esquerdo, antes de regresar a Truchillas a xuntarnos con Mar e Beni.

Para durmir nas proximidades:

  • En Truchas, hai unha señora que aluga algunha habitación da súa casa; preguntar no Bar.
  • En Encinedo, hai un mesón con habitacións.
  • En Quintanilla de Losada, hai un hotel restaurante.

Máis información sobre como chegar:

Fervenzas de La Baña, en Trevinca.

O Domingo Beni e máis eu achegámonos ata o circo glaciar no que están as fervenzas e a Laguna de Lagunallo, onde nace o Arroyo de Cuadro xunto ó que vai a senda que nunhas dúas horas une as fervenzas coa localidade leonesa de La Baña.

Ubicación das fervenzas de xeo de TrevincaHai unha certo lío coa denominación deste circo, xa que en xeral confúndese co circo onde está a Cascada de la Fervienza. De feito, hai unha senda que sae dende La Baña ata esa fervenza, que se pode seguir (na súa variante da dereita, que segue subindo en lugar de baixar cara ó río Cabrera) ata chegar a unha bifurcación, na que hai que abandona-la ruta sinalizada e seguir pola senda da dereita. Máis adiante nunha nova bifurcación, na que xa se vislumbra ó lonxe, o circo ó que nos diriximos, tómase a da esquerda para ir penetrando na parte alta do val das fervenzas.

Logo da camiñata, estivemos practicando un pouco ós pes da Pídenos Permiso, pola que se vía correr bastante auga, antes de regresar de novo a La Baña.

Este circo está casi permanentemente en sombra, o que fai que as temperaturas se manteñan bastante baixas, así que cando as fervenzas se forman, pódense escalar durante practicamente todo o día.

As fervenzas de Trevinca.Aqueles anos que se forman tódalas liñas, hai ata 6 vías no circo:

  • Pídenos Permiso, III-4, 105 m. A máis longa, está situada na parte esquerda do circo.
  • Divine, II-3, 30 m. Curta cascada por riba e á esquerda de Xelo’s Fiestra.
  • Xelo’s Fiestra, III-4+, 90 m. A clásica e máis recomendable.
  • Fervenza Free, III-5, 75 m. Á dereita de Xelo’s Fiestra. No primeiro longo é onde estánn os pasaxes verticais máis mantidos.
  • Terminator 3, IV-4, 85m. Tres longos, pero só os dous primeiros son de xeo: L1: 80/85, 35 m – reunión incómoda, L2: 70/75, 50 m – reunión boa, nun bloque de pedra, L3: dependendo dos anos pode ser máis de matogueiras e neve.
  • Orgasmo Senil, II-4+, 15 m. Na parte inferior dereita do circo.

Máis información: