Verdugo (Castro Caldelas, Pontevedra)

Fotos da escola de escalada do Verdugo (Castro Caldelas, Pontevedra)

Esta pequena escola naceu polo 1996 da man de Anxo Rial, aínda que non se difundiu a súa existencia ata practicamente a publicación no 2020 da guía de escalada de Galicia Rocha Nai. Situado no cauce do río Verdugo, nun lugar insospeitado, permite combina-la escalada deportiva co baño nas moitas pozas que se atopan tanto no seu tramo de acceso, como na base do gran monolito polo que decorren as súas vías.

A súa ubicación xunto ó río garante un ambiente húmido que fai crecer rapidamente a maleza e os liques e brións, polo que ano tras ano é obrigado cepillar novamente as vías, nun traballo no que podemos colaborar usando algún dos cepillos que o seu aperturista deixa ben visibles na base de vías para tentarnos… ;-). Con moita calor o ambiente é bochornoso, así que non é unha boa idea ir en verán pensando que o río nos manterá frescos…, no inverno debe ser moi húmido, así que parece que a mellor época será a primavera e outono.

A escalada é bastante vertical, con algúns teitos e cantos pequenos nas placas.

Para achegarse a esta escola é mellor no facerlle caso a Google Maps (alomenos en xullo de 2022), porque mándate polo medio dunha pista que atravesa a eira dunha casa e por un camiño de terra… A referencia é, indo pola estrada de Pontevedra a Castro Caldelas, toma-lo desvío a man dereita que pon Avecil (xunto á panadaría – cafe bar Toño), e seguir por ela sen desviarse ata o fondo do barranco onde remata a pista na central hidroeléctrica de Feixa: aparcade na beira da pista e tende en conta que hai moita xente que se achega ás pozas, así que procurade estacionar deixando sitio para circular e maniobrar (que hai que dá-la volta!).

Máis información e croquis: